Castelo de Sobroso

O castelo de Sobroso é un castelo medieval restaurado no século XX situado dentro do territorio da entidade local menor en Vilasobroso (Mondariz), no sur da provincia de Pontevedra. Está empoleirado no alto dunha pena do monte Landín, con vistas sobre o territorio de Vilasobroso e o val do Condado ata a fronteira con Portugal.

Castelo de Sobroso
ben de interese cultural
ConcelloMondariz
ProvinciaPontevedra
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°12′21″N 8°27′49″O / 42.205972, -8.46375
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalprerrománico ou románico (século X)
Estilo actualmestura (século XX)
Estado actualReconstruído. Museo, visitable
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar
 
Ronda da muralla.
 
Unha vista do castelo.

No territorio de Vilasobroso foi onde tivo a orixe o antigo señorío de Sobroso, na actualidade marquesado de Sobroso, dende o 18 de maio de 1625.

O lugar que ocupa era terra de sobreiras, que lle deron nome ao castelo e á súa vila. Existiu no seu lugar un castro prerromano. As orixes do castelo remóntanse posiblemente á época da expansión cristiá cara ao sur da Península Ibérica, pero a primeira referencia sobre o castelo non chega ata o século X cando o rei Bermudo II se refuxia na fortaleza durante a batalla de Portela Arenaria, en Vilasobroso, no ano de 983 entre os seus partidarios e as tropas de Ramiro III, rei de León. En tempos de Afonso V o Nobre é conquistado e saqueado por Almanzor. No ano 1095 os reis de Galicia, dona Urraca e Raimundo de Borgoña, concédenlle o señorío de Sobroso ao bispo de Tui, Aderico. A histórica vila onde se localiza o castelo aparece por primeira vez documentalmente citada baixo o título de Villa de San Martini de Portela subcastelo de Suveroso no ano 1170 nunha escritura de doazón Real de Fernando II de León ao bispo de Tui.

Moitos historiadores atrasan a súa construción aos séculos IX, X e XI. Dende entón converteuse nun importante baluarte do sur de Galicia.

Polas súas estancias pasou a raíña Urraca, o seu fillo o rei Afonso VII (que foi coroado rei neste castelo), e os Sobroso, familia propietaria do castelo, emparentados co rei Afonso IX. No ano 1117 dona Urraca, tralo seu segundo casamento con Afonso I de Aragón, foi cercada polo exército dos partidarios do seu fillo. Asediada polo conde de Traba e Tareixa de Portugal, a raíña fuxiu supostamente por un pasadizo que a levou até as ribeiras de Tea exiliándose a León, onde comezou as negociacións co bispo Diego Xelmírez, feitos estes narrados na Historia Compostelá.

 
Detalle da fortificación.
 
Porta principal.

No ano 1190 o rei Fernando II nomea tenens do castelo a Pedro Muniz. Tamén aquí se celebrou a voda do rei de Portugal, Dinís I, con Isabel, filla de Pedro III de Aragón, máis tarde canonizada como santa Isabel de Portugal. No ano 1275, María Alfonso, sendo monxa no convento de Tabara, deu a súa parte do castelo ao abade Gómez Fernández que rexía o mosteiro de Melón. No ano 1368 o castelo é posesión de Álvaro Pires de Castro, irmán de Inés de Castro, representante en Galicia de Pedro I de Castela, o Cruel, que despois do triunfo de Henrique II se ve obrigado a refuxiarse en Portugal, onde recibe do rei Fernando I de Portugal os condados de Arraiolos e de Viana da Foz do Lima. A fortaleza foille outorgada a Pedro Ruíz Sarmiento, adiantado maior de Galicia e señor de Ribadavia, polo rei Xoán I, no ano 1379.

As páxinas máis relevantes da súa historia tiveron lugar nos séculos XV e XVI, coas familias Sarmiento e Soutomaior. Álvaro Páez, irmán do Madruga, asediou o castelo e levou alí a García Sarmiento, fillo de Diego Páez. Dise que o tiña atado de mans sobre unha mesa á vista dos defensores, pedíndolles que lle entregasen o castelo, pois do contrario lle cortaría a cabeza, ao que lle responderon que o podía matar porque non o ían deixar entrar.[1]

As revoltas irmandiñas tiveron neste castelo un destacado protagonismo. Tras sufocarse a revolta, Diego García Sarmiento reconstrúe o castelo pero pouco despois Pedro Madruga apoderouse de Sobroso, e perdeuno durante o seu cativerio en Benavente (1477-1478). Unha vez libre, tratou infrutuosamente de recuperalo con 5.000 infantes e 1.000 cabaleiros, polo que levantou o veciño castelo da Picaraña.

Os Reis Católicos ordenaron o seu derrube dúas veces en 1481 e 1486, pero este non se levou a cabo e a fortaleza pasou a mans dos Sarmiento, señores de Sobroso e Salvaterra, á cabeza dunha ampla xurisdición até o século XVIII. Foi perdendo paulatinamente o seu papel defensivo, que foi seguido dun período de abandono e progresiva ruína de douscentos anos.

Abandono e recuperación

editar

Ao principio do século XX, quedou en poder da familia dos Hijar e, máis tarde, do conde de Torrecedeira, que en 1923 vendeu as súas ruínas por 5000 pesetas ao xornalista Alejo Carrera, primeiro pedáneo da entidade local menor de Vilasobroso e primeiro alcalde republicano de Mondariz. Alejo Carrera Muñoz, que se autoproclamou señor de Sobroso, realizou traballos de restauración até o ano 1967. Primeiro construíu unha ponte e unha estrada de acceso; despois foi restaurando as torres pouco a pouco[Cómpre referencia]. Organizaba actividades culturais e literarias e o castelo estaba aberto ás visitas. Faleceu o 18 de xullo de 1967 e está soterrado no seu mausoleo familiar, preto da entrada ó recinto do castelo, no Cemiterio Parroquial de Vilasobroso.

Posteriormente o castelo foi adquirido polo concello de Ponteareas no ano 1981 a Zita Teresa Carrera Ferreira, a única filla herdeira de Alejo Carrera Muñoz. O concello realizou novas obras de restauración a partir do ano 1995.

Descrición

editar
 
Capela do castelo.

De pequenas dimensións e planta poligonal irregular ocupa un espazo de 360 metros cadrados. Rodéase dun camiño costento que formaba parte da súa defensa. Este amplo camiño de ronda atravesa o ángulo nordeste do recinto interior, sostido por canzorros de pedra. O seu estilo é da románico compostelán. Componse de tres corpos: cerca exterior, corpo residencial e a torre da homenaxe.

Edificada en bos perpiaños conserva boa parte dos muros, a entrada e algunha torre defensiva, de planta circular. Protéxese polos lados vulnerables cun talude en declive. A muralla exterior ten forma ovalada no seu lado norte e segue o primitivo trazo medieval e no resto forma poligonal resultado da reconstrución levada a cabo no século XV.

Os elementos máis antigos conservados son a galería gótica na esquina norte da cruxía rectangular, que semella orixinal e non da restauración feita no século XIX, e o trazado das murallas en cremalleira que deixou de usarse a finais do século XV. Nas obras de restauración apareceu un escudo do reino de Galicia que hoxe coroa a entrada principal do espazo amurallado. Na porta situada no leste atópase un escudo dos Sarmiento e os Valladares. Tamén se conserva a capela, de estilo románico e planta rectangular, no lado norte do patio de armas.

A torre da homenaxe

editar
 
Torre da homenaxe.

A torre da homenaxe ten forma de L e sitúase ao oeste, pegada ao corpo poligonal. Cunha altura de trece metros, está realizada en perpiaños que conservan gran cantidade de marcas de canteiros e brasóns. Os muros chegan a ter un espesor de metro e medio. Remátase cun parapeto voado de complexa moldura e garitas cilíndricas nas esquinas apoiadas en modillóns escalonados en tronco de cono de estrutura similar. Na base, as latrinas da torre da homenaxe do castelo de Puebla de Sanabria, que son de influencia castelá e tamén se poden ver en Monterrei, Castro Caldelas e Tebra, e con ameas montadas sobre un pretil cego que se apoia sobre un pequeno beiril a modo de moldura en cincha.

O corpo residencial

editar

Presenta planta poligonal irregular e divídese internamente en dous andares. O inferior acolle o corpo de garda e presenta aperturas a modo de troneiras defensivas. No interior, no espazo habitacional destaca a estancia máis nobre, a sala dos señores, hoxe en día preparada para a celebración de actos sociais e culturais. Dela parte unha escaleira que leva á muralla interna composta de muros perforados por troneiras. Conserva unha cociña con lareira e un decorado dormitorio en liño.

Situación actual

editar
 
Tear no museo.

Na actualidade atópase en excelente estado de conservación e é propiedade do veciño concello de Ponteareas, vila que dista sete quilómetros. Este converteuno nun lugar no que recreou a vida medieval e unha tradicional casa rural, con lugares dedicados a expoñer a artesanía do liño (incluso se pode ver un batán), e outras artesanías configurando un Museo etnográfico, amais dun significativo Museo do Traxe Galego e un centro de recuperación da cultura popular. O conxunto denomínase Museo histórico e etnográfico do Condado.

Na contorna pódense atopar até sesenta e seis especies arbóreas autóctonas, co protagonismo de carballos e sobreiras que lle deron nome ao castelo e ó lugar.

Galería de imaxes

editar
  1. Galicia feudal, Victoria Armesto, Galaxia, 1969.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
...Enxoiado o Soberoso
lucía entón as riquezas
de albos tisús e brocados
de ouro e fermosas pedras
que atesouraba algún tempo
aquela morada rexia.
Emilia Estévez Villaverde,
Lenda do Castelo do Soberoso,
Airiños do meu lugar, 1963.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar