Maracuxá
Maracuxá | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Variedade púrpura madura de Australia e corte transversal | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
'Passiflora edulis' Sims, 1818 |
O maracuxá[1] (do tupí mara kuya, "froito que se serve" ou "alimento na 'cuia' (cabaza que serve de cunca") é o froito e a planta coñecida cientificamente coma Passiflora edulis da familia Passifloraceae. Ás veces denomínase maracuxá a todas as pasifloras en xeral.
Esta planta rubideira tamén é coñecida como maracuxaceiro[Cómpre referencia] (do portugués maracujazeiro). O froito tamén se coñece coma froita da paixón[1].
É espontáneo nas zonas tropicais e subtropicais das Américas.
É cultivada tamén como planta ornamental pola súa flor (tal como as outras especies do mesmo xénero). Ademais a Passiflora edulis é cultivada con fins comerciais, debido ao froito, no Caribe, no sur da Florida e no Brasil, que é o maior produtor - e tamén consumidor - mundial de maracuxá. O maracuxá de uso comercial é redondo ou ovoide, amarelo ou púrpura escuro cando está maduro, e ten unha gran cantidade de sementes no seu interior.
O froito utilízase especialmente para producir zumes ou polpa de maracuxá, ás veces mesturada con zumes doutros froitos, como a laranxa. Crese que o froito posúe proriedades calmantes.
Á súa flor chámanlle 'flor da paixón' por mor da semellanza das súas formas botánicas cos signos da paixón de Xesús Cristo: coroa de espiños, cinco chagas e mesmo os tres cravos cos que foi crucificado.
A flor do maracuxá é polinizada principalmente por abesouros.
Etimoloxía
editarO nome maracuxá —introducido ao galego e ás demais linguas europeas a través do portugués— (maracujá) é unha corrupción do guaraní mburukuja; etimoloxicamente mberu kuja, "viveiro de moscas", pola dozura do néctar que resulta atractivo para a desova dos insectos ou máis ben porque o contido dos seus froitos lembra un grupo de moscas.
Descrición
editarO maracuxá é unha planta rubideira que pode acadar os 9 metros de lonxitude en condicións climáticas favorábeis, aínda que o seu período de vida non supera polo xeral a década. O talo é rexo e lígneo; presenta follas alternas de gran tamaño, perennes, lisas e de cor verde escura. Unha mesma planta pode presentar follas non lobuladas cando comeza a se desenvolver, e despois follas trilobuladas, polo fenómeno de heterofilia foliar. As raíces, como é habitual nas gateadoras, son superficiais.
A flor preséntase individualmente; pode acadar os cinco centímetros de diámetro nas variedades bravas, e até o dobre nas seleccionadas polo seu valor ornamental. Adoita ser abrancazada, con pigmentacións rosáceas ou avermelladas, en P. edulis; noutras especies semellantes presentan cores que van dende o encarnado intenso até o azul pálido.
Foron os colonizadores españois os que a denominaron o froito da paixón; a súa estrutura pentarradial recibiu unha interpretación teolóxica, cos cinco pétalos e cinco sépalos simbolizando os dez apóstolos (doce, menos Xudas Iscariote e Pedro), mentres que os cinco estames representarían os cinco estigmas. Finalmente, os tres pistilos corresponderían aos cravos da cruz.
A froita do maracuxá é unha baga oval ou arredondada, de entre 4 e 10 cm de diámetro, carnosa e zumarenta, recuberta dunha pela grosa, cerosa, delicada e incomestíbel. A polpa contén numerosas sementes miúdas. A cor presenta grandes diferenzas entre variedades; a máis frecuente nos países de orixe é amarela, obtida da variedade P. edulis f. flavicarpa porén, polo seu superior atractivo visual, adoita exportarse aos mercados europeos e de América do Norte o froito de P. edulis f. edulis, de cor vermella, laranxa intenso ou púrpura. Esta variedade é coñecida coma gulupa en Colombia.
Valor nutritivo
editarO froito é fonte de vitaminas A, C e do complexo B. Alén diso, presenta boa cantidade de sales minerais (ferro, sodio, calcio e fósforo)
Coidados
editarAs doenzas e as pragas que atacan a planta do maracuxá provocan prexuízos económicos importantes e provocan un maior uso de agroquicos, alén de seren a principal ameaza á expansión e á produtividade do cultivo de maracuxá acedo e maracuxá doce. Nalgunhas rexións do Brasil, doenzas como a bacteriose,[2] murcha de fusarium (Fusarium oxysporum f. sp. passiflorae), virose do endurecemento do froito (Passion fruit Woodiness Virus – PWV ou Cowpea aphid-borne mosaic virus - CABMV) e a antracnose (Colletotrichum gloeosporioides) foron importantes limitadores da produción. Estas doenzas vense favorecidas por condicións edafoclimáticas favorábeis.[3]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 VV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 153. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0
- ↑ Xanthomonas axonopodis pv. passiflorae
- ↑ "FORMAÇÃO DE MUDAS DE MARACUJAZEIRO POR ENXERTIA EM ESPÉCIES SILVESTRES E EM HÍBRIDOS INTER E INTRAESPECÍFICOS ("en portugués")" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de decembro de 2022. Consultado o 14 de decembro de 2022.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Maracuxá |
Outros artigos
editar- Lista de froitas
- Pasiflora (xénero)
- Pasiflora azul