Manuel Pertegaz Ibáñez, nado en Olba (Provincia de Teruel) o 18 de maio de 1918 e finado en Barcelona o 30 de agosto de 2014, foi un deseñador e modisto español.[1][2]

Infotaula de personaManuel Pertegaz

Editar o valor em Wikidata
Biografía
NacementoManuel Pertegaz Ibáñez
1917 Editar o valor em Wikidata
Olba, España (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte30 de agosto de 2014 Editar o valor em Wikidata (96/97 anos)
Barcelona, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeespañola
Actividade
Ocupaciónxastre , deseñador de moda , empresario Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá e lingua catalá Editar o valor em Wikidata
Premios

IMDB: nm0675678 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Con dez anos mudouse coa familia a Barcelona e en 1930 abandonou o colexio para comezar a traballar nunha xastrería. A súa carreira foi meteórica e en 1942, con só 25 anos, abriu a primeira casa de modas de alta costura nunha entreplanta da Avinguda Diagonal. En 1948 abriu a súa primeira tenda en Madrid, na esquina da rúa Hermosilla con Velázquez, e viaxou a París.

Comezou a ser coñecido internacionalmente cando marchou a Estados Unidos en 1954 xunto a Valentino, Pierre Cardin, Pierre Balmain e as irmás Fontana, entre outros. Presentou a súa colección en Nova York, Boston, Atlanta e Filadelfia. Ese mesmo ano os seus traxes empezaron a venderse nas mellores tendas do país americano. Foi o primeiro deseñador español que vendeu os seus deseños na Quinta Avenida de Manhattan.[3]

En 1951 realizou os deseños do vestiario para o filme Alba de América que se realizan na xastraría de Humberto Cornejo.

En 1957 trasladou os seus salóns de Madrid ao Paseo da Castellana. Ese mesmo ano Christian Dior morreu subitamente dun infarto. En París falábase de Pertegaz como posíbel sucesor, mais el declinou o ofrecemento, do mesmo xeito que o seu compañeiro de profesión Elio Berhanyer. Os seus traxes exportáronse a Inglaterra, Suíza e o Canadá. As súas coleccións presentáronse no Cairo, Venecia, Londres, Santiago de Chile e Copenhague.

En 1960 asistiu á primeira gala da moda europea celebrada en México. En 1961 deseñou e confeccionou o vestido de noiva da actriz Carmen Sevilla, alcumada "a Noiva de España", e mesmo se realizou un NO-DO para inmortalizar o evento. En 1964 asistiu á Feira Universal de Nova York e o ano seguinte creou o perfume Diagonal.

En 1968 inaugurou a primeira das súas cinco tendas de roupa en España. Medalla de Ouro da Cidade de Nova Orleáns. En 1969 os seus salóns madrileños quedaron de novo pequenos e trasladounos a un palacete do barrio de El Viso. Nos seus talleres de Barcelona e Madrid traballaban xa 700 persoas.

En 1969 a cantante española Salomé luciu un vestido da súa firma no Festival da Canción de Eurovisión, no que resultou gañadora. O deseño, de 14 quilos de peso, estaba realizado en porcelana con flocos. En 1970 impúxose o prêt-à-porter e Pertegaz realizou a súa primeira colección de «boutique». Viaxou a San Antonio (Texas, Estados Unidos) e presentou a súa colección na Gala de España, con Joan Crawford como convidada de honra.

 
Deseño de Pertegaz para as auxiliares de voo de Iberia (1968)

En 1974 viaxou a São Paulo convidado pola Cámara de Comercio. Creou en 1975 o perfume Muy Pertegaz. Pechou os seus salóns de Madrid e as liñas de pret-à-porter e de accesorios continúan en Barcelona. En 1980 viaxou ao Xapón convidado pola Cámara da Moda e a México con motivo da inauguración dun novo establecemento de El Palacio de Hierro. En 1982 presentou o seu terceiro perfume, Sport.

En 1992 vestiu a modelo estadounidense Pat Cleveland como Dama do Paraugas na cerimonia da inauguración dos Xogos Olímpicos de Barcelona. En 1997 creou a súa primeira colección para home e o ano seguinte pechou o desfile de moda que, con motivo do día de España, se presentou na Expo 98 en Lisboa. En 2000 seguiu aínda a traballar e a supervisar as liñas que se comercializan co seu nome, tanto dentro como fóra de España.

Vestiu durante moitos anos a María Teresa Salisachs Rowe, a esposa de Juan Antonio Samaranch, finada en 2000.

En 2004 confeccionou o traxe nupcial da raíña Letizia.

O 30 de agosto de 2014 finou en Barcelona aos 96 anos de idade.

Estilo editar

A finais da década de 1960 intuíu que a moda ía sufrir un cambio, de aí a súa fama de precursor. Ver o musical Hair deulle unha pista desa revolución inminente.

Vin este musical e comprendín que algo diferente estaba a piques de comezar. Nacía a moda moza, o prêt-à-porter, a moda da rúa.

Tamén o cinema tivo sobre el unha notábel influencia. Así, percibiu que o filme Bonnie and Clyde crearía unha moda peculiar.

Quizais máis que outras artes, aínda que na pintura sempre me interesaron as vangardas. Daquela tiña os meus mitos da gran pantalla. Greta Garbo, Joan Crawford ou Katharine Hepburn eran mulleres que me encantaban: a súa maneira de se moveren, a súa personalidade, a súa forma de actuar dunha elegancia moi sedutora. A Joan Crawford coñecina nunha gala en San Antonio de Texas.

Durante o seu maior apoxeo, vestiu a esposa de Francisco Franco, Carmen Polo, e a súa filla, Carmen Franco y Polo. Entre outras, vestiu as actrices Paulette Goddard e Ava Gardner. Algunhas clientas foron tamén amigas súas, como Audrey Hepburn, Jacqueline Kennedy, Marisa Berenson, María Teresa Bertrand, Aline Griffith, Carmen Sevilla ou a raíña emérita Sofía.

Galardóns e recoñecementos editar

Notas editar

  1. "Muere Manuel Pertegaz". La Vanguardia (en castelán) (Barcelona). EFE. 30 de agosto de 2014. Consultado o 19 de outubro de 2022. 
  2. Montes-Fernández, Jesús María (30 de outubro de 2009). "Manuel Pertegaz, una vida dedicada a la costura". Yo Dona (en castelán) (Unidad Editorial Internet, S.L.). Consultado o 19 de outubro de 2022. 
  3. "Manuel Pertegaz, maestro de la alta costura durante casi 80 años". 20 Minutos (en castelán). EFE. 30 de agosto de 2014. Consultado o 20 de outubro de 2022. 
  4. "El Ayuntamiento de Teruel nombra Hijo Adoptivo de la ciudad al diseñador Manuel Pertegaz". Europa Press Aragón (en castelán) (Teruel). 4 de xuño de 2010. Consultado o 29 de agosto de 2020. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Enciclopedia Biográfica Española, Barcelona: J. M. Massó, 1955.[cómpre nº de páxina]
  • Isabel de Villalonga, Pertegaz Barcelona: Ed. Polígrafa, 2000.

Ligazóns externas editar