Desnaturalización (bioquímica)

proceso bioquímico das proteínas e os ácidos nucleicos

A desnaturalización[3][4] ou desnaturación[5] é un proceso no cal unha proteína ou ácido nucleico perden as estruturas cuaternaria, terciaria e secundaria que presentan no seu estado nativo, por aplicación dalgún estrés externo ou presenza dun composto como un ácido ou base fortes, un sal inorgánico concentrado, un solvente orgánico (como alcohol ou cloroformo), axitación e radiación ou calor.[6] Se as proteínas se desnaturalizan nunha célula viva isto orixina unha alteración da actividade celular e posiblemente a morte da célula. A desnaturalización da proteína é tamén unha consecuencia da morte celular.[7][8] As proteínas desnaturalizadas poden mostrar unha gran variedade de características, desde un cambio conformacional e perda de solubilidade á agregación debido á exposición de grupos hidrófobos. As proteínas desnaturalizadas perden a súa estrutura tridimensional e, por tanto, non poden funcionar.

Efectos da temperatura sobre a actividade encimática. Arriba: o aumento da temperatura incrementa a velocidade da reacción (coeficiente Q10). No medio: a fracción de encima pregado e funcional diminúe por riba da temperatura de desnaturalización. Abaixo: en consecuencia, a velocidade de reacción óptima dun encima dáse a unha temperatura intermedia.
Definición da IUPAC

Proceso de alteración total ou parcial das esturutras nativas secundaria e/ou terciaria e/ou cuaternaria de proteínas ou ácidos nucleicos que ten como resultado a perda da bioactividade.

Nota 1: Modificado da definición dada en ref.[1]

Nota 2: A desnaturalización pode ocorrer cando as proteínas e ácidos nucleicos están sometidos a elevadas temperaturas ou a pHs extremos ou a concentracións non fisiolóxicas de sales, solventes orgánicos, urea ou outros axentes químicos.

Nota 3: Un encima perde a súa actividade catalítica cando se desnaturaliza.[2]

O pregamento das proteínas é esencial para que unha proteína globular ou unha proteína de membrana poidan facer o seu traballo correctamente; esta debe estar pregada adoptando a forma correcta para poder funcionar. Porén, as pontes de hidróxeno, que son moi importantes para o pregamento, son bastante febles e son doadamente afectados pola calor, acidez, variacións nas concentracións de sales e outros axentes estresantes que poden desnaturalizar a proteína. Esta é unha das razóns polas cales a homeostase é fisioloxicamente necesaria en moitas formas de vida.

Este concepto non está relacionado co alcohol desnaturalizado, que é alcohol que foi mesturado con aditivos para facelo inapropiado para o consumo humano. Algúns alimentos e bebidas "desnaturalízanse" desta maneira para utilizalos só para propósitos distintos da alimentación.

Exemplos comúns

editar
 
(Arriba) A proteína albumina da clara de ovo sofre a desnaturalización e perda de solubilidade cando se cociña o ovo. (Abaixo) Os clips proporcionan unha analoxía visual que axuda á conceptualización do proceso de desnaturalización.

Cando se cociña un alimento, algunhas das súas proteína quedan desnaturalizadas. A isto débese que nos ovos cociñados a clara se volva branca e dura e que a carne cociñada quede firme.

Un exemplo clásico de desnaturalización de proteínas é a transformación da clara dos ovos, que é principalmente ovoalbuminas en auga. Cando as claras están frescas acabadas de sacar do ovo son transparentes e líquidas. Ao cociñar estas claras inestables temicamente vólvense opacas, formando unha masa sólida interconectada.[9] A mesma transformación pode efecturarse por desnaturalización química. Se vertemos claras de ovo nun matraz con acetona as claras vólvense translúcidas e sólidas. A capa superior que se forma no leite callado é outro exemplo común de proteína desnaturalizada. A comida chamada ceviche prepárase ao “cociñar” quimicamente (mariñar) peixe cru e mariscos en ácido cítrico sen calor.[10]

Desnaturalización das proteínas

editar

As proteínas desnaturalizadas poden mostrar moi diversas características, desde a perda de solubilidade á agregación de proteínas.

 
As proteínas funcionais teñen catro niveis de organización estrutural:
1) Estrutura primaria: a estrutura linear da secuencia de aminoácidos da cadea polipeptídica.
2) Estrutura secundaria: orixinada polos enlaces ou pontes de hidróxeno entre os péptidos da cadea na hélice alfa ou folla beta.
3) Estrutura terciaria: estrutura tridimensional de hélices alfa e follas beta pregadas no espazo.
4) Estrutura cuaternaria: estrutura tridimensional formada por múltiples polipéptidos unidos e a forma en que se unen.
 
Proceso de desnaturalización:
1) Proteína funcional mostrando a súa estrutura cuaternaria.
2) Cando se aplica calor, este altera os enlaces intermoleculares da proteína.
3) Desfaise o pregamento dos polipéptidos (cadeas de aminoácidos)

.

Introdución

editar

As proteínas ou polipéptidos son polímeros de aminoácidos. As proteínas fabrícanse nos ribosomas, que "len" os codóns dun ARNm, que é unha copia complementaria do xene do ADN onde está codificada a proteína en cuestión ; o ribosoma ensambla a combinación de aminoácidos requirida na mesma secuencia dos codóns, proceso chamado tradución. Despois a proteína formada sofre modificacións postraducionais, nas cales, por exemplo, pódese cortar parte da secuencia ou pódense engadir átomos ou moléculas adicionais, como ións metálicos. Unha vez que estas modificacións están completas, a proteína empeza a sufrir un pregamento (ás veces espontaneamente e ás veces coa axuda de encimas), dobrándose e enroscándose sobre si mesma para que os elementos hidrófobos da proteína queden agochados na zona profunda da estrutura da proteína (lonxe do contacto coa auga circundante) e os elementos hidrófilos acaban quedando na parte externa. A forma final da proteína determina como esta interacciona co seu ambiente.

O pregamento de proteínas consiste nun equilibrio entre unha cantidade substancial de interaccións intramoleculares débiles nunha proteína (hidrofóbicas, electrostáticas e de forzas de van der Waals) e interaccións entre a proteína e o solvente.[11] Como resultado, este proceso depende grandemente do estado do ambiente no que se encontra a proteína.[11] Estas condicións ambientais inclúen entre outras a temperatura, salinidade, presión e os solventes implicados.[11] En consecuencia, calquera exposición a estreses extremos (por exemplo, alcohol ou radiación, altas concentracións de sales inorgánicos, ácidos e bases fortes) poden distorsionar as interaccións da proteína e inevitablemente levan á súa desnaturalización.[12]

Cando unha proteína se desnaturaliza, as estruturas secundaria e terciaria altéranse pero os enlaces peptídicos da estrutura primaria entre os aminoácidos quedan intactos. Como todos os niveis estruturais da proteína determinan a súa función, a proteína xa non pode realizar a súa función unha vez desnauralizada. Isto está en contraposición ás proteínas desestruturadas intrinsecamente, que non están pregadas dunha maneira determinada no seu estado nativo, pero aínda son funcionalmente activas e tenden a pregarse ao unirse á súa diana biolóxica.[13]

A desnaturalización nos distintos niveis da estrutura proteica

editar
Véxase tamén: Estrutura das proteínas.
  • Na desnaturalización da estrutura cuaternaria as subunidades proteicas disócianse ou altérase a súa situación espacial.
  • A desnaturalización da estrutua terciaria implica a distorsión de:
  • Na desnaturalización da estrutura secundaria, as proteínas perden todos os padróns repetidos regulares como as hélices alfa e as follas beta-pregadas e adoptan unha configuración aleatoria.
  • A estrutura primaria da proteína, que é a secuencia de aminoácidos unidos por enlaces peptídicos, non se altera durante a desnaturalización.[14]

Perda de función

editar

A maioría dos substratos biolóxicos perden as súas funcións biolóxicas cando se desnaturalizan. Por exemplo, os encimas perden a súa actividade catalítica, debido a que os substratos xa non poden unirse ao sitio activo,[15] e porque os residuos de aminoácidos implicados na estabilización do estado de transición dos substratos xa non están ben situados para poder facelo. O proceso de desnaturalización e a perda de actividade asociada poden medirse usando técnicas como a interferometría de polarización dual, dicroísmo circular, QCM-D e MP-SPR.

