Abrir o menú principal
Sede administrativa da entidade local Arcos da Condesa (Caldas de Reis).

Dentro da división territorial dos concellos existen casos particulares que se constitúen en Entidades Locais Menores, entes con personalidade xurídica propia de ámbito inferior ó municipal creados para facilita-la administración descentralizada de núcleos de poboación afastados da capital municipal[1].

Esta figura está presente nas distintas comunidades autonómicas, onde recibe diferentes denominacións: Entidade local autónoma en Andalucía, Entidade municipal descentralizada en Cataluña ou pedanía na Comunidade Valenciana e Murcia. En Galicia recibe tamén o nome de pedanía[Cómpre referencia].

Corresponden ó que tradicionalmente se viña denominando casaríos, parroquias, aldeas, lugares, concellos abertos, anexos e outras figuras análogas. Estas entidades de poboación poden solicita-lo recoñecemento como Entidade Local Menor se cumpren determinadas condicións.

Índice

RegulaciónEditar

A creación, organización e funcionamento das Entidades Locais está contemplada na lei 7/1985 Reguladora de Bases do Réxime Local [2] que delega na lexislación autonómica a regulación do seu funcionamento. En Galicia, están reguladas pola Lei 5/1997, de Administración Local de Galicia [3].

O status de Entidade Local Menor foi recoñecido por primeira vez trala aprobación do Estatuto municipal do ano 1924, que as definía como un núcleo separado de edificacións, formado por un conxunto de persoas e bens, con dereitos e intereses peculiares e colectivos diferenciados dos xerais do municipio.

A iniciativa do nomeamento ha partir sempre da poboación interesada aínda que a súa solicitude debe ser aprobada polo concello ó que pertence ese lugar. Están presididas por un alcalde pedáneo e un órgano colexiado de control (a xunta veciñal), que forma parte da corporación municipal ó que pertenza esa entidade. Tamén existe a posibilidade de funcionar en réxime de concello aberto.

A designación das persoas que forman a xunta veciñal faise de acordo cos resultados das eleccións municipais correspondentes. O alcalde pedáneo é elixido directamente polos veciños da entidade, nun proceso electoral que coincide coas eleccións locais; as súas funcións son ordenar pagos e render contas, aplica-los orzamentos da entidade etc. Os membros da xunta veciñal, en número par que oscila entre 2 e 4 segundo a poboación, desígnanse tamén de acordo coa lexislación electoral xeral.

A lei de Administración local de Galicia establece á súa vez certas condicións ós núcleos de poboación que queiran constituírse en Entidade Local Menor: estar situados lonxe da capital municipal, reunir certas características peculiares propias, dispoñer de recursos suficientes para o seu funcionamento, e que a súa creación non condicione significativamente a capacidade económica do concello de modo que este non se ha ver impedido para mante-los servizos que preste ós veciños. Tamén establece que o núcleo que ostente a capitalidade municipal non pode constituírse en Entidade Local Menor.

As competencias das Entidades Locais Menores tamén están establecidas por lei: administración e defensa do seu patrimonio local, execución de obras e prestación de servizos de interese local (que deben asumir con fondos propios), vixilancia e mantemento de camiños rurais, montes, fontes e lavadoiros. O concello pode delegar nestas entidades funcións que lle sexan propias, sempre que estas o acepten e previa asignación dos recursos necesarios para asumir esas funcións.

Entidades locais menores en GaliciaEditar

 
Distribución das nove Entidades Locais Menores existentes en Galicia
 
Entidade Local Menor de Camposancos (A Guarda)

En Galicia existen nove entidades deste tipo, oito na provincia de Pontevedra e unha na de Ourense.

  • Arcos da Condesa (en Caldas de Reis), recoñecida como Entidade Local Menor por Decreto de 18 de xaneiro de 1946[4]. Xa fora un "Couto" en tempos do Antigo Réxime aínda que non chegou a ser concello propio no momento da configuración dos concellos constitucionais.
  • Bembrive (Vigo), constituída o 12 de xuño de 1945[5]. Formou parte nun primeiro momento da xurisdición de Bouzas, logo do concello de Lavadores, en 1836, para ser definitivamente adscrita ó concello de Vigo en 1936, xunto coas outras parroquias que formaban Lavadores.
  • Berán (Leiro), constituída o 13 de decembro de 1924[6]. Antes da constitución dos concellos no século XIX pertencía á xurisdición de Carballeda de Avia. Na primeira distribución municipal formou parte do concello de Beade, do que se segregou posteriormente para integrarse no de Leiro.
  • Camposancos (A Guarda), constituída oficialmente o 23 de maio de 1925[7]. Xa viña funcionando cunha Xunta Administrativa propia desde 1870 para a xestión dos bens do Couto de Camposancos, o que a converte na entidade máis antiga de Galicia. A parroquia de Camposantos foi creada en 1798, tras desagregarse da de San Lourenzo de Salcidos. Chegou a constituírse en concello propio antes da designación constitucional dos concellos, se ben en 1836 queda incluída dentro do concello da Guarda.
  • Chenlo (O Porriño), constituída en 1920[8]. A parroquia de Chenlo formou parte do concello do Porriño desde a constitución dos concellos galegos de 1836. Anteriormente pertenceu ó concello de Mosende (1812-1821) no que reclamou manterse sen éxito.
  • Morgadáns (Gondomar), constituída o 7 de agosto de 1932[9]. Pertenceu primeiro á xurisdición de Baiona para formar despois concello propio ata a distribución municipal definitiva de 1836, cando foi definitivamente integrada en Gondomar. Xa en 1844 hai constancia de que os veciños de Morgadáns, xunto ós da parroquia veciña de Chaín reclamaron infrutuosamente formar concello, con capital en San Roque de Morgadáns, hoxe un lugar desta parroquia. Trala Guerra Civil suspendeu as súas actividades ata 1955. Entre os bens que xestiona destaca o monte do Galiñeiro.
  • Pazos de Reis (Tui), constituída en 1926[10]. O seu recoñecemento tivo que vence-la resistencia dos veciños de Tui.
  • Queimadelos (Mondariz), constituída o 21 de febreiro de 1935[11]. Pertenceu á xurisdición de Sobroso para pasar posteriormente a integrarse no concello de Mondariz. Xestiona os montes de Peralta, Lagoa e Portela.
  • Vilasobroso (Mondariz), constituída o 13 de setembro de 1924[12]. No antigo réxime o seu territorio foi Cabeza de Señorío de Sobroso xa que formaba parte da mesma xurisdición do seu nome, como Vila San Martini de Portela en subcastelo de Sobroso. Despois denominada San Martiño da Portela (polo que o seu primeiro nome foi o de Entidade Local Menor de Portela), pasa a toma-lo nome de San Martiño de Vilasobroso por Real Orde do Goberno de Afonso XIII o día 22 de maio de 1926 (publicado nesa data na Gaceta de Madrid). Nesta parroquia atópase o castelo de Vilasobroso, hoxe propiedade do concello de Ponteareas.

Todas están integradas na FEGAMP como entes independentes do seu concello.

EscudosEditar

Como se fosen un concello calquera, e en contraste coas parroquias, as ELM tamén teñen escudo e bandeira oficial:

NotasEditar

Véxase taménEditar