Martiño de Porres

San Martiño de Porres Velázquez, O.P., nado en Lima o 9 de decembro de 1579 e finado na mesma cidade o 3 de novembro de 1639, foi un frade peruano da Orde dos Predicadores (dominicanos). É o primeiro santo negro de América. Coñecido tamén como "o santo da vasoira", por ser representado cunha vasoira na man como símbolo da humildade.

Modelo:BiografíaMartiño de Porres

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(es) Martín de Porres Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento9 de decembro de 1579 Editar o valor en Wikidata
Lima, Perú Editar o valor en Wikidata
Morte3 de novembro de 1639 Editar o valor en Wikidata (59 anos)
Lima, Perú Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica e Igrexa católica latina Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónirmán leigo Editar o valor en Wikidata
Orde relixiosaOrde dos Predicadores Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa3 de novembro Editar o valor en Wikidata

Find a Grave: 8135534 Editar o valor en Wikidata

Biografía

editar

Infancia

editar

Martiño de Porres (ou Porras) foi fillo dun fidalgo e cabaleiro da Orde de Alcántara, Xoán de Porres, natural da cidade de Burgos, e dunha negra liberta (horra), Ana Velázquez, natural de Panamá e que residía en Lima.

O seu pai non podía casar cunha muller dada a súa condición, porque era moi pobre, o que non impediu o seu amancebamento con Ana Velázquez. Froito desta relación naceu Martiño e, dous anos despois, Xoana, a súa única irmá. Martiño de Porres foi bautizado o 9 de decembro de 1579 na Igrexa de San Sebastián en Lima.

 

Ana Velázquez deu unha coidadosa educación cristiá ós seus dous fillos. Xoán de Porres estaba destinado en Guayaquil, e desde aí dáballes sustento. Vendo a situación precaria na que ían medrando, sen pai nin mestres, decidiu recoñecelos coma fillos seus ante a lei.

Vida relixiosa

editar

En 1594, á idade de quince anos, e pola invitación de Xoán de Lourenzá, famoso dominicano, teólogo e home de virtudes, entrou na Orde dos Predicadores baixo a categoría de "doado", é dicir, como terciario por ser fillo ilexítimo (recibía aloxamento e preocupábase en moitos traballos como criado). Así viviu 9 anos, practicando os oficios máis humildes. Foi admitido como irmán da orde en 1603. Perseverou na súa vocación a pesar da oposición do seu pais, e en 1606 converteuse en frade profesando os votos de pobreza, castidade e obediencia.

De todas as virtudes que posuía Martiño de Porres sobresaía a humildade, sempre puxo ós demais por diante das súas propias necesidades. Nunha ocasión o Convento tivo serios apuros económicos e o Prior viuse na necesidade de vender algúns obxectos valiosos, ante iso, Martiño de Porres ofreceuse a ser vendido como escravo para axudar a remediar a crise, o Prior conmovido, rexeitou a súa axuda.

Exerceu constantemente a súa vocación pastoral e misioneira; ensinaba a doutrina cristiá e fe de Xesucristo ós negro e indios e xente rústica que asistían a escoitalo nas rúas e facendas próximas ás propiedades da Orde situadas en Limatambo. A situación de pobreza e abandono moral que estes padecían preocupábano; tanto que coa axuda de varios ricos da cidade - entre eles o vicerrei Conde de Chinchón, que en propia man lle entregaba cada mes non menos de cen pesos - fundou o Asilo e Escola de Santa Cruz para reunir a todos os vagos, orfos e mendigos e axudarlles a saír da súa penosa situación.

Martiño sempre aspirou a realizar vocación misioneira en países afastados. Con frecuencia oírono falar de Filipinas, a China e especialmente do Xapón, países que algunha vez manifestou coñecer.

O futuro santo foi frugal, abstinente e vexetariano. Durmía só dúas ou tres horas, maiormente polas tardes. Usou sempre un simple hábito de cordellate branco cunha capa longa de cor negra. Algunha vez que o Prior o obrigou a recibir un hábito novo e outro frade felicitouno, Martiño, sorrinte, respondeulle; "pois con este hanme enterrar" e efectivamente, foi así.

