Árbore froiteira

Unha árbore froiteira é calquera árbore produtora de froitas; as estruturas formadas polo óvulo maduro dunha flor que contén unha ou máis sementes. Porén, xa que todas as plantas con flores producen froitos, o termo empregado na horticultura designa ás árbores que fornecen froitas coma alimento do ser humano. Esta designación inclúe tamén as árbores que producen núculas (noces), os chamados froitos secos. Aínda con ser botanicamente incorrecto, adóitase considerar árbore froiteira a que produce unhas envolturas exteriores carnosas en certas sementes; que son chamadas arilos (falsos froitos).

Amendoeira a rosear

A disciplina científica e parte da agricultura que se ocupa do estudo dos froitos comestíbeis denomínase pomoloxía. Céntrase no desenvolvemento das técnicas de cultivo e os estudos fisiolóxicos das árbores froiteiras.

A horta onde hai diferentes árbores froiteiras recibe en Galicia o nome de pomar, especialmente cando son maceiras (de aí nome: pomo=mazá). En Galicia as froiteiras tradicionalmente cultivadas son a maceira, a ameixeira, a cerdeira e a pereira. No sur do país inclúense tamén a videira, a figueira, o pexegueiro e incluso o limoeiro e mais a oliveira (hoxe practicamente desaparecida). Recentemente entraron novas especies nas Rías Baixas coma o kiwi ou a feixoa. Nas fragas tamén aparecen árbores foriteiras bravas: a cerdeira brava, a pereira brava, a maceira brava, o abruñeiro, a sorbeira, o sabugueiro e nas zonas máis cálidas o érbedo. Tamén son comúns bravos ou cultivados o castiñeiro, a abeleira e a nogueira, coma froitos secos.

Froiteiras de óso: xénero Prunus: pexego, ameixa... Froiteiras de carabuña: pomos: maceira, pereira... Cítricos: limeira, laranxeira, limoeiro, pomelo, mandarineira... Árbores de froitos secos: abeleira, amendoeira, castiñeiro, nogueira... Froiteiras tropicais: bananeira, mangueira, coco, anacardio etc.

Algunhas árbores froiteiras editar