Perda de actividade debida a metais pesados e metaloides

editar

Ao unirse ás proteínas, os metais pesados poden alterarlles a súa función e actividade.[16] É importante sinalar que os metais pesados poden ser metais de transición e un selecto número de metaloides.[16] Estes metais, ao interaccionaren con proteínas nativas pregadas, tenden a xogar un papel na obstrución da súa actividade biolóxica.[16] Esta interferencia pode ser levada a cabo de diferentes xeitos. Estes metais pesados poden formar un complexo cos grupos da cadea lateral funcionais presentes nunha proteína ou formar enlaces con tiois libres.[16] Os metais pesados tamén interveñen na oxidación das cadeas laterais de aminoácidos da proteína.[16] Xunto con isto, cando as metaloproteínas interaccionan, os metais pesados poden desprenderse e pode haber substitucións de ións metálicos clave.[16] Como resultado os metais pesados poden interferir co pregamento das proteínas, que pode afectar fortemente a actividade e a estabilidade da proteína.

Reversibilidade e irreversibilidade

editar

En moitos casos a desnaturalización é reversible (as proteínas poden recuperar o seu estado nativo cando desaparece a influencia que causou a desnaturalización). Este proceso denomínase renaturalización ou renaturación.[17] Isto levou á noción de que toda a información que cómpre para que as proteínas adopten o seu estado nativo estaba codificada na estrutura primaria da proteína, e, por tanto, no ADN que codificaba a proteína, o que se chama hipótese termodinámica de Anfinsen.[18]

A desnaturalización pode tamén ser irreversible. Esta ireversibilidade é tipicamente cinética, non unha irreversibilidade termodinámica, xa que unha proteína pregada xeralmente ten unha enerxía libre menor que cando está sen pregar. Pola irreversibilidade cinética, o feito de que a proteína estea bloqueada nun mínimo local pode facer que nunca máis se volva a pregar e quede irreversiblemente desnaturalizada.[19]

Desnaturalización das proteínas debido ao pH

editar

A desnaturalización pode tamén ser causada por cambios no pH que poden afectar a química dos aminoácidos e dos seus residuos. Os grupos ionizables dos aminoácidos poden quedar ionizados cando acontecen cambios no pH. Un cambio de pH a condicións máis ácidas ou máis básicas pode inducir que a proteína perda o seu pregamento.[20] O despregamento inducido por ácidos adoita ocorrer entre os pH 2 e 5; o despregamento inducido por bases xeralmente necesita un pH de 10 ou maior.[20]

Desnaturalización de ácidos nucleicos

editar

Os ácidos nucleicos (ARN e ADN) son polímeros de nucleótidos sintetizados por encimas polimerases durante a transcrición xenética ou a replicación do ADN (e en certos virus a replicación do ARN). Ao realizarse a síntese do esqueleto da molécula en dirección 5'-3' as bases nitroxenadas van establecendo entre elas enlaces ou pontes de hidróxeno, o que permite a formación de estruturas de orde superior. A desnaturalización dos ácidos nucleicos ocorre cando rompen os enlaces de hidróxeno entre os nucleótidos debido ás condicións do medio; o resultado é a separación das febras (ou de seccións de febras) que antes estaban unidas entre si (rompe o annealing). Por exemplo, a desnaturalización do ADN debido a temperaturas altas ten como resultado a distorsión dos emparellamentos de bases de Watson e Crick e a separación da hélice bicatenaria en dúas cadeas separadas. As febras dos ácidos nucleicos poden volver a formar os enlaces (re-annealling) cando se recuperan as condicións normais, pero se esta recuperación ocorre demasiado rapidamente, as febras de ácido nucleico poden volverse a formar imperfectamente con emparellamentos de bases incorrectos.

Desnaturalización inducida bioloxicamente

editar
 
A desnauralización do ADN ocorre cando os enlaces de hidróxeno entre os pares de bases de Watson e Crick se distorsionan.

As interaccións non covalentes entre febras antiparalelas no ADN poden romper para "abrir" a dobre hélice cando ocorren importantes mecanismos biolóxicos como a replicación do ADN, a transcrición, a reparación do ADN ou a unión de proteínas ao ADN.[21] A área de ADN parcialmente separado coñécese como burbulla de desnaturalización, que pode ser definida máis especificamente como a abertura da dobre hélice do ADN pola separación coordinada dos pares de bases.[21]

O primeiro modelo que intentou describir a temodinámica da burbulla de desnaturalización foi presentado en 1966 e chamado modelo Poland-Scheraga. Este modelo describe a desnaturalización das febras do ADN en función da temperatura. A medida que se incrementa a temperatura, os enlaces de hidróxeno entre os pares de bases de Watson e Crick están cada vez máis distorsionados e empezan a formarse os "bucles desnaturalizados".[22] Porén, o modelo de Poland-Scheraga considérase hoxe demasiado elemental porque non consegue explicar as confusas implicacións xeradas pola secuencia do ADN, composición química, rixidez e torsión.[23]

Recentes estudos de termodinámica inferiron que o tempo de vida dunha burbulla de desnaturalización particular vai desde 1 microsegundo a 1 milisegundo.[24] Esta información está baseada en escalas emporais establecidsas da replicación do ADN e a transcrición.[24] Estanse facendo investigacións biofísicas e bioquímicas para dilucidar máis claramente os detalles termodinámicos da burbulla de desnaturalización.[24]

Desnaturalización debida a axentes químicos

editar
 
A formamida desnaturaliza o ADN ao romper os enlaces de hidróxeno entre os pares de bases de Watson e Crick. A liñas laranxas, azuis, verdes e púrpuras representan a adenina, timina, guanina e citosina, respectivamente. As tres liñas negras curtas entre as bases e as moléculas de formamida representan os enlaces de hidróxeno de nova formación.

Como na técnica da reacción en cadea da polimerase (PCR) é unha das aplicacións máis utilizadas en que se desexa que se produza a desnaturalización do ADN, o quentamento, usado nesta técnica, é o método de desnaturalización máis frecuente.[25] Ademais da desnatualización por calor, os ácidos nucleicos poden sufrir este proceso de desnaturalización se os expoñemos a diversos axentes químicos como a formamida, guanidina, salicilato de sodio, dimetil sulfóxido (DMSO), propilén glicol e urea.[26] Estes axentes químicos desnaturalizantes rebaixan a temperatura de "fusión" (Tm) ao competiren con doantes e aceptores de enlaces de hidróxeno cos preexistentes pares de bases nitroxenadas. Algúns axentes mesmo teñen a capacidade de desnaturalización a temperaturas moderadas dunha habitación. Por exemplo, os axentes alcalinos (por exemplo o NaOH) desnaturalizan o ADN ao cambiar o pH do medio e retirar os protóns que contribúen á formación de enlaces de hidróxeno.[25] Estes desnaturalizantess empregáronse para facer xeles para a electroforese en xel en gradiente desnaturalizante (DGGE), que favorecen a desnaturalización de ácidos nucleicos para eliminar a influencia da forma dos ácidos nucleicos sobre a súa mobilidade electroforética.[27]

A desnaturalización química como alternativa

editar

A actividade óptica (absorción e dispersión da luz) e as propiedades hidrodinámicas (difusión traducional, coeficientes de sedimentación e tempos de correlación rotacional) de ácidos nucleicos desnaturalizados pola formamida son similares aos dos ácidos nucleicos desnaturalizados por calor.[26][28][29] Por tanto, dependendo do efecto desexado, a desnaturalización química do ADN pode proporcionar un procedemento xenético para desnaturalizar ácidos nucleicos alternativo á desnaturalización inducida pola calor. Os estudos que compararon diferentes métodos de desnaturalización como o quentamento, muíños de bólas de diferentes tamaños de bólas, sonificación de sondas ultrasónicas e desnaturalización química mostran que a desnaturalización química pode proporcionar unha desnaturalización máis rápida comparada con outros métodos de desnaturalización de tipo físico descritos.[25] En particular, en casos onde se desexa unha desnaturalización rápida, os axentes de desnaturalización química poden proporcionar unha alternativa ideal ao quentamento. Por exemplo, as febras de ADN desnaturalizadas con axentes alcalinos como o hidróxido de sodio (NaOH) renaturalízanse en canto se engade tampón fosfato.[25]

Desnaturalización debida ao aire

editar

Pequenas moléculas de átomos electronegativos como as dos gases nitróxeno e oxíxeno, que son os principais compoñentes do aire, teñen un impacto significativo sobre a capacidade das moléculas que os rodean de participar na formación de enlaces de hidróxeno.[30] Estas moléculas compiten cos aceptores de enlaces de hidróxeno que os rodean polos doantes de enlaces de hidróxeno, actuando así como "rompedores de enlace de hidróxeno" e debilitan as interaccións entre as moléculas que as rodean no seu ambiente.[30] As febras antiparalelas da dobre hélice do ADN están unidas non covalentemente por medio de enlaces d hidróxeno entre pares de bases de Watson e Crick;[31] o nitróxeno e o oxíxeno manteñen, por tanto, o potencial de debilitar a integridade dun ADN cando este se expón ao aire.[32] Como resultado, cómpre menos forza para separar as febras de ADN expostas ao aire e exemplificar menores temperaturas de "fusión".[32]

Aplicacións

editar

Moitas técnicas de laboratorio dependen da capacidade das febras dos ácidos nucleicos de se separar. Utilizan a desnaturalización dos ácidos os seguintnes métodos:

Desnaturalizantes

editar

Proteínas desnaturalizantes

editar

Ácidos

editar

Entre os desnaturalizantes de proteínas ácidos están os seguintes:

As bases funcionan de modo similar aos ácidos na desnaturalización. Entre elas está:

Solventes

editar

Moitos disolventes son desnaturalizantes, como:

Reaxentes que establecen enlaces cruzados

editar

Entre estes axentes para proteínas están:

Axentes caotrópicos

editar

Entre eles están os seguintes:

Redutores de pontes disulfuro

editar

Os axentes que rompen pontes disulfuro por redución inclúen:[37]

Axentes reactivos quimicamente

editar

Axentes como o peróxido de idróxeno, cloro elemental, ácido hipocloroso, bromo, auga de bromo, iodo, ácido nítrico e ácidos oxidantes e ozono reaccionan con residuos sensibles das proteínas como os sulfuro/tiol, e osaneis aromáticos activados (fenilalanina) causando danos nas proteínas e facéndoas non funcionais.

Outros

editar

Desnaturalizantes de ácidos nucleicos

editar

Químicos

editar

Entre os desnaturalizantes ácidos de ácidos nucleicos están:

Desnaturalizantes básicos utilizados como:

  • NaOH

Outros desnaturalizantes de ácidos nucleicos son:

