Licinio
Claudio Valerio Liciniano Licinio, emperador romano, naceu na Dacia entre os anos 263 o 265, sendo a súa familia de orixe labrega.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (la) Valerius Licinianus Licinius c. 263 Galerian palace, Serbia (en) |
Morte | 325 (61/62 anos) Tesalónica, Grecia |
Causa da morte | pena de morte, enforcamento |
Emperador romano | |
11 de novembro de 308 (Gregoriano) – 18 de setembro de 324 (Gregoriano) | |
Senador romano | |
Datos persoais | |
Relixión | Relixión na Roma antiga |
Actividade | |
Ocupación | político |
Período de tempo | Imperio Romano |
Outro | |
Título | Emperador romano |
Cónxuxe | Flávia Júlia Constância |
Fillos | Licínio II |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Meyers Konversations-Lexikon, 4th edition (1885–1890) (en) |
Traxectoria
editarToda a súa educación foi militar e salientou na loita contra os persas, e toda a súa carreira estivo unida a Galerio, amigo persoal.
Coa morte de Constancio Cloro e a proclamación polas tropas do seu fillo Constantino como emperador, e a proclamación de Maxencio no canto do seu pai Maximiano, quen tería que abdicar. Pero este negouse, de xeito que nun mesmo intre había sete altos maxistrados, entre augustos e césares, para o goberno do Imperio, cadaquén sen recoñecer o seu contrario. Esta situación estaba a piques de malograr toda a obra de Diocleciano e a súa tetrarquía. Para iso Galerio, como emperador decano e garante do sistema, convocou o cumio de Carnuntun no 308. Mais nesa reunión non se acordou unha solución definitiva, senón que se nomeou a Constantino e Maxencio para a parte occidental do Imperio, mentres que para o Oriente subiu a emperador Licinio e mais Maximino Daia, sobriño de Galerio.
As loitas entre os distintos augustus e césares foi xa inmediata para facerse co poder. En Occidente, Constantino venceu a Maxencio na batalla da Ponte Milvio no ano 312.
Pola súa parte, Licinio, quen fora nomeado augustus sen pasar previamente polo título de césar, non era moi ben aceptado, e dende o goberno da Pannonia, Ilyria e Rethia asociouse a Constantino para que fose el quen acabara con Maxencio e conquistara Italia, tal e como se lembrara na xuntanza de Carnutum onde Maxencio foi declarado inimigo público, a pesar de recoñecer os seus dereitos ao trono. Casou coa irmá de Constantino, Constancia e xuntos publicaron o famoso Edicto de Milán (Mediolalum), onde se daba liberdade relixiosa e se devolvían os bens á Igrexa Católica, e que na práctica veu ser o recoñecemento do cristianismo no imperio, non a relixión oficial.
No ano 311 morre Galerio e Maximino II Daza e mais Licinio atopáronse no Bósforo para se repartir os territorios de Galerio. Mais esta división, coa morte de Maxencio en Occidente, levou o enfrontamento no Oriente, sendo as tropas de Maximino Daia derrotadas dende Byzantium a Tarsus no ano 313, e Maximino morreu entre tormentos. Licinio quedara encargado dos fillos de Galerio e mais a súa esposa, pero o trato que lles deu obrigounos a fuxir á corte de Maximino Daza, quen unha vez derrotado, quedaron nunha total indefensión, e foron capturados e mortos en Tesalónica, quedando deste xeito Licinio coma único emperador en Oriente, do mesmo xeito que Constantino o era en Occidente.
Mais a partir do ano 320 comezaron a percibirse as diferenzas entre eles, que se manifestaron entre outros aspectos no tratamento que se lle deu ao problema cristián, xa que mentres en occidente os cristiáns alcanzaran postos relevantes na Administración, en oriente continuaban a ser perseguidos e reprimidos a pesar da grande influencia que conquistara a Igrexa de Alexandria. A presión que se fixo sobre Constantino para rematar con este estado de cousas foi moi grande, mais tivo que deixalo temporalmente debido á ameaza dos bárbaros na fronteira danubiana. Constantino derrotou os bárbaros na Panonia e na Tracia e amosou a Licinio o poder militar do emperador de Occidente e o levou a aceptar o nomeamento dos seus respectivos fillos Crispo por Constantino e Liciniano por parte de Licinio coma césares.
Licinio perdera a iniciativa e tivo que facer fronte no seu propio contorno a Valente, o seu xefe militar, a quen deu morte despois de nomealo augusto. No ano 324 o enfrontamento fíxose inevitábel nunhas circunstancias que favorecían en todo a Constantino, quen venceu en Adrianopolis, Crisopolis e Bizancio, mentres Crispo desfacía a frota de Licinio no Helesponto.
Dado que a principal fonte histórica para o coñecemento deste episodio, a Vida de Constantino de Eusebio de Cesarea, é moi tendenciosa, os motivos concretos da disputa son obxecto de controversia. No relato de Eusebio, Licinio perseguía o culto cristián na parte do imperio baixo o seu mando por envexa de Constantino, aclamado na parte occidental. Por medo de Constantino, Licinio non se atrevía a desatar unha persecución como a dos tempos de Diocleciano, senón que entorpecía o culto impedindo que os bispos celebrasen sínodos ou que homes e mulleres se reunisen para celebrar a eucaristía ou recibir leccións de doutrina cristiá.
A dicir da historiografía as acusacións de Eusebio deben entenderse como un intento de xustificar a liorta entre Licinio e Constantino. Licinio, involucrado nos graves problemas da Igrexa de Oriente, en especial o conflito desatado arredor da herexía ariana, veríase incapaz de poñer paz entre as distintas correntes da Igrexa. Constantino aproveitaría a discordia para acabar co seu colega e poñer a fin definitiva á tetrarquía, instaurada por Diocleciano trinta anos antes.
Trala derrota, seguramente se lle perdoou a vida a Licinio por intervención da súa esposa Constancia, irmá de Constantino. Licinio foi posto baixo arresto en Tesalónica, onde continuou a intrigar contra Constantino. Por orde do emperador foi axustizado na primavera do ano 325.
Remata deste xeito o goberno de Diocleciano e un só emperador volve a mandar en toda a extensión do Imperio. Corenta anos de tetrarquía o Imperio Colexiado quedaran atrás para sempre.
Imperio Romano | ||
---|---|---|
Segue a: Constantino I o Grande |
Licinio | Precede a: Constantino II |
Constantina |