Feixoa
Feixoa | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Acca sellowiana (Berg. 1855) Burret 1941 |
- Non confundir con feixón
A feixoa[1] (Acca sellowiana, sin. Feijoa sellowiana), tamén chamada goiaba do Brasil, é unha especie botánica arbustiva ou arboriña de flor da familia das mirtáceas, nativa das zonas elevadas do sur do Brasil, leste de Paraguai, o Uruguai, o norte da Arxentina e mais de Colombia. Cultívase a miúdo coma árbore froiteira no sur de Galicia e noutras zonas coma Nova Zelandia ou California, así coma árbore ornamental en Australia, Acerbaixán, Xeorxia, algunhas zonas do sur de Rusia e en Suráfrica.[2]. En Galicia popularizouse nos últimos anos coma cultivo, especialmente nas Rías Baixas.
Etimoloxía
editarO botánico alemán Otto Karl Berg chamouna feijoa en honra a João da Silva Feijó, un botánico portugués nacido nas colonias do Brasil no século XVIII que foi director do Museu de História Natural de S. Sebastião, no Brasil. O nome galego de feixoa[1] veu a través do nome científico do xénero, Feijoa, en honor ó naturalista João da Silva Feijó, con ese apelido en homenaxe a Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro. Nada ten que ver co feixón, aínda que o apelido Feijó, do que colleu o nome a planta, si tería esta etimoloxía[3]. Tanto planta coma froita reciben o mesmo nome[4]
Descrición
editarÉ un arbusto de folla perenne, cunha altura que vai de 1 a 7 m. Ten a casca de cor cinsenta pálida, áspera e escamenta. As poliñas son rexas. As follas son perenne, duras, simples, opostas, pecioladas, cun pecíolo de 4 a 8 mm, ovoides ou elípticas, de cor verde escura, brillantes pola face superior e abrancazadas pola face oposta. As flores son solitarias con 4 sépalos e 4 pétalos de cor branca rosácea; os estames son numerosos coas anteras de cor amarela intensa ou avermelladas, que a fan ornamental. A polinización é realizada por paxaros e por insectos, especialmente as abellas.
A froitificación require clima fresco. O froito é unha baga oblonga de 4 a 6 cm × 3 a 5 cm, arredondado, do talle dun ovo de galiña, verde escuro na madureza. É comestíbel, rico en vitamina C e serve para preparar bebidas, xeleas, xeados e marmeladas. Madura a finais do verán e no outono; ten un recendo e un sabor doce e aromático. A magalla é zumarenta e fica dividida nunha polpa xelatinosa e chea de sementes e unha parte máis firme, opaca e granular achegada á codia. A froita cae no chan cando está máis madura e saborosa, pero pode apañarse antes da árbore para evitar esmagaduras.
A polpa da froita lembra a da goiabeira Psidium guajava L., especie achegada, cunha textura areenta. De feito, a magalla da feixoa emprégase coma exfoliante nalgúns produtos cosméticos. O ulido é fino e perfumado, este aroma dállo o éster metil benzoato e outros compostos relacionados que ten a froita.
Hábitat
editarÉ unha planta que medra ben dende os climas temperados mornos a subtropicais, podendo medrar tamén nos trópicos, Require de alo menos 50 horas de frío invernal. Resiste o frío, aínda que non por debaixo dos -12 °C. Cando se planta de semente, medra moi de vagar os primeiros dous anos, e malia ser tolerante ás xeadas, pode ser moi sensíbel ao vento. No hemisferio norte, cultívase até o oeste de Escocia, mais nestas condicións non acostuma froitificar cada ano, xa que cando na primavera as temperaturas baixan dos -9 °C moitas das flores tenden a abortar o morren os botóns florais. É sensíbel a temperaturas moi elevadas e á excesiva secura do ar; temperaturas no verán por riba dos 32 °C fan que o froito non calle. Adoitan ser resistentes á seca e á salinidade dos solos, porén a produción pode verse diminuída. Aturan bem a sombra parcial, a rega regular é esencial mentres a froita está a madurar.
