Fonética histórica
A fonética histórica (ou fonoloxía diacrónica) é unha rama da lingüística histórica que describe en diacronía as modificacións sufridas polos sistemas fonolóxicos das linguas ao longo da súa historia. É unha disciplina maior da lingüística comparada.
As linguas están en constante evolución
editarCada lingua tomada en sincronía posúe un conxunto de trazos que a definen e que se pode describir con precisión, entre eles a sintaxe (regras gramaticais que rexen a construción de enunciados), o léxico (stock de lemas, ou «palabras», dunha lingua), a morfoloxía (modificacións sufridas polos lemas para responder ás esixencias sintácticas, como a conxugación, a declinación ou as regras de concordancia) e o sistema fonolóxico (stock de fonemas dunha lingua). Estes trazos, con todo, só poden ser descritos para un estadio preciso da lingua, limitado no espazo e no tempo. Por exemplo, os trazos do francés tal e como se falaba no século XII xa non coinciden cos do que se falaba nos séculos XIV, XVI ou XX.
As razóns desta evolución son múltiples; por citar só a principal, basta dicir que ao se transmitir, sobre todo oralmente, cousa que foi o habitual (aínda o é agora) para a maioría das linguas, as informacións modifícanse, ao xeito do «teléfono árabe». Os humanos non estamos dotados dunha memoria perfecta, e cada un utiliza as súas propias palabras, ten a súa pronunciación, comete «erros» gramaticais que lle son propios. Cada xeración aprende unha lingua nalgo diferente da dos seus devanceiros. O proceso de evolución pode parecer actualmente débil, ralentizado como está pola normalización das linguas empregadas nos países chamados «desenvolvidos»: apréndese na escola unha lingua normativa, e un habitante de Lubéron, por exemplo, oe frecuentemente o francés dos parisienses grazas aos medios de comunicación, cousa que ocorre desde hai relativamente pouco. Durante séculos, os falantes dunha lingua só puideron coñecer a dos seus achegados, cousa que favoreceu as evolucións: sen comparación, non é posible saber de que maneira unha lingua diverxe doutras, ou mesmo que se diverxe. É por isto que se falaron en Francia moitas linguas durante séculos, máis ou menos próximas unhas das outras, que de xeito despectivo chaman «patois», ata que se impuxo realmente unha das variantes posibles (ou máis ben un conxunto de variantes, considerado o francés).
Os fonemas dunha lingua, da mesma maneira có resto, evolucionan constantemente, e isto débese sobre todo ao que se chama a «preguiza articulatoria»: o ser humano, ao falar, tende a gastar canta menos enerxía posible con tal que a información sexa comprensible. «Acomoda» pois os sons, sobre todo en contacto, a este desexo de economía. Se só se toma o exemplo da lingua (falando aquí do órgano; poderíase tamén tomado como punto de partida a glote), é doado darse de conta que esta se despraza durante a emisión dos sons (basta para dármonos conta pronunciar os sons u e logo x para notarmos o seu desprazamento). Por preguiza articulatoria, os falantes han evitar que esta faga demasiados movementos: se se pronuncian distintamente os sons /a/, /n/ e /p/ todos seguidos, ou sexa /anp/, dámonos conta de que a lingua debe tocar os dentes (para /n/) e logo retirarse para que os labios tomen o relevo (a fin de pronunciar /p/). Pero, se se emiten estes sons rapidamente, dámonos conta de que ─ de maneira natural ─ é máis doado pronunciar /amp/: a lingua xa non precisa tocar os dentes, xa que as consoantes /m/ e /p/ se pronuncian por medio dos dous labios; o resultado, en todo caso, fica o suficientemente cerca do punto de partida como para que o proceso sexa inconsciente. Este fenómeno, chamado «asimilación» dos sons en contacto, é un dos principais responsables das modificacións fonéticas : os sons contiguos tenden a pronunciárense dunha maneira próxima, que non é necesariamente o punto de articulación. Isto só constitúe un exemplo entre ducias deles. Consúltese a lista das principais modificacións fonéticas para facerse unha idea.
