Constantino II
Flavius Claudius Constantinus, foi emperador romano entre os anos 337 ao 340. Fillo terceiro de Constantino o Grande e mais a súa esposa Fausta, naceu en Arelate, a actual Arlés, na provincia da Galia no ano 316.
Constantino II | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | febreiro de 316 |
Lugar de nacemento | Arles |
Falecemento | abril de 340 |
Lugar de falecemento | Aquileia |
Causa | morto en combate |
Nacionalidade | Roma Antiga e Imperio Bizantino |
Relixión | cristianismo |
Ocupación | político |
Pai | Constantino I o Grande |
Nai | Fausta |
Irmáns | Helena, Constantina, Constante, Constancio II e Crispo |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Traxectoria Editar
Sendo un bebé, no 317, foi nomeado César, e no 323, con sete anos de idade xa participa co seu pai nunha campaña contra os sármatas. Aos dez anos foi nomeado comandante en xefe das tropas da Galia, a morte do seu medio irmán Crispo, e unha inscrición atopada na Galia o nomea alamaricus, polo que é probábel que os seus xenerais tiveran gañado algunha batalla contra os alamáns no ano 330. A súa carreira militar continuou co nomeamento por parte do seu pai coma xefe da campaña contra os godos no 332, que invadiran a Tracia e a Moesia, derrotándoos e collendo como refén o fillo máis vello do rei godo Alarico.
A morte do seu pai, Constantino o Grande, reúnese cos seus irmáns en Sirmium, no territorio da Panonia, sendo nomeado Augustus baixo o nome de Constantino II, e na división do Imperio, correspóndelle gobernar as provincias da Galia, Hispania e Britania. Sendo seu irmán Constante moi cativo, noméase a Constantino II o seu titor e coidador das terras de Italia, África e Iliria que lle corresponderan a Constante.
Veuse envolto nas loitas das dúas correntes do cristianismo. O trinitarismo era a dominante en Occidente, mentres o arianismo érao en Oriente. Constantino II liberou a Atanasio, bispo de Alexandría e autorizouno a volver á cidade, acción que o indispuxo co seu irmán Constancio II que era adepto o arianismo.
Coa maioría de idade de Constante, este solicita a liberación da súa porción do Imperio que lle tocara na división feita en setembro do 327 en Sirmium, ao que se nega Constantino II. O seu carácter autoritario supoñía que seu irmán se ía pregar, pero rebelouse contra esta imposición, o que obrigou a Constantino a ir contra Italia e o seu irmán, e as tropas atopáronse en Aquileia, sendo derrotado e morto Constantino II e o seu corpo foi guindado ó río Alsa en abril do 340. Posteriormente foi recuperado e soterrado en Constantinopla con honores imperiais, ficando Constante coa porción do Imperio do seu irmán.
Imperio Romano | ||
---|---|---|
Segue a: Licinio |
Constantino II | Precede a: Constante |
Constantina |