Camiño da santidade

editar
 

Martiño foi seguidor dos modelos de santidade de Santo Paton Guzmán, Xesús, Santa Catarina de Siena e San Vicente Ferrer. Porén, a pesar do seu acendido fervor e devoción, non desenvolveu unha liña de misticismo propia.

 

Martiño de Porres foi confidente de San Xoán Macías frade dominico, co cal forxou unha entrañable amizade. Sábese que tamén coñeceu a Santa Rosa de Lima terciaria dominica, e que se trataron algunhas veces, pero non se teñen detalles historicamente comprobados destas entrevistas.

A personalidade carismática de Martiño fíxose que fora buscado por persoas de todos os estratos sociais, altos dignatarios da Igrexa e do Goberno, xente sinxela, ricos e pobres, todos tiñan en Martiño alivio ás súas necesidades espirituais, físicas ou materiais. A súa enteira disposición e a súa axuda incondicional ó próximo propiciou que se vise coma un home santo.

Aínda que el trataba de ocultarse, a fama de santo medraba día a día. Foron varias as familias en Lima que recibiron axuda de Martiño de Porres dunha forma ou outra. Tamén, moitos enfermos o primeiro que pedían cando se sentían graves era :"Que veña o santo irmán Martiño". E el nunca negaba un favor a quen podía facelo.

Milagres atribuídos

editar
 
Pintura anónima de San Martiño de Porres.

As historias dos seus milagres son moitas e sorprendentes, estas foron recollidas como testemuñas xurados nos Procesos diocesano (1660-1664) e apostólico (1679-1686), abertos para promover a súa beatificación. Boa parte destas testemuñas proceden dos mesmos relixiosos dominicos que conviviron con el, pero tamén os hai doutras moitas persoas, pois Martiño de Porres tratou con xentes de todas as clases sociais.

Atribúeselle o don da bilocación. Sen saír de Lima, foi visto en México, en África, na China e no Xapón, animando ós misioneiros que se atopaban en dificultade ou curando enfermos. Mentres permanecía encerrado na súa cela, vírono chegar xunto á cama de certos moribundos a consolalos ou curalos. Moitos vírono entrar e saír de recintos estando as portas cerradas. En ocasións saía do convento a atender un enfermo grave, e volvía logo a entrar sen ter chave da porta e sen que ninguén lle abrise. Preguntándolle como o facía, respondía: "Eu teño os meus modos de entrar e saír".

Atribuíuselle control sobre a natureza, as plantas que sementaba xerminaban antes de tempo e toda clase de animais atendían os seus mandatos. Un dos episodios máis coñecidos da súa vida é que facía comer do mesmo prato a un can, un rato e un gato en completa harmonía.

Atribuíuselle tamén o don da curación, dos cales quedan moitos testemuños, sendo os máis extraordinarios a curación de enfermos desafiuzados. "Eu cúrote, Deus sándate" era a frase que acostumaba dicir para evitar mostras de veneración á súa persoa. Segundo os testemuños da época, ás veces tratábase de curacións instantáneas, noutras bastaba tan só a súa presenza para que o enfermo desafiuzado iniciara un sorprendente e firme proceso de recuperación. Normalmente os remedios por el dispostos eran os indicados para o caso, pero noutras ocasións, cando dispoñía deles, acudía a medios inverosímiles con iguais resultados. Cunhas vendas e viño morno sandou un neno que partira as dúas pernas, ou aplicando un pedazo de adoite dun doado zapateiro curouno dunha grave infección.

Moitos testemuños afirmaron que cando oraba con moita devoción, levitaba e non vía nin escoitaba á xente. Ás veces o mesmo Vicerrei que ía a consultarlle (aínda sendo Martiño de poucos estudos) tiña que agardar un bo cacho na porta da súa habitación, esperando a que acabara a súa éxtase.

