Gaspar de Zúñiga Acevedo e Velasco

nobre galego

Gaspar de Zúñiga Acevedo e Velasco, nado en Monterrei en 1560 e finado en Lima o 10 de febreiro de 1606, foi un nobre galego da Casa de Zúñiga, V conde de Monterrei, señor de Biedma, Ulloa e da casa de La Ribera, pertegueiro maior de Santiago de Compostela, vicerrei, gobernador e capitán xeneral do Vicerreinado da Nova España (México), presidente da Real Audiencia de México, logo vicerrei, gobernador e capitán xeneral do Vicerreinado do Perú e presidente da Real Audiencia da Cidade dos Reis (Lima)

Gaspar de Zúñiga Acevedo e Velasco
Conde de Monterrei
1563-1606
PredecesorXerónimo de Zúñiga Acevedo e Fonseca
SucesorManuel Alonso de Zúñiga Acevedo e Fonseca
Vicerrei de Nova España
5 de novembro de 1595 - 26 de outubro de 1603
PredecesorLuis de Velasco e Castilla
SucesorJuan de Mendoza e Luna

Nacemento1560
Castelo de Monterrei
Falecemento10 de febreiro de 1606
Lima (Perú)
SepulturaColexio dos Xesuítas, castelo de Monterrei
SucesorManuel Alonso de Zúñiga Acevedo e Fonseca
Cónxuxe/sInés de Velasco e Aragón
DescendenciaManuel Alonso de Zúñiga Acevedo e Fonseca
Inés de Zúñiga e Velasco
María de Zúñiga y Aragón
de Fonseca y Zúñiga
ProxenitoresJerónimo de Zúñiga Acevedo e Fonseca
Inés de Velasco y Tovar
IrmánsBaltasar de Zúñiga Acevedo e Velasco

Traxectoria editar

Naceu no castelo de Monterrei, fillo de Jerónimo de Zúñiga Acevedo e Fonseca, IV conde de Monterrei, señor de Biedma, Ulloa e da casa de La Ribera, pertegueiro maior de Santiago de Compostela, e da súa esposa Inés de Velasco e Tovar, filla de Juan de Velasco e Tovar, marqués de Berlanga, e da súa esposa Juana Enríquez de Ribera. Á morte do seu pai en 1563 veu herdar e foi V conde de Monterrei. Casou en 1583 con Inés de Velasco e Aragón, filla de Íñigo Fernández de Velasco e Tovar, VI conde de Haro, IV duque de Frías, condestable de Castela, e da súa esposa Ana Ángela de Aragón e Guzmán. As capitulacións entre o conde de Monterrei e o duque de Frías, sobre o matrimonio dos seus fillos Gaspar e Inés foron outorgadas en 1563. Gaspar e Inés tiveron no seu matrimonio varios fillos[1]:

Axuda militar ao rei Filipe II editar

Gaspar estudou en Monterrei no colexio dos xesuítas fundado polo seu avó Alonso de Zúñiga e Acevedo Fonseca, III conde de Monterrei. Á idade de 18 anos, decidiu en 1578 dar axuda ao rei Filipe II, coas súas tropas galegas pagadas do seu propio peto, en accións militares na fronteira de Portugal, reducindo á obediencia do rei Filipe II dezaoito vilas[2]. ​Gaspar coas súas tropas galegas xunto coas do seu primo Francisco de Zúñiga e Sotomayor, IV duque de Béjar e Plasencia, e os exércitos reais ao mando de Fernando Álvarez de Toledo, III duque de Alba de Tormes, participaron na revista á entrada a Portugal, que fixo o rei Filipe II, en Cantillana preto de Badaxoz, o día 15 de xuño de 1580[3]. Gaspar defendeu coas súas tropas galegas o porto da Coruña cando foi atacado polo corsario inglés Francis Drake en 1589. Gaspar tivo que litigar en 1594 co seu parente Fernando de Castro e Andrade, conde de Lemos, ante o Consello Real de Castela por un trámite do preito sobre os bens da Casa de Ulloa.

Vicerrei de Nova España editar

Gaspar de Zúñiga foi nomeado polo rei Filipe II o 28 de maio de 1595 vicerrei, gobernador e capitán xeneral da Nova España e presidente da Real Audiencia de México. Foi o noveno vicerrei da Nova España, que gobernou do 1595 ata 1603. O permiso de saída foi asinado por Filipe II en Madrid o 27 de xuño de 1595 e o expediente de información e licenza de pasaxeiro a Indias, pasando con 70 criados, deles doce casados con esposas e fillos, e 58 solteiros, pódese consultar no Arquivo de Indias. Chegou a Veracruz a mediados de setembro na frota do xeneral Luís Fajardo; entrevistouse en Acolmán un día co seu antecesor, Luís de Velasco e Castilla, marqués de Salinas, e o 5 de novembro de 1595 fixo a súa entrada oficial na capital mexicana[4].

Zúñiga decidiu ao comezar o seu goberno, para conseguir un aumento das rendas da coroa, poboar a provincia de Novo México. Estudou o tratado celebrado entre o seu predecesor e Francisco de Oñate, corrixiuno e nomeou a Vicente Saldivar para a súa execución. As compañías recrutadas amotináronse en Taxco, a 200 leguas da Cidade de México. O vicerrei puxo a expedición ao mando do capitán Lope de Ulloa para castigar aos rebeldes e obrigar ás tropas para continuar coa expedición. Novo México foi ocupado sen que os indíxenas fixesen resistencia[5]. A expedición fundou a cidade de Santa Fe e chegou nas súas exploracións ata a actual Nebrasca, pero non atopou as famosas sete cidades de ouro nas provincias de Cíbola e Quivira.

Os piratas, ao mando de Guillermo Paro, sorprenden Campeche en 1597 sementando o terror. Despois dunha forte resistencia son vencidos polos veciños e o seu xefe gravemente ferido e logo axustizado. O vicerrei conde de Monterrei ordenou a protección dos portos e o traslado da poboación de Veracruz ao lugar onde hoxe atópase, fronte ao castelo de San Juan de Ulúa, e en 1600 comezouse coa construción da cidade[6].

Durante o seu goberno en México puxo moito empeño en que os indios que vivían esparexidos polos montes fosen reunidos en poboados, pero conservando para aqueles os seus dereitos nas súas terras, así mesmo dispuxo que os indios fosen libres para o servizo dos campos e as minas para evitar que fosen enganados e explotados polos mineiros e polos ricos propietarios[7]. En 1601 levantáronse os indios da Serra de Topia debido ao cruel traballo que levaban nas minas. O bispo de Guadalaxara, Ildefonso de la Mota, fundou varias misións de xesuítas, logrando tranquilizar aos indios.

O rei Filipe III nomeouno o 19 de maio de 1603 vicerrei, gobernador e capitán xeneral de Nova Castela (Perú) así como presidente da Real Audiencia de Lima[8]. Agardou en México á chegada do seu sucesor, Juan de Mendoza e Luna, marqués de Montesclaros, quen veu acompañado pola súa esposa e a quen o 4 de outubro de 1603 recibiunos en Otumba con gran pompa, dando unha hospedaxe e festas suntuosas que duraron oito días, á súa costa, logo seguiu rumbo a Acapulco acompañado por unha gran cantidade de indios chorando pola súa partida. Unha demostración como esta de agarimo e recoñecemento sentida polos indios non se fixo con ningún dos seus antecesores e tampouco se fixo cos seus sucesores. Foi un vicerrei, din os cronistas, adornado de grandes virtudes e recoñecido polos indios como o seu «benefactor e pai»[9].

Exploracións editar

Entre os seus primeiros actos como vicerrei estivo a organización dunha expedición por terra para explorar e colonizar o norte do Novo Reino de León e Castela (actual Novo México), seguindo a política do seu antecesor, o vicerrei Velasco. A famosa expedición, ao mando de Juan de Oñate, atrasouse por idea de Velasco para revisar o acordo. Oñate converteríase en gobernador da provincia e fundaría a antiga cidade de Santa Fe. A procura oficial de Oñate non localizou as lendarias Sete Cidades de Ouro que se pensaba estarían nas provincias de Cíbola e Quivira.

Tamén enviou dúas expedicións para explorar a costa do Pacífico dende México. Dispuxo en 1596 enviar unha expedición para explorar e colonizar California, de onde chegaban noticias de existir ricos criadeiros de perlas[10]. Nomeou xefe da expedición ao almirante Sebastián Vizcaíno. A expedición composta de tres navíos saíu de Acapulco e descubriu todo o litoral de California. Fundou o porto da Paz, chamado así pola súa amigable recepción por parte dos indíxenas. Tamén descubriu o cabo San Sebastián.

Unha expedición posterior de Vizcaíno coa mesma misión partiu o 5 de maio de 1602 con catro barcos. Esa expedición foi máis frutífera. Fúndase Ensenada (Baixa California). Explorouse a baía de San Diego e déuselle nome á Illa Catalina. Os exploradores chegaron tan ao norte (ata a baía de Monterey, Alta California), que Vizcaíno nomeou en honra ao vicerrei. Os plans posteriores para colonizar a Alta California fracasaron xa que o sucesor de Zúñiga, Juan de Mendoza, terceiro marqués de Montesclaros, era menos favorable a eses intentos de colonización[11]. Será o pai xesuíta Juan María Salvatierra quen fundará a cidade de Loreto na costa oriental da Baixa California.

Tamén se fundou a capital do actual estado de Nuevo León, á que se lle deu o nome de Monterrey na honra do vicerrei[12].

Vicerrei do Perú editar

O conde de Monterrei, foi o décimo vicerrei do Perú, que gobernou do 1604 ao 1606. A súa despedida de México foi moi suntuosa e espléndida, embarcouse en Acapulco o primeiro de abril de 1604 estando delicado de saúde, arribou a Paita o 24 de maio e por diversas causas, enfermidade e mal tempo viuse obrigado a proseguir a viaxe por terra, con todo o fatigoso das xornadas. O 14 de xullo saíu en dirección a Lima, en agosto pasaba por Lambayeque e en outubro saía de Trujillo. En novembro pasou uns días en Huaura e, finalmente, despois de entrevistarse co seu antecesor, novamente Luís de Velasco e Castela, Marqués de Salinas, fixo a súa entrada oficial en Lima o 8 de decembro de 1604[13].

O cabido de Lima fixo postergar as festas, que de costume se celebraban coa chegada do novo vicerrei, por ter que realizarse un auto de fe o 13 de marzo de 1605 (reos de pouca consideración, que non foron queimados). As festas en honra do conde de Monterrei celebráronse con corrida de touros e xogo de canas o 15 de abril e os estudantes do colexio de San Pablo déronlle recibimento o 29 de xullo do mesmo ano. ​O vicerrei conde de Monterrei impuxo en 1604 o imposto de pesas e medidas para financiamento do Cabido. O 25 de novembro de 1604 fortes tremores de terra causaron na provincia de Arequipa graves danos. Coñecendo o conde de Monterrei a emigración de indios, que por temor fuxiron dos seus poboados como consecuencia dos grandes estragos e repetidos tremores que causou a erupción do volcán Huaynaputina en 1600 na provincia de Arequipa, comisionou ao licenciado Juan Antonio de Rivero e Alderete para que dera un informe sobre os danos ocorridos e para que consiga buscar os prófugos, facer que regresaran coas súas familias e traballasen na reconstrución dos seus pobos[14]. ​

O conde de Monterrei ao ter coñecemento, enviou unha nave á illa de Galápagos para rescatar a dez naufragados, que permaneceran alí dous anos de penurias. A nave trouxo aos rescatados en novembro de 1605 a Lima. ​Mandou crear o Tribunal de Contas cos foros e preeminencias da Contadoría Maior de Castela. O Tribunal quedou organizado en febreiro de 1607. Erixiuse o bispado de Santa Cruz de la Sierra en 1605. Fundáronse en Lima os mosteiros da recolecta de Belén, de relixiosos mercedarios, da recolección de Santa María Magdalena, de relixiosos dominicanos e o colexio de San Ildefonso, da orde de San Agustín[15].

A súa obra colonizadora estaba a favor da fundación de vilas. Fundouse o 29 de setembro de 1606 a vila de San Miguel de Ibarra no Ecuador. Esta vila debía de servir de ligazón entre Quito e Pasto, así como entre Quito e a provincia de Esmeralda. San Felipe de Austria de Oruro en Bolivia fundouse o primeiro de novembro de 1606. A vila situada no centro mineiro creceu rapidamente.

Ordenou a expedición para o descubrimento das illas Indias Austrais no Mar do Sur cumprindo os desexos do rei Filipe III manifestadas no seu nomeamento. Puxo a expedición ao mando do capitán mercante e cabo Pedro Fernández de Quirós, asistido polo capitán de mariña Diego de Prado e Tovar ao mando da nave San Pedro e San Pablo, 60 toneladas, de Luís Vaz de Torres ao mando da nave Almiranta San Pedrico, 40 toneladas, e de Pedro Bernal ao mando dunha lancha inglesa, Os Reis Magos, lista en caso de desembarco. As tres naves levaban sesenta, corenta e doce mariñeiros respectivamente, entre casteláns, portugueses e flamengos[16]. Os tres navíos levaban as subministracións necesarias para o seu éxito en canto a auga, alimentos e armas. Foron a bordo tamén seis relixiosos franciscanos, Frei Martín de Bonilla como comisario destes. Saíu do Callao con gran solemnidade o 21 de decembro de 1605. O papa Clemente VIII concedera tres anos antes indulxencias aos expedicionarios a pedimento de Diego de Prado, coa intermediación de Cristóbal Clavio. Despois da travesía do Pacífico Quirós mostra máis interese polo comercio con Manila que polo descubrimento e conspira para cambiar a dirección da expedición cara ao nordeste cando esta apercibía signos de aproximarse a terra firme, á latitude 26. Esta terra firme estaba evidenciada por signos tales como as nubes continentais, polo tipo de tormentas e pola maneira de poñerse do sol no que sería o Sur de Nova Caledonia. Este cambio en contra do acordado en consello de oficiais e a ira por utilizar parte dos toneis destinados á auga para mercar con viño en Manila provoca o motín e a separación tras explorar as Illas do Espírito Santo (Vanuatu). Posteriormente Quirós volve desposuído de mando a Acapulco na nave capitá.

Diego de Prado e Luís Báez de Torres continuaron a viaxe. Navegan pola costa de Nova Guinea, que cartografan e á que bautizan Magna Margarida na honra da raíña. Posteriormente navegan cara á terra firme da que tiveron xa evidencias cando navegaban en latitude 26º. Cando son conscientes de que se trata de terra firme toman posesión do que cren un novo continente, bautízano Australia do Espírito Santo, en honra á Casa de Austria. Atopan numerosas poboacións de cute relativamente clara e bastante organizados, Diego de Prado denomínaos canacs. A acollida é ás veces pacífica e ás veces violenta. A expedición mostra moita cautela de non agredir gratuitamente aos indíxenas. Así mesmo, descobren evidencias da presenza mercante esporádica de comerciantes chineses. De Prado anota todos os indicios de riqueza mineral, vexetal e animal. Cando percorreron decenas de leguas de costa no que sería Queensland volven ao norte, evitando as barreiras de arrecifes ("baxos" no relato). Capturan a algúns indíxenas para cristianizalos en Manila, pero non puideron establecerse definitivamente nelas. A expedición continúa polo estreito de Tovar, rebautizado polos navegantes ingleses como Estreito de Torres, por Nova Guinea e Borneo, onde cruzan os primeiros indíxenas lusófonos que lles indican a proximidade a terra explorada. En Manila, o gobernador parece atrasar a noticia do descubrimento por intereses comerciais e celos a unha nova terra que faría sombra a Filipinas.

Mentres tanto, Quirós asolaga a secretaría de Estado de relatos ficticios para gañar favores reais, pois era consciente da existencia de terra firme austral. A pesar das cartas, relatos, mapas e envío dun indíxena ao Rei, a Administración Pública Española enterra nos arquivos o descubrimento e toma de posesión de Australia. Naqueles anos predicíase que o talle das Indias Austrais fose similar á de América, polo que é posible que a Administración se atopase sen recursos para emprender outra colonización. Gaspar de Zúñiga nunca coñecerá o resultado desta expedición que financiou, pois o descubrimento acaece en 1608. O cambio de Vicerrei no Perú puido influír tamén no desenlace da historia. Vaz de Torres continuará servindo á Mariña de maneira discreta, Diego de Prado e Tovar, volverá por Goa, Ormuz, peregrinando a Alepo e de novo en barco vía Malta ata chegar a Madrid, ordenarase monxe e encerrarase no convento de San Basilio de Madrid, rúa do Desengano, hoxe desaparecido. Os exploradores ingleses do século XVIII coñecían o relato de Torres e respectábano como precursor. O estandarte de Diego de Prado, unha Cruz de Malta sobre fondo branco figura hoxe na bandeira do Estado australiano de Queensland[17].

O conde de Monterrei fixo intensificar a minería, en especial a explotación das minas de azougue, tan importantes naquela época, por servir o azougue para a extracción de prata e ouro[18]. Promulgou ordenanzas para asegurar a boa calidade das obras de artesanía, impedir o monopolio e conseguir artesáns capacitados no exercicio da súa arte e de boa fama. Tamén ordenou a expedición ás terras dos mojos no oriente do Alto Perú (hoxe Bolivia).

A prosperidade dos mestizos e mulatos na América foi moi notoria nesta época. O vicerrei conde de Monterrei viuse obrigado a redactar ordenanzas prohibindo as vestimentas de luxo ás mulatas, a posesión de armas aos mulatos e, ademais, prohibindo que fosen de acompañantes de persoas de calidade. Estas ordenanzas foron, en 1612, ampliadas polo seus sucesores e estendéronse aos negros, filipinos e chineses.

O conde de Monterrei foi moi piadoso, a súa honradez era coñecida por todos. Co seu patrimonio cubriu as débedas do Estado. A pesar da súa quebrantada saúde visitaba igrexas, repartía esmola e protagonizaba actos de caridade. Na súa época viviron en Lima exemplares de piedade e relixiosidade como o arcebispo Toribio de Mogrovejo, Santa Rosa de Lima e Martiño de Porras, santificados pola Igrexa católica. Sucederon no Perú por eses anos raros acontecementos, como os cronistas da época relátano, os sucesos do terremoto de Arequipa, resurrección de mortos, arrepentimento de herexes, aparicións de almas. O conde de Monterrei recibiu o alcume de Vicerrei dos Milagros[19].​ O cronista indio Felipe Guamán Poma de Aiala testemuña que o conde de Monterrei daba esmola aos pobres, favorecía os indios, honraba os incas e caciques, e castigaba os corrixidores, encomendeiros e españois que maltrataban os indios.[20]

Faleceu en Lima o 10 de febreiro de 1606 despois dunha longa e penosa enfermidade que o obrigou a gardar cama por máis de 2 meses, que pasou na facenda “La Granja”, dos pais dominicanos, situada en Limatambo[21].​ No seu testamento deixou por testamenteiros a Diego de Portugal, alcalde ordinario da cidade de Lima en 1606 e a Diego Núñez de Avendaño, quen ao ser o Oidor máis antigo da Real Audiencia exerceu o goberno en ausencia do vicerrei, pero faleceu meses despois o 26 de maio de 1606. Os custos do seu enterro foron cubertos pola Real Audiencia ao non haber diñeiro na casa do vicerrei conde de Monterrei e foi enterrado na igrexa de San Pedro da Compañía de Xesús. Os seus restos foron trasladados a España en maio de 1607 polo pai Alonso Mesías, quen foi elixido procurador en Roma, e sepultado na igrexa do Colexio dos Xesuítas, castelo de Monterrei, situado en Monterrei, Galicia, fundada polo seu avó Alonso[22]. Deixou unhas débedas grandes. O seu irmán Baltasar axudou ao seu fillo herdeiro Manuel co preito de herdanza do condado de Monterrei e dos morgados da súa casa ante os reis Filipe III e Filipe IV.

A súa esposa, a condesa de Monterrei, quedou en España cos seus fillos durante a ausencia do conde Gaspar, residindo no seu palacio en Madrid. Ela deu refuxio á súa prima Juana de Velasco e Aragón, VI duquesa de Gandía, en decembro de 1599, cando a duquesa, camareira maior da raíña Margarita de Austria, tivo que retirarse da corte do rei Filipe III por insinuacións do seu válido Francisco Gómez de Sandoval e Rojas, I duque de Lerma.[23]

A súa reputación de home honesto era tan grande que ninguén propuxo que levase a cabo o Xuízo de Residencia, que normalmente facíase ao vicerrei saínte cando deixaba o goberno. A Real Audiencia de Lima na súa carta do 28 de febreiro de 1606 informa o rei Filipe III da morte do vicerrei, conde de Monterrei, manifestando que o seu goberno foi un dos máis xustos e prudentes que gozaron estes Reinos e que o conde de Monterrei foi un personaxe de gran talento e singulares virtudes de piedade e xustiza, e as demais, que sen dúbida lle fixeron un dos grandes e máis importantes ministros que S.M. tivo.[24] Por real cédula de Filipe III, datada o 11 de maio de 1608 en Aranjuez, en recoñecemento aos servizos prestados á Coroa de España polo conde de Monterrey, concedéronse aos seus herdeiros un repartimento no Perú, cunha renda de seis mil ducados.

Referencias editar

  1. López de Haro, páxs. 578-580.
  2. Menéndez Pidal, Tomo XXII, Vol.4, páx. 242.
  3. Menéndez Pidal, Tomo XXII, Vol. 2, páxs. 261-263.
  4. Rivera Cambas, 1872, páx. 71
  5. Rivera Cambas, 1872, páx. 73
  6. Rivera Cambas, 1872, páxs. 79-80
  7. Rivera Cambas, 1872, páxs. 82-83
  8. Hanke, páx. 81
  9. Alaman, páx. 20.
  10. García Purón, páx. 77
  11. http://www.sandiegohistory.org/journal/78winter/plans.htm Arquivado 06 de abril de 2016 en Wayback Machine. PLANS FOR THE OCCUPATION OF UPPER CALIFORNIA A NEW LOOK AT THE "DARK AGE" FROM 1602 TO 1769, The Journal of San Diego History SAN DIEGO HISTORICAL SOCIETY QUARTERLY, Winter 1978, Volume 24, Number 1.
  12. Serrano, páx. 94.
  13. Vargas Ugarte, 1998, páxs. 47-49
  14. Mendiburu, páx. 384.
  15. Lavalle, pág. 65.
  16. Relación sumaria del descubrimiento que empeçó Pero Fernandes de Quiros portugués en la Mar del Sur en las partes Australes hasta la Isla de Prenei por el de la Grande Australia del Espíritu Santo y le acabó El capitán don Diego de Prado que al presente es Monje de N. Sr. San Basilio Magno de Madrid con asistencia del Capitán Luis Báez de Torres con la nao San Pedro en el año de 1607, Diego de Prado y Tovar 1615, Archivo de la Secretaría de Estado, Simancas, Un fac símil es consultable en la biblioteca del Estado de Nueva Gales del Sur.
  17. Vargas Ugarte, 1998, páxs. 66-68
  18. Vargas Ugarte, 1998, páx. 58
  19. Palma, páxs. 248-249.
  20. Guaman Poma de Ayala, páxs. 480-481.
  21. Lavalle, páxs. 63-64.
  22. Vargas Ugarte, 1998, páxs. 83-84
  23. Menéndez Pidal, Tomo XXIV, páx. 121.
  24. Hanke, páx. 83.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • "Acevedo e Zúñiga, Gaspar de". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9. 
  • "Acevedo y Zúñiga, Gaspar de". Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 39. ISBN 978-84-8288-942-9. 
  • Alaman, Lucas (1849). Disertaciones sobre la Historia de la República Mejicana. Tomo III. Méjico: Imprenta de Lara. 
  • García Purón, Manuel (1949). Méjico y sus Gobernantes. Méjico: Impr. García. 
  • Guamán Poma de Ayala, Felipe (1987). Nueva crónica y buen gobierno. Tomo B (John V. Murra, Rolena Adorno y Jorge L. Urioste ed.). Madrid: Editorial Historia 16. ISBN 84-7679-054-6. 
  • Hanke, Lewis (1978). Los Virreyes Españoles en América durante el Gobierno de la Casa de Austria. Tomo II (Biblioteca de Autores Españoles ed.). Madrid: Imprenta IMNASA. ISBN 84-363-0500-0. 
  • Jover Zamora, José María (2003). Historia de España, Tomo XXII, Volumen 4, La España de Felipe II. Auge y Declive (1566-1598). Madrid: Editorial Espasa-Calpe SA. ISBN 84-670-0276-X. 
  • Lavalle Vargas, José Antonio de (1909). Galería de Retratos de los Gobernantes y Virreyes del Perú (1532-1909). Lima: Tipografía de la Casa Editora Maucci. 
  • López de Haro, Alonso (1622). Nobiliario Genealógico de los Reyes y Títulos de España. Madrid: Luis Sánchez, Impresor Real. 
  • Mendiburu, Manuel de (1890). Diccionario Histórico-Biográfico del Perú. Tomo VIII. Lima: Imprenta de Torres Aguirre. 
  • Menéndez y Pidal, Ramón (1981). Historia de España, Tomo XXII, Volumen 2, España en Tiempo de Felipe II. Madrid: Editorial Espasa-Calpe SA. ISBN 84-239-4831-5. 
  • Menéndez y Pidal, Ramón (1983). Historia de España, Tomo XXIV, La España de Felipe III. Madrid: Editorial Espasa-Calpe SA. ISBN 84-239-4832-3. 
  • Orozco y Berra, Manuel (1938). Historia de la dominación española en México (en castelán) III. México: Antigua Librería Robredo de José Porrúa e Hijos. 
  • Palma, Ricardo (1953). Tradiciones Peruanas Completas. Madrid: Aguilar SA Ediciones. 
  • Rivera Cambas, Manuel (1872). Los Gobernantes de México. Tomo I. Méjico: Imprenta de J.M. Aguilar Ortiz. 
  • Serrano de Tornel (Baronesa de Wilson), Emilia (1963). México y su Gobernantes de 1519 a 1910. Vol. 1. Méjico: Editora Nacional. 
  • Vargas Ugarte S.J., Rubén (1998). Compendio Histórico del Perú. Virreinato (Siglo XVII). Tomo III (Carlos Milla Batres ed.). Lima: Editorial Milla Batres SA. 
  • "Zúñiga y Azevedo, Gaspar de". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8. 


Predecesor:
Xerónimo de Zúñiga Acevedo Fonseca
Conde de Monterrei
1563 - 1606
Sucesor:
Manuel de Acevedo e Zúñiga
Predecesor:
Luis de Velasco y Castilla
Vicerrei de Nova España
1595 - 1603
Sucesor:
Juan de Mendoza y Luna
Predecesor:
Luis de Velasco y Castilla
Vicerrey del Perú
1604 - 1606
Sucesor:
Diego Núñez de Avendaño, Oidor da Audiencia de Lima