Físicos

editar
  1. Alan D. MacNaught; Andrew R. Wilkinson, eds. (1997). Compendium of Chemical Terminology: IUPAC Recommendations (the "Gold Book"). Blackwell Science. ISBN 978-0865426849. 
  2. Vert, Michel (2012). "Terminology for biorelated polymers and applications (IUPAC Recommendations 2012)" (PDF). Pure and Applied Chemistry 84 (2): 377–410. doi:10.1351/PAC-REC-10-12-04. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de marzo de 2015. Consultado o 04 de xaneiro de 2022. 
  3. Dicionario de Bioloxía galego-castelán-inglés. Xunta de Galicia 2010. Páxina 58. [1]
  4. BUSCatermos desnaturalización
  5. Definición de Desnaturalización no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  6. Mosby's Medical Dictionary (8th ed.). Elsevier. 2009. Consultado o 1 de outubro de 2013. 
  7. Samson, Andre L.; Ho, Bosco; Au, Amanda E.; Schoenwaelder, Simone M.; Smyth, Mark J.; Bottomley, Stephen P.; Kleifeld, Oded; Medcalf, Robert L. (2016-11-01). "Physicochemical properties that control protein aggregation also determine whether a protein is retained or released from necrotic cells". Open Biology 6 (11): 160098. ISSN 2046-2441. PMC 5133435. PMID 27810968. doi:10.1098/rsob.160098. 
  8. Samson, Andre L.; Knaupp, Anja S.; Sashindranath, Maithili; Borg, Rachael J.; Au, Amanda E.-L.; Cops, Elisa J.; Saunders, Helen M.; Cody, Stephen H.; McLean, Catriona A. (2012-10-25). "Nucleocytoplasmic coagulation: an injury-induced aggregation event that disulfide crosslinks proteins and facilitates their removal by plasmin". Cell Reports 2 (4): 889–901. ISSN 2211-1247. PMID 23041318. doi:10.1016/j.celrep.2012.08.026. 
  9. Mine, Yoshinori; Noutomi, Tatsushi; Haga, Noriyuki (1990). "Thermally induced changes in egg white proteins". Journal of Agricultural and Food Chemistry (en inglés) 38 (12): 2122–2125. doi:10.1021/jf00102a004. 
  10. "Ceviche: the new sushi," Arquivado 12 de outubro de 2008 en Archive.is The Times.
  11. 11,0 11,1 11,2 Bondos, Sarah (2014). "Protein folding". Access Science (en inglés). doi:10.1036/1097-8542.801070. 
  12. "Denaturation". Science in Context (en inglés). 2006-04-03. 
  13. Dyson, H. Jane; Wright, Peter E. (2005-03-01). "Intrinsically unstructured proteins and their functions". Nature Reviews Molecular Cell Biology (en inglés) 6 (3): 197–208. ISSN 1471-0072. PMID 15738986. doi:10.1038/nrm1589. 
  14. Charles Tanford (1968). "Protein denaturation" (PDF). Advances in Protein Chemistry 23: 121–282. ISBN 9780120342235. PMID 4882248. doi:10.1016/S0065-3233(08)60401-5. 
  15. Biology Online Dictionary (2 de decembro de 2020). Denaturation Definition and Examples. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 Tamás, Markus J.; Sharma, Sandeep K.; Ibstedt, Sebastian; Jacobson, Therese; Christen, Philipp (2014-03-04). "Heavy Metals and Metalloids As a Cause for Protein Misfolding and Aggregation". Biomolecules 4 (1): 252–267. PMC 4030994. PMID 24970215. doi:10.3390/biom4010252. 
  17. Campbell, N. A.; Reece, J.B.; Meyers, N.; Urry, L. A.; Cain, M.L.; Wasserman, S.A.; Minorsky, P.V.; Jackson, R.B. (2009). Biology (8th, Australian version ed.). Sydney: Pearson Education Australia. 
  18. Anfinsen CB. (1973). "Principles that govern the folding of protein chains". Science 181 (4096): 223–30. Bibcode:1973Sci...181..223A. PMID 4124164. doi:10.1126/science.181.4096.223. 
  19. Wetlaufer, D.B. (1988). "Reversible and irreversible denaturation of proteins in chromatographic systems". Makromolekulare Chemie. Macromolecular Symposia 17 (1): 17–28. ISSN 0258-0322. doi:10.1002/masy.19880170104. 
  20. 20,0 20,1 Konermann, Lars (2012-05-15). Protein Unfolding and Denaturants. eLS (en inglés) (Chichester, UK: John Wiley & Sons, Ltd). ISBN 978-0470016176. doi:10.1002/9780470015902.a0003004.pub2. 
  21. 21,0 21,1 Sicard, François; Destainville, Nicolas; Manghi, Manoel (21 de xaneiro de 2015). "DNA denaturation bubbles: Free-energy landscape and nucleation/closure rates". The Journal of Chemical Physics 142 (3): 034903. Bibcode:2015JChPh.142c4903S. PMID 25612729. arXiv:1405.3867. doi:10.1063/1.4905668. 
  22. Lieu, Simon. "The Poland-Scheraga Model." (2015): 0-5. Massachusetts Institute of Technology, 14 de maio de 2015. Web. 25 de outubro de 2016.
  23. Richard, C., and A. J. Guttmann. "Poland–Scheraga Models and the DNA Denaturation Transition." Journal of Statistical Physics 115.3/4 (2004): 925-47. Web.
  24. 24,0 24,1 24,2 Altan-Bonnet, Grégoire; Libchaber, Albert; Krichevsky, Oleg (1 de abril de 2003). "Bubble Dynamics in Double-Stranded DNA". Physical Review Letters 90 (13): 138101. Bibcode:2003PhRvL..90m8101A. PMID 12689326. doi:10.1103/physrevlett.90.138101. 
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Wang, X (2014). "Characterization of denaturation and renaturation of DNA for DNA hybridization". Environmental Health and Toxicology 29: e2014007. PMC 4168728. PMID 25234413. doi:10.5620/eht.2014.29.e2014007. 
  26. 26,0 26,1 Marmur, J (1961). "Denaturation of deoxyribonucleic acid by formamide". Biochimica et Biophysica Acta 51 (1): 91013–7. PMID 13767022. doi:10.1016/0006-3002(61)91013-7. 
  27. "Denaturing Polyacrylamide Gel Electrophoresis of DNA & RNA". Electrophoresis. National Diagnostics. Consultado o 13 de outubro de 2016. 
  28. Tinoco, I; Bustamante, C; Maestre, M (1980). "The Optical Activity of Nucleic Acids and their Aggregates". Annual Review of Biophysics and Bioengineering 9 (1): 107–141. PMID 6156638. doi:10.1146/annurev.bb.09.060180.000543. 
  29. Fernandes, M (2002). "Calculation of hydrodynamic properties of small nucleic acids from their atomic structure". Nucleic Acids Research 30 (8): 1782–8. PMC 113193. PMID 11937632. doi:10.1093/nar/30.8.1782. 
  30. 30,0 30,1 Mathers, T. L.; Schoeffler, G.; McGlynn, S. P. (xullo de 1985). "The effects of selected gases upon ethanol: hydrogen bond breaking by O and N". Canadian Journal of Chemistry 63 (7): 1864–1869. doi:10.1139/v85-309. 
  31. Cox, David L. Nelson, Michael M. (2008). Lehninger principles of biochemistry (5th ed.). New York: W.H. Freeman. ISBN 9780716771081. 
  32. 32,0 32,1 Mathers, T. L.; Schoeffler, G.; McGlynn, S. P. (1982). "Hydrogen-bond breaking by O/sub 2/ and N/sub 2/. II. Melting curves of DNA" (PDF). OSTI 5693881. doi:10.2172/5693881. 
  33. López-Alonso JP, Bruix M, Font J, Ribó M, Vilanova M, Jiménez MA, Santoro J, González C, Laurents DV (2010). "NMR spectroscopy reveals that RNase A is chiefly denatured in 40% acetic acid: implications for oligomer formation by 3D domain swapping". J. Am. Chem. Soc. 132 (5): 1621–30. PMID 20085318. doi:10.1021/ja9081638. 
  34. Theodore T. Herskovits, Barbara Gadegbeku e Helen Jaillet.Denaturation of Proteins. I. DENATURATION BY THE ALCOHOLS AND GLYCOLS”. Department of Chemistry, Fordham University, New York, New York 10458. THE JOURNAL OF BIOLOGICAL CHEMISTRY vol. 245, No. 10, Número do 25 de maio, pp. 2588-2598, 1970. U.S.A.
  35. J T Mason 1, T J O'Leary. Effects of formaldehyde fixation on protein secondary structure: a calorimetric and infrared spectroscopic investigation. J Histochem Cytochem. . 1991 Feb;39(2):225-9. doi: 10.1177/39.2.1987266. PMID 1987266
  36. Atanu Das and Chaitali Mukhopadhyay. Urea-Mediated Protein Denaturation: A Consensus View. J. Phys. Chem. B 2009, 113, 38, 12816–12824. 26 de agosto de 2009. [2]
  37. Paul T. Wingfield. Use of Protein Folding Reagents. Curr Protoc Protein Sci. Manuscrito do autor dispoñible en PMC 5 de abril de 2016. Publicado na súa forma final como: Curr Protoc Protein Sci. 2001 May; APPENDIX 3: Appendix–3A. doi: 10.1002/0471140864.psa03as00. PMCID: PMC4821428. NIHMSID: NIHMS773187. PMID 18429069.
  38. Jaremko, M.; Jaremko Ł; Kim HY; Cho MK; Schwieters CD; Giller K; Becker S; Zweckstetter M. (April 2013). "Cold denaturation of a protein dimer monitored at atomic resolution". Nat. Chem. Biol. 9 (4): 264–70. PMC 5521822. PMID 23396077. doi:10.1038/nchembio.1181. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar