Dólar do busto drapeado

antiga moeda dun dólar de prata dos EEUU
Dólar do busto drapeado (1º modelo) [1]
Busto drapeado cara á dereita, rodeado por 15 estrelas. LIBERTY na parte superior. Data no exergo. Aguia coas ás abertas ollando cara á dereita, dentro dunha coroa vexetal. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA.

O dólar do busto drapeado (en inglés: Draped Bust dollar) é unha moeda estadounidense con valor dun dólar, cuñada en prata entre 1795 e 1803 na Casa da Moeda de Filadelfia. A partir da década de 1830 producíronse recuñaxes que amosan a data de 1804.

Trátase da segunda moeda dun dólar estadounidense, sucesora da coñecida como "dólar do cabelo solto".

Descoñécese a identidade do seu deseñador e da modelo do anverso, aínda que tradicionalmente atribúenselles, respectivamente, ao artista Gilbert Stuart e á dama da alta sociedade de Filadelfia Ann W. Bingham.

En outubro de 1795, Elias Boudinot, acabado de nomear como director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, ordenou que se utilizase para a moeda dun dólar unha pureza de prata do 89,2 %), no canto da non autorizada do 90 %, que era a que se viñera utilizando desde que se comezou a cuñar a moeda dun dólar en 1794. Debido en gran medida á diminución da cantidade de prata depositada na Casa da Moeda de Filadelfia, a cuñaxe de dólares de prata diminuíu ao longo dos derradeiros anos do século XVIII. Finalmente, en 1804 detívose a produción de dólares de prata, aínda que a derradeira data quen aparece nas moedas de circulación estándar é a de 1803.

En 1834, retomouse temporalmente a produción dos dólares de prata, co fin de subministrar a unha misión diplomática en Asia xogos especiais de moedas cun acabamento especial (proof), para serviren como agasallo diplomático. Os funcionarios creron, erroneamente, que a última data que aparecía nos dólares da emisión regular fora a de 1804, o que os levou a utilizar esa data, en lugar do ano en que, efectivamente, se produciron estas recuñaxes.

A serie completa de moedas co deseño do busto drapeado, emitida entre 1795 e 1807, abrangue os seguintes valores: ½ cent e 1 cent en cobre, e 5 cents, 10 cents, 25 cents, ½ dólar e 1 dólar en prata.[2]

Antecedentes

editar

A cuñaxe do dólar de prata nos Estados Unidos comezou xa en 1794 co coñecido como "dólar do cabelo solto", inmediatamente despois da construción e da dotación de persoal da Ceca de Filadelfia. A Lei da Moeda de 1792 esixía que a moeda de prata se cuñase cunha aliaxe composta por un 89,2 % de prata e un 10,8 % de cobre.[3] No entanto, os funcionarios da ceca amosáronse reticentes a cuñar moedas con esa finura tan pouco habitual, polo que decidiron cuñalas cunha aliaxe non autorizada do 90 % de prata. Isto provocou que os depositantes de prata perdesen diñeiro cando se cuñaba o seu metal.[4]

Durante o segundo ano de produción do dólar do cabelo solto, decidiuse dotar dun novo deseño a moeda dun dólar de prata.[5] Descoñécese quen impulsou este cambio, aínda que o investigador numismático Robert W. Julian especula con que H. W. de Saussure, que acababa de ser nomeado director da Casa da Moeda o 9 de xullo de 1795, foi quen o ordenou, xa que declarara o seu propósito de redeseñar toda a moeda estadounidense como un dos seus obxectivos no momento de asumir o cargo.[6] O deseño do cabelo solto, xa que logo, que carecía ademais de aceptación popular, foi suprimido no mesmo 1795.[5]

Deseño

editar
 
Esbozo dun retrato de Anne Willing Bingham en 1785, aos seus 21 anos, obra de Gilbert Stuart, no que se supón que o gravador xefe da US Mint, Robert Scot, se baseou 10 anos despois para o anverso do dólar do busto drapeado.

Aínda que non se coñece con certeza o deseñador da moeda, habitualmente recoñécese como tal o pintor estadounidense Gilbert Stuart (1755-1828), considerado como un dos mellores retratistas do país. O que foi director da Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1853 e 1861, James Ross Snowden, comezou a investigar os primeiros anos da historia da Casa da Moeda durante a década de 1850, para o que entrevistou a descendentes de Stuart, que afirmaron que o seu antepasado fora o deseñador do dólar do busto drapeado.[5]

Suxeriuse tamén que Ann Willing Bingham (1764-1801), unha dama da alta sociedade de Filadelfia, posou como modelo para o anverso da moeda. O gravador xefe da Casa da Moeda, Robert Scot, e o seu director, De Saussure, aprobaron diversos esbozos e enviáronllos ao presidente George Washington e ao daquela secretario do Tesouro, Thomas Jefferson, para obter a súa aprobación.[7]

Logo de aprobados os esbozos, os deseños enviáronselle ao artista xermano-estadounidense John Eckstein (1735-1817) para que os convertese en modelos de xeso, xa que naquel tempo os moldes de xeso se utilizaban como guía para, a partir deles, labrar os cuños, operación que se facía á man.[7] Eckstein, a quen o numismático Walter Breen considera un "artistucho local"[8] e que un artista da súa época considerou como "absoluto escravo", polo feito de vivir das encargas que lle facían,[7] recibiu trinta dólares polo seu traballo de preparación dos modelos do anverso e do reverso.[9] Despois de creados estes modelos de xeso, os gravadores da Casa da Moeda, entre eles Scot, comezaron a crear os cubos que se utilizarían para facer os cuños das novas moedas.[7]

Produción

editar
 
Henry William de Saussure era o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos cando comezou a produción do dólar de busto draepado.

Non se coñece con exactitude cando comezou a produción deste novo deseño, xa que nesa época non se levaban rexistros precisos en relación ao deseño. No entanto, o investigador numismático R. W. Julian sitúa o inicio da produción a finais de setembro ou a principios de outubro de 1795,[7] en tanto que Don Taxay afirma que os primeiros dólares de prata do busto drapeado se cuñaron en outubro.[10]

En setembro de 1795, o director da ceca, H. W. de Saussure, escribiulle a súa carta de renuncia ao presidente Washington. Nela facía mención do padrón de prata non autorizado e suxería que se instase o Congreso para que o oficializase, aínda que isto non se realizou.[11] En resposta á carta de H. W. de Saussure, Washington expresoulle o seu malestar pola dimisión e afirmoulle que tiña unha total satisfacción sobre o período á fonte da Casa da Moeda.[12] Como a dimisión de H. W. de Saussure non entraría en vigor ata outubro, o presidente tivo o tempo necesario para a selección do seu substituto.[11]

 
Elias Boudinot Asumiu o seu posto como director da US Mint o 28 de outubro de 1795.

A persoa escollida para o relevar no cargo foi o político e excongresista Elias Boudinot, quen, ao asumir o seu nomeamento na Casa da Moeda o 28 de outubro, foi informado do padrón de prata que se viñera utilizando desde a cuñaxe das primeiras moedas oficiais de prata do país. Boudinot ordenou inmediatamente que se puxese fin a esta práctica e que se comezase a cuñar coa finura da aliaxe determinada pola Lei da Moeda de 1792, é dicir, o 89,2 % de prata.[11]

A produción total de dólares de prata en 1795, na que se inclúen tanto os do deseño inicial —do cabelo solto— domo os do novo deseño —do busto drapeado—, foi de 203.033 moedas.[13] Estímase que deles se cuñaron aproximadamente 42.000 dólares con este novo deseño.[14] Boudinot ordenou tamén axiña que se aumentase a produción dos valores faciais inferiores ao dólar. Pouco despois, o 27 de novembro de 1795, o ensaiador Albian Cox faleceu repentinamente, co que ficou vacante o seu posto na Ceca de Filadelfia.[11] Este feito, xunto co aumento da atención de Boudinot aos valores máis pequenos, así como unha pausa nos depósitos privados de metal bruto —a única fonte que a ceca tiña naqueles momentos iniciais—, provocou a diminución da produción de dólares de prata en 1796.[15] A cuñaxe total nese ano foi de 79.920 pezas,[14] o que supón unha redución de aproximadamente o 62 % con respecto ao total do ano anterior.

Os depósitos de metal seguiron diminuíndo e en 1797 a produción de dólares de prata alcanzou o punto máis baixo desde o inicio das cuñaxes estadounidenses en 1794, cunha tiraxe de apenas 7.776 exemplares.[14] Durante ese período, os depósitos baixaron a niveis tales que o presidente Thomas Jefferson depositou persoalmente 300 reais de oito españois en xuño de 1797.[15]

En abril dese mesmo ano, chegárase a un acordo entre a Casa da Moeda e o Primeiro Banco dos Estados Unidos, mediante o cal o banco aceptou subministrar á ceca prata de procedencia estranxeira coa condición de que o banco recibise os seus depósitos de volta en dólares de prata.[16]

A Casa da Moeda permaneceu pechada entre agosto e novembro de 1797 por mor do andazo anual de febre amarela en Filadelfia, que ese ano lle custou a vida ao tesoureiro da Casa da Moeda, Nicholas Way.[17] No mes de novembro, o Banco dos EEUU depositou aproximadamente 30.000 dólares en prata francesa.[16]

Dólar do busto drapeado (2º modelo) [18]
 
 
Busto drapeado cara á dereita, rodeado por 13 estrelas. LIBERTY na parte superior. Data no exergo. Aguia heráldica coas ás estendidas ollando á esquerda, cunha cinta no peteiro coa inscrición E PLURIBUS UNUM; setas na gadoupa esquerda e póla de oliveira na dereita; escudo no peito e 13 estrelas encima. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA.

A principios de 1798 decidiuse cambiar o deseño do reverso dos dólares de prata, polo que a pequena aguia inicial se substituíu por unha máis grande e de carácter heráldico, similar á representada no Gran Selo dos Estados Unidos de América. O acordo acadado co Banco dos EEUU, xunto coa aparición de novos depositantes de prata —entre eles o propio Boudinot—, motivou un aumento no número de dólares de prata cuñados.[16] A tiraxe dos dólares dese ano, contabilizando tanto o modelo da aguia pequena como da aguia heráldica, foi de 327.536 dólares.[19] As cantidades de cuñaxe do dólar de prata do busto drapeado mantivéronse altas ata 1799, con 423.515 exemplares cuñados ese ano.[20]

Cara a finais do século XVIII, moitos dos dólares de prata producidos pola Casa da Moeda dos Estados Unidos foron enviados á China, país onde circularon e tamén se fundiron, para satisfacer a gran demanda que había alí deste metal.[21] En 1800, os depósitos de prata comezaron a diminuír novamente e a produción de dólares dese ano foi de unicamente 220.920.[20] En 1801, logo das queixas da poboación de dos membros do Congreso acerca da escaseza de moeda miúda en circulación, Boudinot comezou a solicitar que os depositantes de prata recibisen os valores faciais máis pequenos, no canto dos dólares, como era habitual, nun esforzo por colocar máis moeda miúda en circulación.[22] A produción reduciuse a 54.454 moedas dun dólar en 1801 e a só 41.650 en 1802, logo de que Boudinot lograse convencer a moitos depositantes de que aceptasen moedas de valores pequenos a cambio da súa prata.[20]

Malia o aumento posterior dos depósitos de pratana Casa da Moeda, Boudinot intentou pór fin á produción de moedas dun dólar en 1803, favorecendo a produción de moedas de medio dólar no seu lugar.[22] A produción de dólares datados en 1803, no entanto, mantívose mesmo en 1804, cando cesou por completo a cuñaxe dos dólares. En total, a tiraxe de dólares que amosan a data de 1803 é de 85.634 exemplares.[20]

Como resposta a unha solicitude formal do Banco dos Estados Unidos, o secretario de Estado, James Madison, suspendeu oficialmente a produción de moedas dun dólar de prata e de moedas de 10 dólares de ouro en 1806, aínda que en ambos os casos a súa cuñaxe xa se detivera uns anos antes.[23]

O raro dólar de 1804

editar
Artigo principal: Dólar de 1804.
 
Anverso dun dólar de 1804, correspondente á serie do dólar do busto drapeado.

En 1831, o daquela director da US Mint, Samuel Moore, presentou a través do tesouro unha solicitude ao presidente Andrew Jackson para que este permitise novamente a cuñaxe de dólares de prata; a solicitude foi aprobada o 18 de abril.[24] En 1834, Edmund Roberts foi seleccionado como representante comercial estadounidense en Asia, incluídos os reinos de Mascate e o Siam, e Roberts propuxo como agasallo para os dignatarios destes países xogos de moedas estadounidenses con acabamentos especiais (proof).[25] O Departamento de Estado encargou entón dous xogos de "exemplares de cada tipo [de moedas] que se utilizan na actualidade, tanto de ouro como de prata e de cobre".[26] Aínda que a cuñaxe de dólares se aprobara en 1831, non se cuñara ningunha destas moedas desde 1804 —amosando a data de 1803—. Logo das consultas co xefe de cuñaxe, Adam Eckfeldt —que traballara na ceca desde a súa apertura en 1792—, Moore chegou á conclusión errada de que os últimos dólares de prata, do modelo do busto drapeado, estaban datados en 1804, cando en realidade era 1803. Levados por este erro, decidiuse cuñar tamén as novas moedas dun dólar de agasallo con esa mesma data. O que se descoñece é por que non se indicou nesas moedas a data real de cuñaxe (1834), e a ese respecto, R. W. Julian suxire que se fixo para evitar que os coleccionistas de moedas se enfadasen polo feito de non poderen obter as moedas coa nova data, dada a súa exigua tiraxe.[25]

Os dous primeiros dólares do busto drapeado de 1804 —do mesmo xeito que o resto dos valores que compuñan a serie—cuñáronse en novembro de 1834. A viaxe de Roberts ampliouse tamén á Indochina —daquela denominada Annam— e ao Xapón, polo que se cuñaron dúas series adicionais, coa súa correspondentes moedas dun dólar.[25] Houbo, xa que logo, oito exemplares do dólar de 1804 lexitimamente cuñados na Casa da Moeda dos Estados Unidos. Robert partiu de viaxe en abril de 1835 e regaloulle unha serie de moedas a cada un dos sultáns de Mascate e do Siam. O agasallo do sultán de Mascate formaba parte dun intercambio de regalos diplomáticos que deu lugar a que o sultán regalase ao zoolóxico de Washington un león e unha leoa adultos.[26] Mais Roberts caeu enfermo en Bangkok e foi trasladado a Macau, onde morreu en xuño de 1835. Logo do falecemento de Roberts, os dous conxuntos restantes foron devoltas á casa da Moeda, sen chegar a ser presentados aos dignatarios.[27]

En datas posteriores ao longo do século XIX producíronse na Casa da Moeda dos Estados Unidos diversas recuñaxes fraudulentas deste dólar do busto drapeado con data de 1804.[28]

  1. "1 Dollar "Draped Bust Dollar" small eagle". Numista.com
  2. "Draped Bust series". Numista.com
  3. Julian, R. W. (1993). Páxina 30.
  4. Julian, R. W. (1993). Páxina 35.
  5. 5,0 5,1 5,2 Julian, R. W. (1993). Páxina 40.
  6. Julian, R. W. (1993). Páxina 219.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Julian, R. W. (1993). Páxina 41.
  8. Breen, W. (1988). Páxina 425.
  9. Taxay, Don (1983) [1966]. Páxina 106.
  10. Taxay, Don (1983) [1966]. Páxina 107.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Julian, R. W. (1993). Páxina 42.
  12. Whittmore, Henry (1897). Páxina 80.
  13. Yeoman, R. S. (2010). Páxinas 207-208.
  14. 14,0 14,1 14,2 Yeoman, R. S. (2010). Páxina 208.
  15. 15,0 15,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 43.
  16. 16,0 16,1 16,2 Julian, R. W. (1993). Páxina 44.
  17. Taxay, Don (1983) [1966]. Páxina 123.
  18. "1 Dollar "Draped Bust Dollar" Heraldic eagle". Numista.com
  19. Yeoman, R. S. (2010). Páxina 209.
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 Yeoman, R. S. (2010). Páxina 210.
  21. Julian, R. W. (1993). Páxina 45.
  22. 22,0 22,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 46.
  23. Julian, R. W. (1993). Páxina 431.
  24. Julian, R. W. (1993). Páxina 432.
  25. 25,0 25,1 25,2 Julian, R. W. (1993). Páxina 433.
  26. 26,0 26,1 Breen, W. (1988). Páxina 431.
  27. Julian, R. W. (1993). Páxina 434.
  28. Julian, R. W. (1993). Páxinas 434-435.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Predecesor:
Dólar do cabelo solto
 
Moeda dun dólar estadounidense

1795 - 1804
Sucesor:
Dólar Gobrecht