Copríncipes de Andorra
Os copríncipes de Andorra representan a xefatura do estado independente do Principado de Andorra, segundo establece a súa Constitución aprobada o 14 de marzo de 1993 e promulgada o 28 de abril do mesmo ano. Esta representación compártese en igualdade e a título persoal, entre o bispo de La Seu d'Urgell e o presidente da República francesa.
Historia
editar- Véxase tamén: Historia de Andorra.
A orixe da figura dos copríncipes remóntase ao século XI, cando se estableceu un principio de repartición feudatario entre dous vasalos do conde de Urgell: o Bispo de Urgell e o conde de Caboet. Cando este último pasou a ser posesión do vizconde de Castellbó, a repartición transmitiuse nas mesmas condicións no ano 1186. Posteriormente, os de Castellbó integráronse no Condado de Foix dando continuidade a unha nova transmisión no 1226. Os tratados, segundo o código feudal de Pareatges de 1278 e 1288, puxeron fin a un período de disputas e confirmaron as prerrogativas de ambos os señoríos entre o bispo Pere de Urtx e o conde Roger Bernardo III de Foix.
O bispado de Urgell permaneceu baixo tutela do condado de Barcelona e a coroa de Aragón máis tarde integrada na coroa española, mentres que o condado de Foix pasou en 1479 a ser posesión dos territorios bearneses do Reino de Navarra, tamén chamados de Baixa Navarra, dando orixe a unha serie de transmisións do título dentro do ámbito francés. É por entón que o señorío compartido adquire o rango de coprincipado.
Transmisións do coprincipado francés
editarA Baixa Navarra integrouse no Reino de Francia en 1589 coa chegada ao trono de Henrique IV, momento a partir do cal os reis sucesivos tamén se titularon de France et de Navarre. Lois XIII decidiu en 1620 unir o título de rei de Navarra e os seus dereitos transmitidos do coprincipado de Andorra, na coroa de Francia.
Tras a revolución francesa de 1789, a I República renunciou ao coprincipado ata que en 1806 o emperador Napoleón Bonaparte volveu exercer de copríncipe, considerando que o decreto real de 1620 transmitira a parte de soberanía francesa de Andorra ao estado francés, calquera que fose a súa forma de réxime. Seguindo este principio, os actuais presidentes da república francesa son copríncipes de Andorra. A Constitución andorrana de 1993 adoptou esta forma tradicional de representación.
Constitución
editarA figura do Coprincipado está recollida no Título III, dos artigos 43 ao 49 da Constitución do Principado de Andorra de 1993. Segundo a Constitución, os copríncipes son a representación suprema do Estado e simbolizan a continuidade, independencia e espírito de equilibrio nas relacións cos estados veciños de Francia e España, desde a tradición medieval dos acordos de Pareatge.
Os copríncipes arbitran e moderan as institucións e poderes públicos pero a súa responsabilidade política é transmitida ás figuras do Cap de Govern ou a do Síndic Xeral, que confirman os seus documentos, teñen liberdade para designar membros ao Consell Superior da Justícia e ao Tribunal Constitucional. Pola súa banda o copríncipe episcopal só ten un papel de consulta pois os seus propios atributos eclesiásticos impiden a súa participación en actividades políticas e de goberno.