Canonización
A canonización[1] é o acto mediante o cal a Igrexa católica, tanto no seu rito oriental como no occidental, declara como santa a unha persoa falecida. Este proceso comprende a inclusión da devandita persoa no canon, a lista de santos recoñecidos, así como o permiso para a venerar. Ademais, asígnaselle unha festa litúrxica, dedícanselle igrexas, capelas ou altares, e recoñécese o seu poder de intercesión ante Deus.
Nos primeiros tempos do cristianismo, os individuos eran recoñecidos como santos sen requirimentos ou procesos formais. O proceso comezou a regularizarse e tomar forma na Idade Media.
Tanto a Igrexa católica como a ortodoxa posúen as súas formas e mecanismos de canonización.
No caso do catolicismo, o recoñecemento da santidade efectúase, na actualidade, despois dun proceso de investigación exhaustivo da vida da persoa implicada. Existen catro vías (tres tradicionais, e unha cuarta aberta polo papa Francisco co motu propio Maiorem hac dilectionem, co parecer favorable da Congregación para as Causas dos Santos na sesión plenaria do 27 de setembro de 2016) para chegar ás declaracións de beatificación e canonización:[2][3][4]
- A vía das virtudes heroicas;
- A vía do martirio;
- A vía das causas excepcionais, confirmadas por un culto antigo e fontes escritas, chamada tamén «beatificación/canonización equivalente»;
- A vía do ofrecemento da vida, proposta no motu propio Maiorem hac dilectionem.
No proceso de canonización establécese a dúbida procesual de se o candidato a santo viviu as virtudes cristiás en grao heroico, ou se sufriu martirio por causa da fe. Ademais, para chegar á canonización requírese da realización confirmada de dous milagres (un só no caso do mártir).
A canonización lévase a cabo mediante unha solemne declaración papal de que unha persoa está, con toda certeza, contemplando a visión de Deus.
O nome da persoa inscríbese na lista dos santos da Igrexa. Polo tanto, elévase aos altares, é dicir, asígnaselle un día de festa para a súa veneración litúrxica por parte da Igrexa católica.
O tempo transcorrido entre a morte e a canonización dos santos foi sumamente variable: desde séculos —tal o caso de san Pedro Damián, canonizado 756 anos tras a súa morte—, até menos dun ano. Entre estes últimos casos, poden citarse os exemplos de santo Antonio de Padua, canonizado 352 días despois do seu deceso, e de san Pedro de Verona, cuxo proceso de canonización tivo unha duración de tan só 337 días.[5]
Historia
editarOs santos orixinalmente eran aclamados vox populi, é dicir, por aclamación popular. Tratábase dun acto espontáneo da comunidade cristiá. Para evitar abusos, os bispos tomaron a responsabilidade da declaración de santos nas súas respectivas dioceses. En orde ao coidado e prudencia a exercer pola Igrexa na proba da santidade, Cibrán de Cartago, a mediados do século III, recomendou que se observase a máxima dilixencia na investigación das denuncias dos que se dicía morreran pola fe. Debían investigarse mediante exame rigoroso todas as circunstancias que acompañaran o seu martirio, o carácter da súa fe e os motivos que as animaron, de forma que puidese evitarse o recoñecemento a quen non merecesen tal título.[6]
Aos santos así recoñecidos asignábaselle un día de festa, xeralmente o aniversario da súa morte. A finais do século X realizáronse os primeiros procesos canónicos, sendo o primeiro santo canonizado por proceso Ulrico de Augsburgo e a primeira santa, Viborada. Finalmente, no ano 1234, reservouse oficialmente aos papas o dereito de canonización. En 1588, o papa Sisto V puxo o proceso en mans da Sagrada Congregación de Ritos. Paulo VI, en 1969, atribuíu esta tarefa á Congregación para as Causas dos Santos.
Etapas
editarHai cinco pasos no proceso oficial da causa dos santos, unha vez transcorridos cinco anos desde a morte do candidato ou candidata:[7]
- Postulación: preséntase e dá a coñecer a intención de elevar á santidade a esa persoa, e solicítanse datos biográficos e testemuños.
- A persoa é declarada «serva de Deus».
- A persoa é declarada «venerable».
- Beatificación: a persoa é declarada «beata» se se proba a existencia dun milagre debido á súa intervención.
- Canonización: a persoa é declarada «santa» cando pode atribuírselle un segundo milagre.
Santo
editarO proceso de canonización consta das seguintes etapas:
1) Aprobación dun segundo milagre ocorrido tras a beatificación. Do mesmo xeito que ocorre no proceso de beatificación, o martirio non require habitualmente un milagre.
2) A Congregación para as Causas dos Santos examina este segundo milagre presentado. Para examinalo a Congregación segue os mesmos pasos que para o primeiro milagre que se presentou para a beatificación.
3) O Santo Padre aproba o Decreto de Canonización.
4) O Santo Padre convoca un Consistorio Ordinario Público, onde informa a todos os cardeais da Igrexa e logo determina a data da cerimonia de canonización.
5) Cerimonia de canonización: o Papa celebra a devandita cerimoniia na basílica de San Pedro ou na praza de San Pedro do Vaticano. Algúns papas, como Xoán Paulo II, realizábanas no país de orixe do santo ou santa en cuestión.
Mediante a canonización concédese o culto público na Igrexa católica. Asígnaselle un día de festa e pódenselle dedicar igrexas e santuarios. Non existe un cómputo preciso de quen foron proclamados santos desde os primeiros séculos. En 1988, para celebrar o seu IV centenario, a Congregación para as Causas dos Santos publicou o primeiro Index ac status Causarum. Este libro e os suplementos que lle seguiron, escritos enteiramente en latín, están considerados como o índice definitivo de todas as causas que foron presentadas ante a congregación desde a súa institución.
Sobre o culto inmemorial
editarO papa Benedito XIV estableceu que se concorrían causas extraordinarias via cultus, o fundamento da veneración radicaba no dereito adquirido que nacía da prescrición centenaria ou inmemorial.[8] O que había que probar era un feito histórico, a saber, que o servo de Deus recibía culto desde tempo inmemorial ou, polo menos, con anterioridade a 1534.[9] Esta fórmula é a que se chama canonización equivalente ou canonización extraordinaria. Algúns santos que foron canonizados mediante este método son: Pedro Nolasco en 1628 polo papa Urbano VIII, Hildegarda de Bingen[10] en 2012 por Bieito XVI ou Xosé de Anchieta[11] en 2014 polo papa Francisco, entre outros.
Notas
editar- ↑ "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2023-11-05.
- ↑ "Carta apostólica en forma de «motu proprio» Maiorem hac Dilectionem sobre el ofrecimiento de la vida" (en español). Roma. 11 de xullo de 2017. Consultado o 15 de outubro de 2018.
- ↑ de Juana, Álvaro (11 de xullo de 2017). "El papa abre una nueva vía para beatificar: ofrecer la vida aceptando la muerte segura". Consultado o 13 de xullo de 2017.
- ↑ Agasso, Domenico (11 de xullo de 2017). "El papa añade una vía a la santidad: ofrecer la vida por los demás". Roma: Vatican Insider - La Stampa. Consultado o 13 de xullo de 2017.
- ↑ Diccionario de los Santos. España: San Pablo. 2000. ISBN 84-285-2257-X.
- ↑ Franciscan Fathers. "Historical Sketch of Canonization" (en inglés). Consultado o 20 de novembro de 2012.
- ↑ "Difunden una falsa estampa de Javier Echevarría, prelado del Opus Dei". 4 de maio de 2017. Consultado o 6 de maio de 2017.
- ↑ Xa san Pío V determinara que algo adquiría a condición de inmemorial cando sobrepasaba os douscentos anos (cf. Bula Quo Primum tempore).
- ↑ Bieito XIV (1840). Typis societatis Belgicæ de propagandis bonis libris, ed. Benedicti papæ XIV Doctrina de servorum Dei beatificatione et beatorum canonizatione in synopsim redactam ab Emm. de Azevedo S.J. Bruxelas.
- ↑ "Una gran intelectual". L'Osservatore Romano. 12 de maio de 2012. Consultado o 12 de maio de 2012.
- ↑ El padre jesuita Anchieta ya es santo
Véxase tamén
editarVexa a entrada do Galizionario acerca de canonización |