Unión do Povo Galego

partido politico comunista e nacionalista galego
(Redirixido desde "Unión do Pobo Galego")

A Unión do Povo Galego (UPG) é un partido autodefinido como "comunista patriótico, porque asume a loita de liberación nacional"[1]. Ao seu redor fóronse aglutinando durante os anos setenta os sectores que logo confluirían no BNG. Ten 1.300 militantes e o seu voceiro dende 1965 é Terra e Tempo. O seu secretario xeral é Néstor Rego e dende o XII Congreso Nacional, o posto da presidencia da UPG quedou vacante trala decisión de Bautista Álvarez de non volver presentarse á presidencia, tras ostentar este cargo dende 1977, sendo tamén o cofundador da UPG.

Unión do Povo Galego (UPG)
Partido político de Galiza (membro do BNG)
Upg2.PNG
Dirixentes e organización
LíderNéstor Rego (Secretario Xeral)
MocidadesUnión da Mocidade Galega
Filiación internacionalAlianza Libre Europea
(Como membro do BNG)
Historia
Fundación1963
Posicións políticas
IdeoloxíaMarxismo-leninismo
Nacionalismo galego
Independentismo galego
Representación
Representación-
Outros datos
SedeAvda. de Lugo, 219 -1º 15703 Santiago de Compostela
PublicaciónTerra e Tempo
Páxina webwww.upg.gal

A Unión da Mocidade Galega, constituída en 1977, é a organización xuvenil do partido.

Pola súa relevancia para a consolidación do nacionalismo galego de esquerdas trala posguerra, mais tamén cun certo matiz de desprezo, é habitual referirse ao partido como "a U".

HistoriaEditar

Primeira fundaciónEditar

En novembro de 1963 Xosé Luís Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Reimundo Patiño, Luís Gonçales Blasco e Xosé Antonio Arjona, integrantes do grupo Brais Pinto de Madrid fundaron a Unión do Povo Galego como partido marxista e nacionalista que se integra no Consello da Mocedade no que acaba por diluírse.

RefundaciónEditar

En 1964 o grupo maioritario do Consello da Mocedade, afín a Ramón Piñeiro, expulsa ao sector esquerdista[2], que refunda a UPG en Compostela o 25 de xullo de 1964 integrando ao grupo Brais Pinto, antigos militantes da Federación de Mocedades Galeguistas (Celso Emilio Ferreiro), do PCE (Luís Soto) e nacionalistas de esquerda, en total non máis de 25 persoas. Nos primeiros dous anos as actividades do partido redúcense a contactos esporádicos dos seus membros e á publicación da revista Terra e Tempo[3], na que aparece no primeiro número en 1965 o seu primeiro ideario:

U.P.G.

Unión do Povo Galego
Un frente que se propón a todolos galegos que aceiten os seguintes 10 principios mínimos:
1. Galicia é unha nación, e como tal ten dereito á sua autodetermiñación.
2. O povo galego exercerá o poder en Galicia.
3. Os meios de produción, distribución e creto perteñecen ó povo.
4. A coleitivazación do agro comenzará cunha etapa cooperativa, como fase previa a formas máis desenvolvidas de socialización.
5. A pequena empresa e a industria artesá serán concentradas en unidás produtivas superiores.
6. A grande empresa capitalista será socializada dun xeito imediato.
7. A organización adeministrativa do campo galego terá por núcleos as agrupaciós tipo Parroquia, que se integrarán na Bisbarra. O territorio urban será adeministrado por Concellos, compostos de Distritos.
8. A educación estará ó servizo do povo.
9. O idioma oficial de Galiza será o galego, de ensino obrigatorio.

10. A liberación nacional galega non desbota o vencellamento federativo de Galicia ós demáis povos da penínsoa.
Terra e Tempo Nº1

Nun primeiro momento mantén liñas de colaboración co PCE pero non durou moito tempo transformándose en rivalidade acusando os comunistas de españolismo. A oposición á construción do encoro de Castrelo de Miño (1966) constituía a primeira actuación pública importante da UPG. Nestes primeiros anos a UPG contaba con tres núcleos de militantes, o de Vigo no que Xosé Luís Méndez Ferrín era a figura principal, o de Madrid no que salientaba Bautista Álvarez e o americano con Luís Soto como a súa principal figura.[4] Tamén se foi artellando a partir de 1966 un grupo de estudantes na Universidade de Santiago de Compostela encabezado por Xesús Sanxoás que conseguiu ter certa presenza nos acontecementos de 1968 na universidade galega.[5] En 1967 aumentan as accións da UPG, con pintadas na rúa, distribución de adhesivos con lemas como Libertade para Galicia e Por unha Galiza ceibe e socialista e a convocatoria para o 25 de xullo de 1968 do Día da Patria Galega por primeira vez dende a Guerra Civil[6]. Ao tempo a UPG consegue unha forte influencia no seo das asociacións culturais que proliferan por todo o país tras da entrada en vigor da lei de asociacións en 1966.

En 1971 a expulsión de Xosé Torres e os seus seguidores, que se uniron ao Movemento Comunista, deixou a organización case sen militantes en Ferrol e Santiago. Vigo converteuse no principal núcleo dunha organización que nese momento non superaba os 50 militantes, reforzando a súa primacía cando Galicia Socialista, na cal estaba Camilo Nogueira, se integrou na UPG. A partir de 1971 aumentan os intentos de espallar a organización no medio rural, Ramón Muñiz membro do comité central será clave nesta estratexia que dará orixe máis adiante ás Comisións Labregas (CC.LL.)[7]

ExpansiónEditar

Non será ata a formación de ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) por parte de Manuel Mera en 1972 cando a UPG comece a aumentar a súa base social, ao que lle segue na primavera de 1973 a formación da Fronte Obreira da UPG dirixida por Moncho Reboiras e ao ano seguinte Comisións Labregas.

No marco das relacións que establece con outros partidos nacionalistas europeos asina en febreiro de 1972 coa Unión Democrática Bretoa e o Movemento Republicano Irlandés (do que formaban parte o IRA e o Sinn Fein) a Carta de Brest, no que se defendía o dereito á autodeterminación dos pobos europeos para formar unha futura Europa Socialista dos Pobos, ao documento sumáronse posteriormente Herriko Alberdi Sozialista, Cymru Goch, PSAN(p), Esquerra Catalana dels Traballadors, Su Populu Sardu e Loita Occitana. Tamén desenvolve os contactos que viña mantendo despois de 25 de abril de 1974 con forzas da extrema esquerda portuguesa favorables á toma armada do poder como a LUAR, Partido Revolucionario do Proletariado ou o Movemento das Forzas Armadas. Como consecuencia da política de pactos que seguía a UPG, un sector encabezado por Manuel Mera e que tiña detrás ao comité local de Santiago deixa o partido, aínda que a maioría regresou pouco despois.

Desde 1970 había voces dentro do partido que falaban da necesidade dunha fase armada no marco da revolución nacional-popular e co apoio de ETA (p-m) a UPG formou unha Fronte Armada (de non máis de 10 persoas) co que realizou algúns atracos, pero en agosto de 1975 a policía matou a Moncho Reboiras e detivo 4 membros do grupo armado.

TransiciónEditar

A dirección do partido pasou provisionalmente a Portugal e aínda que se realizaron aínda algúns actos conxuntos con ETA a UPG deixou de realizar accións armadas dando prioridade á acción política para o que apoia á AN-PG que se presenta publicamente en xaneiro de 1976 e que tiña obxectivo a formación dun goberno galego provisional tras conseguir o poder. Ao tempo, tamén en xaneiro de 1976 pola iniciativa da UPG fórmase o Consello de Forzas Políticas Galegas, no que estaban o PSG, PGSD e a UPG, en abril de 1976 publican as Bases constitucionais, no que se recollía o dereito á autodeterminación de Galicia, e máis tarde entran o Partido Carlista e o MCG. En novembro o CFPG entra en crise tras a inclusión do Movemento Comunista que se negaba a que os seus membros deixasen CCOO para ingresar no Sindicato Obreiro Galego como lle pedía a UPG, polo que esta e o PGSD marchan do Consello.

Para concorrer ás primeiras eleccións democráticas, en 1977, a UPG artellou unha fronte nacionalista, BN-PG, que integraban a UPG e a AN-PG, que aínda estaban sen legalizar. Tras as eleccións escíndese o sector encabezado por Camilo Nogueira que formou o Partido Obreiro Galego, antes saíra o sector que deu orixe á UPG-liña proletaria. En agosto de 1977 a UPG celebrou o seu I Congreso. Neste conclave definíronse os seus estatutos e elixiuse a Elvira Souto como secretaria xeral e Bautista Álvarez como presidente.

En xullo de 1978, trala dimisión da secretaria xeral, asumiu o cargo Pedro Luaces. Ese mesmo mes, ao abeiro da Lei para a Reforma Política, a organización foi legalizada[8].

Entre abril e maio de 1981 a UPG vive unha crise interna entre os partidarios de profesionalizar e dar máis peso ao BN-PG, o sector minoritario, e aqueles que se opuñan, o sector maioritario. A crise rematou coa expulsión do sector minoritario, pero maioritario en Vigo, encabezado por Francisco García Montes, secretario xeral da INTG; Bernardo Fernández Requeixo, secretario xeral de CCLL e Agustín Malvido, pouco despois, en xullo, dimite o secretario xeral, Pedro Luaces, substituído de xeito provisorio por Francisco Rodríguez. Logo destes enfrontamentos a UPG vira cara a esquerda e deu apoio a campañas a favor dos presos de ETA, aumentou as súas relacións con HB e foi protagonista de actos conxuntos co Partido Comunista-Reconstituído pero ao tempo abandonou as teses de partido único para Galicia. En febreiro de 1982 marchou o sector máis á dereita da UPG encabezado por Pedro Luaces (exsecretario xeral) e forte en Lugo. Tras a vitoria do PSOE nas eleccións xerais de 1982 a UPG mostrouse contrario a calquera colaboración, xa que vía ao goberno socialista como a cara amable do capitalismo, neste ambiente en decembro de 1983 Mariano Abalo foi elixido secretario xeral da UPG.

