O Reino de Bitinia foi un estado monárquico na rexión de Bitinia, de cultura helenística.

Mapa do século XV da rexión da actual Turquía, onde aparece Bitinia («Bithynia»).
Mapa do Imperio romano no ano 116. Á dereita a provincia de Bitinia e Ponto.

Orixe e historia Editar

Os bitinios eran probabelmente un pobo de Tracia que se estableceu en Misia e se mesturou cunha parte dos misios, expulsando o resto. Serían dominados por Creso de Lidia. Herodoto menciónaos como tracios divididos en dúas tribos: os tinios e os bitinios, pero o primeiro nome caeu en desuso; Herodoto di que os tinios ocupaban a costa de Bitinia desde Cíos ata o Ponto, e os bitinios o interior, pero iso foi probabelmente erróneo. Destruído o reino de Lidia, os bitinios quedaron suxeitos a Persia, e creouse unha satrapía que non se sabe se era só para Bitinia ou comprendía outros territorios.

Dinastía Editar

Unha dinastía local comercial encabezada por Doidalses, afianzou a súa soberanía sobre o -430 e ocupou a colonia grega (de Mégara) de Astacos. Unha ducia de reis (sen contar a Zibees) seguiron a Doidalses:

Ao rei Doidalses sucedeuno Boteiras, talvez o seu fillo. Bas, fillo de Boteiras foi o seguinte rei e sábese que reinaba o -334, cando os macedonios invadiron o país dirixidos polo xeneral Calanto, que foi derrotado. Alexandre o grande renunciou a ocupar o país e continuou o seu camiño.

 
Moeda do reino de Bitinia: tetradracma de Nicomedes I.

A Bas sucedeuno o seu fillo Zipoites sobre o -326 e guerreou con Lisímaco e Antíoco (fillo de Seleuco I Nicátor) con certo éxito. O seu sucesor foi o seu fillo Nicomedes I (-281), do que é preciso supoñer unha nai grega polo seu nome totalmente grego. Nicomedes declarouse independente despois da morte de Lisímaco en Cirupedion o -281, pero tiña medo a perder o trono por causa de tres irmáns e fíxoos matar; logrouno con dous deles, pero o terceiro, Zibees, sublevouse e apoderouse dunha parte do reino. Foi este rei quen convidou aos gálatas, establecidos en Tracia a pasar á Asia Menor (-278), por axudalo contra o seu irmán rebelde, que dominaba xa boa parte do país. Os gálatas derrotaron rapidamente a Zibees e recibiron un pequeno territorio ao sur de Bitinia para se estableceren, pero pronto dedicáronse a asolar as rexións próximas. Nicomedes fundou a cidade de Nicomedia (-264) no golfo de Astaco, que converteu na súa capital, e que lle permitiu afianzar o seu poder, ao asegurar o dominio da costa da Propóntida.

Despois duns anos confusos, sucedeuno á súa morte (sobre -250 ou -246) o seu fillo Ziaelas, quen planificou a morte dos xefes gálatas aos que o seu pai convidara, pero os gálatas decatáronse e matárono.

O seu fillo Prusias I Kholos (o coxo) foi proclamado rei, e derrotou aos gálatas que estaban asolando as cidades do Helesponto, e matou todos os que puido incluídos mulleres e nenos. O -188 acolleu ao cartaxinés Aníbal, expulsado do territorio seléucida. Adquiriu a cidade de Cíos, no golfo de Cíos, e Mirlea, e o seu dominio ao leste estendeuse ás inmediacións do Rhyndacos, e tamén ocupou Cieros en territorio de Heraclea (á que deu o nome de Prusias (ao igual que fixo con Cios) e Tios na boca do Bilao, rodeando Heraclea polos dous lados; pero cando atacou a cidade grega resultou morto (-180) e sucedeuno o seu fillo Prusias II Kynegos (a cazador) que o -167 pediu a protección do senado de Roma e o -156 se aliou con Mitrídates V Everxetes do Ponto contra Pérgamo, ocupando o norte do reino ata que os romanos enviaron tropas que o obrigaron a retirarse e lle impuxeron un tratado de pau. O -149 o rei quixo asasinar ao seu fillo Nicomedes e este rebelouse con axuda de Pérgamo, arrestou ao pai e executouno, e proclamouse rei (Nicomedes II Epífanes).

 
Moeda do reino de Bitinia: tetradracma de Nicomedes II

Tivo un pacífico reinado que se confunde co do seu fillo Nicomedes III Everxetes (entre os dous case sesenta anos); o -135 aliouse ao rei do Ponto Mitrídates V (Mitrídates I do Bósforo Cimerio). Morreu o -128 e sucedeuno o seu fillo. O -91 Nicomedes III ocupou Paflagonia o que levou a unha breve guerra co reino de Capadocia, que non seguiu pola morte do rei o -90. Entón subiu ao trono o seu fillo Nicomedes IV Filopátor, que foi recoñecido rei polos romanos, dos que o novo rei era un dos máis grandes partidarios, pero o seu irmán Sócrates, inimigo de Roma, sublevouse e derrocou ao seu irmán con axuda do Ponto. O -89 os romanos impuxeron o restablecemento de Nicomedes IV, pero pouco tempo despois (-88) este foi expulsado do poder por Mitrídates VI Eupátor do Ponto, que reinstalou a Sócrates. O -84 Nicomedes IV foi restaurado polos romanos despois da paz. Morreu sen fillos o -74 e deixou o reino en herdanza a Roma.

O gobernador romano de Asia, Marco Xunio, foi enviado a Bitinia a recoller a herdanza pero Mitrídates do Ponto anticipouse e ocupou o reino e anexionou a costa ata Heraclea, deixando só sen ocupar a península de Calcedonia, onde chegaron miles de refuxiados que fuxían dos pónticos. Pero os cónsules Cotta e Lúculo obtiveron diversas vitorias e o ano seguinte (-73) Bitinia quedou totalmente ocupada e incluída dentro da provincia romana de Asia, ata que despois formará provincia separada.

Véxase tamén Editar

Outros artigos Editar