Entre todas as evolucións posibles, só as que atinxen aos fonemas non o fan dunha maneira «desorganizada», xa que seguen as máis das veces o principio de economía. Existe con todo un efecto inverso, o da diferenciación, que separa fonemas que se volveron demasiado próximos e evita así que os enunciados se volvan demasiado ambiguos: en efecto, se só funcionase a preguiza articulatoria, habería que convir que as linguas só poderían evolucionar cara a unha gran simplificación: o sistema fonolóxico dunha lingua B saída de A debería entón comportar menos unidades, ata que co tempo xa non exista máis que un número moi reducido de unidades, cousa que non ocorre; tal como se dixo, a evolución dunha lingua está dividida entre dous polos: a preguiza articulatoria dunha parte e a necesidade de transmitir unha información doutra. Se unha lingua nun estado X saído dun estado W, e así seguido ata un hipotético punto de partida A non comportase máis que dous fonemas /a/ e /b/, habería que concibir que as palabras que compoñen o seu léxico serían interminables. En efecto, constituír aínda que non sexa máis que cen palabras diferentes por medio de dúas unidades precisa polo menos a utilización de sete aparicións destas unidades seguidas (en base dous, precísase 27 para obter 128 configuracións posibles), como /abbaaba/, /babbaab/, /baababa/ etc. Pero, palabras demasiado longas precisan máis esforzo, tanto para as memorizar como para as pronunciar, o que contradí a tendencia á preguiza articulatoria: os sistemas fonolóxicos modifícanse sen se simplificar, co risco de demandar aínda máis esforzos. Así, están constantemente nunha busca de equilibrio de rendemento.
Nocións fundamentais
editarNota: de acordo coa tradición que prevalece en lingüística comparada, as transcricións fonéticas non seguen o alfabeto fonético internacional senón, segundo as familias de linguas: o sistema de Bourciez para as linguas románicas, a transcrición dos xermanistas para as linguas xermánicas, a transcrición das linguas indias para o sánscrito etc.
Sitúanse as primeiras tentativas do estudo do carácter regular das evolucións fonéticas no século XIX, cando o eslavista August Leskien tomou conciencia da Ausnahmlosigkeit der Lautgesetze, é dicir, a «regularidade das leis fonéticas». Esta regularidade non se atopa nin na semántica, nin na sintaxe ou na morfoloxía: só a fonética histórica obedece estas leis, o que explica que sexa a pedra angular da lingüística comparada.
Só os sons seguen cambios regulares
editarNon é posible distinguir cambios regulares fóra do dominio dos sons dunha lingua. En efecto, se o sentido das palabras evoluciona tamén constantemente, non se pode dar regra xeral ningunha no que respecta a estas evolucións. Por exemplo, nada permitía prever que da palabra latina rem, «algunha cousa», o francés obtivese rien, «nada» ou mesmo que passus, « paso (que se fai ao andar)», dese á vez pas, co mesmo significado, e pas, adverbio de negación. Se estas modificacións fosen regulares, atopariámolos nas outras linguas románicas, cousa que non ocorreu. Os exemplos poderían multiplicarse ata o infinito no dominio semántico: esta non segue lei ningunha.
Igualmente nos outros ámbitos, como a sintaxe ou a morfoloxía: ningunha tendencia xeral na evolución das linguas permite xustificar que en francés se teña necesidade de dúas negacións para negar (il ne veut pas), así como tampouco que o castelán formase dous imperfectos de subxuntivo a partir do imperfecto e do pluscuamperfecto de subxuntivo latinos.
Así, non é posible estudar as grandes tendencias evolutivas das linguas máis que nun ámbito fonético e fonolóxico.
A noción de lei fonética
editarO punto de partida da fonética histórica baséase pois nunha constatación empírica de correspondencias. Así: «ε e ο gregos correspóndense con a en sánscrito», cousa que se ve en casos como «grego πατέρ- = skt. pitár-» («pai») ou mesmo «grego δρυμός (“carballeira”) = skt. drumas (“árbore”)». Este último exemplo mostra ben que se as correspondencias poden ser establecidas entre os sons, non funcionan necesariamente entre os sentidos das palabras comparadas. Outro exemplo pode probalo facilmente: sexan as palabras res (latín), rien (francés) e rāyás (sánscrito); a fonética histórica apréndenos que proveñen directamente ou non dun mesmo étimo indoeuropeo (derivando o latín e o sánscrito do IE, o francés do latín). En latín, o termo significa «algunha cousa», en francés «ningunha cousa (ren)» e en sánscrito «riqueza». Malia proviren todos dunha mesma fonte, as palabras non gardaron sentidos idénticos, sen que se poida establecer unha regra que permita determinar de que maneira evolucionou o sentido que se poida utilizar para outras palabras: as evolucións semánticas non son regulares.
Así, nun contexto dado, a evolución fonética é regular e mecánica, de tal forma que se pode establecer correspondencias formais entre os fonemas de tal estado dunha lingua e os doutro estado, ou entre os fonemas de linguas procedentes dun mesmo devanceiro. Esta regularidade das modificacións permite que se cualifique de «lei» as descricións que se poden facer delas e que competen á fonética histórica. É polo estudo das correspondencias entre os fonemas de varias linguas como se pode saber que están emparentadas «xeneticamente»; este mesmo estudo permitiu ademais o descubrimento da noción de «familias de linguas», entre elas as linguas indoeuropeas, que, observadas baixo o ángulo da lingüística comparada, mostran que todas xurdiron dun devanceiro común, o indoeuropeo.
Por outra banda, as modificacións fonéticas só se aplican en momentos precisos da historia dunha lingua e en certos dialectos: ningunha lei é universal nin intemporal. Por exemplo, sábese que a silbante grega /s/ cae entre dúas vogais (fálase dun enmudecemento); é o que ocorre nun nome como τεῖχος («muralla») cuxo xenitivo esperado é τείχεσ+ος. A forma clásica é τείχεος, que se converte en τείχους por contracción das dúas vogais en hiato. Esta regra só atinxe porén ao grego: non funciona en latín, por exemplo, onde un /s/ entre dúas vogais pasa normalmente a /r/ (caso de rotacismo): honos («honor»; a forma clásica é honor, por analoxía cos outros casos) ten un xenitivo honos+is, de onde honoris. Ademais, a lei só funcionou en grego en determinada época: unha palabra como πόσις («marido») posúe un /s/ intervocálico porque este provén da evolución de /t/ ante /i/ en /tsi/ despois en /si/ (fálase dunha asibilación); así, pódese dicir que ven grego en determinada época /s/ enmudeceu entre vogais e que a continuación a lei deixou de funcionar; cando novas silbantes xordas apareceron entre vogais, non foron modificadas. Outra vez máis, convén precisar que o paso de /ti/ a /si/ só afecta ao grego, pois o equivalente directo de πόσις se atopa coa forma patis («xefe»).
O caso dáse da mesma maneira nas linguas célticas, onde o fonema indoeuropeo '*p enmudeceu (así *ph2ter-, «pai», dá pater en latín, πατέρ- en grego, pitár- en sánscrito pero athir [aθir] en irlandés antigo), mentres que *kw deveu p (como en pedwar galés, «catro», de *kwetwōr). Así, hai nas linguas célticas un fonema /p/ que se desenvolveu tras o enmudecemento do *p indoeuropeo: só enmudeceron os *p antigos, e non os saídos dunha evolución fonética posterior. Pódese así establecer unha cronoloxía para as evolucións fonéticas: «*kw > p» debe en toda lóxica ser anterior no tempo á desaparición do «*p».
Finalmente, hai que considerar que as evolucións son inconscientes e graduais: os falantes non teñen a impresión de deformaren os sons que utilizan (cousa que explica que nos nosos días estas evolucións sexan máis lentas: cada falante dun país no que os medios de comunicación e o ensino difunden unha lingua normalizada toma facilmente consciencia das súas diverxencias); son graduais, xustamente, porque non deben renxer no oído. É frecuente en fonética histórica indicar que tal fonema dá tal fonema. Isto só é, porén, unha redución que enmascara o carácter continuo das evolucións. Se se indica, por exemplo, que o /t/ do latín ante o son /y/, tamén ante vogal se converte en francés moderno en /s/ — como en sa — (así latín fortia, pronunciado /fortya/ dá force /fors/), cousa que se pode notar por «/ty/ + vogal > /s/ + voyelle », é un atallo para unha serie de evolucións lentas e progresivas, cuxas principais etapas son as seguintes (gardando a secuencia de fonemas do exemplo precedente):
- /tya/ > /ca/ (onde /c/ nota un /t/ mollado, ou «palatalizado», pronunciado entre /t/ e /k/): antes de se situar na posición do /t/ (nos dentes) logo do /y/ (o padal duro), a lingua adopta o punto de articulación de /y/ (fálase dunha «asimilación»);
- /ca/ > /csa/: a articulación oclusiva da consoante /c/ reláxase ao final (fálase dun « relaxamento articulatorio ») e deixa escoitar un son /s/ parasito;
- /csa/ > /tsa/: a consoante aproxímase ao punto de articulación onde se sitúa o relaxamento /s/ (noss dentes) para evitar pousarse antes sobre o padal para /c/ logo sobre os dentes para /s/;
- /tsa/ > /sa/: o grupo complexo /t/ + /s/ simplifícase en /s/ simple. Sabendo que entrementres a vogal /a/ pasou a /ǝ/ (‘’e’’ caduco como no francés je -eu-), obtense /sǝ/. Así, latín fortia dá francés force.
En resumo, pódese afirmar sobre as modificacións fonéticas estudadas pola fonética histórica:
- que estas só funcionan nun momento preciso do estado dunha lingua e non son intemporais;
- que se un fonema X se converte nun fonema Y no curso da historia dunha lingua, todos os fonemas X da mesma época deben ter sufrido o mesmo proceso: non debe haber excepcións que non poidan ser explicadas pola aplicación doutra lei ou a analoxía (esta última noción é esencial en fonética histórica e máis xeralmente en lingüística comparada e é obxecto dun artigo separado). Toda modificación coñecida par unha lingua debe ser regular e sistemática;
- que o proceso de evolución fonética é unha característica intrínseca as linguas vivas (pero non a única: a evolución das linguas atinxe todos os seus aspectos, semánticos, morfolóxicos, sintácticos etc), e que é inconsciente e gradual.
As modificacións estudadas en fonética histórica son a miúdo chamadas «leis» cando atinxen procesos importantes; estas son principalmente de tres naturezas; algunhas son «incondicionadas»: son automáticas e aplícanse en calquera contexto; as outras son «condicionadas» e só se aplican nun contexto fonético particular. As últimas, por fin, son «esporádicas» e maniféstanse ás veces, de xeito máis ou menos regular.
Principais tipos de cambios e a súa notación
editar- 1. A > B (o fonema A convértese no fonema B)
- A modificación afecta a un fonema A dun estadio antigo dunha lingua que se converte en B nun estadio máis recente. Pódese, invertendo o punto de vista, notar «B < A», ou sexa «B ven de A».
- Exemplo 1: indoeuropeo *bh > grego ph (φ) (enxordecemento das sonoras aspiradas).
- Se o cambio está condicionado, se só aparece baixo determinadas condicións, hai que dicir cales, cousa que se fai tras unha barra oblicua, segundo unha notación codificada onde o fonema modificado se representa por « _ ». Por exemplo:
- A > B / X_Y lese «A dá B cando está entre X e Y» (onde «X» e «Y» poden ser representados por «C»: unha consoante, «V»: unha vogal, «*»: calquera fonema, «s»: o fonema /s/ etc.) ou tamén
- A > B / _#, ou sexa «A dá B en fin de palabra» («#» indica o límite entre as palabras), ou finalmente
- A > B / #_[V ‑acento][C +fricativa], é dicir «A dá B en inicio de palabra ante vogal átona seguida dunha consoante fricativa».
- Exemplo 2: IE m > grego n / _# (neutralización de *m en /n/ en final de palabra).
- Exemplo 3: linguas satem s > š / [r, u, k, i]_ (lei chamada ruki).
- Exemplo 4: xermánico común [f, þ, χ, χw, s] > [ƀ, đ, ǥ, ǥw, z] / [* -acento]_ (lei de Verner).
- 2. A, B > B (os fonemas A e B confúndense en B)
- Nalgunhas linguas, dous fonemas diferentes poden fundirse nun só dos dous: dise que «os fonemas A e B se confundiron en B». O caso é diferente cando varios fonemas se confunden nun único fonema novo.
- Exemplo 1: indoario [s, ś] > pāḷi s.
- Exemplo 2: IE [r, l] > indoario l.
- Exemplo 3: IE [kw, k] > lituano k (lei de redución das velares).
- Exemplo 4: grego antigo [ē, oi, ī, ĭ, ei, ü, ǖ, üi (η, οι, ι, ει, υ, υι)] > grego moderno ĭ (iotacismo).
- 3. A, B > C (os fonemas A e B confúndense en C)
- Ao contrario do caso precedente, varios fonemas confúndense nun único fonema novo.
- Exemplo 1: latín clásico [ē, ĭ, œ] > latín vulgar ẹ̆ (= [e]).
- Exemplo 2: latín [en, an] > francés antigo ã / _(C | #) (nasalización dos grupos /en/ e /an/ ante consoante ou en final de palabra).
- Exemplo 3: IE [sr, wr] > grego [r -voz] (ῥ) / #_ (enmudecemento de *s e *w en inicio de palabra ante /r/ e enxordecemento deste último).
- 4. A > Ø (o fonema A desaparece)
- Os casos de enmudecemento son moi frecuentes; consisten na desaparición dun fonema, condicionada ou non.
- Exemplo 1: IE p > irlandés antigo Ø.
- Exemplo 2: IE s, y, w > grego Ø / V_V.
- Exemplo 3: latín [V -acento, a] > francés antigo Ø / _# («a » por « agás /a/»; enmudecemento agás para a das vogais átonas latinas en francés).
- 5. ø > A (aparece un fonema novo)
- Exemplo 1: latín ø > francés antigo D / N_R (aparición dunha consoante oclusiva sonora epentética entre os grupos compostos dunha nasal seguida dunha líquida, /r/ ou /l/, sendo a consoante homorgánica á nasal inicial; así cámĕra dá en francés chambre, que vén de cámra tras o enmudecemento de ĕ átono).
- Exemplo 2: latín ø > francés antigo ĭ / #_S(K | N) (aparición dunha vogal anaptítica en inicio de palabra, que evoluciona a continuación, ante gripes compostos dunha silbante /s/ seguida dunha oclusiva xorda /p, t, k/ ou dunha nasal /n, m/: scutu(m) dá écu en francés).
Principais leis lingüísticas utilizadas en fonética histórica das linguas IE
editarEntre parénteses: área de extensión da lei.
- lei de redución das velares (IE).
- lei das dentais en contacto (IE).
- lei de Grimm (xermánico común e armenio).
- lei de Verner (xermánico común).
- segunda mutación consonántica (alto alemán).
- lei de Bartholomae (indoiranio).
- lei de Brugmann (indoiranio).
- lei de Caland-Wackernagel (IE).
- lei de Grassmann (grego e indoiranio).
- lei de Hirt (balto-eslavo).
- lei de Lachmann (latín).
- lei de Leskien (balto).
- lei de limitación (grego).
- lei de Lindeman (IE).
- lei de Meillet (balto-eslavo).
- lei de Osthoff (grego).
- lei ruki (linguas satem).
- lei de Saussure (balto).
- lei de Siebs (IE).
- lei de Siever (IE).
- lei de Rix (grego).
- lei de Winter-Kortlandt (balto-eslavo).
- lei de Bartsch (francés antigo).