Monte de San Trocado
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
O monte do San Trocado —ás veces escrito Santrocado— ou de San Torcuato é unha montaña da provincia de Ourense situada entre as comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
Érguese na beira dereita do Miño ao seu paso pola parroquia de Laias, en Cenlle, e o cume acada 554 m no linde entre os concellos de Santo Amaro e Punxín. Desde el pódese enxergar toda a redonda, destacando as vistas da Serra da Martiñá (1.037 m; en Cea) cara ó norte, e do Coto de Novelle (715 m; entre Castrelo de Miño, A Arnoia e Cartelle) cara ó sur. Na aba meridional abrollan mananciais de augas medicinais, explotados polo moderno balneario de Laias.
O monte do San Trocado pertence ós concellos de Cenlle, Santo Amaro e Punxín, e teñen parte nel cinco parroquias: Santo Antonio da Barca de Barbantes, Santa Baia de Laias, Santa Ouxea de Eiras, San Cibrao de Las e San Xoán de Ourantes, co cume situado entre as dúas últimas.
O poboado mineiro e a calzada a Lambrica
editarÓ poboado chégase subindo desde Laias andando por pistas forestais. Débese cruzar a actual autovía A-52 Vigo-Benavente. A causa da construción desta autovía, nos anos noventa fíxose desaparecer un importante sitio arqueolóxico prerromano e romano relacionado coa minería. O máis destacable deste sitio eran uns depósitos de mineral, tallados na rocha, e diversas construcións. Nas escavacións realizadas apareceron restos de muíños de man, útiles mineiros e moedas. Este asentamento figura en moitos estudos co nome de Barbantes, unha nova parroquia xurdida ó lado da de Laias no século XX, e coa que comparte unha parte do monte San Trocado. No subsolo do monte e no dos seus arredores hai estaño, con restos de explotacións ata mediados do século XX, polo que se pode considerar que este mineral xa fora explotado polos habitantes das épocas romana e prerromana. Tamén se poden rastrexar evidencias en lendas e na toponimia do lugar que aluden ó ouro, que podía ser extraído por diversas técnicas do interior dos montes (ver Laias), sendo a máis coñecida a do aproveitamento das areas fluviais.
Desde aquí partía unha calzada empedrada que desembocaba no castro de Lambrica ou de San Cibrán de Las, aínda que este último nome non se axusta á realidade xa que o castro está compartido polas parroquias de Ourantes e de San Cibrao de Las, dos concellos de Punxín e San Amaro, respectivamente. Lambrica é o castro máis grande da comarca, chamado aínda hoxe "A Ciudá", o que dá a entender a súa importancia con respecto ós outros pequenos castros que o arrodean, como o Castro Martiño (Xinzo), o Castro de Beariz, o Castro de Eiras ou o propio castro do Santrocado.
O nome de Lambrica procede dunha ara romana que apareceu no pazo de Eiras, na que un tal Emilio Reburrino dedica a ara ó deus prerromano Bandua Lambricae, o que nos indica a súa conexión co castro, auténtica "capitalidade" daquelas terras e naqueles tempos, pero en ningún caso está documentada a procedencia da ara do castro de Las. Porén, existen discrepancias na súa lectura, tentando moitos autores de relacionalo directamente co topónimo Lás e lendo "Lansbrigae" ou "Lanobrigae" en vez de "Lambricae". Ademais, tense utilizado o xenitivo para nomear o sitio, en diversas publicacións e folletos turísticos, o que é unha clara incorrección.
Antes de chegar a Lambrica, esta calzada podía ser vixiada desde o alto do monte que se comenta, o San Trocado, no que existiu tamén un pequeno poboamento castrexo. Neste lugar téñense feito algúns estudos arqueolóxicos que deron a entender que as primeiras ocupacións do San Trocado poden enmarcarse entre o final da Idade de Bronce e a Idade de Ferro inicial, máis ou menos entre os séculos VII e VI antes de Cristo, o que dá unhas datas un pouco anteriores á ocupación de Lambrica.
Nos arredores de Lambrica existen vestixios que testemuñan a ocupación do territorio na Idade de Bronce. Así, existen mámoas inmediatas ó castro, pero tamén en lugares máis afastados, como as do monte da Ermida na veciña parroquia de Eiras, asociadas a unha rocha con petróglifos circulares e inmediatas a vetas auríferas e de estaño, que percorren toda a ladeira sur do Monte de San Trocado, dende a parroquia de Eiras (San Amaro) ata Barbantes.
Lugar de vixilancia e defensa
editarO cumio do San Trocado sería un lugar de vixía e, posiblemente, de comunicación a distancia entre os distintos castros do contorno. Cumpre unha función na defensa da parte sur do castro de Lambrica, xa que nesta parte o gran castro parece indefenso, pero non é así, xa que desde o cumio do monte do San Trocado podían vixiarse os accesos polo río Miño: aínda hoxe poden divisarse dende as proximidades de Ourense ata o actual encoro de Castrelo.
A súa función pode comprenderse pensando na constelación de montes dende os que se emitían sinais luminosos. Moitos deles aínda hoxe se chaman "Faros", "Fachos" etc. Podería derivar o seu nome do latín torqueo, que, entre outras cousas, significa "gobernar". En italiano existe a palabra "torcia", que significa "facho" ou "lanterna". Aínda hoxe se utilizan os montes para comunicar, erguendo rexas antenas. Antigamente, só podían facerse sinais con lume, para emitir unha serie de avisos ou mensaxes que interesarían ás xentes do contorno, e, mesmo, ás xentes doutros montes altos, que servirían de "reemisores" do sinal. Martínez Tamuxe, cando se refire ó Monte de Santa Trega (A Guarda, Pontevedra) define a cima do Facho como "lugar adecuado, desde onde, na antigüidade, dábanse sinais con lume entre si as antigas poboacións de altura". Ademais, este mesmo autor relaciona Facho con fachón, e fachueira, que é o mesmo que fogueira ou facho. Cómpre dicir que a citania de Santa Trega tivo tamén poboación prerromana e romana, polo que poden aplicarse paralelismos entre os dous montes.
O comercio dos minerais
editarSamuel Eiján, na súa obra Historia de Ribadavia y sus alrededores fala de que as terras dos arredores de Ribadavia non foron descoñecidas para os fenicios:
Nada, por consiguiente, tiene de extraño que los emprendedores fenicios, o bien los cartagineses o romanos que les sucedieron, realizasen el proyecto de navegación por el Miño, favoreciendo de este modo, al par que sus intereses, el bien estar y la prosperidad de la comarca ribadaviense.
Supoñendo, tal como documenta Estrabón, que o río Miño era navegable "oitocentos estadios" dende a desembocadura, pódese asegurar que é posible que entrasen e saísen mercancías a través do Miño, por vía fluvial. Así, cobra tamén sentido o inicio da calzada "romana" dende Barbantes, onde existía unha barca que cruzaba o Miño non hai moitos anos. Oitocentos estadios correspóndense cuns 144 quilómetros, que deben ser, aproximadamente, os que hai desde Camposancos (A Guarda) ata a mesma cidade de Ourense.
Este movemento comercial, seguramente ligado á minería do ouro e do estaño -presentes nos arredores do Santrocado- é o único que pode explicar o auxe do gran castro de Lambrica, existente entre os concellos de San Amaro e Punxín e do que o pequeno miradoiro do Santrocado non é senón o seu apéndice de vixilancia da zona mineira, cara ao sur, e das entradas de embarcacións polo río Miño que, coma se dixo máis arriba, son visibles desde Castrelo de Miño, uns poucos quilómetros antes de chegar ó embarcadoiro de Barbantes.
Como chegar
editarAínda que empezando a ruta en Laias, a cima do monte pode ser visitada dende os concellos de Punxín e San Amaro, pódese subir desde eles en turismo sen ningún problema. O monte pertence ós tres concellos citados: Cenlle, San Amaro e Punxín, pero non existe ningún punto de información turística en ningún sitio. O visitante do cumio poderá gozar das vistas que ofrece o San Trocado, con amplos aparcadoiros que arrasaron boa parte do castro que alí había.
O que hai no cumio do monte: a capela e a festa
editarA cima do monte do San Trocado está compartida só entre os citados concellos de Punxín e San Amaro, e nela localízase unha capela que ostenta nun dos seus laterais unha data, 1739, posiblemente dunha reconstrución. A capela está dentro dos límites da parroquia de San Cibrán de Las, que garda na súa parroquial unha imaxe do santo titular. Na capela hai hoxe unha imaxe pétrea do San Trocado, que substitúe a outra -ignórase como era- que desapareceu a finais dos anos cincuenta do século XX.
A festa que alí se celebraba era no 15 de maio, posible reminiscencia de cultos prerromanos. Contan os maiores que alí subían catro procesións, procedentes das catro parroquias que arrodeaban o monte (Eiras, Las, Laias e Ourantes), xuntándose na cima e gozando dun ledo día de festa, despois da "bendición dos campos" do contorno. López Cuevillas relata na súa obra Prosas Galegas esta celebración, que podía ser vista, segundo el mesmo di, por don Ramón Otero Pedrayo, dende a solaina do seu pazo de Trasalba (Amoeiro).
Xusto ó lado da capela hai un bido ou bidueiro, e os habitantes do lugar chámanlle "o Coto". Otero Pedrayo, na súa obra Arredor de Si (capítulo XII) fai unha descrición dun monte que ben puido ser inspirada no San Trocado:
Na ribeira do grande río galego, non lonxe da aldea dos Solovio, a maina curva dun meandro demarca a larganza e fartura da veiga cha, erguemento azul do coto da Bidueira. Ten as abas vestidas de piñeirais crecedeiros e o peito asucado polas arroiadas da invernía. Os ribeiráns chámanlle coto cun senso de amor como cousa mimada, presente a todas a horas das súas sazóns, e mírano como algo vivente, pois ten o cume figura de testa de gato ou de moucho, e ata figura con certos ventos e con certos soles acenar as orelliñas feitucas (...)
Aínda que hoxe só se ve un biduo, hai que dicir que a mediados do século XX existían dous, un a cada lado da capela (hai unha fotografía de Manuel Chamoso Lamas na obra de Enrique Bande que se cita máis adiante na bibliografía). Non existen máis exemplares desta árbore na cima do monte, polo que algúns paisanos chegaron a atribuír un carácter milagreiro á existencia destes biduos.
O abeiro do Raposo (Amoeiro)
editar- Artigo principal: O Chan da Ferradura.
No concello de Amoeiro tamén se sitúa un abeiro de rochas denominado "Do Raposo", desde onde tódolos solsticios de inverno pode verse como se pon o sol xusto na cima do San Trocado, proba do valor sagrado que o monte tiña para os antergos, incluso aqueles que viviron na zona de Amoeiro e unha proba máis da "intercomarcalidade" dos castros de Lanobriga.
A importancia de Lambriga e do San Trocado traspasa os actuais límites municipais, non sendo óptimas as actuacións arqueolóxicas se só implican a un ou dous dos concellos, pois os resultados de tales investigacións non terán en conta o papel desenvolto polos vestixios que xacen en concellos veciños e que non poden entenderse illadamente.
Restos arqueolóxicos, lendas e cultos
editarEn canto ós restos arqueolóxicos na cima do San Trocado, aínda se poden observar restos da muralla que arrodeaba o castro. Trátase dunha acumulación de pedras que segue unha liña algo curvada, xa que está sen restaurar, pero apréciase perfectamente como arrodea o sur e o oeste da capela. Apareceron tamén diversos restos cerámicos, posiblemente do século VI antes de Cristo os máis antigos, pero tamén os hai da época medieval. Tamén podemos ver os coñecidos "ocos" ou "cuncas" nas rochas, utilizadas en ritos de cultos prerromanos. Atópanse tamén restos paleolíticos, basicamente "bifaces" en cuarzo, especialmente na súa ladeira sur.
O San Trocado tamén está envolto nas consabidas lendas de trabes de ouro e de alcatrán, que garda unha gran serpe, e a da galiña e os "pitiños de ouro", que son o primeiro indicio de antigos poboamentos ou de lugares sagrados.
Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey documentan unha lenda recollida nos anos vinte en Eiras e que di así, relativa ó castro de Lambrica (A Cidade):
N-iste castro hai unha moura que sai en figura de unha cobra levando unha fror na boca. Pra desencantala hai que lle tirar cos beizos a fror que leva na boca (relato de Segundo González de Eiras).
Outra lenda, escoitada ós veciños de Xinzo, di que dende o Castro Martiño (lugar de Xinzo-Eiras) existe unha serpe dende unha mina da que aínda hai restos, e que se estende por baixo do monte ata o cumio da "Cidade". Aquí, os paisanos chámanlle "Cidade" curiosamente ó cumio do Santrocado, non ó castro de Lambrica, o que podería indicarnos a identificación dos dous castros, complementarios entre si, e co importante labor de vixilancia do San Trocado.[Cómpre referencia]
A preocupación do home polos lugares altos é común a toda a Humanidade, onde a Divindade está máis cerca e pode ser posible contactar con ela, ben sexa para pedir protección ou para agradecer favores, ademais de poder servir de lugar de vixilancia e defensa, sendo controlados pola elite dirixente no contorno.
O santo alí venerado, un bispo de Guadix, San Torcuato, é visto nestas terras coma protector contra as tormentas. Cun lóstrego na man, tamén era representado Xúpiter, en época romana, ó que posiblemente suplantou San Trocado. No alto da cidade de Lambrica, en San Cibrán de Lás, existe unha inscrición, "IOVI", ("a Xúpiter") nunha rocha de pouco máis de medio metro de altura, que ten, curiosamente, o mesmo perfil que o do monte San Trocado.
E, relacionado coas tormentas, tamén temos a lenda clásica relatada por Xustino de que "teñen no seu país un monte sagrado que é impío abrir co ferro, e só cando toca o raio nas súas ladeiras pode recollerse o ouro das súas entrañas coma un presente dos deuses". Non hai constancia de que esta lenda se refira a este monte, pero é posible que se trate dunha lenda común a todo o Noroeste peninsular, onde cada tribo tería a súa propia área de culto nun monte do seu contorno, algo parecido ó que ocorre con outras lendas ben coñecidas, que se repiten por toda a xeografía galaica. Así, a lenda da "moura", a da "trabe" etc., algunhas xa citadas. Ademais, moi cerca do seu cumio existe o topónimo "Os Fornos", que pode indicar o lugar de ritos funerarios de cremación ou de enterramento, como ocorre noutros lugares de Galiza.
Ademais, pódese considerar que a festa do mes de maio do San Trocado pode ter as súas orixes en ritos primitivos de tradición céltica que se celebraban no mes de maio e dos que hai abondosa tradición nas nacións atlánticas. Trátase das celebracións de Beltain, vinculadas ó lume. En Irlanda hai constancia de que os campesiños acendían nos montes grandes fogueiras, o que poderíamos relacionar coas posibles orixes do nome ("Torcia" = facho, en italiano). Estes antigos cultos tentarían de ser suplantados polos romanos co pai dos deuses, Xúpiter, ó que estaban dedicados certos días (as idos, 15 de marzo, maio, xullo e outubro e 13 dos demais meses). Hai constancia escrita deste culto nunha inscrición en rocha no castro de Lambrica, da que se falou máis arriba.
Xa no cristianismo, buscaríase un santo con atributos parecidos ós do deus romano, que xustificara as tradicionais reunións anuais no Coto das xentes do contorno nos días 15 dos meses de maio (sincretismo do Beltaine céltico e da idos romana). En época moderna, soben ós altares ó madrileño Isidro (Sidre), instituíndo a Igrexa a súa festividade o 15 de maio. É así como xorde no Coto a veneración a San Isidro Labrador, o patrón dos agricultores, seguramente por coincidir as datas das celebracións de ambos santos. Non faltan paisanos que os identifican crendo que se trata do mesmo.
En todo caso, estamos diante dunha celebración netamente agraria, relacionada con cultos á natureza, seguramente para pedir protección contra o raio, e asegurar boas colleitas. Tampouco se debe desbotar a posibilidade de que esta festa servise nas súas orixes para favorecer intercambios tanto de mercancías coma de gando, entre as diversas aldeas do contorno, algo así como unha pequena feira local, e, como non, para fomentar as relacións entre as xentes dos diversos pobos que alí subían.
Polos arredores
editarA moi pouca distancia está o Castro de Lambrica, a igrexa románica de Ourantes (cuns fermosos canzorros, entre os que destaca o do "músico" e o do "lector"), a súa reitoral, e o monumental peto de ánimas onde San Francisco segue salvando xente, o templo barroco de Santa María de Salamonde, onde recentemente desapareceu un cruceiro "celta" da capela de Santa Eufemia (tamén preto doutro pequeno castro) e unha riquísima variedade de patrimonio etnográfico espallado polo contorno.
En Eiras atópanse os pazos de Sabariz, con portada do século XVII, coroada polo escudo dos Cárdenas e unha curiosa imaxe, e o de Eiras, ó lado dunha vella carballa e moi preto da parroquial, a cal garda no seu interior un destacable retablo de Castro Canseco, feito en 1704.
Diante da igrexa de San Cibrán de Lás, con data na súa parte posterior de 1739, pódese ver un curioso cruceiro que tivo peto de ánimas e que ten gravada na súa base a figura dun bispo. Ó lado deste cruceiro pódese ver a praciña de cemento e imaxinar como era a entrada barroca á reitoral, destruída non hai moito. Constaba dun portalón barroco con ameas apuntadas -ó xeito das entradas de moitos pazos- e dun gran muro feito nos séculos do Barroco con pedras procedentes do castro de Lambrica.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidad de Deusto. 1977.
- GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, B.: Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas. Ed. do Castro, Sada, 1990.
- CUEVILLAS, F., BOUZA BREY, F.: Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza. Ed. facsímile do Seminario de Estudos Galegos (1929). Universidade de Santiago, 1992.
- CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Galaxia, Vigo, 1982.
- EIJÁN, S.:Historia de Ribadavia y sus alrededores. Ed. facsímile (1920). Albarellos. Lugo, 1981
- FARIÑA BUSTO, F., XUSTO RODRÍGUEZ, M.: "Coto do San Trocado (San Amaro-Punxín-Ourense", en VVAA, Arqueoloxía-informes 2. Campaña 1988. Xunta de Galicia, 1988.
- OTERO PEDRAYO, R.: Arredor de sí. Galaxia, 1985.
- OTERO PEDRAYO, R.: Guía de Galicia. Galaxia, 1980.
- CASTRO PÉREZ, L.: Sondeos en la arqueología de la religión en Galicia y norte de Portugal: Trocado de Bande y el culto jacobeo. Universidade de Vigo, 2001.
- BANDE RODRÍGUEZ, E.: La romería de San Torcuato. Ed. patrocinada por Caja Rural, 1984.
- GARCÍA QUINTELA, M.; SANTOS ESTÉVEZ M.:"Alineación arqueoastronómica en a Ferradura (Amoeiro, Ourense)". Revista Complutum 15, 2004, px. 51-74.
- ALBERRO, M.: Diccionario mitológico y folklórico céltico. Briga Edicións. A Coruña, 2004.
- MARTÍNEZ TAMUXE, X.: Citania e museo arqueolóxico de Santa Tecla. Sociedade Pro Monte. A Guarda, 1998.
- GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense", en Ágora do Orcellón 17, 38-52. Vigo, marzo de 2009. ISSN 1577-3205.