Buciños, Carballedo
San Miguel de Buciños é unha parroquia que se localiza no concello de Carballedo da comarca de Chantada. Segundo o INE en 2016 tiña 163 habitantes (82 mulleres e 81 homes), distribuídos en 18 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 237 habitantes. En 2018 baixou a 156 (80 mulleres e 76 homes), en 2020, 115, 81 mulleres e 74 homes.
Buciños | |
---|---|
Detalle Igrexa parroquial de Buciños | |
Concello | Carballedo[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 42°32′18″N 7°51′10″O / 42.538386, -7.852775 |
Poboación | 155 hab. (2020) |
Entidades de poboación | 18[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Toponimia
editarO nome da parroquia deriva do antropónimo en latín Buccinius relacionado con buccina/bucina[2].
Fóra desta parroquia ningún outro lugar de Galicia leva o nome de Buciños
Patrimonio
editarA igrexa parroquial, situada no lugar de Buciños, foi construída entre finais do século XVIII e comezos do XIX baixo a dirección do mestre Alonso Fraguas. Contén tres retablos de estilo neoclásico. O maior, no presbiterio, está dedicado a San Miguel; o do lado sur á Virxe do Carme; o do lado norte á Nosa Señora do Rosario.
No seu interior consérvanse as cinzas de San Pexerto mártir, atopado en xaneiro de 1823 nas catacumbas de San Calisto de Roma[3]. Os restos foron doados en 1832 polo bispo de Valladolid José Antonio de Ribadeneira, natural desta parroquia, xunto cun vaso de sangue e a lápida de pedra do seu sepulcro anterior coas letras gravadas PEGERTVS[4]. O nome Pegerto foi moi común na contorna, e se ben a xente do lugar pronuncia "Pegerto ou Peguerto", a evolución natural de ser palabra patrimonial sería Pexerto.[5] A súa festividade celébrase o 9 de setembro,[6] cunha romaría de sona porque a el ofrecíanse os mozos que entraban en quintas xa que era crenza que fora soldado en Roma. Moita xente ía o día 8 á Nosa Señora do Faro e xa continuaba para Buciños celebrar o San Pexerto.
Tamén era moi concorrida a festa do patrón San Miguel (29 de setembro) na que se xuntaba moita xente para "comer de campo" a carne ao caldeiro, o polbo á feira e a comida da casa. Ademais do campo da festa enchíanse de xente os prados da regueira. Como xa era unha festa tardía e no tempo da vendima repetíase o dito: San Miguel das uvas, tarde vés e pouco duras.
O cruceiro de Buciños, século XIX, ten o capitel finalizado coas imaxes da Virxe e Cristo[7].
Na parroquia de Buciños consérvanse en moi bo estado os muíños do Muleiro[8]
Diante da entrada da Casa Grande atópase unha das árbores senlleiras de Galicia, un carballo coñecido como o avó de Europa[9].
Fronte á igrexa parroquial está a casa natal do escultor Manuel García "Buciños".
Lugares e parroquias
editarLugares de Buciños
editarLugares da parroquia de Buciños no concello de Carballedo (Lugo) | |
---|---|
Alén do Río | A Barreira | O Barrio | Buciños | A Casa Grande | O Coedo | A Corna | A Corveira de Baixo | A Eirexiña | Loureiro de Baixo | Loureiro de Riba | O Outeiro de Buciños | O Porto | San Trocado | Surrego | A Torre | Trasar de Sabugueiro | Trasmontes |
Parroquias de Carballedo
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
- ↑ Ares Vázquez, Nicandro (2013). Estudios de toponimia galega, tomo II. Real Academia Galega. ISBN 978-84-87987-85-4.
- ↑ "Arquitectura religiosa". Concello de Carballedo. Consultado o 06/07/2017.
- ↑ "Pegerto". Lembranzas do Seminario de Lugo. Consultado o 06/07/2017.
- ↑ Ferro Ruibal, (dir.); Boullón Agrelo, Ferro Ruibal, Xosé M. García Álvarez, Lema Suárez, Tato Plaza (1992). Diccionario dos nomes galegos (en galego). Vigo: Ir Indo. p. 433. ISBN 84-7680-096-7. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2015. Consultado o 13 de febreiro de 2018.
- ↑ Guerra, Jesús (2004). Vida y novena de San Pegerto de Buciños.
- ↑ "Patrimonio etnográfico". Concello de Carballedo. Consultado o 26/08/2017.
- ↑ "Foto de Muiños do Muleiro". wikiloc. Consultado o 26/08/2017.
- ↑ "Carballo da Casa Grande de Loureiro". arboresdegalicia.blogspot.com.es. Consultado o 18/10/17.