Eva
Eva, na mitoloxía xudaica e cristiá, é a primeira muller creada por Deus, compañeira de Adán. O nome de Eva provén do hebreo Hauuâh (que deu o grego Eua e este o latín Heva), e pode significar 'dadora de vida' ou 'nai dos viventes'. Ferro Ruibal considera máis probable que o nome estea relacionado cun nome semítico da serpe, que tentou a Eva.
Nome orixinal | (he) חַוָּה (ar) حَوَّاء |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 3760 a. C. Edén |
Morte | valor descoñecido |
Lugar de sepultura | Túmulo dos Patriarcas (pt) Tumba de Eva (pt) |
Residencia | Edén |
Actividade | |
Ocupación | axudante |
Día de festividade relixiosa | 24 de decembro |
Compañeiro profesional | Adán |
Participou en | |
queda do homem (pt) | |
Familia | |
Cónxuxe | Adán |
Fillos | Luluva, Avan, Abel, Azura, Sete, Caín |
Pais | sen valor e sen valor |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Enciclopedia Bíblica de Archimandrita Nicéforo Enciclopedia Xudía de Brockhaus e Efron |
Características
editarA historia da creación de Eva, a partir dunha costela de Adán, está narrada nos primeiros capítulos do libro do Xénese. Nun momento (Xénese 1:27-1:31) describe como creou a Adán e Eva [1] na tarde do sexto día; como os manda crecer, multiplicarse e domeña-la terra toda xunto os peixes, as aves e as bestas.
Noutro momento (Xénese 2:7-2:24) di que o fixo despois de descansa-lo sétimo día e, neste caso, o texto bíblico é máis explícito. Conta que Deus formou o home co po da terra e infundiulle no nariz o alento da vida e que despois o levou ó xardín do Edén para que o labrara e gardara. Engade que, xulgando que non era bo que o home estivese só, decidiu darlle unha axuda, para o cal repasaron tódolos animais viventes, ós que lle deron nome pero sen atopar ningún que servise para axudar a Adán. Entón, Deus fixo caer sobre Adán un sono profundo e sacoulle unha costela, da que fixo a Eva. Cando acordou Adán, mostrouse satisfeito porque ela era carne da miña carne e púxolle de nome Varona, porque foi feita do home.
No capítulo seguinte, o Xénese vai narrando a tentación de Eva polo demo en forma de serpe e a tentación de Adán por Eva, é dicir: o Pecado orixinal. Ó caer ámbolos dous na tentación e comer da froita prohibida da árbore do Ben e do Mal, Deus expulsoulles do Paraíso e condenoulles a sufrir e traballar coa suor da súa fronte para comer, a parir con dor [2] e anuncioulles que, ó perde-la vida eterna, rematarían morrendo [3].
Adán e Eva tiveron tres fillos identificados: Abel, Caín e, despois de morre-lo primeiro, Set. O Xénese cita que tiveron máis fillos, pero non sabémo-los nomes [4]. Tamén nos dá o dato de que Adán morreu con 930 anos pero non nos di nada máis de Eva.
Unha reinterpretación xudía [Cómpre referencia] do Xénese asegura que Adán tivo outra muller antes que Eva, chamada Lilith. Deus creouna para Adán pero, en vez de utilizar po, fíxoo con excrementos. Lilith non aceptou manter relacións sexuais con Adán porque se sentía humillada ó ter que estar baixo el, sendo o seu igual, e ramatou abandonándoo e refuxiarse xunto ó Mar Vermello, habitado polos demos, dos que pariu gran número de criaturas demoníacas chamadas lilim, cubertas de pelos.
Iconografía
editarA imaxe de Eva, tanto no momento da creación como tras pecar ó come-la mazá prohibida, foi un tema recorrente na arte románica e na Idade Media, pero tamén en épocas máis recentes (Michelangelo, Durero, Van Eyck), ata a actualidade (Lucas Cranach, Auguste Rodin, Paul Gaugin etc.).
Na iconografía relixiosa adoita representarse xunto a Adán, cubrindo as súas partes coas mans ou con follas de parra.
A simboloxía da creación de Eva a partir da costela de Adán reflicte para algúns remarca-la dependencia da muller e, de feito, parece deducirse da lectura do Xénese unha maior responsabilidade de Eva no pecado e, como consecuencia, un maior castigo. Como vimos, ela, ademais de traballar para comer e ter que morrer, coma Adán, terá que pari-los fillos con dor e será domeñada polo home.
Para San Paulo simboliza a creación da Igrexa, pola semellanza coa ferida no costado de Xesús, na cruz. Outra interpretación ve na figura de Eva un precedente (unha prefiguración) da Virxe María, que viría ser unha nova Eva.
Galería de imaxes
editar-
Adán e Eva, despois do pecado orixinal (miniatura do Beato de El Escorial)
-
Creación de Eva (Pintura mural do século XV na igrexa de Vittskövle, en Suecia)
-
Creación de Eva (Manuscrito de Nicolaus de Lyra)
-
Creación de Eva (Michelangelo, Capela Sistina)
-
Detalle do pedestal do cruceiro do Hío (Cangas)
-
Eva tentando a Adán (William Strang, 1899)
-
Expulsión de Adán e Eva na Fachada das Praterías
-
Eva na fachada da igrexa de San Francisco (Cambados)
-
Fotografía erótica remedando a tentación de Eva (1910-1917)
Festa
editarCelébrase o 19 de decembro. Outros calendarios márcana o 6 de setembro.
En Laza (Ourense) celébrase a Festa de Eva o 3 de maio (día da Santa Cruz de maio).
Persoeiros co nome de Eva
editar- Eva Amaral (Eva María Amaral Lallana) (Zaragoza, 4 de agosto de 1973), cantante española do dúo Amaral, xunto con Juan Aguirre.
- Eva Arguiñano, cociñeira especializada en repostería e presentadora de televisión, irmá do tamén cociñeiro Karlos Arguiñano.
- Eva Bekier, pintora nacida en Alemaña e residente actualmente en España. Cultiva o estilo abstracto.
- Eva Braun (Eva Anna Paula Braun) (1912-1945), fotógrafa alemá, amante de Adolf Hitler desde 1936, con quen casou a véspera do seu suicidio.
- Eva Cassidy (1963-1996), cantante norteamericana de jazz e soul.
- Eva Fernández, actriz galega de cine (A lingua das bolboretas) e televisión (Pratos combinados, Mareas vivas ou As leis de Celavella).
- Eva Forest Tarrat (1928-2007), escritora de orixe catalá pero residente no País Vasco, esposa do dramaturgo Alfonso Sastre. Tralo atentado contra Carrero Blanco (1973) foi detida por suposta colaboración con ETA e posta en liberdade, sen xuízo, en 1977.
- Eva Gonzales (1849-1883), pintora impresionista francesa, alumna e seguidora de Manet.
- Eva María González Fernández (n. 1980), modelo sevillana gañadora do concurso Miss España 2003 e aspirante ó título de Miss Universo 2003.
- Eva Hache (Eva Hernández) (Segovia, 1972), humorista e presentadora do espazo Noche Hache na cadea de televisión Cuatro. No 2005 gañou o Premio ATV, concedido pola Academia da Televisión na categoría de Mellor Comunicadora de Programas de Entretemento, e nomeada o mesmo ano ó premio TP de Oro como Mellor Presentadora de Programas de Entretemento.
- Eva Hesse (1936-1970), pintora e escultora estadounidense de orixe alemá.
- Eva Holz (n. 1946), pintora e escultora chilena.
- Eva Longoria (Eva Jacqueline Longoria) (n. 1975), actriz e modelo estadounidense, de pais mexicanos, recoñecida internacionalmente polo seu papel na serie de televisión Mulleres desesperadas, interpretando a Gabrielle Solís.
- Eva Lootz (Viena, 1940), escultora española de orixe austriaca, residente en España desde 1965.
- Eva Perón (María Eva Duarte de Perón, "Evita") (1919-1952), actriz e política arxentina, esposa de Juan Domingo Perón (con quen casou en 1945), de grande influencia na vida arxentina.
- A figura de Eva Perón deu lugar a varios musicais, obras de teatro e películas, entre as que destacamos Evita (1996), protagonizada por Madonna, como Evita, Antonio Banderas como Che, un cidadán anónimo arxentino, e Jonathan Pryce, como Perón.
- Eva Sannum (Lovenstad, Noruega, 1975), modelo e exnoiva do príncipe Filipe en 2001.
- Eva Santolaria (Eva Santolaria Millán) (Barcelona, 1975), actriz de cine e televisión, coñecida pola súa interpretación nas series Compañeros e 7 Vidas, na que representaba o papel de Vero.
Outros
editarTodo sobre Eva, película dirixida en 1950 por Joseph L. Mankiewicz e protagonizada por Bette Davis, Anne Baxter, George Sanders, Celeste Holm, Gary Merrill, Thelma Ritter e Marilyn Monroe.[5]
Premios EVA ás Mulleres da Gastronomía, creados en 2006 e promovidos pola Asociación de Mujeres Empresarias y Directivas de Navarra (AMEDNA) co obxectivo de reconoce-lo liderado das mulleres nos diferentes ámbitos da gastronomía
Notas
editar- ↑ E creou Deus o homre á súa imaxe, á imaxe de Deus creouno; home e femia creounos (Xénese 1:27).
- ↑ Á muller díxolle: Multiplicarei en gran maneira as dores nos teus preñazos; con dor darás a luz os fillos; e o teu desexo será para o teu home, e el dominarate a ti (Xénese 3:16).
- ↑ Coa suor do teu rostro comerá-lo pan ata que volvas á terra, porque dela fuches tomado; pois po es e ó po volverás (Xénese 3:19).
- ↑ E foron os días de Adán despois de enxendrar a Set, oitocentos anos, e enxendrou fillos e fillas (Xénese 5:4).
- ↑ [1]