Consumo e usos
editarO froito adóitase comer partíndoo pola metade e despois tirando a polpa cunha culler.[5] A froita ten unha polpa zumarenta, doce e chea de sementiñas cunha carne máis areenta na parte achegada á pela. Tamén pode cortarse á metade e espremirse ou cortarse en cachos e raspar cos dente até a pela, resultando menor desperdicio do froito.
A feixoa pode tamén usarse como un bo ingrediente nos batidos de froitas, tamén para facer viño, sidra ou vodka de feixoa. O gusto é aromático, forte e complexo, moi semellante ao da goiaba, a framboesa, o ananás, ou as bagas de Gaultheria, unha ericácea. Tamén existe nalgúns países coma Nova Zelandia, o iogur, os zumes, a confeitura ou os xeados de feixoa. Outra opción é usala en pratos coma froita cocida, chutney, mollos ou en combinación con outras froitas e verduras para obtermos sabores fortes, creativos e complexos.
Moitas veces non se pode saber aparentemente se a froita está ben chegada ou madurecida, xa que ten practicamente a mesma cor verde cando fica inmatura que cando está xa podre. Pode saberse se a froita está chegada se apachocamos con suavidade a pela e a presión responde do mesmo xeito que faría unha banana que está madura. Xeralmente podemos dicir que a froita está perfectamente chegada cando cae da árbore, mentres estea na póla adoita ter un sabor agre, que logo muda a doce cando cae no chan.
Cando a froita está aínda inmatura, a polpa ten un branco opaco que se torna claro e xelatinoso ao madurar. A froita está perfectamente chegada cando a polpa que ten as sementes se vira coma unha marmelada clara sen ningunha mancha escura. Unha vez que escurece, xa comeza a avelloarse, pero aínda pode consumirse, especialmente para facer zumes.
Os pétalos das flores tamén son comestíbeis, cun sabor un chisco doce con notas de canela. Acostúmanse engadir as ensaladas. Os paxaros adoitan comelos.[6][7][8]
A feixoa tamén é común no Acerbaixán, onde ademais do consumo da froita en si, é sonada a marmelada e mais a compota, tanto caseiras coma industriais.[Cómpre referencia]
Venda e exportación
editarA froita madura é moi propensa as esmagaduras, polo que a vida post colleita é curta; isto xunto ao curto período de maduración óptimo, explica que non sexa unha froita moi exportada, e que acostuma venderse soamente preto das zonas de cultivo.
As feixoas pódense almacenar en frío durante aproximadamente un mes e tamén poden ser conxeladas durante un ano se que se perda calidade.
Cultivo
editarAlgunhas cultivares enxertadas de feixoa son autofecundadas. Mais moitas non, e requiren dun polinizador. As plántulas poden ou non ser de calidade, e poden ou non ser autopolinizadas. As feixoas poden madurecer en arquitecturas prostradas e con moita ramallada, mais poden darse ben nun vaso grande, sempre que sexan dun tamaño acorde á planta e que garante a produción de froita. Tamén poden medrar ben en invernadoiros en rexións temperadas-frías, e en solo en moitas outras zonas, especialmente costeiras ou pouco extremas, coma as Rías Baixas (Vigo, O Condado, O Baixo Miño, O Morrazo, O Salnés). Nos Estados Unidos dáse ben na beiramar de Xeorxia, Carolina do Sur, California, na zona do Pacífico noroeste, na zona sur dos Montes Apalaches e nas costas dende Carolina do Norte até Delaware. En California, as abellas participan na polinización e moitas especies se alimentan dos pétalos e tamén facilitan esa polinización como o esquío gris (Sciurus griseus) e moitos paxaros americanos como os paporrubios, os colibrís, os estorniños, Aphelocoma californica, Melozone crissalis etc.
No sur do Cáucaso, a feixoa cultívase na costa sur do Acerbaixán dende 1928 e está a incrementar o seu cultivo na veciña Xeorxia.[9]
En Nova Zelandia, abellas, abesouros, e aves de tamaño medio son os polinizadores frecuentes. O paxaro Zosterops lateralis é un polinizador habitual nas partes frías do sur da illa, mentres que o merlo común (Turdus merula) ou o Acridotheres tristis son os habituais ao norte, alimentándose dos pétalos carnosos e doces. Nalgunhas rexións onde se introduciron as feixoas, estas son improdutivoas por mor da falla de polinizadores. Non adoita ter moitas pragas, agás algúns problemas fúnxicos.
Coidados no cultivo
editar- Pódese manter dende pleno sol á semisombra.
- Atura o frío mais non o frío extremo (-10/-12 °C).
- Nas zonas de invernos moi fríos cómpre cultivala en vasos e resgardala do frío nun invernadoiro ou dentro da casa.
- Abeirala do vento.
- Atura os solos salineiros e atmosferas mariñas, requirindo solos ben drenados.
- Rega semanal
- Non soporta ben a poda, aínda que se pode levar a cabo. As súas consecuencias poden ser o paro na produción de froita de até dous anos.
- Propagación mediante sementes, mais a multiplicación por esgallos axiña dá resultados. Tamén por porbaixa en primavera.
Variedades
editarTéñense desenvolvido numerosos cultivares de feixoa.
- Apollo
- Choiceana
- Coolidge
- Edenvale Improved Coolidge
- Edenvale Late
- Edenvale Supreme
- Gemini
- Mammoth – Chamada así polo talle considerábel dos seus froitos.
- Moore
- Nazemetz
- Pineapple Gem
- Smilax
- Trask
- Triumph
- Vista Long – Chamada así pola longura dos froitos. Dáse en California.
Sinonimia
editar- Orthostemon sellowianus O.Berg in C.F.P.von Martius & auct. suc. (eds.), Fl. Bras. 14(1): 467 (1857).
- Feijoa sellowiana (O.Berg) O.Berg in C.F.P.von Martius & auct. suc. (eds.), Fl. Bras. 14(1): 615 (1859).
- Orthostemon obovatus O.Berg in C.F.P.von Martius & auct. suc. (eds.), Fl. Bras. 14(1): 468 (1857).
- Feijoa obovata (O.Berg) O.Berg in C.F.P.von Martius & auct. suc. (eds.), Fl. Bras. 14(1): 616 (1859).
- Feijoa schenckiana Kiaersk., Enum. Myrt. Bras.: 186 (1891).
- Feijoa sellowiana var. rugosa Mattos, Loefgrenia 70: 4 (1976).
- Acca sellowiana var. rugosa (Mattos) Mattos, Loefgrenia 99: 3 (1990).
- Feijoa sellowiana f. elongata Voronova, Sborn. Nauchn. Trudov Prikl. Bot. Genet. Selekts. 139: 79 (1991).[10]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Nome galego en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004
- ↑ as well as in south of Russia ( Sochi), Ukrain ( Crimea), Abchazia. (Feijoa (Feijoa sellowiana), Dr.Abhay Kumar Pati, Biotechayur, Orissa, India
- ↑ Artigo sobre a orixe do nome galego en Portal das Palabras da RAG
- ↑ Nome do froito en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega.
- ↑ How to eat a feijoa
- ↑ "crfg.org". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2020. Consultado o 08 de outubro de 2012.
- ↑ luvnpeas.org
- ↑ "garedenofaedyn.com". Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2012. Consultado o 08 de outubro de 2012.
- ↑ Bose, T.K.; Mitra, S.K.; Sanyal, D., eds. (2001). Fruits: tropical and subtropical, Volume 2. Naya Udyog. p. 660. ISBN 978-81-85971-83-4.
- ↑ "Feixoa". Royal Botanic Gardens, Kew: World Checklist of Selected Plant Families. Consultado o 28 de abril de 2010.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Feixoa |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Feixoa |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de feixoa |
Ligazóns externas
editar- Foitos de Climas temperados: A feixoa (en inglés)
- Produtores de froitas raras en California: Datos sobre a feixoa (en inglés) Arquivado 15 de abril de 2020 en Wayback Machine.
- Feixoa: Plantas para o Futuro (en inglés)
- Asociación de produtores de feixoa en Nova Zelandia (New Zealand Feijoa Growers Association Inc.) (en inglés)
- Galería de fotos da feixoa (en inglés)