Ácido nucleico

polímeros formados pola repetición de nucleótidos unidos mediante enlaces fosfodiéster

Os ácidos nucleicos son macromoléculas, polímeros formados pola repetición de monómeros chamados nucleótidos, unidos mediante enlaces fosfodiéster. Fórmanse, así, longas cadeas ou polinucleótidos, o que fai que algunhas destas moléculas cheguen a atinxir tamaños xigantes (de millóns de nucleótidos de longo), as moléculas máis grandes que se coñecen.

Representación 3D do ADN.

O descubrimento dos ácidos nucleicos débese a Miescher que na década de 1860 illou dos núcleos das células unha substancia ácida á que chamou nucleína, nome que posteriormente se cambiou a ácido nucleico.

Tipos editar

Existen dous tipos de ácidos nucleicos: ácido desoxirribonucleico (ADN) e ácido ribonucleico (ARN), que se diferencian en:

As unidades que forman os ácidos nucleicos son os nucleótidos. Cada nucleótido é unha molécula composta pola unión de tres unidades: un monosacárido (unha pentosa), unha base nitroxenada (purínica (adenina, guanina) ou pirimidínica (citosina, timina ou uracilo) e un ou varios grupos fosfato (ácido fosfórico). Tanto a base nitroxenada como os grupos fosfato están unidos á pentosa.

A unión formada pola pentosa e a base nitroxenada denomínase nucleósido.

ADN editar

O ADN é bicatenario, está constituído por dúas cadeas polinucleotídicas unidas entre si en toda a súa lonxitude. Esta dobre cadea pode disporse en forma liñal (ADN do núcleo das células eucarióticas) ou en forma circular (ADN das células procarióticas, así como das mitocondrias e cloroplastos eucarióticos). A molécula de ADN porta a información necesaria para o desenvolvemento das características biolóxicas dun individuo e contén as mensaxes e instrucións para que as células realicen as súas funcións.

ARN editar

O ARN difire do ADN en que a pentosa dos nucleótidos constituíntes, no canto de desoxirribosa é ribosa, e en que en lugar das catro bases A, G, C, T aparece A, G, C, U, (é dicir, uracilo no canto de timina). As cadeas de ARN son máis curtas que as de ADN. O ARN está constituído case sempre por unha única cadea (é monocatenario).

Mentres que o ADN contén a información, o ARN actúa de mensaxeiro de dita información para dar lugar á síntese de proteínas.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar