O fixismo, tamén denominado teoría fixista, é unha doutrina ou teoría filosófica, ou máis ben unha crenza, moi aceptada até o século XVIII. O fixismo describe a natureza na súa totalidade como unha realidade definitiva, inmutábel e acabada.

Creación das estrelas e os planetas
Capela Sistina

En bioloxía, sostén que as especies actualmente existentes permaneceron basicamente invariábeis desde a súa creación por un poder divino, sen que xamais ocorreran cambios significativos na súa descendencia. Un dos maiores defensores do fixismo foi o naturalista francés Georges Cuvier.

En xeoloxía, o fixismo sustenta que os continentes manteríanse estábeis e fixos nos seus lugares actuais a través de toda a historia xeolóxica. Esta corrente de pensamento antecede historicamente á teoría proposta por Alfred Wegener, en 1912, da deriva continental, que propón que os continentes se moveran ao longo das eras. Actualmente a deriva continental é aceptada na forma da teoría da tectónica de placas, pero o fixismo xeolóxico persistiu sendo defendido moito tempo, até que a acumulación de evidencias favoreceu a aceptación científica da deriva continental.

As especies serían, por tanto, inmutábeis, tal e como foron creadas. Os fósiles serían restos dos animais que pereceron nos diluvios bíblicos ou ben caprichos da natureza.

Fixismo e evolución editar

Artigo principal: Creacionismo (pseudociencia).

Esta crenza oponse á teoría científica da evolución, inaugurada por Darwin, e está moi relacionada co creacionismo, unha teoría paralela, principalmente cristiá (aínda que tamén se dá noutras relixións), e segundo a cal o universo foi creado tal e como o coñecemos por Deus.

Seguindo a Biblia e desbotando as probas científicas que avalan a teoría da evolución [1], algúns seguidores desta teoría datan incluso a creación do universo nunha data extremadamente próxima, ao redor de seis mil anos, dando incluso o día e a hora na que se produciu [2].

Fixismo e bioloxía moderna editar

O descubrimento de fósiles desde a antigüidade, así como outros datos da natureza, levaron a pensadores de moitas culturas a intuír a idea de evolución.

Na Grecia clásica, algúns pensadores presocráticos, como Anaximandro de Mileto (século VI a.C.) deixou constancia diso, intuíndo a evolución dos seres vivos.

Tampouco a teoloxía cristiá estivo sempre indisociabelmente ligada ao fixismo ao longo da súa historia. Así, Tomé de Aquino e Santo Agostiño negaron que Deus creara todas as especies nos primeiros seis días. Segundo esta corrente teolóxica, Deus conferiría un poder produtor ou creador a diferentes elementos da Natureza, e este poder sería o responsábel da creación de vida en distintos momentos da historia da Terra.[3]

O fixismo no século XVIII editar

Véxase tamén: Carl von Linné e Georges Cuvier.

Non obstante, no pensamento occidental as teorías fixistas gozaron de moi boa reputación até ben entrado o século XIX.

O fixismo como hipótese científica non se formalizou até mediado o século XVIII, na obra de Carl von Linné (1707-1778). Este recoñecido botánico sueco, que sentou as bases da taxonomía moderna, desenvolveu formalmente o fixismo; mantiña que as especies se crearan de forma separada e independente, e negou a posibilidade da orixe común dos seres vivos. Hai que dicir que o obxectivo fundamental de Linneo era establecer a grandeza de Deus e da súa creación, co que era consecuente. Pero tamén cómpre dicir que, a medida que Linné foi avanzando no seu traballo, reconsiderou ás súas ideas fixistas, chegando incluso a suprimir determinados textos nas últimas edicións da súa obra.

O zoólogo e naturalista Georges Cuvier (1769-1832), impulsor da anatomía comparada e da paleontoloxía, foi outro dos científicos ilustres que se posicionaron a favor do fixismo. Ante o incesante descubrimento de fósiles de especies desaparecidas, Cuvier foi o pai da teoría (fixista) coñecida como catastrofismo, formulada para explicar a diversidade dos organismos fósiles que contradicían o fixismo.

Segundo Cuvier, a Terra estaría poboada por coleccións independentes de organismos vivos, produto de diversos actos creadores que alternaban con períodos de grades catástrofes, como o diluvio universal da Biblia, durante os cales a maior parte das especies existentes desaparecerían.

No século XIX acumuláronse as evidencias científicas, especialmente os fósiles, que facían cada vez máis difícil a aceptación do fixismo. A publicación de A orixe das especies, de Darwin desatou unha polémica que, finalmente, conduciu á aceptación do feito da evolución pola práctica totalidade dos naturalistas, se ben a teoría evolutiva de Darwin tardaría máis tempo en ser definitivamente aceptada.

O fixismo na actualidade editar

Na primeira metade do século XIX producíronse polémicas moi iradas entre fixistas e evolucionistas [4], até que o fixismo foi desbancado pola aparición do darwinismo.

O fixismo é unha teoría sen fundamento científico, que non soporta unha análise rigorosa. Actualmente son moitas as evidencias da evolución que desmontan calquera teorización de carácter fixista. Parte destas evidencies xéranse a partir da investigación en campos como a estratigrafía ou a paleontoloxía.

Neste sentido resultan igualmente determinantes os estudos sobre a idade da Terra, impulsados nun primeiro momento (século XIX) polos xeólogos británicos James Hutton (1726-1797) e Charles Lyell (1797-1875).

Actualmente nos Estados Unidos os seguidores do fixismo intentan que este sexa ensinado nas escolas públicas en igualdade de condicións que a teoría da evolución.

Véxase tamén: Deseño intelixente.

Non obstante, desde un punto de vista científico, o fixismo non ten hoxe ningunha credencial, sendo radicalmente rexeitado por todas as ciencias que aceptan a teoría da evolución como base.

Notas editar

  1. Probas científicas que avalan a evolución.
  2. O arcebispo anglicano de Armagh (Irlanda) James Ussher (1581-1656) calculou a idade da Terra, utilizando datos do libro da Xénese como principal fonte de información. Segundo Ussher, a Terra foi creada o ano 4.004 a.C., o 25 de outubro ás nove da mañá.
  3. Ron Amundson, The Changing Role of the Embryo in Evolutionary Thought: Roots of Evo-Devo, Cambridge University Press, 2005, 296pp, ISBN 0-521-80699-2.
  4. A máis famosa, a que mantiveron Cuvier e Lamarck.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar