Historias que ninguén cre

obra literaria de Ánxel Fole

Historias que ninguén cre é unha obra narrativa de Ánxel Fole, publicada en 1981 por Edicións Xerais de Galicia[1] e reeditada en 2009 pola Editorial Galaxia.[2]

Historias que ninguén cre
Autor/aÁnxel Fole
OrixeGalicia
LinguaLingua galega
ColecciónBiblioteca Ánxel Fole
Xénero(s)Narrativa
EditorialXerais
Data de pub.1981
Páxinas132
ISBNISBN 978-84-8288-730-2
editar datos en Wikidata ]

Características editar

Segundo o Diccionario da literatura galega o autor compila vinte relatos breves espallados por revistas, publicados independentemente ou redactados para a ocasión e que presentan unha coexión formal menos artellada que os libros anteriores.[3]

 
Seminario de Lugo no que estudou un tempo Ánxel Fole, autor de Historias que ninguén cre.

Non leva introdución de ningunha clase. O volume comeza cun relato, sen máis. Neste libro cómpre salientar unha maior presenza da xeografía urbana ca nos primeiros de Fole. Abundan os temas fantásticos, os parasicolóxicos e os elementos autobiográficos.[4] Abrangue con total naturalidade aqueles fenómenos que hoxe consideramos "paranormais". Baseándose na cultura popular, asimila e reelabora toda unha unha tradición, a narrativa oral, incorporando o seu coñecemento da literatura contemporánea.[5]

A edición de 1981 remata cuns fragmentos de críticas, apoloxías e descricións:

Trama editar

A vengación editar

Na feira do San Martiño de Quiroga o Furelo de Sequeiros come o polbo, logo collerá o que precisa para a cantina e marchará. Fálase do seu carácter, de como fixo cartos co estraperlo e da súa vida amorosa. A súa muller, a señora Encarnación, desapareceu dun día para outro e o seu fillastro, o Raúl, seica marchou para as Américas. Agora ten unha querida, que as vai buscar á vila, e unha rapazota que din que é a súa filla. Ármase unha partida de caza pola zona e van parar a comer na cantina do Furelo. Boa descrición do traballo da caza. Murmúrase que o Furelo matou a muller e a enterrou nalgún monte da zona, que o can ía ladrar ao sitio e por iso o matou tamén dun tiro cando desapareceu a muller. O Furelo marcha durmir e de pronto escóitase na cantina un berro arrepiante e longo: Encarnación, eu te matei e enterrei no monte da xesteira. E o Furelo xa cae morto diante do esqueleto que hai na súa cama, que ten a cadea e a medadlla da Señora Encarnación. E aparece a figura do Raúl. Remata o conto cunha carta escrita en castrapo na que se explica como foi a vinganza do Raúl.

Xantamos no cimo dun monte do que xa non me acordo como se chama:[6] Nesta frase vemos como o narrador dubida dun dato concreto para reforzar a verosimilitude do relatado, coma no conto oral.

“Lobos te coman!" editar

Comeza o relato dirixíndose ao auditorio para aclarar conceptos que darán pé á historia contada (técnica do conto oral): Ben sei que sabedes que, en galego, o lobo, en singular, son os lobos. “Batín co lobo” quer decir que lle saíron a un os lobos ó camiño. Mais eu sentín dicir eisí as falas que tidúan esta historia dos montes do Caurel. [7] Vai botar unha tempada coa tía e madriña Fernanda, viúva, que pasou moitos traballos primeiro co home (andaba tras das rapazas e perdía os cartos na xogueta) e agora cos fillos. Non fan máis ca gastar, cazar e andar de troula. Os fillos non estudaron aínda que consumiron ben diñeiro. A muller non fai máis ca dar queixas. Volven os fillos dunha longa partida de caza pero o máis pequeno, o Pepiño, non chega. Preocúpase a nai e saen buscalo nun coche polo Courel. Darán con el nunha taberna durmindo a bebedela. O pousadeiro cóntalle a historia dunha cruz que ven paseando. Resulta que o Monchiño, de casa boa, namora de Engracia, de casa pobre. Os pais del non os deixan casar mesmo quedando embarazada a rapaza, non hai maneira coa nai. El decide deixar todo e marchar á emigración, a rapaza, xa con meniño, veo marchar e bótalle unha maldición: Covarde, que consintes en ver perdido o teu sangue! Lobos te coman! Anos despois el volveu con cartos decidido a casar coa Engracia. Pero ela xa casara con outro e a noite que el volve cae nun barranco e cómeno os lobos. Disque a Engracia morreu de pena pola maldición e a nai do Moncho arrepentiuse de non o deixar casar. No remate: No fondo do meu corazón eu agradecíalle ao Pepiño que se emborrachara. Senón, eu no podería escoitar tan interesante historia...[8]

Conto de ambiente da montaña do Courel con moita toponimia e mesmo se aventura a etimoloxía dalgún lugar como Goia e se fala do nacemento do Romanticismo.

A pinga de sangue editar

Nota do autor: Non sei si sería millor tiduar ista historia “A carta era pra ve-lo retrato”, ou, outramente, “Un mensaxe do alén”.[9] Moitas veces sentiu de neno contar a historia do home do retrato do pintor Fierros, que morrera nun duelo a espada. A el deulle por pintalo e poñíalle unha pinga de sangue no peito. No ano sesenta recibiu unha misteriosa carta datada en Vigo na que lle comunica onde pode ver o cadro. Está nunha tenda de Ribadeo. Vai alá e a dona tamén recibira unha carta avisando da súa visita. Pero o curioso, di ela, é que a pinga no peito do retrato apareceu misteriosamente había uns días.

A macabra chanza do Grilo editar

O Grilo era un dos máis coñecidos borrachóns de Lugo, remataba as súas sentenzas cun cri, cri, cri, cri. Mesmo lle falou nun enterro ao cadaleito. (conto moi breve)

Os cans da Torre de Lopo editar

Comeza en primeira persoa dirixíndose ao auditorio: E, se vos interesa, direivos que eu son Xocas de Lopo.[10] Xocas de Lopo anda sempre cos sete cans da casa. Un día ve como o Túzaro se bota desde unha árbore sobre a Mariquiña para forzala. El acírralle os cans e o Túzaro volve subir á árbore pero rompe a póla. Os cans bótanse a el que se dá un golpe na cabeza. Os cans ségueno atacando. A moza agradécello ao Xocas. El marcha un tempo da casa e non pode contar nada. Anos despois estudando en Santiago o pai cóntalle que volve de América Mariquiña casada e con tres cativos. Mándalle un bico.

E decímolo ou non o decimos editar

Sobre este conto fíxose unha curtametraxe co mesmo título: ¿E decímolo ou non decimos?. Di que se morrese de repente atoparían no armario un letreiro E decímolo ou non o decimos e un buraquiño de bala na chaqueta. Nunha taberna de Recatelo o Cosme declárase providencialista, todo o marca a Divina Prividencia. O Xusto di que non é providencialista nin fatalista aínda que o Cosme o tenta convencer cos acontecementos desgraciados que tivo. A familia do Xusto vive nas Casas Baratas luguesas fronte á casa de don Perfeuto, o Vámpiro, porque cobra os xuros ao doce por cento. Vive co revólver ao lado, unha vez caeulle ao chan e disparouse polo que agora o ten cun burato do lombo baleiro, para evitar accidentes. Convídaos a comer o Xusto e saca un revólver igual ao don Perfeuto. Dispárase a arma, faille a el un buraco na chaqueta e semella que a bala saíu cara a fiestra do despacho do Vámpiro. Ao día seguinte saben da morte do usureiro, alguén lle comenta que o atoparon na mesa rodeado de sangue e co revólver sen unha bala, e a lámpada esnaquizada. Seguro que foi a bala do Xusto. Mais o médico que o atendeu afirma que morreu dun derramo cerebral e non había ningunha bala. Tres anos despois atopouse entre uns libros a bala que rompera a lámpada e fixera o buraco na chaqueta.

Unha morte sen rastro editar

Pode que non exista o crime perfecto, pero o asasinato do Rei dos Xamóns en Sarria, obra do Xes de Restrepo (de Triacastela), non deixou rastro, foi un crime psicolóxico. No momento en que ía dar un discurso na súa homenaxe recibe un telegrama coa nova de que a filla casa co Filiberto. O Rei dos Xamóns xa mandara darlle unha malleira e non o podía ver. Era un telegrama falso enviado polo Xes. O Xes faise amigo do Chumbito, un asasino que mataba por encargo. Vanse os dous para Caracas. Tempo despois chegan os dous a Sarria e citan ao contador do conto para relatarlle as súas memorias. Montaron unha axencia para facer “operaciones resolutivas de toda clase garantizando el perpetuo sigilo” [11]. Traballaron en todo tipo de operacións secretas das grandes potencias, menos no asasinato de Kennedy en Dallas. Ata lle entrega o bosquexo psicolóxico do Xes de Retrepo feito pola Interpolfamoso criminal inventor del asesinato psicológico fulminante”.

Pepe Trotiño editar

Cumpre a débeda con Luís Seoane de escribir a biografía de Pepe Troitiño. Coincidiron naquel Santiago dos estudantes da FUE. O Birollo chega preguntando polo Troitiño que lle quere espetar unha navalla de sete estalos. E lembra tres bromas famosas argalladas polo Troitiño. A primeira alá no seu Corgo natal. Tiña unha moza que o deixou por un xastre. Indo o xastre pola estrada escoitou tal brado que se asustou, o brado repetiuse varios días e mesmo chegou a saír no xornal de Lugo como emitido por algún mostro antediluviano. Outra foi en Santiago cando lle pintou a estrela de David a un estudante mentres durmía e logo fixo o ridículo ao ir correndo ás clases. Tamén a do Birollo; convenceuno de que el era dunha loxa o mesmo que o profesor da materia que o Birollo tiña atravesada. Se lle facía un sinal determinado ao profesor o día do exame, seguro que aprobaba. O enfado do profesor foi grande. Seoane xa fixo as oito ilustracións para a biografía, agora el xa fixo o texto.

As bebedeiras de Moncho do Grilo editar

Todos vós tratades, pouco ou moito, a Xosé Saavedra Fernández, conocido por Moncho do Grilo, nome iste que lle vén da súa casa patricia do Oural. [12] O Moncho colle grandes borracheiras, sobre todo polas festas, coma no San Xoán de Sarria. Alí a muller non o dá levado para a casa. Un día entra a correr na consulta do médico don Fico e cóntalle que de noite cando vén bébedo dorme só coa fiestra aberta. E unha noite escoitou a súa propia necrolóxica na rúa sen ver a ninguén. O médico dille que son alucinacións da bebida, que ou se deixa do alcohol (só dous vasos de viño ao xantar e dous á cea) ou o mete nun manicomio. Ao saír da consulta o Grilo, don Fito dálle ao botón da gravadora que lle trouxera o fillo de Londres, foi a primeira banda magnetofónica de Sarria; a que serviu para curar o Grilo, porque o Grilo curou.

Xantamos a carón dun esqueleto! editar

O Xan de Pascasio ten un anel cun diamante que debe valer ben cartos e tamén unha máscara dos negros ñáñigos que mete medo. Sempre lle promete que lle ha de contar a historia da máscara. E convídao a xantar saíndo de Chantada cara a Monforte de Lemos na fonda do Coruxo que agora é del. Xa na sobremesa e con moita xente o Xan conta a historia. Como vén das Américas co anel e a máscara e quedou a durmir nesta fonda. De noite dálle por poñer a máscara cando escoita ruídos. Pon a almofada coma se fose un corpo e entra o Coruxo cun coitelo na man e acoitela a almofada. Pelexan e o Coruxo ao ver a cara coa máscara bota un berro estarrecedor e cae ao chan, o Xan bótalle as mans á gorxa e remátao. Logo tira o corpo e o coitelo no burato aberto na terra e marcha. Anos despois volve das Américas, visita a fonda e mércaa. Chegou o momento, di, de mirar a ver que hai aí nese sitio debaixo da terra, non vaiamos estar convivindo cun esqueleto. Cavan e cavan e atopan o esqueleto co coitelo cravado nas costelas. O Xan de Pascasio ríase coma un tolo.[13]

Un caso para a parapsicoloxía editar

Quero protestar outra vez de que Mondañedo se siga escribindo Mondoñedo. A tódolos labregos lles sinto decir Mondañedo, non Mondoñedo. Mais reconozo que isto non vén moito ao caso, o que se di... [14] Anda por Mondoñedo, canta a fermosura do val e da vila. Tamén é moi afeccionado á Metapsíquica ou Parapsicoloxía, mais non viviu ningún episodio en persoa. Ata que un día paseando cun violinista da Coruña que está na vila van mercar o xornal. Son dúas vellas vendedoras, unha delas dálles os xornais colléndoos cunha “tenacilla”. Marchan e ao pouco notan os dous coma unha presión na caluga, algo raro. Volven a cabeza ao mesmo tempo e con rapidez e ven as dúas vellas mirando para eles fixamente. Remata: Veleiquí un flagante caso de telepatía... ou non hai telepatía...

Tracatrá, tacatrá, tacatrá editar

Sendo estudante en Santiago foi a unha libraría ver a caixa do movemento continuo, obra de don Elías de Andia e Campuzano. Estaba pechada con selos asinados polo doutor Nóvoa Santos e o reitor Rodríguez Cadarso. E facía continuamente Tracatrá, tacatrá, tacatrá. Poñen unha bomba nun local das dereitas e logo el soña que o prende a policía e o torturan poñéndolle decote son do tracatrá cuns auriculares. Anos despois en Vilalba volve ver a don Elías como preceptor dos fillos dun amigo seu. Don Elías tamén é poeta, autor de moitos sonetos. Xa pasada a Guerra Mundial sabe da morte de don Elías e como quixo ser enterrado coa caixa do movemento continuo. El e o seu amigo van ao cemiterio e por un buraco escoitan o tracatrá no nicho. El segue soñando nas sestas co asunto e como o escoitan falar en soños ten que contar a historia.

O medo editar

Fala do seu museo de cousas curiosas. Conta de cando foi cobrar un cheque en Sarria e viu na saída do banco un home con mala pinta e botas ferradas de protectores. Á noite queda só na casa, escoita ruídos raros, metálicos, e pensa no home que o viu e igual o quere roubar. Bota man do revólver e do foco. Dispara dúas veces e dálle á lata e o gato que a levaba colgada. Condenados de pequenos, xa podían enredar con outra cousa,[15] remata.

”Esporretar” editar

Inantes de nada deben saberen os leutores o siñificado da palabra “esporretar”. Por iso nos vemos na obriga de contar un contiño inantes de empricipiar a historia.[16] Uns cazadores en Vilarbacú piden sopas de cazador, pregúntanlles se as queren esporretadas e din que si, sen saberen o que é. E a cociñeira mete uns allos na boca, morde e logo cospe os restos por enriba da sopa. Iso era esporretar. Mais esporretar tamén é ceibar ventos da barriga polo sitio por onde lles empeza o rabo aos cans. E conta o caso do Mingos de Sindín cando no cuartel de San Fernando en Lugo lle fixeron as probas para poder librar do servizo militar por curto de oído. Foron varias e a todas sobreviviu sen ningún problema coma se non oíse case nada. A última foi a explosión dunha bomba de dez estalos, que os veciños mesmo pensaron que estoupara o almacén, e Mingos afeoulle ao oficial a conduta por “esporretar” en público, que ademais cheiraba a pólvora por ser nun cuartel.

É este un conto con moito humor.

De como o Xocas deu o timo do sobre a dous atracadores editar

O suceso aconteceu en Sarria onde o Xocas gañaba moitos cartos xogando. Traía canda el no peto un sobre lacrado a asinado que poñía -cheo de recortes de xornal-: contiene billetes de banco. Morre o seu amigo Crisanto de Aspai e vai ao velorio. Saca de sobre, ábreo e dálle á viúva vinte mil reais (ou cinco mil pesetas, ou mil pesos) dos sete mil pesos (trinta e cinco mil pesetas) que acababa de gañar ao xogo. E cóntalle a outro dos presentes como gañou os cartos, meteunos nun sobre e lacrouno á vista de todos os da xogueta. Ao saír seguírono dous tipos e puxéronlle as navallas no pescozo esixindo o sobre. E el deulles o sobre. Remata: Tería preparado o sobre dos recortes pra timar a quen nós sabemos? Faría aquelo por si acaso? Non o soupen. Endexamais o volvín vere. E il levaría moito medo cando sintiu carraquea-las navallas e lostrega-las follas diante dos ollos?[17]

Un queixo de San Simón editar

Cea en Lugo na casa do seu amigo o Cosme de Reiriz que se confesa moi amante dos queixos de San Simón. Móstralle algo brillante que pode ser un diamante e cóntalle a historia del. Resulta que foi ao San Ramón a Vilalba e quedou na hospedaxe no mesmo cuarto que ocupara un tal míster Golpe, un inglés que non é inglés, ten unha tatuaxe e estivo na Cidade do Cabo. E merca cinco queixos que deixou esquecidos un carpinteiro que marchou sen pagar. Nun deses queixos estaba escondido o diamante. Ao día seguinte le no xornal que morreu don Pedro Golpe que estivera en Suráfrica. Volveu a Vilalba á fonda onde lle contan que estivo por alí o que esquecera os queixos para recuperalos pero non lle dixeron nada. Se quere saber máis que vaia a Rinlo. Alí sabe que Pedro Golpe foi vixiante das minas de diamantes e debeu roubar a peza, que logo lle debeu roubar a el un carpinteiro. O Cosme vai a Madrid vender o diamante, viaxa a Italia coa familia e ao volveren en avión este caeu ao mar e ninguén se salvou. Remata: E tería ou non maleficio o diamante arroubado polo menos dúas veces?[18]

O galo de Monforte editar

Nunhas festas de Monforte dos anos vinte tira fotos e pinta. Na casa onde vive unha noite de moita calor deixa grans de millo polo chan e tres aliñados na mesa porque dan sorte. E entra un galo de catro patas que lle tira co tinteiro e deixa marcadas as patas, ata consegue tirarlle unha foto. Tamén lle merca o galo ao dono, que llo cobra ben. Pasados os anos xa vive el en Monforte e o seu amigo Edelmiro, que estivo vinte anos en México, ensínalle o seu museo de curiosidades: que se isto de Pepa a Loba, aquilo dun fillo de Montero Ríos, estoutro de De Gaulle. El lévaos á súa casa ver as pegadas e a foto do galo de catro patas, dubidan, din que pode ser unha fotomontaxe. E terá que lles mostrar o galo disecado.

Medo e máis medo editar

Todo aquelo veu por sere eu un romántico. Por te-lo costume estético –perdón, leutor- de dar longas paseadas de noite por sitios isolados. E lin ou sentín decir que ó grandísimo Beethoven pasáballe outro tanto cando vivía en Viena. Perdón, meu leutor, outra vez... [19] Cando le en El Progreso que don Valeriano morrera, púxose a escribir a historia nun restaurante da Pontenova. Aínda xogara ás cartas co tal señor aquela tarde no Lugo-Bar. O señor vivía en Bocamaos, cerca de Ombreiro. Cara a alí sae dar o paseo longo desde Lugo. E veñen uns tronos moi fortes e lóstregos. Nunha desas luces ve o corpo dun aforcado, mesmo a punta da bota lle bate nos fociños. Volve a Lugo. Ve o xornal que fala da treboada e que en Bocamaos unha centella carbonizara o corpo dun home desaparecido o día antes. El garada o segredo, mais sabe que o home se aforcara, ou tamén o puideron matar e levar alí o corpo e guindalo. Anos despois escoita que o Valeriano lle dera unha tunda a un señor maior e que este lle dixera: Oxalá te abrase unha centella! E abrasouno. [20]

O milagre de Ribadeo editar

Vai a Ribadeo co seu amigo Pepiño o Xaropes, que é moi amigo de facer bromas de todo tipo e algo dado ás desgrazas coma cando para se alumar queimou un décimo de lotaría premiado. E van escoitar como recita no Mercantil o poeta Lías de Moxenas. Antes de entrar o Pepiño mércalle unha ra a uns rapaces e logo métella no peto (sen el se decatar) ao poeta. Xa no recital a ra croa, salta á mesa e métese no vaso da auga. O auditorio pensa que é unha burla do poeta e protesta. Mais Lías aproveita a ocasión para improvisar uns versos nos que fala dos poetas ras e convénceos de están diante do Milagre de Ribadeo.

A máscara antigás editar

Don Fabulón mercou en Madrid no rastro unha máscara antigás en 1919. En 1929 sacouna á rúa no Entroido de Lugo. Nun día de maio de 1930 estaba el probando diante do espello a máscara cando chaman á porta e coas présas foi abrir sen sacala. Era a leiteira Micaela de Meilán que papou un bo susto e pensou que era o Demo. Ela fixera testamento para o seu sobriño Bieito. Este mercou a máscara, puxo unha sotana e collue un foco. E de noite aparecéuselle á tía que de novo cre volver ver o Demo. E quedaron os dous tatexos. Contaba ela que a primeira vez que vira o Demo quedara coxa e a segunda tatexa.

Narración editar

Todos os relatos están narrados en primeira persoa por narradores diferentes. Seguen a técnica da literatura oral, do conto contado. Cítanse moitos topónimos e nomes de persoa e dubídase sobre algúns datos, sobre todo referencias temporais. Diríxese bastantes veces ao lector, como se fose un oínte presente.

A maioría dos espazos son urbanos, destacando Lugo e as vilas luguesas coma Chantada, Monforte, Ribadeo. Tamén hai contos ambientados na montaña luguesa e algún en Santiago.

Canto ao tempo, moitas veces propositadamente inconcreto, poden encadrarse na primeira metade do século XX, ata os anos sesenta.

Sobre o relato Pepe Troitiño, comenta Xosé Ramón Pena que hai unha íntima relación entre o medo, o elemento mistérico e mais o humor.[21]

Notas editar

  1. Fole, Ánxel (1981). Historias que ningúen cre. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-040-X. 
  2. "Historias que ninguén cre". Editorial Galaxia. Consultado o 13/7/2019. 
  3. Vilavedra, Dolores (Coord) (2000). Diccionario da Literatura Galega III. Obras. Ed. Galaxia. p. 236. ISBN 84-8288-365-8. 
  4. "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 8/7/2019. 
  5. "Historias que ninguén cre. Galaxia. LG3. O soportal da Literatura Galega". culturagalega.org (en castelán). Consultado o 13/7/2019. 
  6. Fole 1981, p. 13.
  7. Fole 1981, p. 23.
  8. Fole 1981, p. 34.
  9. Fole 1981, p. 35.
  10. Fole 1981, p. 49.
  11. Fole 1981, p. 74.
  12. Fole 1981, p. 95.
  13. Fole 1981, p. 108.
  14. Fole 1981, p. 111.
  15. Fole 1981, p. 129.
  16. Fole 1981, p. 133.
  17. Fole 1981, p. 145.
  18. Fole 1981, p. 154.
  19. Fole 1981, p. 165.
  20. Fole 1981, p. 169.
  21. Pena, Xosé Ramón (2019). Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. «A longa noite». Xerais. p. 224. ISBN 978-84-9121-481-6.