Outras das facultades atribuídas foi a videncia. Tiña por costume presentarse ante os pobres e enfermos levándolles determinadas viandas, medicinas ou obxectos que non tiñan solicitado pero que secretamente desexaban ou necesitaban. Encontrouse ademais entre outros feitos, que Xoana, a súa irmá, téndolle subtraído unha suma de diñeiro ó seu home atopouse con Martiño, que previamente lle chamou a atención polo que viña de facer. Tamén se lle atribuíron facultades para predicir a vida propia e allea, incluído o momento da morte.

Dos relatos que se gardan dos seus milagres, parece deducirse que Martiño de Porres non lles daba a maior importancia. Ás veces, incluso, ó impoñer silencio no tocante a eles, acostumaba a facelo entre bromas, cheas de donaire e humildade. Na vida de Martiño de Porres os milagres parecían obras naturais.

A súa morte

editar

Á idade de sesenta anos, Martiño de Porres cae enfermo e anuncia que chegou a hora de encontrarse co Señor. A noticia causou profunda conmoción na cidade de Lima. Tal era a veneración cara este mulato, que o Vicerrei Luis Xerónimo Fernández de Cabrera e Bobadilla, Conde de Chinchón, foi bicarlle a man cando se encontraba no seu leito de morte pedíndolle que velara por el desde o ceo.

Martiño solicitou ós doídos relixiosos que entoaran en voz alta o Credo e mentres o facían, faleceu. Eran as 9 da noite do 3 de novembro de 1639 na Cidade dos Reis, capital do Vicerreinado do Perú. Toda a cidade lle deu o último adeus en forma multitudinaria onde se mesturaron xente de todas as clases sociais. Altas autoridades civís e eclesiásticas levárono a ombros ata a cripta, dobraron as campás no seu nome e a devoción popular mostrouse tan excesiva que as autoridades víronse obrigadas a realizar un rápido enterro.

Na actualidade os seus restos descansan na Basílica e Convento de Santo Domingo en Lima (Perú), xunto ós restos de Santa Rosa de Lima e San Xoán Masías no denominado "Altar dos Santos Peruanos".

Beatificación e canonización

editar

En 1660 o arcebispo de Lima, Pedro de Villagómez, iniciou a recolección de declaracións das virtudes e milagres de Martiño de Porres para promover a súa beatificación, pero a pesar da súa biografía exemplar e de terse convertido en devoción fundamental de mulatos, indios e negros, a sociedade colonial non o levaría ós altares. O seu proceso de beatificación durou ata 1837 cando o beatificou o Papa Gregorio XVI, franqueando as barreiras dunha anticuada e prexuizosa mentalidade.

O Papa Xoán XXIII que sentía unha verdadeira devoción por Martiño de Porres, canonízao na Cidade do Vaticano o 6 de maio de 1962 ante unha multitude de corenta mil persoas procedentes de varias partes do mundo nomeándoo "Santo Patrón da Xustiza Social", exaltando as súas virtudes coas seguintes palabras: "Martiño escusaba as faltas doutro. Perdoou as máis amargas inxurias, convencido de que el merecía maiores castigos polos seus pecados. Procurou de todo corazón animar ós cohibidos polas propias culpas, confortou ós enfermos, provía de roupa, alimentos e medicinas ós pobres, axudou a campesiños, a negros e mulatos tidos naquel entón como escravos. A xente chámalle Martiño, o bo".

A proclamación de Martiño de Porres como santo foi sustentada polas milagrosas curacións que ocorreron a unha anciá gravemente enferma en Asunción (Paraguai) en 1948 e a un neno cunha perna a punto de ser amputada por gangrena en Tenerife en 1956.

A súa festividade no santoral católico celébrase o 3 de novembro, data do seu falecemento. En diversas cidades do Perú efectúanse festas patronais no seu nome e procesións da súa imaxe ese día, sendo a procesión principal a que parte da Igrexa de Santo Domingo en Lima, lugar onde descansan os seus restos mortais.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar