Diocese (Imperio romano)

subdivisión administrativa do Imperio Romano

Unha diocese (en latín: diœcesis ou diocesis,[nota 1] palabra feminina) é unha subdivisión xeográfica do territorio do Imperio Romano. No seu sentido máis coñecido, é unha subdivisión do Imperio Romano específica da Antigüidade Tardía, que reunía varias provincias romanas baixo a autoridade dun vigairo. O sistema de dioceses foi establecido polo emperador Diocleciano, como parte das reformas administrativas da Tetrarquía. Constantino I engadiu por riba das dioceses as prefecturas pretorianas, que reunían varias dioceses.

Moeda que representa ao emperador Diocleciano, de perfil, e que leva as palabras diocletianus augustus .

Outra acepción, moito menos usada, é “diocese» unha subdivisión xudicial dunha provincia romana, equivalente ao conventus iuridicus. Este artigo tratará principalmente do primeiro significado, relegando o segundo ao final.

Tampouco debe ser confundida coa circunscripción eclesiástica, tamén chamada diocese e que está a cargo dun bispo. Para distinguilas, ás veces, a diocese romana é denominada diocese civil.

Antes de Diocleciano: un Imperio dividido en provincias de distintos tipos

editar
 
O primeiro emperador Augusto (aquí vestido de pontifex maximus) foi o creador da organización administrativa que se mantivo en vigor até, pouco máis ou menos, o 285.
 
Mapa do Imperio no 120.

Desde o 27 a.C., o Imperio Romano dividiuse en provincias (latín: provincia, provinciae en plural) denominadas “imperiais" e "senatoriais».[1] As excepcións desta división eran Italia, administrada por separado, e Exipto, que dependía directamente do emperador e que delegaba o seu control nun cabaleiro, o prefecto de Exipto, denominado praefectus Augustalis (prefecto de Augusto). Os senadores ocupan a maioría dos cargos no sistema augusteo, tanto militares como administrativos, seguindo a tradición romana «que quería que un home ben nacido fose capaz de ser maxistrado, xeneral e administrador durante a súa carreira».[2]

As provincias imperiais

editar
 
Mapa do Imperio a mediados do século II:
- Vermello: provincias imperiais
- Rosa: provincias senatoriais

As provincias imperiais eran, normalmente, as fronteirizas, como Germania Inferior ou Noricum, e alí as tropas permanecían estacionadas controlando o territorio e estaban baixo a autoridade directa do emperador, que ostentaba o imperium proconsular.[3] No entanto, como estaba en Roma, adoitaba delegar a súa autoridade:

  • nun legado de Augusto propretor (legatus Augusti pro praetore) de rango senatorial -antigo cónsul para as grandes provincias, antigo pretor para as medianas-, a quen adoitaba nomear por un período de tres a cinco anos,[4] e que estaba asistido para asuntos financeiros por un procurador de rango ecuestre[5] e por un legado da lexión (legatus legionis), de rango senatorial, para comanda-las lexións estacionadas na provincia.[4]
  • nun procurador-gobernador (procurator-praeses) de rango ecuestre,[6] que mandaba as tropas auxiliares, naquelas «pobres, montañosas e pouco romanizadas",[5] como a Mauritania Tingitana.

As provincias senatoriais

editar

As provincias chamadas "senatoriais » eran oficialmente "do pobo romano". Estaban baixo a autoridade do Senado, que organizaba o seu goberno mediante o nomeamento dun procónsul, mediante sorteo,[4] que percibía un soldo[nota 2] e cuxo mandato duraba un ano, aínda que ás veces había prórrogas.[7] Porén, o emperador conservaba a posibilidade de intervir nestas provincias,[3] grazas ao seu imperium proconsularis maius ("imperio proconsular maior").

As grandes provincias, como África ou Asia, tiñan un procónsul de rango consular, mentres que as outras, como Macedonia ou Bitinia, tiñan un procónsul de rango pretorio.[7] Os cuestores propretores axudaban nos temas económicos aos gobernadores,[7] e os procuradores do emperador ocupábanse da propiedade imperial.[8] Unha característica relevante era que as provincias senatoriais non tiñas tropas estacionadas, agás unha cohorte urbana en Cartago.[4] A Legio III Augusta, inicialmente comandada polo procónsul de África, pasou ao estar baixo o mando dun legado independente do gobernador no 37.[4]

Dous casos especiais : Italia e Exipto

editar

Italia

editar

Italia, durante o Alto Imperio, non era unha provincia. Respectábase a autonomía dos concellos, que estaba garantida pola lex Julia municipialis do -45 : malia que os cónsules, pretores e, ás veces, cuestores tiñan un "dereito de inspección"[7] sobre a administración das cidades italianas, estas gozaban dunha ampla autonomía,[7] condición da súa liberdade. Así e todo, Augusto, partillou, por razóns pouco claras, Italia en once rexións administrativas.

Exipto

editar

Desde o ano 30 a.C., Exipto era propiedade persoal de Augusto e, posteriormente, dos seus sucesores pois o emperador estaba considerado como herdeiro dos faraóns.[6]

Por outra banda, Exipto era unha provincia crucial para a paz civil pois era o graneiro de Roma, e Augusto procurou asegurarse o seu control até o punto de que os senadores tiñan prohibido ir a Exipto e, aló, todo o persoal da administración pertencía ao rango ecuestre.[7] O prefecto de Exipto, chamado praefectus Augustalis, era quen a gobernaba, asistido por procuradores, e as lexións acantonadas na provincia estaban comandadas non por legados senón por prefectos: "prefecto do campamento" (praefectus castrorum) ou “prefecto da lexión” (praefectus legionis).[6]

Desenvolvemento posterior : cara á normalización e á exclusión dos senadores

editar

Os Severos

editar

O sistema creado por Augusto permaneceu relativamente inalterado até os Severos. A chegada ao poder de Septimio Severo e a súa dinastía iniciou unha evolución que rematou coas reformas de Constantino I e, progresivamente, a orde senatorial foi sendo excluída da administración das provincias e dos mandos do exército.[9]

Así, as tres novas lexións creadas por Septimio Severo, a I Parthica, II Parthica e III Parthica, estaban comandadas non por legados da orde senatorial senón por prefectos da orde ecuestre.[9] Así mesmo, cada vez máis, as provincias imperiais dotadas de lexións foron encomendadas, con carácter provisional, a procuradores ecuestres xa situados na provincia, que se eran denominados vice praesidis ("en lugar do gobernador").[9] Así mesmo, a recentemente creada provincia de Mesopotamia foi confiada a un prefecto e non a un legado de Augusto.[9]

Italia, ata agora "subadministrada",[7] tiña asignados numerosos procuradores e prefecturas[9] (para o control dos camiños e a xestión da res privata; é dicir, do patrimonio do emperador). Na época de Caracalla, está documentada a presenza de Caio Octavio Suetrio Sabino, como electus ad corrigendum statum Italiae (en galego, electo para corrixir o estado de Italia) que se ben non está claro o papel que desempeñaba (loita contra a bandidaxe ou vixilancia das finanzas dos concellos nun momento en que os impostos estaban a aumentar)[10] o certo é que o seu poder aplicábase a toda Italia, o que indicaría unha progresiva normalización da situación e do control da península.

Reformas de Galieno

editar
 
Emperador Galieno, arredor do ano 260.

Durante a crise do século III, no 262,[11] ante o escaso valor militar dos senadores,[11] o emperador Galieno decidiu excluílos do exército[12] e substituílos por cabaleiros, ben de orixe ou admitidos nesa orde despois de seren centurións primus pilus. Os legados desapareceron, e só continuou o "praefectus urbanus".[12]

Sempre preocupado pola eficacia do alto mando, Galieno negouse a permitir que as lexións continuasen a depender dos legados de Augusto e os gobernadores das provincias imperiais, da orde senatorial. Porén, non se atreveu a disociar completamente a súa carreira militar e civil,[2] pero aumentou o número de nomeamentos de cabaleiros ó fronte das provincias imperiais,[2][11] sendo o máis antigo o de Arabia, no 262.[2] Estes novos gobernadores xa non foron temporais como os procuratores vice praesidi da época dos severos, senón permanentes e xa non eran procuradores da provincia que actuaban en substitución do legado[2] pois, a maioría das veces son chamados "agens vice praesidi" ("actuando en substitución do gobernador").

Non obstante, certas grandes provincias imperiais, como a Tarraconense, tiveron legados dende Augusto até Diocleciano.[13] As provincias senatoriais viron os seus procónsules substituídos despois de Galieno, pero as máis importantes, como África, permaneceron controladas polos senadores.[13]

Galieno tamén estableceu un corrector totius Italiae[14] cuxo papel é pouco coñecido, pero que parece superior aos iuridices[14] establecidos por Marco Aurelio.[15] Aquí de novo, obsérvase que a situación de Italia tende a normalizarse.[14]

O reinado de Diocleciano : creación das dioceses

editar

O establecemento da Tetrarquía

editar
 
O emperador Diocleciano, reformador do Imperio.

Diocleciano converteuse en emperador único na primavera do 285.[16] Pouco despois, uniuse a Maximiano como César, e foi elevado no 286 ao rango de Augusto.[16] No 293, Constancio e Galerio convertéronse en césares.[16] O sistema tetrárquico, chamado quattuor principes mundi ("os catro amos do mundo" ) polos antigos,[17] quedou plenamente establecido daquela:[18] Diocleciano conservou a preeminencia sobre o seu colega Maximiano,[18] e así, asegurábase a unidade do Imperio.

Cada César tiña asignados zonas de control, mais non dominios fixos.[19] A unidade do Estado permaneceu, manifestada polo feito de que só existía un prefecto do pretorio, como baixo o Alto Imperio romano.[18]

Reforma da administración territorial

editar
Et ut omnia terrore complerentur, provinciae quoque in frusta concisae; multi praesides et plura officia singulis regionibus ac paene iam civitatibus incubare.
E para engadir ao terror, as provincias tamén foron divididas: moitos gobernadores e máis cargas pesaban sobre cada rexión, incluso sobre cada cidade.
Lactancio, "De Mortibus Persecutorum", capítulo VII

Lactancio era certamente hostil a Diocleciano, pero o seu punto, fundamentalmente, é correcto. Diocleciano modificou dun xeito profundo a organización territorial do Imperio Romano, dándolle a forma que tería, con algunhas modificacións posteriores, durante todo o século IV e comezos do século V.

Pouco a pouco realizáronse dúas reformas principais:[20]

  • a multiplicación de provincias (das 48 no inicio do seu reinado até unhas cen na abdicación de Diocleciano[21]);
  • a creación de entidades superiores ás provincias, as dioceses.

Os cambios na estrutura administrativa obrigaron a un aumento significativo do número de funcionarios imperiais,[20] e, en consecuencia, dos gastos do Estado. Porén, ao mesmo tempo, estas reformas melloraron a situación dun imperio até daquela "subadministrado",[22] ou un tanto abandonado.

A fragmentación das provincias

editar

Por razóns probablemente militares,[21][23] financeiras (achegando o gobernador que se encargaba de recada-los impostos á cidade[24]), políticas (limita-lo poderes dos gobernadores, achegando a administración aos habitantes[24]) ou para limitar a autonomía das cidades,[24] Diocleciano dividiu as provincias herdadas na súa maior parte da época augustea (ou, máis raramente, agrupounas nunha soa[23]).

Tamén normalizou o estado das provincias : Exipto perdeu o seu estatus único, e foi dividida en tres provincias,[23] e Italia tamén pasou a ser dividida. As regiones definidas por Augusto, simplemente numeradas, levaron un nome,[23] e estaban rexidas por un corrector.[21] Igualmente, desapareceu a inmunidade fiscal dos habitantes de Italia.[24]

Finalmente, a antiga distinción entre as provincias senatoriais e as provincias imperiais tamén desapareceu,[20] e tódolos gobernadores pasaron a ser nomeados polo emperador.[20]

A aparición das "dioceses"

editar
 
As dioceses do Imperio en 300 e as prefecturas pretorianas que as sucederon no 395.

Para compensar o debilitamento das provincias, e para manter un vínculo entre o estado e a provincia,[20][25] Diocleciano multiplicou os "viceprefectos do pretorio" (vice agens praefectus praetorio), que anteriormente eran axudantes extraordinarios do prefecto do pretorio,[20] e agora pasaron a ser permanentes coa asignación dun dominio xeográfico[20] onde eran “delegados" do prefecto do pretorio,[26][27] o que permitiu ao mesmo tempo debilitar o poder este último.[27] posto que os vigairos só rendían contas ao emperador e non aos prefectos.[28] Estes viceprefectos, de xeito mais común, foron denominados vigairos (vicarius).

Este novo distrito territorial foi denominado “diocese” (diocesis ou diœcesis en latín). Paul Petit data a súa creación nos anos 296-297[27] ou 297-298.[29] Cómpre sinalar que nestas novas dioceses non se incluían as provincias proconsulares de África e Asia, que quedaron fóra deste sistema.[27]

Descrición das dioceses

editar

Xeografía das dioceses

editar

Ao final do reinado de Diocleciano, o Imperio Romano tiña doce dioceses.[20][24][29] Esta é a cifra que aparece no Laterculus Veronensis,[30] unha vez rematado o proceso de organización de dioceses e provincias:[29]

Subivisión do Imperio Nº de

Orde

Diocese Nº certo

de provincias

Provincias
Imperio de Oriente I Diocese de Oriente (diocesis Orientis) 16 Libia superior e Inferior, Exipto Iovia e Herculia, Arabia, Fenicia, Augusta Libanense, Siria Coele, Augusta Eufratense, Chipre, Isauria, Cilicia, Mesopotamia, Osroena, Palestina.
Imperio de Oriente II Diocese do Ponto[nota 3] (diocesis Pontica) 7 Bitinia, Capadocia, Galatia, Paflagonia, Ponto, Ponto Polemoniaco, Armenia.
Imperio de Oriente III Diocese de Asia[nota 4] (diocesis Asiana) 9 (Licia e) Panfilia, Frixia I e II, Asia, Lidia, Caria, Insulae, Pisidia.
Imperio de Oriente IV Diocese de Tracia (diocesis Thraciae) 6 Europa, Rodope, Tracia, Haemimontus, Escitia, Moesia Inferior.
Imperio de Oriente V Diocese de Moesia (diocesis Moesiarum) 10 Dacia Ripense, Moesia Superior, Dardania, Macedonia, Tesalia, (Acaia), Epiro Nova, Epiro Vetus, Creta.
Imperio de Occidente VI Diocese de Pannonia (diocesis Pannoniarum) 7 Pannonia Inferior, Saevensis, Dalmacia, Valeria, Pannosna Superior, Noricum Ripense, Noricum Mediterraneum.
Imperio de Occidente VII Diocese de Britania (diocesis Britanniarum) 4 Britania I e II, Maxima Caerensis, Flavia Caerensis.
Imperio de Occidente VIII Diocese da Galia (diocesis Galliarum) 8 Bélxica I e II, Xermania I e II, Sequania, Lugdunense I e II, Alpes Graiae e Poeninae.
Imperio de Occidente IX Diocese de Vienne[nota 5] (diocesis Viennensis);[nota 6] 7 Vienense, Narbonense I e II, Novempopulonia, Aquitania I e II, Alpes Marítimos
Imperio de Occidente X Diocese de Italia[nota 7] (diocesis Italiciana);[nota 8] 9 Venitia e Histria, (Emilia e Liguria), Flaminia e Picenum, Tuscia e Umbría, (Campania), Apulia e Calabria, Lucania (e Brutium), (Sicilia), (Sardinia), Corsica, Alpes Cottiae, Recia.
Imperio de Occidente XI Diocese de Hispania (diocesis Hispaniarum) 6 Bética, Lusitania, Cartaxinense, Gallaecia, Tarraconense, Mauretania (Tinxitania).
Imperio de Occidente XII Diocese de África (diocesis Africae) 6 Proconular, Bizacena, (Tripolitania), Numidia Cirtense, Numidia Militana, Mauretania Cesarense, Mauretania Sitifense.

André Piganiol lembra que estas dioceses xa anunciaban futuras nacionalidades:[31] unha Inglaterra, unha España, un norte de África, dúas Francias, separadas aproximadamente polo Loira, e que anuncian a separación entre os países de langue d'oïl e langue d'oc. De media, as dioceses inclúen oito provincias.[27] A máis pequena é a diocese de Bretaña, que ten catro provincias; e a máis grande, a de Oriente, con dezaoito provincias.[27] Só as de Vienne e Asia non son fronteirizas.

A función de "vigairo"

editar

O vigairo era un alto funcionario nomeado polo emperador,[25] que só respondía ante el.[27] Adoitaban pertencer á orde ecuestre e levaban o título de «perfectissime»,[20] un título honorífico concedido aos de determinados cargos, que era de menor categoría que os egregii pero de maior que os eminentissimi.

O feito de confiar tan grandes poderes territoriais a cabaleiros e non a senadores é moi novo, e demostra que Diocleciano quere continuar coa política de debilitar a aristocracia senatorial en beneficio dos homes que só deben o seu avance ao príncipe.[32] En dignidade, estes vigairos eran inferiores aos gobernadores provinciais senatoriais (os consulares[nota 9]),[27] o que supuxo un problema porque os cabaleiros poderían ter autoridade sobre os senadores Para René Rémond, «[é posible que], cando tiveron que mandar gobernadores de clase senatorial, que fosen ascendidos a vir clarissimus»,[32] que era unha dignidade propia dos senadores.

As atribucións iniciais dos vigairos eran considerables: controlaban e supervisaban os gobernadores[33] -agás os procónsules-, repartían os impostos,[33] e llos cobraban aos interesados,[31] interviñan nos asuntos militares fortalecendo as fronteiras[33] e eran xuíces de apelación.[31][33] Non dependían dos prefectos do pretorio senón directamente do emperador, e as súas decisións xudiciais eran apeladas perante o emperador.[31]

Porén a diferenza do sistema augusteo anterior, os vigairos non tiñan atribucións militares polo que non mandaban tropas. Dese xeito, Diocleciano conseguiu así a separación entre as carreiras militares e as civís,[32] para evitar revoltas e secesións.

Desenvolvemento posterior

editar

Reformas Constantinianas

editar
 
Emperador Constantino I

Dende 310, Constantino I foi un dos lexítimos augustos do Imperio Romano; despois, desde 324, foi o único amo do Estado. Durante o seu reinado, realizou varias reformas cruciais que deron a forma definitiva á organización administrativa e militar do Imperio até a súa caída no 476.

Rexionalización da prefectura xudicial

editar

A principal reforma territorial, realizada mediante o sistema de ensaio e erro,[34] foi a “rexionalización" da prefectura do pretorio. Anteriormente, un ou dous prefectos pretorianos servían como primeiro ministro e xefe de estado maior de todo o Imperio[34][35] e ostentaban poderes militares, xudiciais, administrativos e fiscais.[35]

A centralización política cada vez máis importante arredor de Constantino, que culminou coa unión de todo o Imperio nas súas mans, impuxo unha «desconcentración administrativa».[34] O emperador non podí controlar todo ; por iso, Constantino foi transformando paulatinamente, entre 326 e 337[34] o prefecto “ministerial" nun prefecto "rexionalizado",[34] situado á cabeza dun distrito territorial que englobaba varias dioceses, que levará o nome de “prefectura do pretorio" (praefectura praetorio).

Estes novos prefectos tiñan autoridade sobre os vigairos,[36] e sobre os gobernadores provinciais.[37] Este vínculo directo, que vai máis aló dos vigairos, condenou a estes á decadencia, sobre todo porque se converteron en axentes executivos das ordes e mandatos dos prefectos do pretorio.[37]

Como sinala Paul Petit, «[as dioceses] as prefiguran en certa medida [as prefecturas pretorianas rexionais] ».[33] É dicir, a creación das prefecturas e dos prefectos, reduciron a utilidade das dioceses e os vigairos. Porén, a pesar deste debilitamento, os vigairos gañaron importancia entre a nobreza: Constantino elevounos ao rango de clarissimes, entre os consulares e os procónsules.[31]

Creación de Comites provinciarum

editar

O outro motivo do debilitamento dos vigairos foi o envío regular de comites,[nota 10] cun rango superior aos vigairos,[31] e que, probablemente, desempeñaron un papel de inspección.

Dende o 334 ou o 335, tódalas diooceses estaban dirixidas por vigairos,[31] agás a de Oriente, situada baixo a autoridade do comes Orientis (conde de Oriente). Segundo certos especialistas, esta particularidade estaba ligada á preparación da guerra contra os persas;[31] segundo outros, como André Piganiol, foi unha supervivencia dun destes comites aos que Constantino I confiría misións de inspección.[31] Este comes Orientis, foi inmediatamente colocado entre os clarissimes , residía en Antioquía e tiña atribucións militares.[38] Tamén dirixía a maior diocese do Imperio Romano.

Situación a finais do IV século

editar
 
As dioceses do Imperio en 400, coa súa capital e prefecturas pretorianas.

A finais do IV século, o número de dioceses aumentou, de doce a catorce segundo a Notitia dignitatum, e cambiaron o nome dalgunhas dioceses. Tamén hai que ter en conta que a antiga provincia de Acaia converteuse, baixo Licinio, en proconsular (entre 312 e 315).[33] Por iso estaba separada da diocese de Moesia, futura diocese de Macedonia.

Creación de novas dioceses

editar

A diocese de Italia estaba, a finais de século, baixo a autoridade de dous vigairos diferentes : o da "Italia annonaria”, en Milán, e o da “Italia suburbana», en Roma.[39] Ademais, o vigairo que dirixía a Italia suburbana, que antes de 357 era tanto un vigairo do prefecto do pretorio como un vigairo do prefecto da Cidade, despois desta data, será "vicarius Urbis Romae " (vigairo da cidade de Roma); é dicir, un vigairo do prefecto da Cidade.[40]

En Oriente, a diocese de Moesia dividiuse en dúas novas entidades : a diocese de Dacia e a diocese de Macedonia.[20] Ademais, baixo Teodosio I, no 382, as provincias exipcias da diocese de Oriente foron agrupadas nunha diocese independente, a diocese de Exipto, e o xefe desta nova entidade tomou o nome de praefectus Augustalis (prefecto de Augusto), como fora baixo o Alto Imperio.[41]

Cambio de nomes

editar

A Notitia dignitatum dá nomes diferentes a certas dioceses, pero isto é relativamente anecdótico. Entón :

  • a diocese de Vienne converteuse na diocese das sete provincias (diocesis Septem provinciarum) ;
  • a diocese de Panonia converteuse na diocese de Iliria (diocesis Illyrici).

Na época da Notitia dignitatum, tódolos vigairos convertéronse en spectabiles,[42] que era unha dignidade senatorial superior á de vir clarissimus, pero inferior á de vir illustris. Tiñan autoridade sobre os gobernadores provinciais e, aínda que se lles recomendaba aos gobernadores que pasasen por eles, polos vigairos, para chegar aos prefectos do pretorio, o poder destes últimos, a miúdo, levaba a que se contactase directamente con eles.[36]

Un caso excepcional: a "diocese" xudicial

editar

Esta denominación, designaba un subdivisión dunha provincia, que levaba o nome da súa capital, onde o gobernador vai durante o ano para xulgar os asuntos do distrito.[43] Esta subdivisión existía polo menos na época de Cicerón, quen a mencionou nunha carta.[44] Máis tarde, a palabra de "diocese" tamén se utilizou nas provincias occidentais do Imperio Romano, como en África.[43] Nesta provincia, a diocese estaba baixo a responsabilidade dun legado do procónsul de África.[43]

Ás veces, a palabra " diocese" designa tamén « o territorio dunha cidade; é dicir, o distrito dos xuíces municipais. O grego διοίκησις correspóndese neste caso coa expresión latina regio».[43]

  1. A palabra latina diocesis provén do grego antigo, διοίκησις / dioíkêsis, co significado de administración ou goberno.
  2. Esta circunstancia, lembra Paul Petit, diferénciaos e sepáraos dos maxistrados tradicionais que se supoñía que eran.
  3. Ou «diocese póntica».
  4. Ou «diocese asiática».
  5. A diocese de Vienne tamén foi chamada "diocese das cinco provincias" (Quinque Provinciae) porque estaba formada polas provincias de Novempopulonia, Aquitania, Narbonense, Vienesa, Alpes-Marítimos. Cando pasaron a ser sete pola subdivisión de Aquitania e da Narbonense, a diocese foi designada ou co seu antigo nome de Quinque Provinciae ou co novo nome de Septem Provinciae. Ademais, cando a diocese das Galias (no Norte) estaba unida coa diocese de Viena (no Sur), a nova diocese ampliada chamouse indiferentemente como “diocese das Galias” ou “diocese das Sete Provincias”, mentres o nome de Cinco Provincias utilizouse para designar as sete provincias do sur.
  6. A denominación vén da provincia Viennensis, con capital en Vienna, unha cidade nas beiras do Ródano. non ten que ver coa cidade de Viena (Austria).
  7. Tamén se pode traducir como "diocese italiana".
  8. Un caso especial: a diocese de Italia contaba con dous vigarios: un para o norte da península, chamado posteriormente “Italia anonaria” e outro para o sur, “Italia suburbana”.
  9. Foi un dos novos títulos para gobernadores que apareceron na época de Diocleciano. Non significa que o seu titular tivese un consulado.
  10. En singular, comes.

Referencias

editar
  1. Petit (1974a), p. 48.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Petit (1974b), p. 197.
  3. 3,0 3,1 Petit (1974a), p. 28.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Petit (1974a), p. 185.
  5. 5,0 5,1 Petit (1974a), p. 186.
  6. 6,0 6,1 6,2 Petit (1974a), p. 49.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Petit (1974a), p. 50.
  8. Petit 1974a.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Petit (1974b), p. 62.
  10. Lo Cascio (2005), p. 168.
  11. 11,0 11,1 11,2 Martin (2003), p. 326.
  12. 12,0 12,1 Petit (1974b), p. 196.
  13. 13,0 13,1 Petit (1974b), p. 198.
  14. 14,0 14,1 14,2 Martin (2003), p. 327.
  15. Chastagnol, André, ed. (1994). "Vie de Marc Antonin le Philosophe". Histoire Auguste. Les Empereurs romains des IIe et IIIe siècles. Colección: Bouquins (en francés). (traducido por André Chastagnol). París: Éditions Robert Laffont. pp. 134–135. ISBN 978-2-221-14071-0. 
  16. 16,0 16,1 16,2 Petit (1974c), p. 11.
  17. Petit (1974c), p. 12.
  18. 18,0 18,1 18,2 Petit (1974c), p. 18.
  19. Petit 1974c, p. 19.
  20. 20,00 20,01 20,02 20,03 20,04 20,05 20,06 20,07 20,08 20,09 Rémond (1997), p. 124.
  21. 21,0 21,1 21,2 Lo Cascio (2005), p. 179.
  22. Rémond (1997), p. 123.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 Petit (1974c), p. 26.
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 Lo Cascio (2005), p. 180.
  25. 25,0 25,1 Piganiol (1972), p. 353.
  26. Bravo (1991), pp. 39-40.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 27,4 27,5 27,6 27,7 Petit (1974c), p. 27.
  28. Bravo (1991), p. 40.
  29. 29,0 29,1 29,2 Bravo (1991), p. 27.
  30. Bravo (1991), pp. 23-25.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 31,5 31,6 31,7 31,8 Piganiol (1972), p. 354.
  32. 32,0 32,1 32,2 Rémond (1997), p. 125.
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 33,4 33,5 Petit (1974c), p. 28.
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 Petit (1974c), p. 70.
  35. 35,0 35,1 Piganiol (1972), p. 356.
  36. 36,0 36,1 Petit (1974c), p. 155.
  37. 37,0 37,1 Rémond (1997), p. 142.
  38. Piganiol (1972), p. 355.
  39. Petit (1974c), p. 193.
  40. Petit (1974), p. 193.
  41. Petit 1974, p. 200.
  42. Petit 1974, p. 155.
  43. 43,0 43,1 43,2 43,3 Daremberg & Saglio, 1877-1919, p.226.
  44. Cicéron, Ad familiares, XIII, 67, 1.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Bravo, Gonzalo (1991). Diocleciano y las reformas administrativas del imperio. Colección: Historia del mundo antiguo Akal, nº 58 (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-7600-655-1. 
  • Daremberg, Ch; Saglio, Edm. (1877-1919). Dictionnaire des Antiquités grecques et romaine (volume II) (en francés). París: Hachette. 
  • Lo Cascio, Elio (2005). "The government and administration in the empire in the central decades of the third century". En Bowman, Alan K.; Garnsey, Peter; Cameron, Averil. The Cambridge Ancient History -The Crisis of Empire, A.D. 193-337 (Tomo XII) (en inglés) XII. Cambridge: Cambridge University Press. pp. 156–169. ISBN 978-0-521-30199-2. 
  • Petit, Paul (1974a). Histoire générale de l'Empire romain (vol. I: Le Haut-Empire, 27 avant J.-C.-161 après J.-C.). Colección: Points Histoire (en francés). París: Éditions du Seuil. ISBN 2020049694. 
  • Petit, Paul (1974b). Histoire générale de l'Empire romain (vol. II: La crise de l'empire, des derniers Antonins à Dioclétien). Colección:Points Histoire (en francés). París: Éditions du Seuil. ISBN 2020049708. 
  • Petit, Paul (1974c). Histoire générale de l'Empire romain (vol. III: Le Bas-Empire (284-395)). Colección: Points Histoire (en francés). París: Éditions du Seuil. ISBN 2020049716. 
  • Piganiol, A. (1972). L'Empire chrétien. Colección: Hier (en francés) (2ª ed.). París: Presses Universitaires de France. ISBN 2130321259. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar