Tropas auxiliares romanas

As tropas auxiliares (do latín auxilia) eran unidades do exército romano compostas por soldados que non eran cidadáns romanos. O seu propósito principal era apoiar ás lexións romanas en combate, compostas en exclusiva por cidadáns romanos. Loitaron ó longo do Principado dende o ano -30 até o ano 284. O seu número flutuou durante o transcurso do Imperio, medrando de xeito gradual. Cara ao ano 70, as tropas auxiliares contiñan o mesmo número de soldados de infantaría ca as lexións, e ademais proveían ó exército romano da cabalería e de tropas especializadas como arqueiros ou cabalería lixeira, así como outros tipos de hostigadores. Contra o século II, as tropas auxiliares representaban preto de dous terzos da forza militar romana.

Infantaría auxiliar romana cruzando un río, probablemente o Danubio, durante as Guerras dacias (101-106). Distínguense dos lexionarios pola forma dos seus escudos, ovalados en contraposición ós rectangulares dos lexionarios. Columna de Traxano, Roma.

As tropas auxiliares eran polo xeral recrutadas de entre os peregrini; é dicir, dos habitantes das provincias do Imperio Romano que non eran cidadáns romanos (a meirande parte da poboación do Imperio durante os séculos I e II).[1] Os auxiliares tamén se recrutaban de entre os bárbaros (en latín, barbari), que era o nome que recibían os habitantes de territorios non pertencentes ó Imperio.

Os auxiliares desenvolvéronse a partir de variados continxentes de tropas non itálicas, especialmente de cabalería, que loitaron na época da República de Roma en apoio das lexións, e que foron crecendo a partir do ano -200. O goberno da dinastía Xulio-Claudia supuxo a transformación destas levas temporais en exércitos permanentes cunha estrutura homoxénea, un equipamento estándar e unhas condicións de servizo estables, conseguindo que a finais do período non houbese grandes diferenzas entre lexionarios e a maioría dos auxiliares en canto a adestramento, equipamento ou capacidade militar.

Os rexementos auxiliares estacionábanse case sempre en provincias distintas da de procedencia. Os nomes dos rexementos de moitas unidades mantivéronse até finais do século IV, pero daquela, as unidades mudaran de tamaño, estrutura e calidade.

Notas editar

  1. Contra o ano 75, tódolos itálicos eran cidadáns romanos, así como a maioría dos habitantes do sueste da Galia e do sur de Hispania. Nas provincias fronteirizas, a proporción era moito menor, aínda que medrara co tempo. Mattingly estima que a cantidade de cidadáns romanos en Britania no ano 100 era dunhas 50 000 persoas, preto do 3% da poboación total (D. Mattingly An imperial possession 166, 168)