Teoría da xeración espontánea

teoría obsoleta según a cal pode surxir vida da materia inorgánica

A teoría da xeración espontánea supoñía que os seres vivos considerados inferiores nacían espontaneamente da materia orgánica en descomposición, ou ben da materia mineral cando esta se atopa en determinadas condicións, mentres que o home e os seres vivos superiores foran creados directamente por Deus.

A teoría da xeración espontánea aplicábaselle a insectos, vermes e pequenos seres vivos (como os ratos), que non parecían xerarse por bioxénese.

Para demostrar esta teoría, os seus defensores baseábanse na (incorrecta) observación diaria: os vermes nacían na terra, na lama ou na carne en putrefacción; as moscas tamén na carne en descomposición; os ratos no lixo etc.

Esta antiga teoría biolóxica, hoxe tamén é coñecida como abioxénese e tamén como autoxénese, termo este último cuñado por Thomas Huxley en 1870 para se referir orixinalmente a aquela, en oposición á orixe da xeración por outros organismos vivos ou bioxénese.

O problema da orixe da vida

editar
Artigo principal: Orixe da vida.

Aínda que a exacta complexidade da bioquímica celular dos seres vivos non foi coñecida até hai uns poucos anos, sabíase desde sempre que a estrutura de animais e plantas era moito máis complicada cá da materia inerte.

Hai xa moitos séculos que este coñecemento levou aos homes a preguntárense a orixe desta complexidade ou, o que é o mesmo, a orixe da vida. A humanidade, tradicionalmente, buscou unha explicación aos problemas relacionados coa orixe da vida. Diversos pobos primitivos resolveron a pregunta sobre la base de crenzas relixiosas, mitos e a intervención divina.

O problema da orixe da vida pode abordarse desde puntos de vista moi diversos. A converxencia de todos eles nunha única resposta é moi difícil, entre outros motivos, porque a maioría das solucións propostas non se poden probar, e forman parte dos dogmas relixiosos. Porén, cando se aborda o problema da orixe da vida desde unha perspectiva biolóxica, pódense poñer en evidencia feitos obxectivos e concretos que abren as portas a unha resposta verosímil.

A principios do século XX, o problema da orixe da vida avanzou a pasos de xigante grazas ás investigacións sobre a orixe da Terra. A Terra formouse hai 4.600 millóns de anos, e 1.000 millóns da anos despois xa existían organismos vivos rudimentarios, tal como proban os restos fósiles máis antigos que se coñecen.[1]

Visión histórica

editar

Antigüidade

editar
 
Busto de Aristóteles conservado no Palazzo Altaemps, en Roma. Copia do orixinal de Lisipo.

A pouca base científica existente na antigüidade deu lugar a que a solución á pregunta da orixe da vida se achase en doutrinas máis filosóficas que científicas, entre as que destacou claramente a teoría da xeración espontánea, que tivo vixencia até o século XIX.

Os antigos exipcios e os babilonios crían que os ratos, os sapos e determinadas víboras nacían na lama do río Nilo, que as moscas, as abellas e algunhas larvas proviñan da suor e que os vermes xurdían dos alimentos en descomposición.

Séculos máis tarde, o filósofo grego Aristóteles (384 a.C. — 322 a.C.), manifestouse como un dos principais defensores desta teoría, e admitía que, en xeral, os seres vivos se orixinan doutros seres vivos semellantes, pero igualmente podían orixinarse da materia inerte. Describía como proba casos de xeración espontánea nas moscas, mosquitos e couzas, en vertedoiros de lixo, e mesmo a aparición de peixes a partir de algas en descomposición.[2]

Escribiu numerosos documentos nos que describía diversos exemplos de xeración espontánea. Segundo as súas palabras:

Todo ser está formado por un principio pasivo que é a materia e un principio activo que lle dá forma e vitalidade. Así, a lama é o principio pasivo, e unido a el, existe un principio activo capaz de darlle forma e vida a novo ser.
Aristóteles

A autoridade de Aristóteles tivo grande influencia en séculos posteriores, sobre todo porque a súa hipótese vitalista da vida cadraba moi ben coas concepcións relixiosas do cristianismo.

Esta tendencia representárona sobre todo os filósofos chamados neoplatónicos (cómpre recordar que Platón foi o mestre de Aristóteles), á fronte dos cales estaba Plotino (século II a.C.), quen consideraba a xeración espontánea como o resultado da entrada na materia dun espírito vivificador.

Plotino foi o primeiro, pois, en expoñer o concepto de forza vital ou espírito vital, que tan utilizado foi polos vitalistas posteriores.

Tamén no século II a.C. o poeta romano Virxilio (76-19 a.C.) afirmaba que as abellas se orixinaban a partir do mel.

Idade Media

editar
 
San Tomé de Aquino

Todo o pensamento da Idade Media está grandemente influído por Aristóteles e, por tanto, a crenza na xeración espontánea mantense, practicamente sen oposición, e mesmo arrequecéndose debido non a observacións científicas, senón a fantásticas fábulas.

Por exemplo, chegouse a dicir que as follas de determinadas árbores ao caeren á auga producían peixes, mentres que se caían en terra convertíanse en aves. Outra fábula falaba de certa árbore oriental que daba grandes froitos en cuxo interior se atopaba un cordeiro que permanecía unido polo ventre ao tronco da árbore; como proba aducían "ter comido a súa carne".[3]

Nesta época, os chamados padres de Igrexa, como San Basilio (igrexa oriental) ou Santo Agostiño (igrexa occidental), consideraban a xeración espontánea como unha verdade indiscutíbel, moi de acordo coa Biblia, sempre que se aceptar que o "espírito vivificador" da materia era insuflado por Deus.

Estas ideas foron tamén defendidas por San Tomé de Aquino (1225 - 1274), un dos principais teólogos da igrexa católica e os escolásticos, seus seguidores. San Tomé cría que ras, sapos e cobras se xeraban a partir da auga en estado de putrefacción. A teoría da xeración espontánea non era incompatible nin coas crenzas católicas nin con moitas outras crenzas relixiosas. E algúns autores citaban a Biblia, segundo a cal Deus creara o home a partir do barro, como un argumento a prol da xeración espontánea.

Idade Moderna

editar
 
Ambroise Paré.

Mesmo no Renacemento, época na que a observación dos fenómenos naturais é cada vez maior e máis exacta, séguese a admitir a teoría da xeración espontánea.

O cirurxián francés Ambroise Paré (1509 - 1590) afirmaba que desenterrara unha pedra oca e pechada, na que encontrara preso un enorme sapo. Segundo Paré, este animal só podería ter xurdido da humidade.

 
William Harvey

William Harvey (1578 - 1657), célebre polo descubrimento da chamada circulación maior do sangue, pese a pronunciar a famosa frase omnium vivum ex ovo ("todo ser vivo procede dun ovo"), segue admitindo a posibilidade da xeración espontánea para animais inferiores, como vermes e insectos.

No mesmo caso atópase o médico e alquimista belga Jan Baptista van Helmont (1580-1644), autor de numerosos traballos sobre fisioloxía vexetal, que non só admite a xeración espontánea, senón que incluso a apoia con determinadas observacións; aínda chegou a publicar unha receita para producir ratos a partir de grans de trigo e unha camisa de home suada.[4]

Entre outras cosas, escribiu:

A auga da fonte máis pura, colocada nun recipiente impregnado polo aroma dun fermento, enferrúxase e enxendra vermes. Os cheiros que xorden dos fondos dos pantanos producen sapos, lesmas, samesugas e herbas. Facendo un furado nun ladrillo, introducindo nel asubiote triturado, colocando un segundo ladrillo sobre o primeiro de maneira que cubra totalmente o furado, e expoñendo os dous ladrillos ao sol, ao cabo dalgúns días, co perfume do asubiote actuando como como fermento, transformará a herba en auténticos escorpións. (...) Se collemos unha camisola sucia e deitamos sobre ela uns grans de trigo durante 21 días nun local escuro, aparecerán con seguridade algúns ratos.
Jan Baptist van Helmont
 
van Helmont

Homes tan destacados como Descartes (1596 - 1650) e Newton (1642 - 1727), que estableceron leis exactas da natureza, aceptaron sen crítica ningunha a xeración espontánea.[3]

Pero a partir do século XVII tamén se fixeron diversos experimentos que probaban que os seres vivos se forman unicamente a partir doutros seres vivos.

Algunhas destas experiencias servirían para evidenciar que os vermes, as moscas e outros animais dos considerados inferiores só aparecían en presenza dos correspondentes ovos, aínda que se continuara pensando que os microorganismos podían xurdir espontaneamente nos denominados caldos nutritivos.

Un dos primeiros en enfrontarse ao "dogma" da xeración espontánea, e o primeiro que demostrou a falsidade desta teoría foi o médico italiano Francesco Redi (1626 - 1697) que, cousa infrecuente na súa época, recorre ao método científico para comprobar a veracidade (ou non) de dita teoría, como veremos máis adiante. Aínda así, os investigadores máis críticos tiveron que enfrontarse ás crenzas que durante séculos se tiveran como verdadeiras, co que moi frecuentemente se poñía en dúbida a súa credibilidade.

Idade Contemporánea

editar
 
Retrato de Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon, por François-Hubert Drouais.
 
Lamarck situou a xeración espontánea no punto de partida da evolución biolóxica.

O matemático, biólogo, cosmólogo e escritor Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon (1707-1788) e o biólogo Jean-Baptiste de Monet, cabaleiro de Lamarck (1744-1829), ambos os dous franceses, mostráronse igualmente partidarios da xeración espontánea.

O prestixioso Buffon consideraba que a materia viva estaba formada por unidades, que el chamaba moléculas orgánicas. Estas unidades eran inmutábeis e, ao unírense entre elas, formaban os diferentes organismos vivos. Cando un organismo morría, as súas moléculas separábanse para recombinarse posteriormente dando lugar a outros organismos vivos.

Lamarck, pola súa parte, publicou, en 1809, a súa obra Filosofía zoolóxica, situando a xeración espontánea no punto de partida da evolución biolóxica.

No século XIX producíronse apaixonadas discusións entre os partidarios da xeración espontánea e os seus detractores. En xeral, aceptábase a falsidade da teoría da xeración espontánea para os organismos superiores, pero seguía manténdose a crenza da súa veracidade en relación cos microorganismos. Os científicos esforzáronse, daquela, na realización de experiencias de todo tipo para intentar probar ou refutar esta teoría.

Xa na segunda metade do século, no ano 1860, a Academia de Ciencias Francesa promoveu un concurso para resolver o dilema da xeración espontánea. Gañou o premio o microbiólogo francés Louis Pasteur (1822-1895) cunha serie de experiencias, perfectamente deseñadas (e que logo veremos), que non deixaban a menor dúbida: a materia viva non podía xurdir da materia non viva.

Os traballos de Pasteur víronse reforzados polas ideas do naturalista británico Charles Darwin (1809 - 1882) que propuxo que a vida, tal como hoxe a coñecemos, é o resultado dun longo e constante proceso de selección natural. Darwin sentou as bases da moderna teoría da evolución, que influíu de maneira determinante nas ideas científicas do momento e do pensamento moderno en xeral.

Un dos investigadores que se viron especialmente atraídos polos traballos de Darwin foi o bioquímico ruso Aleksandr Ivánovich Oparin (1894 - 1980), quen formulou a primeira teoría coherente sobre a orixe da vida na Terra. Oparin explicou esta orixe en termos de procesos químicos e físicos.

O método científico contra a filosofía: experimentos en contra da xeración espontánea

editar

O experimento de Redi

editar
 
Francesco Redi

Como vimos, o primeiro en enfrontarse á teoría da xeración espontánea foi, xa no século XVII, foi Francesco Redi, que recorrera ao método científico, cousa infrecuente naquela época. Neste senso, particularmente importantes son as súas Esperienze Intorno alla Generazione degl'Insetti (Experiencias sobre a xeración dos insectos), de 1667.

Neste traballo, Redi demostrou que, polo menos para os organismos visíbeis, como as moscas, esta teoría era falsa. Para facer iso, preparou un sinxelo experimento consistente en deixar durante varios días uns anacos de carne de cobra nuns frascos, parte dos cales quedaban descubertos e parte pechados hermeticamente mediante un pergameo.

Ao cabo dos días, o científico puido observar que na carne situada nos frascos abertos apareceran gran número de vermes, tal e como propoñía a teoría da xeración espontánea; non obstante, contradicindo dita teoría, nos frascos pechados non aparecía ningunha forma de vida. Evidentemente, este experimento demostraba que a aparición de vermes a partir de carne en putrefacción non sempre era posíbel.

Non obstante, algúns científicos consideraron erróneo o experimento alegando que, se estes animais non apareceran sobre a carne, debíase simplemente á falta de aireación da mesma.

Para despexar esta dúbida, Redi repetiu o experimento pero, dispoñendo, ademais de frascos abertos e frascos pechados hermeticamente con pergameo, outros cubertos con muselina napolitana que, aínda que é un tecido moi tupido, permite perfectamente o paso do aire. Tampouco nestes frascos apareceu signo de vida ningún.

 
Experimento de Redi. Uns anacos de carne dispóñense en fracos de vidro; no frasco aberto (1a e 1b) aparecen vermes (larvas de mosca) e moscas, mentres que no frasco pechado (2a e 2b) non se formaron nin moscas nin larvas).

O experimento de Redi non quedou simplemente nunha demostración da imposibilidade de crear vida a partir de carne en putrefacción: observando os vermes aparecidos nos frascos descubertos descubriuse que non eran outra cousa que larvas das moscas que durante o experimento voaran ao redor dos frascos.

A conclusión que Redi extraeu do seu experimento foi entón que os vermes que aparecían sobre a carne dos frascos descubertos proviñan dos ovos depositaban sobre a mesma, e non porque a carne en si fose a orixe, o que se demostraba porque, ao non poderen deixar as moscas ningún ovo nos frascos tapados, non aparecía neles ningún signo de vida.

 
Anton van Leeuwenhoek

Porén, a influencia da xeración espontánea era tal que o mesmo Redi admitía a posibilidade da mesma en animais como os vermes intestinais ou nos da madeira (larvas de couzas).

No traballo científico de Redi, ademais dos resultados obtidos, é esencial o método usado, que lle asegurou un posto de gran relevo na historia do método experimental.

Non é de estrañar, por tanto, que a polémica non quedara resolta. E poucos anos mas tarde un excepcional observador, o holandés Anton van Leeuwenhoek (1632 - 1723), biólogo afeccionado, coa axuda de lupas que el mesmo construía, descubriu a existencia dunha morea de seres microscópicos descoñecidos até o momento. Nunha das 365 cartas que lle dirixiu á Royal Society de Londres explicaba así as súas observacións:

...en auga de chuvia que permanecera durante varios días nun xerro vidrado, descubrín varias criaturas viventes. Isto impulsoume a examinar dita auga con maior atención e, sobre todo, estes pequenos animálculos que me pareceron dez mil veces máis pequenos que as pulgas de auga que poden verse a simple vista...
Anton van Leeuwenhoek

A existencia destes pequenos seres fixo que os defensores da xeración espontánea volveran a adquirir auxe: admitirían que os animais superiores (incluídos os que antigamente consideraban como "inferiores") non nacían espontaneamente da materia orgánica en descomposición, pero manterían a súa teoría para os animálculos descubertos por van Leeuwenhoek. De novo comezaron as discusións e volveron a repetirse experimentos que permitiran comprobar as distintas teorías, aínda que agora todas elas se referían ao mundo microscópico descuberto polo sabio holandés.[5]

A discusión entre Spallanzani e Needham

editar
 
John Needham
 
Lazzaro Spallanzani

O ano 1765 o biólogo e abade italiano Lazzaro Spallanzani (1729 - 1799) repetiu o experimento de Redi utilizando pan en lugar de carne, obtendo resultados similares aos de Redi. Con Spallanzani quedou claro que os vermes que aparecían na carne eran en realidade larvas de mosca. No obstante iso, volvería a xurdir a polémica cando se consideraron caldos e infusións, que en contacto co aire volvíanse turbios e, co tempo, aparecían neles microorganismos.

O biólogo e sacerdote católico inglés John Turberville Needham (17131781) explicou a aparición de microorganismos como un caso máis de xeración espontánea. E quixo demostrar a súa posibilidade mediante a experimentación: para iso quentaba os recipientes e os caldos nutritivos onde cultivaba microorganismos que, segundo el, xurdían espontaneamente. Spallanzani replicoulle alegando que Needham non quentaba suficientemente os medios empregados como el, que facía ferver o caldo e o selaba hermeticamente despois (é dicir, o esterilizaba, que diriamos hoxe), co que o caldo se conservaba sen enturbarse. Pero Needham retrucou dicindo que, por unha banda, a excesiva calor destruía a forza vexetativa, responsábel da aparición de microorganismos e, por outra, que a calor viciaba o aire.

A maioría dos científicos contemporáneos déronlle a razón a Needham.

Os experimentos de Schwann

editar
 
Theodor Schwann

Un dos problemas experimentais máis interesantes que se discutiron naquelas épocas era o suscitado pola necesidade de oxíxeno para o desenvolvemento dos microorganismos. Moitos científicos argumentaban que o peche hermético dos recipientes esterilizados impedía a aparición de microbios por falta de osíxeno e que, con suficiente aire, estes orixinaríanse espontaneamente (como vimos que dicía Needham).

Xa no século XIX, concretamente en 1836, o fisiólogo alemán Theodor Schwann (1810-1882), coñecido sobre todo pola súa decisiva participación na construción da teoría celular, introduciu nos caldos de cultivo aire previamente esterilizado por quecemento, non aparecendo daquela nos cultivos microbio ningún. A pesar desta evidencia, moitos científicos da época aínda mantiñan que a esterilización destruía a foza vital. Ningún deles sostiña xa, a esta altura, que insectos, vermes ou outros animais ou plantas xurdisen por xeración espontánea, pero o progresivo coñecemento de microorganismos como as bacterias favoreceu o mantemento da idea espontánea.[6]

O triunfo de Pasteur

editar
 
Fotografía de Louis Pasteur

Recordemos que a Academia de Ciencias Francesa ofrecera un premio ao investigador que lograra solucionar o vello problema da veracidade ou falsidade da teoría da xeración espontánea. Dito premio foille concedido ao microbiólogo francés —en realidade, o fundador da microbioloxíaLouis Pasteur (1822-1895). O mérito de Pasteur foi enorme, xa que foi que de probar a invalidez dunha teoría —a da xeración espontánea— que se mantivera durante séculos. Os seus experimentos serviron para demostrar que a xeración espontánea tampouco era válida para os microorganismos.[7]

Pasteur empezou por aclarar a presenza de microorganismos vivos no aire, e para iso ideou un mecanismo de aspiración do mesmo a través dun tubo obstruído con algodón-pólvora (nitrato de celulosa); despois de vinte e catro horas, e suspendida a aspiración, extraía o algodón e tratábao cunha mestura de éter e alcohol, co que se depositaban partículas sólidas. Lavaba este sedimento e o observaba ao microscopio: alí, efectivamente, achábanse microorganismos que necesariamente debían provir do aire aspirado a través do tubo.

Para demostrar que estes microorganismos que se atopaban no aire estaban vivos e eran a causa da descomposición dos líquidos orgánicos e non o resultado da mesma, Pasteur realizou a seguinte experiencia: introduciu líquidos orgánicos en recipientes de fondo redondo cuxos colos se estiraran e uniran a un tubo de platino que ía quentándose até poñérense incandescentes; o aire arrefriaba mediante unha corrente de auga antes de penetrar no recipiente; unha vez que o recipiente estaba cheo de aire, pechábase o colo á chama. Nestas condicións, os líquidos orgánicos mantíñanse inalterábeis. Quedaba, pois, demostrado que as infusións e os líquidos orgánicos postos en contacto co aire estéril non se alteraban, nin tampouco se producían no seu seo xéneses espontáneas de organismos vivos, e que calquera destes fenómenos dependía exclusivamente dos microorganismos do aire.[8][9]

Outras moitas experiencias, cada vez máis perfeccionadas, seguiron a estas e o resultado final foi a comprobación definitiva de que a vida non pode proceder senón doutra vida preexistente, sendo por tanto desbotada para sempre a teoría da xeración espontánea, que permanecera vixente durante séculos e séculos.[10]

Os traballos de Pasteur non só resolveron a polémica sobre a xeración espontánea, senón que introduciron novas técnicas, como a pasteurización —que leva o seu nome— e a esterilización, que seguen a utilizarse na actualidade. Ademais, Pasteur tamén destacou nas súas investigacións sobre os procesos de fermentación e vacinación.

  1. Véxase o artigo Estromatólito
  2. Fernández Ruiz, B. (1980): La vida: origen y evolución. Barcelona: Salvat., páx. 14
  3. 3,0 3,1 Fernández Ruiz, B. (1980): La vida: origen y evolución. Barcelona: Salvat, páx. 14.
  4. Fernández Ruiz, B. (1980): La vida: origen y evolución. Barcelona: Salvat, páxs. 14-15.
  5. Fernández Ruiz, B. (1980): La vida: origen y evolución. Barcelona: Salvat., páxs. 16-17.
  6. Th. Schwann, Vorläufige Mitteilung betreffend Versuche über Weingährung und Fäulniss., Annalen der Physik und Chemie, XLI, 1837, páxs. 184-193. Citado por Pasteur, Mémoire sur les corpuscules organisés qui existent dans l'atmosphère. Examen de la doctrine des générations spontanées., 1861, t. 2 das Obras Completas, páx. 217. P. Debré, Louis Pasteur, 1994, páx. 177.
  7. PASTEUR, L. (1864). Des générations spontanées; Conférences faite aux "soirées scientifiques de la Sorbonne" (PDF). Bruno Latour. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de marzo de 2009. Consultado o 10 de xaneiro de 2011.  (en francés)
  8. Fernández Ruiz, B. (1980): La vida: origen y evolución. Barcelona: Salvat, páxs. 18-19.
  9. Pasteur Œuvres tome 2 – Fermentations et générations dites spontanées [pdf] (en francés)
  10. INGRAHAM, J.L., et. alt. (1999). Introducció a la microbiología. Reverté. ISBN 84-291-1864-0.  (en catalán)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Farley, J. (1977): The spontaneous generation controversy from Descartes to Oparin. Johns Hopkins University Press. (en inglés)
  • Fernández Ruiz, B. (1980): La vida: origen y evolución. Barcelona: Salvat. ISBN 84-345-7807-7
  • John S. Wilkins (2004). Spontaneous Generation and the Origin of Life. The Talk.Origins Archive. (en inglés) [1]

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar