Guerra de Independencia cubana

conflito armado entre Cuba, España e os EUA

Coñécese como guerra de independencia de Cuba (ou guerra de 1895) á última guerra de independencia cubana fronte ao Imperio español, amais da última das que tiveron lugar no continente americano. O conflito iniciouse o 24 de febreiro de 1895 cun levantamento simultáneo en 35 localidades cubanas, o chamado Berro de Baire. Finalizou en agosto de 1898, tras a entrada dos Estados Unidos no conflito e a consecuente derrota española. En España recibiu o nome de «Guerra de Cuba», mentres que José Martí chamouna «Guerra Necesaria».

Guerra de Independencia cubana
Parte de Guerra hispano-estadounidense
Data 24 de febreiro de 1895-12 de agosto de 1898
Lugar Cuba
Resultado Vitoria cubano-estadounidense
Cambios territoriais Primeira ocupación estadounidense en Cuba e posterior independencia de Cuba
Forzas en combate
Rebeldes cubanos:
53774[1]
Estados Unidos:
17000 regulares e milicianos
Baixas
8617 guerrilleiros mortos (3437 por enfermidade),​

200 000-400 000 civís mortos en campos de reconcentración

5000 mortos (2000 por enfermidade)

Antecedentes

editar
 
José Martí, un dos líderes independentistas cubanos

José Martí, ausente da illa desde a súa deportación á península en 1871, organizou nos Estados Unidos o Partido Revolucionario Cubano, co obxectivo principal de «lograr a independencia de Cuba». Máis tarde uníronse a el patriotas portorriqueños co compromiso de que, liberada Cuba, as forzas independentistas fixesen o mesmo con Porto Rico. Coñecedor das razóns do fracaso da Guerra do Dez Anos, Martí preparou as condicións para que estas non se repetisen. Deulle ás forzas militares poder ilimitado en canto a estratexia e táctica, mentres que ao poder civil só lle deixou a tarefa de sustentar a guerra nos ámbitos diplomático, financeiro e legal, así como a de gobernar nos territorios liberados.

Martí viaxou a Costa Rica, onde vivía Antonio Maceo, para convencelo da necesidade da súa participación. O mesmo fixo con Máximo Gómez, quen vivía na República Dominicana. Neste último país asinouse o Manifesto de Montecristi, que expresaba a necesidade da independencia de Cuba. Embarcaron desde Haití á fronte dunha reducida forza militar e desembarcaron en Playitas de Cajobabo para coincidiren co Berro de Baire e os levantamentos en varias zonas do Oriente de Cuba.

Algúns líderes militares

editar

Desenvolvemento da guerra

editar

O 24 de febreiro de 1895, por orde de Martí, levántanse 35 aldeas no Oriente de Cuba, o coñecido como Berro de Baire. As autoridades lograron descabezar a insurrección nas catro provincias occidentais coas detencións de Julio Sanguily e de José María Aguirre Valdés. A capital do Estado enviou á provincia sublevada 9000 homes, suspendeu as garantías constitucionais e aplicou censura á prensa. O 21 de marzo Antonio Cánovas del Castillo enviou outros 7000 homes e nomeou capitán xeneral de Cuba a Arsenio Martínez Campos, artífice da Paz de Zanjón.

Coa experiencia da guerra dos Dez Anos, maior apoio das forzas políticas e maior conciencia nacional, o secesionismo concibiu un conxunto de campañas:

 
Avance e toma de posicións polas compañías de Valencia da Columna Francés na marcha de Viñales a Dunas (1897). Fotografía de Gómez de la Carrera

A campaña de Invasión a Occidente tiña como fin controlar ese sector da illa. Non foi fácil para as forzas españolas someter o Oriente de Cuba, pois tiveron grandes atrancos para conter as forzas secesionistas. Con todo, José Martí e Antonio Maceo morreron na contenda. Martí caeu o 19 de maio de 1895, poucos meses despois do inicio do conflito. Pola súa parte, crese que Maceo morreu nunha emboscada que el mesmo lle tiña preparada ao exército español. Así figura na folla de servizos do subtenente José Muñoz Gutiérrez, sarxento naquela época. As operacións desde o 22 de outubro de 1896 en Artemisa e Heras (e posteriormente na Trocha de Mariel a Majama) até o 23 de decembro de 1896 en Pinar del Río (incluída a derrota de Maceo) valéronlle ao citado sarxento dúas Cruces de Prata ao mérito militar con distintivo vermello.

Entre as vitorias obtidas polo secesionismo cubano destaca o cruzamento da Trocha de Júcaro a Morón (actualmente na provincia de Ciego de Ávila, case no centro do país) co obxectivo de impedir o cruzamento das tropas libertadoras cara a Occidente.

 
Valeriano Weyler, artífice da deostada estratexia de Reconcentración

A primeira era unha cadea de fortes e tropas realistas. O paso de dita trocha supoñía unha necesidade para o éxito da Campaña de Liberación do Occidente, mais tamén unha vitoria que demostraría o desenvolvemento militar das forzas insurxentes. Coa rebelión xa xeneralizada en toda a illa, o goberno central de Madrid destituíu ao xeneral Martínez-Campos e enviou á illa ao xeneral Valeriano Weyler. Este último levou a cabo unha guerra atroz no seu afán de derrotar o independentismo cubano. Cun cuarto de millón de homes, o xeneral Weyler propúxose rematar a guerra nun período de 24 meses. Unha das súas medidas foi colocar a poboación rural en campos de concentración para evitar que apoiase as forzas sublevadas. Calcúlase que morreron uns cen mil cubanos neses campos de concentración debido á fame e as doenzas.

 
Combate de Ceja del Toro e defensa do convoi de Viñales. Fotografía de Gómez de la Carrera

Malia o incremento constante de tropas españolas, a estratexia de reconcentración e a abafadora superioridade do seu exército, Weyler foi incapaz de derrotar as forzas rebeldes cubanas. Estas, coñecedoras do terreo, estaban movidas polo sentimento secesionista, e levaron a cabo unha guerra de guerrillas e operacións ofensivo-defensivas. Estas foron desgastando aos poucos o exército español sen este poder obter resultados favorábeis, malia contar con liñas de fortificación, ferrocarrís, vixilancia de costas e un armamento máis moderno có das forzas rebeldes. Cara finais de 1897, o goberno español atopouse coas arcas baleiras e un exército esgotado polas doenzas tropicais e a resistencia dos rebeldes. O presidente Sagasta decidiu finalmente destituír a Weyler a prol do xeneral Ramón Blanco, polo custo político do seu modo de acción e o seu fracaso militar.

A autonomía cubana

editar
 
Segismundo Moret na súa casa ditándolles aos taquígrafos a Constitución autónomica a finais de 1897

Cara finais de 1897 o goberno dos Estados Unidos reclamaba que a guerra afectaba os seus intereses e esixiulle a España reformas para lograr a paz. Os proxectos de autonomía para Cuba redactados dende a metrópole (Maura, Abárzuza, Cánovas del Castillo) cristalizaron durante o goberno de Sagasta, con Segismundo Moret no Ministerio de Ultramar. Redactouse unha Constitución que lle outorgaba autonomía plena á illa (25 de novembro de 1897), agás a Gobernación Xeral e os reais decretos que estabelecían a igualdade de dereitos políticos dos españois residentes nas Antillas e os peninsulares. O sufraxio universal fíxose extensivo a Cuba e Porto Rico. Formouse un goberno autonómico e elixiuse un novo Parlamento insular bicameral nuns comicios que gañou o autonomismo moderado. O primeiro presidente do goberno autónomo foi José María Gálvez, desde o 1 de xaneiro de 1898.

Ningunha das iniciativas emprendidas desde o Goberno central tiveron éxito. Tanto para os intereses da oligarquía crioula como do intervencionismo estadounidense, a presenza española era un atranco que debía ser eliminado. As forzas rebeldes cubanas declararon que xa era demasiado tarde para un arranxo pacífico e aseguraron que non se deterían até lograren a independencia. Neste punto, os Estados Unidos acusaron a España de agresión e anunciaron unha guerra inminente. O capitán xeneral de Cuba, Ramón Blanco, propúxolle ao xeneral Máximo Gómez, líder dos rebeldes, unha alianza para enfrontaren a ameaza. O xeneral Gómez negouse rotundamente e recibiu ordes do goberno rebelde de apoiar o exército estadounidense para lograr a secesión de Cuba respecto da Coroa de España.

A Guerra hispano-cubano-estadounidense

editar
Artigo principal: Guerra hispano-estadounidense.
 
A explosión do acoirazado Maine no porto da Habana o 15 de febreiro de 1898

A explosión do acoirazado estadounidense Maine por parte do propio exército norteamericano supuxo o ingreso do país na contenda. A declaración de guerra a España non se fixo esperar e os combates, que antes se centraran en terra, trasladáronse ao mar, mais as escuadras navais españolas non puideron responder ante os modernos acoirazados estadounidenses. A toma de Santiago de Cuba e a superioridade militar das forzas cubanas ao mando do xeneral Calixto García (xefe cubano do departamento oriental), apoiadas polas tropas norteamericanas, obrigaron ao exército español, xa virtualmente acabado, a renderse definitivamente en 1898. O suceso abriu paso á ocupación estadounidense de Cuba até 1902.

Mediante o Tratado de París, España renunciou á soberanía sobre Cuba, Porto Rico e as Filipinas, o que realmente supuxo que os Estados Unidos tivesen vía libre para a súa intervención e ocupación. A exclusión dos representantes das tres colonias mencionadas evidenciou o interese colonialista dos Estados Unidos, malia as forzas independentistas deses países levaren o maior peso das guerras. O 24 de febreiro de 1899, catro anos despois do inicio da guerra, facía a súa entrada triunfal na Habana o xeneral Máximo Gómez á fronte do exército. O xeneral dominicano guiara os patriotas cubanos á vitoria na emancipación contra o Exército español coa escasa e interesada axuda norteamericana.[2] Miles de persoas saíron a recibir ao exército libertador e Gómez, sorprendido, díxolle a un dos seus homes: «Se toda esta xente pelexase connosco derrotariamos a España hai moitísimo tempo».

Consecuencias

editar

Ocupación estadounidense de Cuba

editar

Tanto Porto Rico como as Filipinas continuaron a ser colonias estadounidenses durante o século XX. Porén, a presión cubana por constituír o seu propio país fixeron que Estados Unidos preparase axiña a súa retirada. Con todo, deixou aberta a posibilidade dunha nova intervención como garantía de independencia, mediante a redacción dunha constitución conforme á chamada Emenda Platt, aprobada pola Asemblea Constituínte cubana o 12 de xuño de 1901. O 20 de maio de 1902 naceu a República de Cuba coa toma de posesión do seu primeiro presidente, Tomás Estrada Palma. Porén, non foi até 1909, coa presidencia de José Miguel Gómez (do partido liberal), cando terminou o Goberno de Intervención estadounidense. Este foi condicionado pola sinatura do arrendamento da base de Guantánamo o 2 de xullo de 1903.

Crise de 1898 en España

editar

A perda das colonias, moi especialmente a de Cuba, provocou unha fonda crise social, política e cultural en España. Movementos e manifestacións culturais, como a xeración do 98 ou o rexeneracionismo, marcados pola contexto histórico, trataron entre outros temas a «perda de personalidade histórica» de España.

A independencia de Cuba, amais, constituíu un factor clave para a consolidación de nacionalismos contemporáneos en España como o vasco, o catalán ou o galego.[3]

  1. Clodfelter 2017, p. 308.
  2. Dardé, Carlos. "Historia de España - Ficha La guerra de Cuba". ArteHistoria (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de febreiro de 2012. Consultado o 4 de abril de 2023. 
  3. Ucelay Da Cal 1997, pp. 151-152.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar