Lapa (molusco)
A lapa común é unha especie de molusco gasterópodo mariño, de cuncha cónica, comestible aínda que pouco apreciada. Pertence á familia Patellidae. Aínda que existen varias especies designadas co nome común de lapa, a especie típica é a Patella vulgata (Linnaeus, 1758).
Morfoloxía
editarPresenta unha cuncha cónica de ampla base, co ápice un pouco adiantado cara a parte anterior; o contorno da base é irregular. Pode alcanzar diámetros de ata 6 cm pero habitualmente non supera os 3 cm.
A superficie está percorrida por costelas radiais ben marcadas, así como outras máis débiles entre aquelas. Poden apreciarse as liñas de crecemento concéntricas.
A cor habitual é gris ou marrón, con tons amarelos e manchas pardas. O interior da cuncha é branco ou amarelado, brillante, coas marxes transparentando os debuxos exteriores. Pode distinguirse claramente a impresión muscular en forma de ferradura aberta anteriormente.
Hábitat e bioloxía
editarDistribúese abundantemente pola costa europea do Atlántico desde a Canle da Manga, e no Mediterráneo. Viven fixados nas rochas da franxa supralitoral e medioliteral.
Son animais herbívoros que se alimentan das algas. Cando a pedra na que viven queda descuberta, ó baixar a marea, péganse firmemente á rocha como medida defensiva contra os predadores e para evitar así o desecamento.
Aproveitamento pesqueiro e comercial
editarA súa escasa aceptación no mercado galego, a diferenza do seu aprecio noutros países europeos, fai que non sexa obxecto de pesca e venda, recolléndose só para consumo propio. Péscase arrancándoa da pedra cunha rasqueta.
En calquera caso, a lapa é un molusco comestible, que se recomenda comer en cru porque, se é cociñada, a carne vólvese dura e indixesta. Este problema podería evitarse cunha conxelación previa e reducindo o tempo de cocción.
As lapas en Galicia
editarOutras denominacións populares da lapa son as de copo, cuco, lámparo, lampro ou patela.
Por extensión, aplícase o apelativo de lapa a unha persoa molesta e pesada, da que resulta imposible librarse.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lapa |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
- RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
- RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.