Peteiro
O peteiro[1] ou bico é unha formación córnea nas aves. Está composto polo maxilar superior e o maxilar inferior ou mandíbula.
O peteiro é o único xeito que teñen as aves para consumir alimentos. As aves non teñen dentes, así que engolen o seu alimento enteiro. A forma do bico dunha ave depende da súa dieta. Por exemplo, os papagaios usan os seus peteiros agudos para cascar froitas e noces, os colibrís teñen un peteiro en forma de tubo para extraer o néctar das flores. Noutras aves os machos emprégano para atraer ás femias (como o tucano e cálao). O do pelicano é longo, agudo e recto, para penetrar con pouca resistencia na auga, e cun pregue de pel no maxilar inferior para apañar nel peixes. As aguias e outras aves rapaces posúen o peteiro afiado e en forma de gancho, co fin de desgarrar doadamente a carne dos animais dos que se alimentan.
Os peteiros non son exclusivos das aves, pois estes tamén se atopan nos monotremas (ornitorrinco e equidna), tivérono algúns terápsidos antigos (como o listrosauro) e posúeno algúns moluscos cefalópodos coma as luras. Así mesmo, tamén se lle dá o nome de bico ao fociño alongado e afiado dalgúns cetáceos, como, por exemplo, os golfiños e os zifios.
Galería de bicos
editar-
Ornitorrinco co seu característico fociño semellante a un bico de pato -
Bico dunha lura -
Golfiño común co seu fociño en bico
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para peteiro.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Gilbertson, Lance; Zoology Lab Manual; McGraw Hill Companies, Nova York; ISBN 0-07-237716-X (cuarta edición, 1999)
- Terres, John. K. The Audubon Society Encyclopedia of North American Birds, Nova York: Alfred A. Knopf, 1980. ISBN 0-394-46651-9