Aceptación das instituciónsEditar

En 1986 a UPG e o BNG aceptan participar nas institucións, levando a Xosé Manuel Beiras ao parlamento, e prometer a Constitución, o que leva á escisión en xullo de 1986 de 13 membros do Comité Central e unhas ducias de militantes que fundan o PCLN, entre os escindidos estaban Mariano Abalo, Xan Carballo e Ramiro Oubiña.

Tradicionalmente, tense admitido que a UPG era o partido maioritario dentro do BNG, posto que este é en realidade unha fronte de partidos. Pasa tamén por ter a militancia máis disciplinada da formación, de maneira que a UPG ten sido acusada de dirixismo dentro do BNG, monopolizando as súas decisións políticas e os cargos públicos.[9][10][11][12] Neste sentido, a UPG foi criticada duramente por non ter facilitado acordos dentro do BNG que permitisen evitar a fractura da fronte tralo Congreso de Amio de 2012[13]. Con todo, non foi até 2016 que unha persoa militante da UPG, Ana Pontón,[14][15] asumiu os máis altos cargos dentro da formación nacionalista ao asumir a portavocía nacional do BNG e a candidatura á Xunta de Galicia, no 2016.[16] Con anterioridade, e coa idea de facilitar a convinvencia dos distintos partidos dentro do BNG, os membros máis destacado da UPG evitaran asumir estes cargos.

De entre a militancia da UPG desde a súa legalización cabe destacar as figuras de Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez e a propia Ana Pontón. O primeiro foi presidente da organización entre 1978 e 2008, cargo que compatibilizou coas súas responsabilidades como deputado do Parlamento de Galicia en representación do BNG. Francisco Rodríguez, pola súa parte, foi Secretario Xeral da organización entre 2008 e 2012. Con anterioridade, sendo membro do Comité Central da UPG, representara ao BNG no Congreso dos Deputados entre 1996 e 2008.

NotasEditar

  1. Artigo 1 dos Estatutos da UPG
  2. Rubiralta (1998), páx. 88
  3. Fernández Baz (2003), páx. 47, nota 44
  4. Rubiralta (1998), páx. 106
  5. Beramendi & Núñez Seixas (1996), páx. 214
  6. Rubiralta (1998), páxs. 114-116
  7. Ramón Muñiz, Historia das Comisións Labregas, A Nosa Historia 5. A Nosa Terra, 1988 páx. 48
  8. Redacción (16-07-1978). "Legalizada la Unión do Pobo [sic] Galego". El País (en castelán). Consultado o 22-01-2020. 
  9. Carballo, Ignacio (06-02-2003). "Leiceaga acusa a la UPG de ejercer un control absoluto en el Bloque". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 24-6-2020. 
  10. Burns, Walter (22-11-2011). "Máis Galiza pide un cambio de mensaxe e de líder no Bloque". galiciaconfidencial.com. Consultado o 24-6-2020. 
  11. Redacción (15-6-2017). "Vence critica que o "corpiño" da UPG "fai difícil" que o BNG sexa "atractivo", pero valora a "experiencia" de Pontón". galiciaconfidencial.com. Consultado o 24-6-2020. 
  12. Pardo, Luis; Pena, Aida (3-1-2016). "Beiras: “Ya es hora de que la militancia del Bloque le diga ¡fuera! a la cúpula de la UPG”". cadenaser.com (en castelán). Consultado o 24-6-2020. 
  13. Sampedro, Domingos (17/03/2019). "Al final la culpa no era de la UPG". La Voz de Galicia. Consultado o 22/01/2020. 
  14. Europa Press (22-9-2016). "Ana Pontón, fan de Londres y de festivales de buena música, confiesa que alguna vez no llegó a fin de mes". lavanguardia.com (en castelán). Consultado o 22-1-2020. 
  15. Redacción (7-9-2016). "Ana Pontón, la mujer más joven en tomar las riendas del BNG". larazon.es (en castelán). Consultado o 22-1-2020. 
  16. Vizoso, Sonia (21-9-2016). "Ana Pontón, candidata del BNG a la Xunta". elpais.com (en castelán). Consultado o 22-1-2020. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Beramendi, Justo; Núñez Seixas, Xosé Manoel (1996). O nacionalismo galego. Serie: Historia de Galicia, nº18 (2ª ed.). Vigo: Edicións A Nosa Terra. ISBN 978-84-89138-64-3. 
  • Fernandez Baz, Manuel Anxo (2003). A formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984). Santiago de Compostela: 978-8484870210. ISBN 978-8484870210. 
  • Rubiralta, Fermí (1998). De Castelao a Mao. Colección: Ensaio. Santiago de Compostela: Laiovento. ISBN 978-8489896321. 

Ligazóns externasEditar