Avea común

especie de planta
(Redirección desde «Avena sativa»)

A avea común (Avena sativa) é unha especie botánica pertencente á familia das poáceas, tamén é coñecida coma avea branca ou simplemente avea. Os grans e os flocos de avea son aptos para o consumo humano. Tamén se cultiva para alimento do gando coma pasto ou forraxe. Entre os anos 1998 e 2007 o principal destino da avea foi a alimentación animal que levou o 71,4% da produción mundial, o consumo humano levou o 13,2%, e a reserva de semente totalizou o 12,7%. O 2,7% restante corresponde a perdas e outros usos[1].

Esta planta ten un caule de 50-100 cm de altura e as follas son alternadas, lanceoladas e planas. Ten unha panícula con espigas duns 2 cm de largura. O froito é o cereal utilizado en todo o mundo como alimento.

Etimoloxía editar

O termo galego avea (en portugués aveia), provén do latín avena, nome que se lle daba á mesma planta. O nome específico sativa provén da verba latina sativus- a- um, que significa o que se cultiva ou planta.

Orixe editar

O antepasado bravo da avea común (Avena sativa) e da avea forraxeira amarela (Avena byzantina) é a avea bouba hexaploide Avena sterilis. Análises xenéticas mostran que as formas ancestrais de Avena sterilis medraban no Crecente Fértil do Oriente Medio. As aveas domesticadas aparecen relativamente tarde, e lonxe do Oriente Próximo, na Idade de Bronce en Europa.

A avea, e tamén o centeo, son xeralmente considerados cereais secundarios, isto é, derivados dunha mala herba do trigo e da cebada, cereais primarios domesticados. O espallamento destes cerais ao oeste, cara áreas máis húmidas e frías, pode ter mellorado a compoñente brava da avea e, en consecuencia, levar á súa domesticación[2].

Descrición editar

A avea medra a xeito de planta herbácea de até 1,5 m de altura. Raíces reticulares e potentes, máis abundantes e profundas que no resto de cereais. Talo groso e recto con broullas, baleiro por dentro e pouco resistente ao envorcado (encamado), formado por varios entrenós que terminan en grandes broullas ou nós. O tamaño do talo vai dos 40 aos 140 cm. As follas son lineares, planas, lanceoladas e alongadas, co limbo de cor verde máis ou menos escuro e con pelos na base que o fan áspero ao tacto, sen estípulas e cunha nerviación paralela e bastante marcada. Poden acadar os 45 cm de lonxitude e dos 3 aos 15 mm de largura. Na unión do limbo co talo presentan unha lígula con forma oval e de cor abrancazada, bastante miúda. A disposición no talo é alterna. As inflorescencias son racemosa, en panículas de até 40 cm. Constan dun acio de espiguillas, cun par de pequenas brácteas na base, chamadas glumas, sobre as cales se dispoñen entre dous e tres flores hermafroditas que adoptan unha posición curvada. As glumas son subiguais, de 35 a 50 mm, e presentan de 7 a 9 nervios. O raque do espigallo non se desartella na madureza. As flores son hermafroditas, miúdass e con simetría bilateral, cada unha delas arrodeada por dúas brácteas chamadas glumelas. As glumelas son glabras ou pouco pilosas. A inferior mide de 12 a 25 mm e é bidentada no ápice. A aresta mide de 15 a 40 mm e se inserta en medio do dorso. A glumela superior é tan longacoma a inferior e ten o bordo hialino e dúas cristas ciliadas. Ten dúas lodículas enteiras ou bidentadas. O androceo está formado por tres estames de filamentos longos e magros. As anteras son longas, basifixas, saxitadas e grandes, de cor amarela. As dúas tecas dispóñense formando unha especie de X que vibra co vento. O xineceo é tricarpelar, unilocular e cun ovario súpero. Este fica coroado con dous ou tres estigmas longos e moi plumosos. O froito é un cariópside fusiforme e pilón, cun suco ventral profundo e dun tamaño aproximado de 8-11 x 2-2.5 mm. Normalmente se atopa arrodeado polas glumelas superior e inferior. Contén unha soa semente soldada á parede do ovario. É un froito moi rico en substancias de reserva.

Usos editar

 
Ilustración da avea común (Avena sativa)

Alimentario editar

Avea común
Valor nutricional por 100 g
Enerxía1 628 kJ (389 kcal)
66.3 g
Fibra alimentaria11.6 g
6.9 g
Saturadas1.21 g
Monoinsaturadas2.18 g
Poliinsaturadas2.54 g
16.9 g
VitaminasCantidade
%DV
Tiamina (B1)
66%
0.763 mg
Riboflavina (B2)
12%
0.139 mg
Niacina (B3)
6%
0.961 mg
Ácido pantoteico (B5)
27%
1.349 mg
Vitamina B6
9%
0.12 mg
Ácido fólico (B9)
14%
56 μg
MineraisCantidade
%DV
Calcio
5%
54 mg
Ferro
38%
5 mg
Magnesio
50%
177 mg
Manganeso
233%
4.9 mg
Fósforo
75%
523 mg
Potasio
9%
429 mg
Sodio
0%
2 mg
Cinc
42%
4 mg
Outros constituíntesCantidade
β-glucan4 g

As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos.

A avea ten numerosos usos na alimentación, normalmente enrólase ou esmágase para facer flocos de avea, ou móese en fariña fina de avea. A fariña de avea principalmente cómese en papas de avea, mais tamén pode ser utilizada nunha gran variedade de produtos de panificación, tales como bolos, biscoitos e pans de avea. A avea é tamén un ingrediente en moitos cereais fríos, en particular, muesli e granola. A avea tamén pode ser consumida crúa, pro exemplo as galletas con avea estanse a tornar moi populares.

Úsase tamén a avea en varias bebidas. Na Gran Bretaña, úsase para a produción de cervexa. O leite de avea é unha bebida fría e doce feita de avea moída e leite, é unha bebida popular en toda a América Latina. O caudle de avea, feito a base de cervexa e fariña de avea con especias, era unha bebida tradicional británica e unha das favoritas de Oliver Cromwell.[3][4]

A avea é tamén amplamente utilizada como espesante en sopas, coma se fai co orxo ou co arroz noutros países.

Pecuario editar

A avea adóitase utilizar comunmente como alimento para os cabalos. A casca de avea debe ser triturada para se virar comestíbel para as bestas. O gado tamén se alimenta con avea, en gran, en po ou cunha fariña grosa usando un muíño cilíndrico, un muíño de broca ou un muíño de martelos.

A palla de avea valórase polos produtores de cabalos como leito para o gado, por mor á súa suavidade, por estar libre de poeira, e como absorbente natural. A palla tamén pode ser usada para facer zorras de millo. Amarrada nun saco de muselina, a palla de avea foi usada par amaciar a auga do baño.

Saúde editar

A avea considérase xeralmente un alimento saudábel e nutritivo. A descuberta das propiedades saudábeis para baixar o colesterol levou a unha apreciación aínda maior da avea coma alimento humano.

Fibra solúbel editar

O farelo de avea é o invólucro exterior da avea. O seu consumo reduce o colesterol LDL - o colesterol "malo" - e, tamén é considerado un dos alimentos que poden reducir o risco de doenza cardíaca.

A avea contén máis fibra solúbel que calquera outro gran, resultando unha dixestión máis devagar e unha sensación prolongada de saciedade[5]. Tense probado que un tipo de fibra solúbel, o beta-glucano, axuda a diminuír o colesterol.

Despois da publicación de artigos sobre as investigacións que unha dieta rica en avea pode axudar a reducir o colesterol[6], provocou unha febre polo farelo de avea nos EUA a finais de 1980, atinxindo o pico en 1989, cando se comercializaron patacas chips con farelo de avea engadido. A moda dos alimentos con avea foi de curta duración e foi desbotada nos anos 90. A popularidade de fariña de avea e outros produtos de avea volveron a aumentar despois dunha decisión en xaneiro de 1998 da Administración de Alimentos e Medicamentos (Food and Drug Administration, FDA), cando divulgou unha regra final que permitía ás empresas alimentarias a facer unha alegación de saúde nos alimentos que conteñen fibra solúbel de avea (farelo, fariña e flocos), rotulando que 3,00 g diarios de fibra solúbel destes alimentos pode reducir o risco de doenza cardíaca. O alimento integral de avea debe fornecer polo menos 0,75 gramos de fibra solúbel por porción. A fibra solúbel da avea integral ten unha clase de polisacáridos coñecidos como beta-D-glucanos.

Os beta-D-glucanos, ou beta-glucanos, comprenden unha clase de polisacáridos non dixeríbeis que se atopan a miúdo nas fontes naturais tales como grans, orxo, fermentos, bacterias, algas e fungos. Na avea, no orxo e noutros cereais, están localizados principalmente na parede celular do endosperma.

O beta-glucano da avea é unha fibra solúbel e é un polisacárido viscoso formado por unidades do monosacárido D-glicosa. Tamén se compón de polisacáridos de ligazón mixta, isto é, que os enlaces entre as unidades D-glicosa ou D-glicopiranosil son beta-ligazóns 1, 3 ou 1, 4. Este tipo de beta-glucano tamén se refire como unha ligazón mixta (1 → 3) ou (1 → 4)-beta-D-glucano. As ligazóns (1 → 3) creban a estrutura uniforme da molécula de beta-D-glucano e tórnana solúbel e flexíbel. En comparación, a celulosa polisacárida non dixeríbel é tamén un beta-glucano, mais non é solúbel. A razón pola cal é insolúbel a celulosa consiste só en beta-D-ligazóns (1 → 4). As porcentaxes de beta-glucano nos diferentes produtos de avea integrais son: farelo de avea, maior do 5,5% e até 23,0%; avea en flocos, cerca de 4%, e fariña de avea cerca de 4%.

A avea, só atrás do millo, ten o maior contido de lípidos que calquera outro cereal, por exemplo, a avea ten 10% e algúns cultivares de millo teñen 17%, en comparación co trigo e coa maioría dos outros cereais teñen preto do 2 ou 3%. O contido lipídico polar na avea (cerca do 8-17% de glicolípidos e 10-20% de fosfolípidos ou un total de cerca de 33%) é maior que a doutros cereais, xa que a maior parte da fracción lipídica está contida dentro do endosperma.

Proteína editar

A avea é o único cereal que contén só unha proteína tipo globulina ou leguminosa, a avenalina, como a proteína de almacenamento principal (80%)[7]. As globulinas caracterízanse pola solubilidade en solución salina diluída. As proteínas de cereais mais típicos, como o glute ou a zeína, son prolaminas. A proteína menor da avea é unha prolamina, a avenina. As proteínas da avea son case equivalente ás da soia; as investigacións da Organización Mundial da Saúde mostraron que son semellantes ás proteínas da carne, do leite ou do ovo[8]. O contido en proteínas das cascas do núcleo da avea varía do 12-24%, o maior entre os cereais.

Propiedades e contraindicacións editar

A súa semente é alimentaria, proporcionando calcio e substancias minerais (cobalto, cobre, ferro, manganeso, zinc). Emprégase en tratamentos do sistema nervioso e contra o desvelo ou insomnio e como fortificante no caso de diabetes e dispepsias. Emprégase en curas de desintoxicación do tabaco. Suaviza e tonifica a pel, utilizándose industrialmente en xampús, xabróns, cremas e locións. Utilízase moito como materia prima para a alimentación de animais pois é rica en nutrientes.

A avea, o mesmo que o trigo, o orxo, o malte e o centeo, posúe glute na súa composición, deste xeito, non debe ser consumido por celíacos, xa que ten como consecuencia (no caso de ser consumida), unha atrofia das mucosas do intestino delgado, prexudicando o organismo e a absorción de diversos nutrientes.

O extrato de avea pódese utilizar tamén para aliviar irritacións da pel.

A avea tense usado tradicionalmente con fins medicinais, inclusive para axudar a equilibrar o ciclo menstrual, o tratamento da dismenorrea, e para a osteoporose e infeccións do tracto urinario.[9]

Cultivo editar

 
Avea en Saskatchewan preto da época de colleita

A avea cultívase en todas as zonas temperadas, pois ten unha menor esixencia de calor estival e maior tolerancia pluvial que outros cereais, coma o trigo, o centeo ou o orxo, por iso son particularmente importantes en áreas con veráns húmidos, como o Noroeste de Europa, chegando a ser cultivada con éxito en Islandia. A avea é unha planta anual, e pode ser plantada tanto no outono (para a colleita final do verán) ou na primavera (outono para a colleita temperá).

O plantío da avea en Galicia vén da antigüidade. Noutros lugares, coma no Brasil, é relativamente novo, da década de 1970. A avea seméntase na primavera ou a comezos do verán, en canto o solo está pronto. Unha xermolación ceda é crucial para obter unha boa colleita, xa que a avea fica en dormencia en veráns calorosos. En áreas cálidas, a avea seméntase a finais do verán ou a comezos do outono. A avea é tolerante ao frío, e non lle afectan as xeadas serodias ou a neve.

Normalmente seméntanse arredor dos 125 aos 175 Kg/ha, usando un subsolador ou unha sementadora. Empréganse menores taxas cando se sementa xunto con leguminosas. Taxas algo máis altas poden usarse en solos de boa calidade ou cando existen problemas de malas herbas. Porén cómpre ter en conta que unha densidade moi alta pode dar lugar a problemas de espazo, reducindo a colleita.

A avea de inverno pode cultivarse coma un pasteiro fóra de tempada, para ser incorporada co arado de novo no solo na primavera seguinte coma fertilizante verde, pastoreo de forraxe de inverno ou colleitado a comezos do verán.

Requisitos de fertilización editar

A avea absorbe cantidades considerábeis de nitróxeno do solo. Tamén toma fósforo na forma P2O5 Polo que se bota fosfato nunha cantidade de 30 a 40 Kg/ha. A avea tamén consome potasio (K2O); adoita botarse arredor dos 15–30 Kg/ha. Normalmente botamos uns 50-100 Kg/ha de nitróxeno en forma uréica ou amoniacal. O nitróxeno é importante para que a planta acade unha altura de abondo, e polo tanto obter unha boa cantidade de palla de calidade. Se na leira onde sementamos a avea platáramos o ano anterior algún lugume, ou cando se botan cantidades altas de esterco, podemos reducir a fertilización con nitróxeno.

Control de herbas daniñas editar

O vizoso crecemento da avea común tende a afogar a meirande parte das herbas adventicias. Só unhas poucas plantas que medran máis altas, como as ambrosías (Ambrosia spp.), a mostaza branca ( Sinapis alba), a Galium aparine, ou plantas do xénero Diodia, supoñen ás veces un problema que dificultan a colleita e diminúen o rendemento final. Poden controlarse cunha modesta dose de herbicida foliar coma o 2,4-D, mentres a maleza é aínda miúda.

Pragas e doenzas editar

A avea ten moi poucas enfermidades e pestes, agás algunhas relacionadas coas follas ou co caule, coma a ferruxe que causa o fungo Puccinia graminis. Uns poucos lepidópteros, e eirugas se alimentan destas plantas, por exemplo as avelaíñas: Apamea sordens e Xestia c-nigrum, mais estes raramente se tornan unha peste considerábel.

Colleita editar

 
Colleitando avea en Jølster, Noruega contra 1890. (foto de Axel Lindahl, Museo Noruegués de Antropoloxía)

As técnicas modernas de colleita dependen do equipamento dispoñíbel, a tradición local e mais das prioridades.

Os agricultores, procurando un máximo rendemento, colleitan cando os grans acadan un 35% de humidade, ou cando os grans máis verdes están xusto tornando a cor crema. Despois colléitase por fileiras, cortando as plantas a uns 10 cm por riba do chan, amoreando a palla en feixes e deixando todo gran orientado no mesmo lado. Os feixes secan uns días ao sol para despois apañarse mecanicamente e finalmente facer as balas de palla.

Tamén pode deixarse a avea en pé até estar completamente madura antes de a colleitar. Isto provoca unha maior perda de rendemento, tanto en palla coma en gran, xa que parte deste cae antes das espigas.

A colleita tradicional implicaba apañar a avea cunha gadaña ou unha fouce, e mallala esmagándoa cos pés do gado. A finais do século XIX e principios do XX, a colleita realizábase cun aglutinante, o gran era reunido e levado a unha máquina malladora.

Almacenaxe editar

Despois do embalado a avea transpórtase á planta ou granxa usando un transporte axeitado para o gran, e almacénase nun silo. A avea pode almacenarse de forma segura a un 12% de humidade, a niveis máis altos de humidade cómpre secala ou aireala.

Produción, consumo e comercio editar

Os dez maiores produtores de avea
Colleita 2015/2016
(Millóns de toneladas)
  Unión Europea 7,498
  Rusia 4,527
  Canadá 3,430
  Australia 1,308
  Estados Unidos 1,300
  Brasil 0,740
  China 0,600
  Arxentina 0,553
  Chile 0,533
  Ucraína 0,498
Total mundial 22,603
Fonte:[10]
 
Países produtores de avea en 2005.

Durante o período 2002-2011, a avea foi o sétimo cereal no mundo, tanto en superficie cultivada como en produción, representando o 1,8% e o 1,2% respectivamente do total. Debido a que a avea se adapta moi ben a climas fríos e húmidos, os maiores países produtores áchanse entre os 35º e os 50º de latitude norte e os 20º e 40º de latitude sur, concentrándose o 87% da produción mundial no período 2007-2011 nos países da Unión Europea, de América do Norte e da desaparecida Unión Soviética[1].

Nas últimas cinco décadas reduciuse a superficie cultivada á cuarta parte, pasando de 42,3 millóns de hectáreas na colleita de 1960/1961 a 11 millóns de hectáreas na colleita de 2011/2012. Porén, o rendemento aumentou tamén dun xeito significativo, pasando de 1.481 kg/ha no período 1960/1969 a 1.975 kg/ha no período 2000/2009, practicamente 500 kg/ha máis, que porcentualmente supón un incremento do 33%. Os maiores rendementos medios observados foron de 5.000 kg/ha no período 2006-2010, e déronse en países europeos, concretamente en Irlanda, Reino Unido, Bélxica, Países Baixos e Suíza[1].

Os maíores produtores mundiais son a Unión Europea, Rusia, Canadá, Australia e Estados Unidos que xuntos representaban o 80% da colleita mundial de 2015/2016[10]. Individualmente, o maior produtor é Rusia, posto que ocupaba Estados Unidos na década de 1960. Polonia, España, Finlandia, o Reino Unido e Alemaña representan aproximadamente o 60% da produción da UE. En América do Sur os principais produtores son o Brasil, a Arxentina e Chile, destacando o crecemento deste último país que en dúas décadas aumentou en máis do dobre a súa produción.[1]

Os maiores produtores son tamén os maiores consumidores. En 2015/2016 foron a UE (7,48 millóns de toneladas), Rusia (4,6), Estados Unidos (2,7), Canadá (1,62) e Australia (1)[10]. O liderado en consumo anual per cápita en 2007 foi para Belarús (9,35 quilogramos por habitante), seguida de Dinamarca (7,81 kg/hab) e Letonia (7,23 kg/hab)[1].

O principal exportador é Canadá que, no período 2007/2011, exportou o 80% do volume internacional comercializado; ségueo moi de lonxe Australia, co 8,6%. O maior importador é Estados Unidos co 83,4% da avea importada no período sinalado; o segundo maior importador é México co 4,1%[1].

Etnoloxía editar

Moi usada en Galicia no pasado polas súas propiedades nutritivas, especialmente dábaselle aos enfermos en xeito de tortas chamadas: afreitas[11].

Refraneiro editar

Refírese ás súas propiedades nutritivas:

  • Mais val comer pan de avèa ca ir à arca allèa.
  • O cura das malas avèas polas súas mide as allèas.
  • O que ten pan d'avea, non vai à arca allea
  • Pan de avea peneira chea.
  • O que tèn avea, non pasa sen cea.[11]

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Embrapa Trigo, ed. (agosto 2012). "A aveia no mundo" (en portugués). 
  2. Zhou, X.; Jellen, E.N.; Murphy, J.P. (xullo 1999). "Progenitor germplasm of domesticated hexaploid oat". Crop science (en inglés). 39(4): 1208–1214. doi:10.2135/cropsci1999.0011183X003900040042x. 
  3. Eliza Smith (1739). The Compleat Housewife (en inglés). p. 169. 
  4. Ken Albala (2003). Food in Early Modern Europe (en inglés). Greenwood Publishing Group. ISBN 0-313-31962-6. 
  5. Mais equilíbrio (ed.). "Aveia, saúde em sua mesa". CyberDiet (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2016. Consultado o 15 de setembro de 2016. 
  6. AmericanHeart.org
  7. Peter R. Shewry; Johnathan A. Napier; Arthur S. Tatham (xullo 1995). American Society of Plant Physiologists, ed. "Seed Storage Proteins: Structures and Biosynthesis" (PDF). The Plant Cell (en inglés) 7: 945–956. 
  8. Lasztity, Radomir (1999). Akademiai Kiado, ed. The Chemistry of Cereal Proteins (en inglés). ISBN 978-0849327636. 
  9. James A. Duke (2002). Handbook of medicinal herbs (en inglés). CRC Press. 
  10. 10,0 10,1 10,2 United States Department of Agriculture (ed.). "World oats production, consumption, and stocks". Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2018. Consultado o 15 de setembro de 2016. 
  11. 11,0 11,1 Instituto da Lingua Galega, USC (ed.). "avea". Diciadonario de dicionarios. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar