Diacríticos do alfabeto latino
Diacríticos |
---|
O alfabeto latino coñeceu, antes no mundo occidental e máis tarde, tras os diferentes períodos de colonización, en todo o mundo, unha extensión xeográfica considerábel: ao longo da súa historia, foi conservado ou tomado en préstamo por numerosos pobos que se serviron del para escribiren a súa lingua. Foi destinado ao principio á lingua dos romanos, que xa non transcribía con demasiada fidelidade, polo seu número reducido de grafemas. As linguas que o empregaron deberon, para ampliar as posibilidades dunha transcrición máis fiel, ou ben proverse de novas letras, ou ben crear novas unidades unindo varias (como os dígrafos e as ligaduras), ou ben, finalmente, modificar letras xa existentes por medio de diacríticos.
Os signos obtidos poden ser considerados como novos grafemas, incluídos no alfabeto da lingua, ou como variantes do grafema fundamental que os leva, sen formar parte do alfabeto. Esta distinción é moi importante para a clasificación alfabética das palabras dun dicionario. Así, no galego e no castelán, a letra con diacrítico ñ considérase como unha letra independente, situada tras o n, mentres que á, é, í, ó, e ú son considerados como variantes. En francés ningunha das variantes con diacrítico de e (a saber: é, è, ê e ë) se considera como distinta do e a efectos da clasificación alfabética.
Historia
editarA utilización de diacríticos revelouse moi fecunda e o movemento acelerouse no século XVIII cando se tratou de transmitir rigorosamente textos ou enunciados de linguas afastadas que se ían descubrindo: as transcricións e transliteracións en letras latinas, é dicir a romanización, necesitou a utilización de diacríticos en número importante, xa que non sería doado ler unha transcrición na que algunhas letras fosen inventadas. Os diversos alfabetos fonéticos, xurdidos de novas investigacións en fonética e fonoloxía, tamén botaron man deste procedemento para ampliar o seu número de caracteres. Numerosas linguas non se escriben ou que o fan desde hai pouco, empregan o alfabeto latino ampliado. Exemplos representativos son o Alfabeto Fonético Internacional ou o alfabeto africano de referencia.
Apex e i longo latinos
editarNas últimas épocas do alfabeto latino, non había puntuación ningunha (se excluímos o uso esporádico da interpunción como separador de palabras), nin diacrítico ningún. Non obstante, a partir de finais do século -II aparece un primeiro diacrítico, chamado apex (en latín: «punta»), para indicar a presenza de vogais longas. O apex, que semella un acento agudo, non se pon, porén, sobre a letra I que, a estes efectos, trázase máis longo do normal: é o chamado i longo. Este símbolo aparece lixeiramente desprazado á dereita da vogal que o leva e no caso do i longo excede en altura ás outras letras pero non baixa da liña. O apex é bastante frecuente durante o Imperio. Con todo, non é de uso sistemático nin sempre está empregado de maneira correcta.
Detalle dunha estela funeraria con dous i longos: CORVINUS e SILANUS | Detalle dunha estela funeraria cun apex: FÉCIT | Detalle dunha inscrición latina con apex: RÓMVLVS•MÁRTIS•FILIVS•VRBEM•RÓMAM, con puntos medios separando as palabras. |
O apex e o i longo aportan informacións importantes sobre a fonoloxía latina: en efecto, ademais de polo coñecemento da fonética histórica desta lingua, a miúdo é pola escansión dos versos latinos como podemos coñecer as cantidades vocálicas das palabras. Pero, a escansión só revela a cantidade das sílabas: para a métrica latina, /mar/, en Martis, é unha sílaba longa (pois é pechada) calquera que sexa a cantidade do /a/. O apex sobre a letra A indica aquí que a sílaba longa está composta dunha vogal longa.
Nas obras didácticas, márcase a cantidade longa das vogais latinas por medio do macron, signo inventado polos gramáticos gregos: Corvīnus, fēcit, Rōmulus Mārtis fīlius Urbem Rōman.
Signos de abreviación e editoriais que se volveron diacríticos
editarO apex e o i longo non se estenderon o suficiente como para pasaren ás linguas posteriores e só se limitan ao latín. En cambio as que si que colleron un pulo importante desde o principio do alfabeto latino son as marcas que indican abreviaturas presentes en epigrafía e logo, e sobre todo, nos manuscritos.
Ao principio, os signos e procedementos utilizados para sinalar tales abreviaturas non son verdadeiramente diacríticos no senso real do termo pero, ao cambiaren de función co paso dos anos, puideron convertérense neles, xeralmente na Idade Media, ao estaren os escribas cada vez máis a miúdo enfrontados ao problema da notación da súa lingua natal cun alfabeto que se presta mal a iso. En efecto, a lingua latina, tras da caída do Imperio romano, deixara de ser – por así dicilo – a única que se escribía.
Entre os signos de abreviación reutilizados cóntase o titulus («título»), trazo superescrito (que pronto se converteu nun trazo ondulado) utilizado para indicar que unha letra, frecuentemente unha nasal, se omitiu por razóns de aforro de espazo (ou de material). Por exemplo, annu(m) puido ser escrito an̅u nos manuscritos casteláns para converterse finalmente en año, «ano», en castelán, posto que un /nn/ latino pasou a /ɲ/ nesta lingua. A palabra latina titulus deu lugar a til.
Utilizáronse tamén letras superescritas ou subscritas en función diacrítica; é o caso do z que, situado ao principio tras c para indicar que debía pronunciarse /ts/ ante vogais como a, o e u, finalmente pasou a se escribir debaixo do c. Este z subscrito, chamado zedilla en castelán, ou sexa «pequeno z», deu nome a este carácter en varias linguas.[1] Antes da cedilla existira xa un diacrítico graficamente próximo (semellante ao ogonek) testemuñado desde o século VI en uncial baixo o e, chamado daquela E caudata («e con cola»), que substituía por veces o dígrafo ae (escrito ás veces æ, costume que despois se estendeu) e que servía para notar a miúdo un /ɛ/ (e aberto). É curioso que esta letra, que podemos representar aquí ę (cun ogonek) ou ȩ (cunha cedilla), se conservara na transcrición dos romanistas mentres que o dígrafo ae (agora presentado na súa forma ligada æ e chamada ash) o fose na transcrición das linguas xermánicas, sabendo que ę se empregaba tamén nos manuscritos en inglés antigo da uncial insular.
Certos símbolos editoriais máis xerais (que serven para indicar erros do copista, por exemplo) tamén puideron acceder ao estatuto de diacríticos; é o caso do punctum delens («punto borrador»), moi frecuente nos manuscritos irlandeses, que indica que a letra que o leva é un erro e non hai que pronunciala. Por extensión, pasa a indicar as letras mudas xurdidas dunha mutación consonántica e logo todas as mutacións consonánticas; así ocorre en gaélico mo ḟele, «o meu feitizo», mo ċú, «o meu can», escritos hoxe en día mo fhele, mo chú. Este sinal é semellante ao actual punto superescrito.
Finalmente, hai que sinalar que algúns destes signos deron lugar a símbolos tipográficos, como a grade (#), antigo N cun titulus por riba, abreviatura para numerus, «número».
Lista dos diacríticos
editarPola situación en relación coa letras podemos clasificar os sinais diacríticos en superescritos, subscritos, adscritos e inscritos. Algúns dos sinais recollidos nesta lista só se empregan no Alfabeto Fonético Internacional, que emprega moitos diacríticos con varios significados.
Superescritos
editarOs diacríticos superescritos sitúanse por riba da letra que modifican:
- ó : acento agudo
- ő : dobre acento agudo
- ò : acento grave
- ȍ : dobre acento grave
- ô : acento circunflexo
- ǒ : caron
- ŏ : breve
- ȏ : breve inversa
- ỏ : gancho superior
- ƈ : bastón
- o̩ : liña vertical
- ō : macron ou liña superescrita
- ȯ : punto superior
- o̊ : anel superior, ou kroužek en checo
- õ : til
- ö : diérese
Subscritos
editarOs diacríticos subscritos sitúanse por baixo da letra que modifican:
- o̧ : cedilla
- ọ : punto subscrito
- ǫ : ogonek
- o̡ : gancho palatal
- o̢ : gancho retroflexo
- ɕ : bucle subscrito
- o̰ : til subscrito
- o̭ : acento circunflexo subscrito
- o̱ : liña subscrita
- o̦ : coma subscrita
- o̮ : breve subscrita
- o̯ : breve inversa subscrita
- o̩ : liña vertical subscrita
- o̥ : anel subscrito
Adscritos
editarOs diacríticos adscritos sitúanse ao carón da letra que modifican:
- lʼ : apóstrofo[2]
- ơ : corno
- o˞ : gancho rótico
- ŀ : punto medio
Inscritos
editarOs diacríticos inscritos sitúanse a través da letra que modifican:
- ɵ : barra inscrita
- ø : barra oblicua
- ⍉ : contrabarra oblicua
- ɫ : til inscrito
- ɬ : banda inscrita
Diacríticos en galego
editarO galego emprega tres sinais diacríticos: o acento agudo sobre as vogais, a diérese sobre o u e o til sobre o n para formar a letra ñ. Outras linguas empregan unha maior variedade de diacríticos, como o francés, que utiliza o acento agudo (sobre a letra é para indicar que é pechado), o acento grave (sobre à, è e ù), o acento circunflexo (sobre â, ê, î, ô e û), a diérese (sobre ë, ï, ö, ü e raramente sobre ÿ para palabras prestadas doutras linguas) e a cedilla (ç).
Notas
editar- ↑ Cedilla na wikipedia en francés
- ↑ Emprégase en certos casos no canto do háček
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar- Diacríticos do alfabeto galego
- Diacríticos do alfabeto vietnamita (quôc ngu)
- Diacríticos do alfabeto grego
- Diacríticos do alfabeto cirílico
- Diacríticos do alfabeto árabe
- Diacríticos do alfabeto hebreo
- Diacríticos do devanâgarî
- Diacríticos dos silabarios xaponeses
- Diacríticos do alfabeto tibetano
- Diacríticos do alfabeto turco