Lois Filipe I de Francia

rei de Francia
(Redirección desde «Luís Filipe I de Francia»)

Lois Filipe I de Francia,[1] nado en París o 6 de outubro de 1773 e finado en Claremont, Surrey, Inglaterra, o 26 de agosto de 1850, foi o último rei de Francia, reinando co título de rei dos franceses entre 1830 e 1848 (monarquía de Xullo), levando implícito con iso o título de copríncipe de Andorra. Fillo do duque Lois Filipe II de Orleáns, «Filipe Igualdade» (curmán de Lois XVI), durante a Revolución Francesa foi coñecido como o «Cidadán Chartres» ou «Igualdade fillo» (en francés: Égalité fils). Foi duque de Valois até 1785, duque de Chartres de 1773 a 1793 e, trala morte do seu pai, duque de Orleáns co nome de Lois Filipe III de Orleáns de 1793 a 1830.

Lois Filipe I de Francia
Rei dos franceses e copríncipe de Andorra
Lois Filipe I, por Franz Xaver Winterhalter en 1841.
Lugartenente Xeral do Reino
31 de xullo de 1830 - 9 de agosto de 1830
PredecesorCarlos X
(Rei de Francia e Navarra)
SucesorEl mesmo
(Rei dos franceses)
Rei dos franceses
9 de agosto de 183025 de febreiro de 1848
PredecesorEl mesmo
(Lugartenente Xeral do Reino)
SucesorJacques-Charles Dupont de l'Eure
(Presidente do Consello de Ministros do Goberno Provisional da Segunda República)

Reinado9 de agosto de 1830 - 24 de febreiro de 1848
Falecemento
Claremont,
Surrey, Reino Unido Reino Unido
ConsorteMaría Amelia de Borbón-Dúas Sicilias
DescendenciaFernando Filipe de Orleáns
Luísa María de Orleáns
María de Orleáns
Lois de Orleáns
Francisca de Orleáns
Clementina de Orleáns
Francisco de Orleáns
Carlos, Duque de Penthièvre
Henrique de Orleáns
Antón de Orleáns
Casa realCasa de Orleáns

Escudo de Lois Filipe I de Francia
Na rede
WikiTree: Orléans-125 Find a Grave: 12291 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Lois Filipe I era o fillo primoxénito do duque Lois Filipe II de Orleáns, descendente do rei Lois XIII, e de Luísa María Adelaida de Borbón, tamén descendente do rei Lois XIV de Francia. Desde o seu nacemento tivo o trato da súa Alteza Serenísima, o duque de Valois, até a morte do seu avó Lois Filipe I de Orleáns en 1785 cando adoptou o título de duque de Chartres.

En 1781, o seu pai confiou a súa educación á que fora o seu amante e que xa era preceptora das súas fillas, Félicité de Genlis, muller ilustrada e escritora, que impuxo un estilo pedagóxico forte, no que ocupaba un lugar preferente o estudo doutros idiomas, chegando Lois Filipe a dominar a conversación en alemán, inglés, italiano e español. Madame de Genlis diría do futuro rei: «Era príncipe, fixen del un home; era torpe, fixen del un home hábil; era aburrido, fíxenlle un home amable; era covarde, fíxenlle un home bravo; era mesquiño, non puiden facer del un home xeneroso. Liberal, todo o que se queira; xeneroso, non».[2]

A revolución editar

 
Retrato de Lois Filipe de Orleáns, entón duque de Chartres, en 1792.

En 1789, co estalido da Revolución Francesa iniciouse a súa formación política. Do mesmo xeito que o seu pai, foi un firme defensor da Revolución. En xuño de 1791, incorporouse co grao de coronel ao décimo cuarto rexemento de dragóns. Tras o estalido da guerra en 1792, foi ascendido tenente xeneral, participando co exército francés do Norte, comandado por Charles François Dumouriez, na Batalla de Valmy e na Batalla de Jemappes. En abril de 1793, tras o guillotinamento de Lois XVI, o xeneral Dumouriez pasouse ás filas inimigas, acompañándoo Lois Filipe, que permanecería no exilio durante o resto do período republicano e o goberno de Napoleón, até 1815.

Exilio (1793-1815) editar

Nos seus primeiros momentos no exilio tivo que sobrevivir con poucos recursos económicos, xa que a fortuna familiar fora incautada en Francia, e sen revelar a súa identidade por temor a ser descuberto. En novembro de 1793, tras contactar coa súa irmá Adelaida e con Madame de Genlis, exerce como profesor nunha pequena escola de Reichenau, un pobo no Alto Rin, fronte a Suíza. Alí mantén unha relación amorosa con Marianne Banzori, a cociñeira do colexio, coa que tivo un fillo e ten coñecemento de que o seu pai foi guillotinado.

En 1795 realizou unha viaxe por Escandinavia e posteriormente accedeu a viaxar a Estados Unidos a cambio da liberación dos seus irmáns, Antón Filipe e Lois Carlos, que permanecían presos. Neste país pasou tres anos. Ao principio marchou a Filadelfia, onde se reuniu cos seus irmáns, xa liberados. Posteriormente residiu en Nova York e Boston, onde traballou como profesor de francés, aloxándose no mesmo edificio do que hoxe é o restaurante máis antigo da cidade, o Union Oyster House. En 1797 visitou Cabo Cod, coincidindo coa separación da cidade de Eastman en dous municipios, un dos cales tomou o nome de Orleáns, posiblemente na súa honra. Tamén se cre que coñeceu a Isaac Snow, de Orleáns, quen escapara dunha barcaza prisión inglesa cara a Francia durante a Guerra da independencia estadounidense.

En 1797, mentres permanecía en Boston, Lois Filipe coñeceu o golpe de estado do 18 de frutidor e o exilio da súa nai en España, polo que decidiu volver a Europa xunto cos seus irmáns. Viaxaron até Nova Orleáns, planeando navegar até A Habana e desde alí até España, pero os seus plans víronse alterados pola guerra entre España e Gran Bretaña. Cando chegaron á Habana, tras ser interceptados por unha nave británica, o tres irmáns tiveron que permanecer máis dun ano na illa sen atopar pasaxe en ningún barco, para terminar sendo expulsados polas autoridades españolas. Viaxaron entón, vía Bahamas, até Nova Escocia, onde foron recibidos polo duque de Kent, fillo do rei Xurxo III. Posteriormente viaxaron até Inglaterra, onde chegaron en xaneiro de 1800.

Matrimonio editar

 
Retrato de raíña María Amelia de Borbón-Dúas Sicilias de 1835, cos seus dous fillos menores Henrique de Orleáns, duque de Aumale (1822), e Antonio de Orleáns, duque de Montpensier (1824).

En 1808, o duque de Orleáns desembarcou en Palermo, onde establecera o seu corte o rei Fernando I das Dúas Sicilias ante a presión das forzas napoleónicas. O exército francés había tomado Nápoles e Napoleón declarara a extinción da dinastía borbónica e establecido a José I Bonaparte como novo monarca. En Palermo, Lois Filipe coñece á que sería a súa esposa, a princesa María Amelia de Borbón-Dúas Sicilias, filla do rei Fernando, coa que contraería matrimonio o 25 de novembro en 1809. O matrimonio tivo dez fillos:

