Aiazo, Frades

parroquia civil do concello de Frades

San Pedro de Aiazo[1] é unha parroquia civil do concello de Frades. Segundo o INE, en 2023 tiña 148 habitantes (84 homes e 64 mulleres) distribuídos en 3 entidades principais de poboación (Fontelo, Fonsá e A Devesa).

Aiazo
Casas de Fontelo nevadas
ConcelloFrades[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°00′47″N 8°17′02″O / 43.013, -8.284Coordenadas: 43°00′47″N 8°17′02″O / 43.013, -8.284
Área4,84 km²
Poboación148 hab. (2023)
Densidade30,58 hab./km²
Entidades de poboación3[1]
editar datos en Wikidata ]

Xeografía editar

Situación editar

Aiazo sitúase no suroeste do concello de Frades (Comarca de Ordes), a 30 km de Santiago de Compostela, a 50 km da Coruña e a 72 km de Lugo. Ao sur está separado polo río Tambre das parroquias de Lardeiros e Pastor do Pino, xa na comarca de Arzúa, ao norte linda coas parroquias fradenses de Moar e Frades, polo leste coa parroquia de Gafoi e polo oeste coa parroquia de Pasarelos de Oroso.

Orografía editar

O relevo está condicionado polo paso dos ríos Maruzo (polo norte) e Tambre (polo sur). O seu territorio ten suaves outeiros cuxas alturas van dos 267 msnm, na zona da Hedra, no val do Tambre e ao suroeste de Aiazo; até os 356 msnm no Coto dos Cregos, no leste da parroquia ou os 355 msnm no Coto do Alto, no oeste de Aiazo.[2]

Atópase na zona xeolóxica do complexo dos xistos de Ordes.

Clima editar

O clima de Aiazo é oceánico, con abundantes precipitacións e temperaturas suaves, en torno aos 12 °C de media anual. Os invernos son frescos e chuviosos, con frecuencia a temperatura está arredor do 0 °C polas noites, polo que hai abundantes xeadas e mesmo nevadas esporádicas de pouca importancia, mentres que os veráns son relativamente secos e cálidos, con temperaturas que superan con facilidade os 25 °C.

Demografía editar

 
Carballeira de Aiazo.

Aiazo ten unha poboación con tendencia ao avellentamento e reducida, arredor dos 150 habitantes. A tendencia ao despoboamento e avellentamento é algo menos acusada có resto do concello de Frades. Desde o ano 2000 até o 2019 Aiazo perdeu o 17% da súa poboación, mentres que o termo municipal no seu conxunto perdeu o 24% da súa poboación total. Existe unha emigración a centros urbanos, sen inmigración significativa e con baixa natalidade.

Nos primeiros anos do século amosara resultados demográficos mellores cós da súa contorna, rexistrando incluso retornados e inmigrantes de idade media. A crise de 2008, así como a mellora nos tempos de transporte por estrada a centros de traballo próximos, favorecera certa estabilidade demográfica pero continuou a perder habitantes, rexistrando en 2019 menos de 150 habitantes por primeira vez desde que hai rexistros.

 
Fonsá e o Pazo de Mariñas

Existiu un proceso de migración ás cidades próximas (como A Coruña ou Vigo, en Galiza) ou estatais ou internacionais (Barcelona e especialmente o municipio de Santa Coloma de Gramenet, Bilbao, Madrid, Londres, Aller, Zúric, Hamburgo, ou cidades de Francia e Portugal) que aconteceu no século XX. Iso é o motivo de que durante o o verán a poboación de Aiazo incremente significativamente, chegando a ser o dobre có resto do ano: un fenómeno de retorno estival da poboación desprazada.

Nas primeiras décadas do século XXI a tendencia á emigración mantívose, especialmente entre os máis novos.

Gráfica de evolución demográfica de Aiazo[3] entre 2000 e 2023

     Poboación de dereito segundo o padrón municipal do INE

Distribución da poboación editar

A poboación de Aiazo está relativamente espallada dentro da zona habitada e repártese nas seguintes aldeas ou lugares:

  • O Fontelo: aldea de casas antigas e agrupadas en torno a unha rúa retorta e alongada que desemboca noutra máis ancha e recta. Fontelo ten varias casas despoboadas e algunha abandonada. En décadas anteriores, este núcleo constituíase como un importante centro socioeconómico na súa contorna rural, especialmente durante os séculos XVII e XVIII e con anterioridade á constitución do municipio de Frades en 1834.
  • A Igrexa: localizada en torno á igrexa de San Pedro. En 2010 tiña en seis casas, das cales só dúas están habitadas durante todo o ano. Acolle a praza para festas locais, o cemiterio e os xardíns da igrexa.
  • A Devesa: formada principalmente por casas antigas, algunhas restauradas ou reformadas.
  • Fonsá: acolle unha mestura homoxénea de casas antigas, abandonadas e restauradas, e casas recentes. Destaca dela o pazo e unha urbanización.
  • A Carballeira: Zona residencial ao norte de Fontelo, predominan vivendas de recente construción.
  • Galtar: Formada por catro casas de finais do século XX, todas elas ao longo dun camiño.
  • Estrada-Canizos: zona de casas atravesada pola estrada AC-3803 que comunica Ordes con Ponte Carreira. Son na súa maioría casas antigas reformadas e casas recentes, algunhas de poucos anos.
  • A Pedra: aldea con dúas vivendas e numerosas cortes que acollen a única explotación agrícola.
  • O Cadro: dúas vivendas preto da Pedra, nunha zona baixa, preto do río Tambre.
  • Liñares: tres vivendas de nova planta.
  • A Torre: ocupa un cruzamento de sendas e acolle cinco vivendas.
 
Residencias na Praza da Igrexa.

O lugar do Fontelo e a súa contorna é a zona máis poboada de Aiazo con 87 habitantes (INE, 2022), seguido de Fonsá e a súa contorna con 42 habitantes e por último A Devesa e a súa contorna con 23 habitantes.

Historia editar

En Aiazo foron achados diversos xacementos arqueolóxicos dos tempos castrexos, coma o Dolmen de Aiazo, túmulo megalítico datado no neolítico, tratándose dun dos máis grandes e antigos de toda Galiza ou o Castro das Medorras, asentamento fortificado datado na Idade de Ferro, ademais doutros túmulos do neolítico e varios vestixios funerarios de épocas indeterminadas. Esta serie de xacementos testemuñan un moi antigo poboamento das terras que hoxe forman Aiazo, de máis de 5 000 anos, idade estimada do Dolmen de Aiazo ou Peneda de Guntín. Próxima a Aiazo foi achada unha mina romana, que dá indicios dunha continuación do poboamento durante a civilización romana.[4]

Entre os séculos XVII e XIX construíronse en Aiazo diversas casonas e pazos de importancia na contorna, como unha aínda habitada casa barroca en Fontelo, que fora residencia dunha influente familia de carlistas con contactos en Santiago de Compostela e Madrid, ou a Casa Fogueteiro, casona barroca e en tempos pensión, abandonada na segunda metade do século XX, hoxe en avanzado estado de ruína mais catalogada pola súa importancia arquitectónica.[5]

No século XIX, Aiazo pasou a integrarse no municipio de Frades, que se formara ao ficaren unha serie de parroquias sen municipio na formación de municipios en toda España, e foron agrupadas nun novo municipio que recibiu este nome por situarse na parroquia de Frades un edificio cedido por unha importante familia local[6] para ser a casa consistorial do novo municipio, e que o segue sendo até a actualidade. Por Aiazo pasou desde a Idade Media un camiño entre Sobrado dos Monxes e Santiago de Compostela, mesmo camiño que deu nome á parroquia veciña de Frades e, por extensión, ao municipio enteiro, por ser a esta altura cando os frades que viaxaban de Sobrado a Santiago facían noite, nun camiño que duraba case 2 días. A Casa Fogueteiro foi no séculos XVIII e XIX unha pensión onde os frades durmían. Tamén no século XIX se construíu a Igrexa de San Pedro, lo lugar coñecido hoxe como a Igrexa; Trátase dun edificio barroco dunha soa nave con corpo lateral no lado norte da cabeceira para a sancristía, con muros de cachotería, hoxe recebados e pintados de branco, e esquinais enmarcados en cantería[7].

No século XX o camiño a Santiago perdeu tal importancia, especialmente tras a apertura e dinamización de novas vías para os automóbiles. Aiazo quedou entón recluída a parroquia agraria, sen máis importancia cás veciñas, e destacando polo volume de poboación enviado á emigración ao longo do século XX. Na década dos 1950 comezaron en Aiazo os traballos de concentración parcelaria, finalizados a comezos dos 1990, que modificaron por completo a paisaxe de Aiazo.

Desde a década dos 1980 a estrutura socioprofesional de Aiazo foise modificando, á vez que diferentes retornados de migracións cara Europa ou destinos españois, investían en Aiazo en forma de construcións de nova planta. Nos anos 90 cobrou importancia a Asociación de Veciños de Aiazo, posteriormente denominada Asociación de Veciños Os Pasos de Aiazo. Este grupo de acción local dinamizou a vida en Aiazo dun xeito extraordinario, comezando pola inauguración da Área Recreativa Fluvial Os Pasos de Aiazo, o 23 de xullo de 1994, e que trouxo consigo o impulso de diversos eventos e celebracións que tiñan Os Pasos como centro, como a Festa dos Pasos (desde 1994) ou a Ruta de Senderismo (desde 1998). En xaneiro de 2005 tivo lugar a I Edición da Festa da Merenda, ideada por influentes veciñas dentro da Asociación de Veciños Os Pasos Aiazo, e que rapidamente se convertería no maior evento social e gastronómico de todo Frades.[Cómpre referencia]

Cultura editar

Patrimonio editar

 
Ponte dos Pasos no lugar de Porto Aiazo, antigo porto fluvial que comunicaba Lardeiros (O Pino) con Aiazo.

Patrimonio arqueolóxico editar

En Aiazo atópase un dolmen que foi descuberto nos anos 90, destruído e situado a 500 m da Carballeira, no monte de Trasgaltar. O seu abandono foi denunciado por diversos colectivos en múltiples ocasións, tendo especial importancia a Associaçom Cultural Obradoiro da História, que ademais informou ao pobo da importancia do achado.[8]

Patrimonio arquitectónico editar

O Pazo de Fontelo é mansión barroca que se atopa no lugar homónimo. O Pazo de Mariñas é un pequeno pazo restaurado de propiedade privada da Fonsá.

Nas ribeiras ao longo do río Maruzo hai varios muíños, moitos deles aínda con moa. Entre eles destaca o muíño das Mestas.

Patrimonio natural editar

A ribeira do Maruzo forma parte do ZEC da Rede Natura 2000 Río Tambre. Os bosques de ribeira consérvanse ás beiras dos ríos Gaiteiro, Tambre e Maruzo. No resto da parroquia coexisten as zonas de labranza e vivendas e as masas forestais, con plantacións de eucaliptos e piñeiros ou outros bosque sautóctono de caducifolios (carballo, bidueiro, ameneiro, salgueiro etc). O monte baixo de toxo e silva é pouco frecuente.

En Aiazo existe un ruta de sendeirismo paralela ao río Tambre e que continúa polo resto do concello de Frades así como unha área recreativa fluvial, a dos Pasos, á beira do Tambre. Os Pasos inaugurouse en 1994 e é transitada máis no verán. Asociacións veciñais organizan festa para conmemorar no lugar.

A Peneda da Hedra é unha cova natural de interese. É limítrofe co concello de Oroso e alí foi onde viviu un zapateiro [9].

Etnografía editar

Festas locais e cultura editar

En Aiazo celébranse distintos eventos tanto relixiosos como gastronómicos e culturais. Destacan:

  • San Pedro; relixiosa, celebrada durante 2 días a finais de xuño.
  • San Roque; relixiosa, celebrada un domingo a finais de agosto.
  • Magosto; gastronómica. Os veciños preparan comida propia do outono e ofrécese unha degustación no local social (A Carballeira).
  • Festa da merenda; gastronómica. Celébrase sempre o Domingo de Ramos. Veciñas voluntarias elaboran "merendas" e ofrécese unha degustación gratuíta con música. É o evento cume de Aiazo e atrae milleiros de visitantes[10]. Nas últimas edicións, foi incorporada a Foliada da Merenda, onde o grupo Sarillo de Aiazo fai de anfitrión nunha foliada, durante a tarde, onde participan diversos grupos de música tradicional e folclórica. Este evento, celebrado nunha pequena parroquia, converteuse nun dos máis importantes de toda Galicia, ao superarse, na edición de 2014, os 8000 visitantes estimados (máis de 4000 automóbiles) e as 1500 merendas preparadas.[11]
  • Festa dos Pasos; en conmemoración da inauguración da área recreativa dos Pasos, celébrase o sábado máis próximo ao 23 de xullo; organízase un xantar ao aire libre e pola noite faise un baile.
  • A Ruta; a principios de agosto organízase unha ruta por lugares próximos a Aiazo e despois unha comida nos Pasos seguida de xogos populares pola tarde.[12]

Folcore editar

O grupo Sarillo de Aiazo é unha agrupación de música folclórica. Ten arredor de 20 de membros de diferentes idades que se reúnen semanalmente no centro social para ensaiar e actúan en diversos eventos da contorna.

Economía editar

Aiazo é unha parroquia residencial caracterizada pola multitude de movementos diarios por motivos laborais cara a áreas urbanas coma a da Coruña ou Santiago de Compostela, ademais de a outras zonas máis próximas coma á vila de Ordes. Na parroquia as actividades agrarias teñen unha importancia marxinal, só destacando o unha granxa, o que supón unha diferenza con respecto ao resto do municipio onde estas actividades teñen unha relevancia moito maior. Aiazo é ao mesmo tempo sede de varias PEMES do sector servizos e do sector secundario así como dunha grande empresa da silvicultura.

A historia do poboamento fálanos dunha socioeconomía ligada ao asentamento tradicional en núcleos rurais, onde se concentrou a poboación nun terreo de pouco valor agrario e en torno a un acuífero. Historicamente Fontelo, Fonsá e A Devesa foron os de maior relevancia, obedecendo os 3 ás mesmas características de vivenda contigua e continua. Complementarios a estes apareceron tanto casas de labranza illadas, coma o caso de Os Pereiros, en A Devesa, ou O Casal, en Fontelo, como outros núcleos que irían adquirindo unha importancia crecente no tempo, é o caso de A Torre ou A Carballeira. Na segunda metade do século XX foron aparecendo diversas vivendas illadas, algunhas delas seguindo un "ribbon development" ao longo da estrada que une Ponte Carreira con Ordes, outras con forma de "one off", e outras complementando núcleos, coma o caso dos chalés aparecidos na Carballeira.[2]

 
Paisaxe de Aiazo.

Lugares e parroquias editar

Parroquias de Frades editar

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Frades

Abellá (Santo Estevo) | Aiazo (San Pedro) | Añá (Santa María) | Céltigos (San Xulián) | Frades (San Martiño) | Gafoi (Santa Mariña) | Galegos (San Martiño) | Ledoira (San Martiño) | Mesos (San Salvador) | Moar (Santaia) | Papucín (Santa María) | Vitre (San Xoán)

Lugares de Aiazo editar

Lugares da parroquia de Aiazo no concello de Frades (A Coruña)

O Casal | A Devesa | Fonsá | O Fontelo | A Igrexa | A Torre


Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
  2. 2,0 2,1 López Carro, M.R. et al., 2012. Mapa de bosques e aldeas de Aiazo
  3. Datos do INE.
  4. Catálogo arqueolóxico do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Frades.
  5. Catálogo arquitectónico do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Frades
  6. "Frades nombra a José María Botana hijo predilecto" La Voz de Galicia.
  7. Catálogo de arquitectura relixiosa do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Frades
  8. ""Denuncian el abandono de los restos de uno de los mayores dólmenes de Galicia"". Arquivado dende o orixinal o 26/05/2015. Consultado o 06/11/2011. 
  9. PAZOS, M. e PEREIRO, D., 2004. Concello de Oroso. Guía histórica en imaxes. Asociazón cultural Obradoiro da História. 1ª ed.
  10. "La Festa da Merenda de Aiazo congregó a tres mil personas"
  11. "La Merenda de Azaio se supera a sí misma"
  12. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 08 de marzo de 2016. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar