Planta rubideira
Unha planta rubideira ou planta gateadora é aquela que medra suxeitándose nun soporte, ben enrolándose, ben a través de órganos fixadores especiais. As rubideiras non se manteñen erguidas por si mesmas, necesitando doutra planta, un muro, un penedo, unha parra, un espaller, unha pérgola, unha rede etc. Para iso poden utilizar órganos como gabiáns, raíces adventicias etc. ou se enrodelan arredor do soporte, chamándose logo plantas volúbeis. Certas rubideiras non necesitan dun apoio, e poden estenderse polo chan sen problema ningún. As plantas gateadoras poden chegar a secar outras plantas ou árbores, se non se poidan, pola competencia de luz solar. Porén non poden ser consideradas plantas parasitas, xa que só procuran un soporte para recibir máis luz; ou ben, para buscar o lugar perfecto para o seu desenvolvemento.
- Para a especie da familia dos cértidos Certhia brachydactyla coñecida vulgarmente tamén como rubideira, véxase subidor.
Un exemplo deste tipo de plantas, é a fabeira (Vicia faba) que debe o seu rápido crecemento ao feito de gabear por soportes ou outras plantas, e deste xeito evistar o desenvolvemento dun talo leñoso; Outro exemplo son as sandías (Citrullus lanatus) e mailas cabaceiras (Cucurbita spp) que son extensas gateadoras que adoitan estarricarse por chan, por mor do gran peso dos seus froitos.
As plantas rubideiras acostuman medrar axiña, e algunhas desenvolven talos leñosos despois de se enrolar, como a videira (Vitis vinifera) ou a glicinia (Wisteria sinensis). Pola contra, a meirande parte das gatuñantes son herbáceas.
Especies en Galicia
editarBravas
editar- Hedra (Hedera helix)
- Roseira brava (Rosa canina)
- Silveira (Rubus fructicosus)
- Herba salgueira, madreselva ou chuchamel (Lonicera periclymenun)
- Uva de can (Solanum dulcamara)
- Correola (Convolvulus spp)
- Saltasebes (Bryonia spp)
Cultivadas polas bagas, legumes e froitos
editar- Videira (Vitis vinifera)
- Framboeseiro (Rubus idaeus)
- Lúpulo (Humulus lupulus)
- Sandía (Citrullus lanatus)
- Maracuxá (Passiflora edulis)
- Cabaceira (Cucurbita maxima)
- Fabeira (Vicia faba)
- Cogombro (Cucumis sativus)
- Feixón (Phaseolus vulgaris)
- Chícharo (Pisum sativum)
Ornamentais
editarAdemais de multitude de variedades de hedras, pasifloras ou flores da paixón (Passiflora spp) e chuchameles (Lonicera spp), nos xardíns galegos salientan:
- Buganvílea (Bougainvillea spp)
- Parra virxe (Parthenocissus quinquefolia)
- Glicinia (Wisteria sinensis)
- Xasmín (Jasminum spp)
- Pasiflora azul (Passiflora caerulea)