  • 1º Fernando Filipe de Orleáns, duque de Orleáns (3 de setembro de 181013 de xullo de 1842). O seu fillo Filipe de Orleáns, conde de París, será Pretendente orleanista ao trono de Francia;
  • 2º Luísa María de Orleáns (3 de abril de 181211 de outubro de 1850) despois raíña consorte de Leopoldo I de Bélxica, nai de Leopoldo II e de Carlota de Bélxica, Emperatriz de México;
  • 3º María de Orleáns (12 de abril de 18136 de xuño de 1839) contraeu matrimonio co duque Alexandre de Württemberg (1804 – 1881), nai de Filipe de Württemberg;
  • 4º Lois Carlos Filipe Rafael, duque de Nemours (25 de outubro de 181426 de xuño de 1896) contraeu matrimonio con Vitoria de Saxonia-Coburgo-Gotha (1822 – 1857), pai de Gastón de Orleáns, Conde de Eu, Emperador do Brasil;
  • 5º Francisca de Orleáns (28 de marzo de 1816 – 1818);
  • 6º Clementina de Orleáns (3 de xuño de 181716 de febreiro de 1907) contraeu matrimonio con Augusto de Saxonia-Coburgo-Gotha, nai de Fernando I de Bulgaria;
  • 7º Francisco de Orleáns, Príncipe de Joinville (14 de agosto de 1818 – 16 de xuño de 1900) contraeu matrimonio coa Princesa Francisca do Brasil (1824 – 1898) filla de Pedro I do Brasil. Son pais de Francisca de Orleáns, casada co seu primo Roberto de Orleáns, duque de Chartres;
  • 8º Carlos, duque de Penthièvre (1 de xaneiro de 1820 – 1828);
  • 9º Henrique, duque de Aumale (16 de xuño de 1822 – 7 de maio de 1897) contraeu matrimonio coa princesa María Carolina de Borbón-Dúas Sicilias (1822 – 1869), filla de Leopoldo, príncipe de Salerno. Os seus fillos morreron antes que el;
  • 10º Antonio, duque de Montpensier (31 de xullo de 1824 – 1890) chegou a ser Infante de España despois de estar casado con Luísa Fernanda (1832 – 1897), filla de Fernando VII de España e irmá de Isabel II. A súa primoxénita María Isabel de Orleáns casou con Filipe de Orleáns, Conde de París e a súa terceira filla (quinta contando tamén os fillos homes), María das Mercés de Orleáns, casou con Afonso XII de España (fillo de Isabel II e por tanto primo da súa esposa).

Ascenso e reinado editar

 
Vista de 1810 do Palais Royal de París, onde se estableceu Lois Filipe, ao seu regreso a Francia en 1814.

En 1814, tras a caída de Napoleón e a restauración da monarquía baixo o goberno do rei Lois XVIII, Lois Filipe volve a Francia.

A diferenza da do seu antecesor, Carlos X, a súa monarquía foi constitucional, e recibiu (polo menos mentres se sostivo) o apoio social da burguesía e o beneficio dun ciclo económico expansivo, durante o que Francia accedeu plenamente á Revolución Industrial (a época do «enrichissez-vous»), co que as diferenzas sociais entre a burguesía e o proletariado agudizáronse. Adoita recibir o nome de Monarquía de Xullo, polo mes da revolución que o ascendeu ao trono. Por tal motivo, as monarquías europeas alcumárono como Rei das barricadas. As barricadas de 1848 apartáronlle do poder, dando paso á Segunda República.

Á fronte do goberno, mostrouse reservado e prudente e manifestou un grande apego polo poder. Contaba co apoio social da burguesía e o beneficio dun ciclo económico expansivo. Con todo, aos poucos apoiouse no partido da resistencia monárquica e, a partir de 1840, en Guizot. En política exterior, comezou por achegarse a Gran Bretaña, debido ao temor que tiña que os insulares iniciasen calquera tipo de conflito. Por iso asinou o «primeiro Acordo Cordiale» (1840–1846), que puña fin á rivalidade franco-británica no Mediterráneo e en España. Lois Filipe iniciou entón un achegamento a Viena para que o seu reinado fose mellor valorado polos países autoritarios.

 
Efixie de Lois Filipe I nunha moeda de ouro de 20 francos.

En 1846 Lois Filipe presuntamente formou parte dunha tentativa monarquista no país suramericano de Ecuador. Segundo Francisco Michelena e Vermellas, embaixador ecuatoriano en Londres, os plans de crear un Reino de Ecuador que trazara o expresidente dese país, Juan José Flores, terían eco nas principais cortes europeas con pretensións en América. Michelena acusaba principalmente a Francia de axitarse en distintas formas para establecer a súa dominación, ofrecendo os seus príncipes baixo alianzas de familia, ou o seu protectorado, tratando de influír nos gobernos contra os intereses nacionais e humillando as súas noveles nacionalidades; e para iso o diñeiro necesario para a expedición previría do mesmo rei Lois Filipe.[3][4]

 
Abdicación do rei.

Por outra banda Manuel Moreno, embaixador arxentino en Londres, sospeitaba tamén da intervención francesa en Ecuador, pois cría que a candidatura ao trono ecuatoriano que lle ofreceron a Agustín Muñoz y Borbón, terceiro fillo do segundo matrimonio da raíña María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, non era senón aparente e provisional, e que no fondo todo estaba dirixido polo monarca francés para acabar coa outra parte do Tratado de Utrecht, e atraer co tempo á Casa de Orleáns cara a Hispanoamérica. Moreno baseaba a súa hipótese no casamento de Antonio de Orleáns, duque de Montpensier e noveno fillo do rei francés, coa infanta española Luísa Fernanda de Borbón, tamén filla da mencionada María Cristina e irmá de Isabel II, en cuxo beneficio sería en realidade a futura monarquía que pretendían instaurar en América desde Ecuador.[3][4][5] Finalmente, e por diferentes motivos, estes plans de Flores non se chegaron a concretar nunca.

Os últimos meses do seu reinado caracterizáronse pola crise xeral que azoutaba o país. Era unha crise financeira, económica, política e moral, que se viu agudizada pola imprudencia do propio rei, quen non soubo ver o perigo que corría a súa dinastía baixo a política ultraconservadora de Guizot. Coa súa abdicación,[6] Lois Filipe afirmou que a colección reunida por el na Galerie Espagnole do Louvre até 1848, era a súa colección de arte e por tanto debía considerarse como unha posesión persoal, unha reclamación que lle permitiu dispor dela en última instancia. A colección foi vendida nunha poxa en 1853.

Notas editar

  1. "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-12-07. 
  2. Ros, Carlos. El duque de Montpensier. La ambición de reinar. Castillejo. ISBN 84-8058-141-7. 
  3. 3,0 3,1 Orrego Penagos, Juan Luis (decembro de 2003). "El general Juan José Flores y el Perú". Rumbo al Bicentenario (en español). Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2013. Consultado o 17 de abril de 2015. 
  4. 4,0 4,1 López Molina, Héctor. "La Casa de Orléans en el trono ecuatoriano". Monarquía ecuatoriana (en español). Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2015. Consultado o 02 de xaneiro de 2017. 
  5. Cervera, César (19 de maio de 2015). "María Luisa Fernanda de Borbón, la hija de Fernando VII que quiso reinar en Ecuador y casi lo hace en España" (en español). Madrid. ABC.es. Consultado o 11 de xullo de 2015. 
  6. https://books.google.fr/books?id=myOAAgAAQBAJ&pg=PA169 (note 17)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Predecesor:
Lois Filipe II Xosé de Orleáns
Ducado de Orleáns
17931830
Sucesor:
Fernando Filipe de Orleáns
Predecesor:
Carlos X
(como Rei de Francia e de Navarra)
 
Lugartenente Xeral do Reino

1830
Sucesor:
El mesmo
(como Rei dos franceses)
Predecesor:
El mesmo
(como Lugartenente Xeral do Reino)
 
Rei dos franceses

18301848
Sucesor:
Jacques-Charles Dupont de l'Eure
(Presidente do Consello de Ministros do
Goberno Provisional da República)