Sargo

(Redirección desde «Diplodus sargus»)

O sargo, Diplodus sargus,[2] é unha especie de peixe actinopterixio da orde dos perciformes e familia dos espáridos, unha das 23 integradas actualmente (2020) no xénero Diplodus.[3]

Sargo
Diplodus sargus

Fotografía dun sargo

Debuxo dun sargo
Debuxo dun sargo

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Familia: Sparidae
Xénero: Diplodus
Especie: D. sargus
Nome binomial
Diplodus sargus
(Linnaeus, 1758)
Área de distribución de Diplodus sargus
Área de distribución de Diplodus sargus

Área de distribución de Diplodus sargus
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

Propio das costas do Atlántico oriental (incluído o Mediterráneo), desde o golfo de Biscaia até Suráfrica,[4] é obxecto de pesca, xa que é moi apreciado pola súa carne.[2]

Taxonomía

editar

Descrición

editar

A especie foi definida en 1758 por Linneo, na 10ª edición do seu Systema Naturae, baixo o nome de Sparus sargus.[5][4]

Etimoloxía

editar

Para a do xénero véxase Diplodus.

O epíteto específico, sargus é o nome latino deste peixe, que deriva do grego antigo σαργός sargós.[6]

Sinónimos

editar

Ademais de polo nome hoxe en día válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:

  • Sargus rondelettii Valenciennes, 1830
  • Sargus vetula Valenciennes 1830
  • Sparus sargus Linnaeus, 1758 (protónimo)

Outros nomes vulgares galegos

editar

Ademais de sargo, o nome recomendado pola Real Academia Galega e o empregado nos máis dos portos de Galicia, a miúdo pronunciado sargho, tamén se coñece con estes outros nomes.[7]

Subespecies

editar

Na actualidade só se recoñece unha subespecie:[5]

Outras subespecies que se consideraban anteriormente, hoxe son consideradas como especies independentes:[5]

Características

editar

Os caracteres máis identificativos do sargo son os maxilares, con oito dentes incisivos e cortantes, e o corpo, con de sete a oito estreitas bandas transversais amouradas nos flancos, e coa parte superior do pedúnculo caudal transversal negra.[9][10][11] Estas bandas van esvaecendo coa idade do animal até chegaren a desaparecer nos exemplares máis grandes, excepto a última banda, a situada no pedúnculo da cola, que é a máis grosa e escura e nunca desaparece.[Cómpre referencia]

O corpo do sargo é forma ovalada, de cor gris claro cunha tonalidade prateada (agás as bandas transversais), sendo o espazo interocular e o fociño máis escuro.[4] O corpo está compimido lateralmente.[4][10][11][12] Presenta escamas nas meixelas e no opérculo. A boca é terminal, lixeiramente protráctil.[4] O fociño é arredondado, e os labios son delgados. Cada maxilar (maxilar superior e mandíbula ou inferior) presenta oito dentes incisivos en posición máis ou menos vertical; no maxilar superior hai tres series de dentes molariforms (en formma de moa) e no inferior dúas (ocasionalmente tres).[4][10]

As aletas dorsais teñen de 11 a 12 raios espiñentos (raramente 13) e de 12 a 16 raios brandos, e a aleta anal ten 3 raios espiñentos e de 12 a 14 brandos.[4][13] As aletas pectorais rematan en afiadas puntas e alcanzan a orxe da anal. A aleta caudal é moi empla e fendida (bifurcada) no centro.[4][10] Posúe de 58 a 68 escamas na liña lateral.[4]

O tamaño máximo deste peixe pode alcanzar os 45 cm de lonxitude,[13] aínda que o normal é que mida 20–25 cm.[14]

Hábitat e distribución

editar

Hábitat

editar

O sargo é unha especie litoral que vive sobre fondos rochosos ou areosos con rochas ou cerca delas, a profundidades entre os 0 e os 50 m.[15] Os individuos xuvenís forman cardumes en augas pouco profundas sobre leitos de pradarías submarinas (por exemplo, de Zostera sp.), e poden adentrarse en esteiros de augas salobres.[4][9][10] Os adultos son solitarios.

Distribución

editar

A especie distribúese polas costas do Atlántico oriental e unha pequena parte do oeste do océano Índico, desde o golfo de Biscaia e o mar Cantábrico chegando cara ao sur até Suráfrica, incluídas as illas de Madeira e as Canarias, o Mediterráneo e (raramente) o mar Negro. Ocasionalmente atópanse individuos nas costas do océano Índico de Suráfrica, Madagascar e Mozambique e, moi raramente, noutros lugares do océano Índico, como en Omán.[4]

En Galicia a súa presenza é constante durante todo o ano, pero aumenta na primavera e no verán, despois da época da desova, na que se achega á costa. As crías a finais do verán poden verse nas pozas das rochas na baixamar.[11]

A primeira cita científica da súa presenza en augas galegas débese a Cornide, en 1788, na súa obra Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo con un tratado de las diversas pescas y de las redes y aparejos con que se practican.[16]

Bioloxía

editar

A alimentación dos individuos xuvenís é omnívora, e comen algas e invertebrados bentónicos (principalmente pequenos crustáceos e moluscos, e tamén corais,[4] sendo os adultos exclusivamennte carnívoros, predando sobre crustáceos, moluscos (mexillóns e lapas) e equinodermos.[17][11] Grazas aos seus dentes molariformes poden triturar as cunchas dos bivalvos, e mesmo poden comeren ourizos de mar. É un peixe sutil, astuto, e dotado dunha certa memoria.[12]

O sargo reprodúcese no período comprendido entre xaneiro e marzo, alcanzando a madurez sexual aos dous anos de idade, cando miden uns 17 cm.[14]

Coma outros espáridos, os sargos son parcialmente hermafroditas. Algúns machos transfórmanse en femias.[9]

Interese pesqueiro, comercial e deportivo

editar
 
Sargos na praza de abastos do Grove.

A carne do sargo é moi prezada.[12][11]

En toda a súa área de dispersión capturáronse, no ano 2016, sobre todo mediante pesca artesanal, 4 078 toneladas. Ademais, nalgúns lugares é obxecto de cría en acuicultura, obténdose, por este procedemento, 174 toneladas no ano 2010.[4]

En Galicia péscase comercialmente con trasmallo, palangre, miño, liña, etc.[11]

É un trofeo moi aprezado tanto polos deportistas de cana, debido á gran resistencia que ofrece unha ves prendido ao anzol, coma os que practican a pesca submarina.[11]

O engado máis apropiado para a súa captura son os cangrexos recollidos cando acaban de efectuar a muda, que é cando están máis brandos.[11]

Adoita cociñarse ao forno cando é grande, e á grella ou á prancha cando son pequenos.

Segundo datos da Plataforma Tecnolóxica de Pesca Pesca de Galicia.com, as capturas desta especie durante os últimos anos representaron unhas descargas nas lonxas galegas de entre 350 e 460 toneladas (449,4 t en 2012).[18]

Ameazas

editar

Non se identificaron ameazas importantes para esta especie; porén, a pesca intensiva nalgún lugares e a conseguintge redución do tamaño dos espécimes, son posíbeis ameazas.[1]

Estado de conservación

editar

Na opinión da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), a nivel global, Diplodus sargus está moi estendido no Atlántico oriental, e péscase ao longo de toda a súa área de distribución, experimentando algúns descensos localizados da súa poboación, e unha posíble redución do tamaño da área. Porén, esta especie está moi estendida e non se rexistraron descensos mundiais significativos. Polo tanto, o seu status cualifícase como LC (pouco preoculante). No golfo Pérsico, Diplodus sargus é unha das especies de espáridos máis comúns, e representa unha parte importante das capturas de espáridos en Kuwait, aída que tamén se cualifica nesta zona como LC. En Europa esta especie é de importancia comercial en toda a súa extensión europea, pero está moi estendida e localmente é abundante, polo que, así mesmo, cualifícase como LC.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 Pollard, D. et al. (2014): White Seabream. Diplodus sargus na Lista vermella da UICN. Versión 2019-3. Consultada o 20 de xaneiro de 2020.
  2. 2,0 2,1 sargo no Dicionario da RAG.
  3. Diplodus Rafinesque, 1810 no WoRMS. Consultada o 23 de xaneiro de 2020.
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 FAO Fisheries and Aquaculture Department. Diplodus sargus (Valenciennes, 1830) Consultada o 20 de xaneiro de 2020.
  5. 5,0 5,1 5,2 Diplodus sargus (Linnaeus, 1758) no WoRMS Consultado o 20 de xaneiro de 2020.
  6. sargo no Merriam-Webster Dictionary.
  7. Ríos Panisse, M. C. 1977, pp. 269-270.
  8. Carpenter, K. E.; Russell, B. & Pollard, D. (2014): Moroccan white Seabream., Diplodus sargus ssp. cadenati na Lista vermella da UICN. Versión 2019-3. Consultada o 20 de xaneiro de 2020.
  9. 9,0 9,1 9,2 Miller, Peter J. et al 1999, p. 194.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Rodríguez Villanueva, X. L. et al. 1994, p. 156.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 11,7 Rodríguez Solórzano et al. 1983, p. 119.
  12. 12,0 12,1 12,2 Bauchot, M. L. & Pras, A. 1982, p. 287.
  13. 13,0 13,1 Muus & Nielsen 1998, p. 196.
  14. 14,0 14,1 Rodríguez Villanueva, X. L. et al. 1994, p. 157.
  15. Pajuelo & Lorenzo 2002.
  16. Ensayo de una historia de los peces y de otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo.
  17. Rodríguez Villanueva, X. L. et al. 1994, pp. 156-157.
  18. "Pescadegalicia.com". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2010. Consultado o 29 de novembro de 2010. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Abellán, E. & García-Alcázar, A. (1995): "Pre-growth and growth experiences with white seabream (Diplodus sargus sargus, Linnaeus, 1758) and sharpsnout seabream (Diplodus puntazzo, Cetti, 1977)". Cahiers Options Méditerranéennes 16: 57–63.
  • Bargelloni, L.; Alarcón, J. A.; Älvarez, M. C.; Penzo, E.; Magoulas, A.; Palma, J. & Patarnello, T. (2005): "The Atlantic–Mediterranean transition: Discordant genetic patterns in two seabream species, Diplodus puntazzo (Cetti) and Diplodus sargus (L.)". Molecular Phylogenetics and Evolution 36 (3): 523-535.
  • Bauchot, M. L. & Hureau, J. C. (1986): "Sparidae". En: P. J. P. Whitehead; M. L., Bauchot; J. C. Hureau; J. Nielsen & E. Tortonese (eds.), Fishes of the north-eastern Atlantic and the Mediterranean, 2 vols. París: UNESCO. ISBN 92-3-002215-2 (vol. 1), ISBN 92-3-002308-6 (vol. 2), pp. 883-907.
  • Bauchot, M. L. & Smith, M. M. (1984): "Sparidae". En: W. Fischer & G. Bianchi (eds.), FAO species identification sheets for fishery purposes. Western Indian Ocean (Fishing Area 51). Roma: FAO.
  • Bauchot, M. L. & Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2820-683-6.
  • Bodington, P. (2000): "Enterprise experiences in the culture of new sparids". Cahiers Options Méditerranéennes 47 : 135–139.
  • De la Paz, R. M.; Bauchot, M. L. & Daget, J. (1973): "Les Diplodus (Perciformes, Sparidae) du groupe Sargus: systématique et phylogénie". Ichthyologia 5: 113–128.
  • Dirección Xeral de Formación Pesqueira (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
  • Fischer, W.; Bauchot, M. L. & Schneider, M. (1987): Fiches FAO d'identification des espèces pour les besoins de la pêche. (Révision 1). Méditerranée et mer Noire. Zone de Pêche 37. Volume 2: Vertébrés. ("Sparidae"). Roma: FAO.
  • Miller, Peter J. & Loates, Michael J. (1999): Peces de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2821-123-X.
  • Muus, Bent J. & Nielsen, Jørgen G. (1998): Peces de mar del Atlántico y el Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2821-161-2.
  • Pajuelo, J. G. & J. M. Lorenzo (2002): "Growth and age estimation of Diplodus sargus cadenati (Sparidae) off the Canary Islands". Fisheries Research 59: 93-100.
  • Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Con anotaciónes etimológicas por Antonio Santamarina. Verba, Anuario gallego de filología, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Laura Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1994): Peixes do mar de Galicia (II). Peixes óseos: xeneraluidades, clasificación e orde perciformes. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-7507-784-0.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar