Pexerto é un suposto mártir cuxos restos se veneran na igrexa parroquial de Buciños en Carballedo.[1]

San Pexerto de Buciños
Pasamentoen Roma?
Proceso de canonización
Veneración
Venerado/a enGalicia e Portugal
Festividade9 de setembro
Santuario principalBuciños, Carballedo
Patrón/a desoldados e mozos de quintas
Interior da igrexa o día do patrón.
Imaxe de S. Pexerto.
Imaxe procesional.

Nome editar

O nome Pexerto é de orixe descoñecida, a única referencia é a lápida coa inscrición latina PEGERTVS. A pronuncia do nome en galego debe ser Pexerto segundo o Diccionario dos nomes galegos [2] e a RAG,[3] aínda que popularmente e debido á castelanización da Igrexa sexa maioritaria a pronuncia Pegerto ou mesmo Peguerto (con contragheada).

Correspondencias: portugués Pegerto (en Portugal e o Brasil tamén se atopa Peguerto), español Pegerto, catalán Pegert. Levan o nome entre outros Pegerto Saavedra e Pegerto Pardo Balmonte.

O nome empezou a usarse nesta zona da Galicia interior arredor de 1850.[4] Na contorna de Carballedo houbo moitos curas e algúns deles, chamados Pegerto, ocuparon cargos no Seminario de Lugo, feito que axudou a espallar o nome pola diocese lucense.[5] Segundo o INE en 2018 había en España 58 persoas con ese nome e cunha idade media de 71,2 anos. Os datos do IGE para ese mesmo ano amosan que 47 deses homes eran galegos; entre eles, 13 veciños de Carballedo e 9 de Chantada.

Historia e lenda editar

O San Pexerto de Buciños é un "santo novo" catacumbal galego —coma san Campio ou santa Minia—, que recibe culto desde non hai moitos anos.

 
Lápida marmórea co nome PEGERTVS.

O bispo José Antonio Ribadeneira[6], nado no pazo da Casa Grande de Loureiro en Buciños, conseguiu en 1830 a doazón, durante a súa estadía en Roma, do corpo dun suposto mártir, extraído do cemiterio das catacumbas de san Calisto xunto co vaso do seu sangue e unha lápida marmórea que levaba inscritos un monograma ou crismón XP e o nome PEGERTVS [2]. As cinzas foran atopadas no mes de xaneiro de 1823.[7] Ribadeneira puxo nas mans do bispo de Lugo tres anos máis tarde, xa cando era bispo de Valladolid, as reliquias que trouxera de Roma solicitándolle o día 9 de setembro como data para a festividade do novo santo, con 40 días de indulxencia aos que orasen diante do corpo do mártir, o que foi concedido en 1832.

Máis nada se sabe da vida ou morte de Pexerto á parte de seren súas as cinzas atopadas no Cemiterio de San Calisto (Papa do 217 ao 222). Canto ao vaso de sangue, pode ser un recipiente para perfumes que acompañaba o defunto. Sobre o anagrama de Cristo, XP, este non empezou a usarse ata rematadas as persecucións aos cristiáns, polo que puido ser colocado na tumba tempo despois do enterro para evitar violacións do corpo e salvagardar a súa integridade.[8]

A auténtica das reliquias está asinada por Fr. Johannes Augustini: “Pexerto foi atopado no mencionado cemiterio o 28 de xaneiro do ano 1823, unha vez vestido nobremente que segundo o costume dos antigos romanos volvemos colocar reverentemente nunha urna de madeira adornada con ouro, protexida na súa parte de ouro con dobre cristal —a data, en Roma, o día 29 do mes de novembro do ano 1830—. Este sagrado Corpo doado por nós el mesmo o doou na nosa presenza en favor da memorable igrexa de San Miguel de Buciños e temos por válida a súa doazón”.[9]

Nun breve pontificio do 28 de setembro de 1831, no que o Papa Gregorio XVI autoriza a reter o arcediagado de Baeza, fálase do traslado dos restos do mártir: "Nisto (en terse conservado libre de perigos de mar e terra el e os seus) vemos a eficacia da protección de San Pexerto que, colocado nunha urna, decentemente disposta, indicas ter sido o teu compañeiro de viaxe".[10] Despois da navegación polo Mediterráneo, Ribadeneira chega a Barcelona coas reliquias en marzo de 1831. E desde Barcelona a Lugo nunha carroza que, segundo a tradición aínda se conserva no Pazo de Tor.[11] E desde Lugo acompañado de numerosos devotos seguiu cara a Buciños.

O crego Benigno González Taboada (1870-1976) contaba o que lle escoitou sobre a chegada do San Pexerto de Buciños ao seu avó: “nunha liteira (en forma de andas) en dous cabalos, saíu ao camiño a recibilo unha multitude de xente e ao pasar Viana, no camiño fronte á igrexa de Santa Cruz, os cabalos axeonlláronse, chamando a atención aquel feito a toda a xente que viña acompañándoo; e iso non é conto que el mesmo o viu cos seus propios ollos”[12] (a quen os animais lle farían a venia sería ao Corpo Santo de Santa Cruz de Viana —o dominico Frei Miguel González, do século XIII—). Outras fontes populares contan algo semellante: en Viana saíron a recibir o santo coa imaxe de Frei Miguel González e as mulas axeonlláronse ao chegaren xunto ao Corpo Santo. O cura párroco de Buciños don Manuel contaba que o santo quedara en Buciños porque fora o terceiro lugar onde pararan os animais.

Ao chegar a Buciños na primavera de 1832 houbo gran festa e cerimonia relixiosa.

O Santuario de San Pexerto de Buciños editar

Baixo a imaxe de Nosa Señora do Rosario na igrexa de Buciños repousan as reliquias do santo dentro dunha urna de madeira dourada e dobre cristal por diante que mide 1,80 m de longo, 0,55 de ancho e 0,88 de alto.[13] Ademais da lápida, os restos do San Pexerto foron revestidos dun material adecuado, dándolle a forma de imaxe xacente dun mozo novo en cera, con abundante pelo e barba, os ollos e a boca medio aberta, desta imaxe dicíase que tiñan que lle cortar a barba porque lle medraba o mesmo ca ao Santo Cristo de Ourense[14]; e tamén se contaba que mesmo lle medraban as uñas das mans e dos pés. Ademais está revestido á moda da época e recostado na urna.

Hai outra imaxe do santo que sae de primeira na procesión do día 9 e de última na procesión do patrón, o San Miguel, o 29 do mesmo mes. En Buciños celebran dúas festas en setembro. En toda a contorna o día 9 de setembro é o día de San Pexerto. Tamén se fundou na parroquia unha confraría de San Pexerto.

Desde a traslación dos restos axiña se espallou o culto ó santo catacumbal, atribuíndoselle moitos milagres. Mesmo se chegou a escribir un Libro de milagres de San Pexerto, manuscrito do arquivo parroquial de Buciños.[2] A fama deste mártir chega a Portugal a través dos emigrantes galegos e alí vai ser coñecido como "o Santo da Galiza".

Coma san Campio, é protector dos mozos que se incorporan a quintas e dos soldados. Tivo moitos devotos porque pillou tempos de moitas guerras tanto no século XIX coma no XX. Mais tamén era avogoso para calquera petición dos seus devotos. O crego don Benigno González contaba que de neno era delicado de saúde, seus pais ofrecéronlle un becerro ao santo de Buciños e el mellorou (chegou a facer os 105 anos[15]). O 8 de setembro é a romaría da Nosa Señora do Faro (a dúas horas de camiño a pé) e era tradición que moitos romeiros seguisen desde o monte xa para Buciños e seguir coa festa do San Pexerto.

O San Pexerto ata aparece citado como terror do demo Azazel.[16]

Oracións editar

Novena de San Pexerto editar

1. Oración para empezar todos os días:

Señor e Deus noso, que con singular e amorosa providencia dispuxeches que o corpo do glorioso mártir San Pexerto fose trasladado desde Roma a España e depositado nesta igrexa de San Miguel de Buciños... Concédenos, Rogámosche, pola túa poderosa intercesión: unha fe tan viva, que transforme as nosas vidas, e esteamos, coma San Pexerto, dispostos a confesala co noso sangue; unha esperanza sen límites nas túas promesas e auxilios; e unha caridade tan ardente, que abrase o noso corazón en amor a Ti e os teus irmáns. Concédenos igualmente practicar todas a virtudes morais que nos asemellen ao teu Fillo e a San Pexerto: cumprir fielmente a túa vontade en todas as ocasións; amar a Virxe como verdadeira Nai nosa; e gozar un día no Ceo, ao teu lado, da súa maternal compañía e da de San Pexerto. Por Xesucristo o Noso Señor. Amén.

2. Lecturas para os nove días: Deus éo todo para o home; Fe, Esperanza e Caridade; as virtudes morais; os Mandamentos; a oración; os sacramentos; a devoción á Santísima Virxe; o culto aos Santos e as súas reliquias; todos estamos chamados á santidade.

3. Preces:

a) Para que a Igrexa sexa un faro de luz que alumee e guíe a todos os pobos polos camiños do Evanxeo, -Pregamos ao Señor.

-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.

b) Para que os gobernantes sexan fieis servidores da paz, a xustiza, a cultura e a liberdade dos súbditos, -Pregamos ao Señor.

-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.

c) Para que a fe guíe a nosa vida e a nosa vida estea en coherencia coa nosa fe, -Preguemos ao Señor.

-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.

d) Para que a esperanza cristiá nos leve a vivir con ilusión e a confiar no poder, a sabedoría e o amor de Deus, noso Pai, -Preguemos ao Señor

-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.

e) Para que o amor a Deus nos leve a aceptar a súa vontade con gozo e alegría en todas as circunstancias da vida, -Preguemos ao Señor.

-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.

f) Para que saibamos aproveitarnos con frecuencia da graza dos Sacramentos, especialmente do Perdón e da Eucaristía, -Preguemos ao Señor.

-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.

g) Para que en todo momento saibamos acudir ao agarimo maternal da Santísima Virxe, sempre disposta a escoitarnos e a socorrernos, -Preguemos ao Señor.

-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.

h) Para que, se é para gloria de Deus e proveito noso, El Señor nos conceda a graza especial que hoxe lle pedimos por intercesión de San Pexerto, -Preguemos ao Señor.

-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.

4. Oración final.

Oh, Deus, fortaleza dos que en ti confían, que robusteciches coa túa graza o glorioso mártir San Pexerto ata derramar xenerosamente o seu sangue por confesar a Fe; concédenos que, co seu exemplo admirable e coa súa poderosa intercesión, poidamos vencer valorosamente todas as adversidades da vida, para reinar despois cos benaventurados no Ceo, polos séculos dos séculos, Amén.[17]

Segundo o decreto 254 45 do 2 de maio de 1946 o Bispo de Lugo concede 100 días de indulxencia aos devotos por rezaren diante das reliquias do santo.

5. Himno a San Pexerto:[18]


Santo Pexerto valoroso mártir
hoxe rendémosche corazón e honor,
sobre a area o teu corazón levanta
chamas eternas de aceso amor.

Neno na senda de tirana vida
foron os teus ollos. Florecer vivir,
alma sedenta e ao teu Deus prendida
queres, escolles polo teu Deus vivir.

Rompe as súas furias o Satán tirano
Sobre o teu corpo, perfumada flor
Roxe a fera, porque ao Deus pagano
Negas os votos de oración e honor.

Soldado invicto, querubín ardente,
mártir de sangues, en suplicio cruel.
Cristo o teu amado, orlará a túa frente
sobre a area, ao morrer por El.

Treme a terra, estremece o mundo,
óese na altura celestial cantar.
É a túa vitoria!, e no caos profundo
caen os teus verdugos para alí penar

Somos un pobo fervoroso, ardente
Que de Ti espera celestial favor
Sobre este rudo camiñar doente
Deixa as flores do teu doce amor

Documentos relacionados co San Pexerto editar

  • Transcrición do Rescrito pontificio no que se lle conceden a D. José Antonio Rivadeneira os restos de S. Pexerto (traducido ao galego):[19]

Nós Fr. Juan Augustinioni... Prefecto do "Sagrario" Apostólico... Facemos saber a todos e cada un de cantos viren este escrito que Nós, para a maior gloria de Deus Todopoderoso e veneracion dos seus santos, das reliquias extraídas do cemiterio de (S) Calisto por mandado do noso Santísimo Señor o Papa e aprobadas e recoñedidas pola Sagrada Congregación de Indulxencias e reliquias Sagradas, entregamos ao Ilmo. e Rvdimo, Bispo José Antonio Rivadeneira, da casa de Loureiro, na parroquia de San Miguel de Buciños, da Diocese de Lugo, Auditor da Sagrada Rota Romana, elixido bispo de Valladolid, o Sagrado Corpo de San Pexerto Mártir, cun vaso de sangue e unha lápida así escrita: XP PEGERTUS, achada no susodito cemiterio o 25 de xaneiro de 1823. O cal (corpo) nobremente revestido ao estilo dos antigos romanos, depositamos reverentemente nunha urna de madeira dourada, protexida por diante con dobre cristal, ben pechada e asinada co noso pequeno selo. E concedemos, con poder de El Señor, aos que corresponde (=D. José Antonio Rivadeneira), a facultade de conservar na súa casa, o predito Sagrado Corpo, ou doalo a outros, ou expoñelo á pública veneración en calquera Igrexa, Oratorio ou Capela, mais sen Oficio nin Misa... Dado en Roma o día 29 do mes de novembro do ano 1830... Dito Sagrado Corpo entregado por Nós (a D. José Antonio Rivadeneira) el mesmo o doou, na nosa presenza, á xa citada Igrexa de San Miguel de Buciños. E nós ratificamos dita doazón. En Roma, data ut supra. Fr. Joann Episp. Porphyr. Nicolaus Manzia ProSec. rius.

  • Solicitude de D. José Antonio Rivadeneira ao Papa Gregorio XVI para que autorice a celebración da Santa Misa en honor a San Pexerto -negada no documento anterior- (traducido ao galego):[20]

Na Igrexa Parroquial de San Miguel de Buciños da diocese de Lugo gárdanse as reliquias de San Pexerto Mártir (extraídas) do Cemiterio de Calisto, e para que a súa memoria se celebre alí todos os anos, ao Noso Santísimo Señor Gregorio XVI, Sumo Pontífice, con humildísimas e devotas preces, suplicou o Prelado Don José Antonio Rivadeneira, Bispo de Valladolid, quen doou (a esta Igrexa) o Corpo do Santo Mártir, que en canto sexa posible poida celebrar Misa Solemne do Común dun mártir o día sinalado dunha vez para sempre polo Ordinario, e que en diante nunca se poida cambiar a non ser que caese en domingo. A Súa Santidade, oída a miña relación, o infrascrito Secretario da Sagrada Congregación de Ritos, e desexando satisfacer os piadosos desexos do Suplicante, benignamente accede á graza solicitada de conformidade co pedido, mentres non concorra unha (festa) dobre de primeira clase e, tendo en conta, porén, todas as normas contrarias. Día 5 de marzo de 1831. C.N. Epus Presnet: Card: lis Pederini Pref:us. J.G. Patavi S.R.C. Secretarius.

  • Solicitude de D. José Antonio Rivadeneira ao bispo de Lugo pedíndolle que sinale o día de celebración do San Pexerto -unha vez concedida a Santa Misa no documento anterior- (traducido ao galego):[21]

Excmo. Sr. O Bispo de Valladolid con toda veneración pon nas mans de V.E. a Auténtica do Sagrado Corpo do Glorioso San Pexerto Mártir, e igualmente un Rescrito da S.S. Gregorio XVI no que somete á V.E. por unha vez o sinalamento do día fixo para a perpetua festividade anual na parroquia de San Miguel de Buciños, con que dito sinalamento non sexa Domínica fixa, nin ocorra dobre de 1ª clase, en cuxo día se celebra Misa solemne de común dun mártir, e rendidamente a V.E. Suplica se sirva sinalar o nove do mes de setembro, engadindo as máis grazas convenientes á edificación e proveito dos fieis, e mandando que se lle devolva ao mesmo Bispo de Valladolid a referida Auténtica e Rescrito para entregarllo ao Cura Párroco da Parroquia de Buciños, en que recibirá favor. Exmo. Sr. José Bispo de Valladolid.

  • Resposta do bispo de Lugo á petición anterior (traducido ao galego):[22]

Lugo, 5 de xaneiro de 1832. Sinalamos o día nove de setembro de cada ano, en conformidade ao Rescrito de S. Ad., que con "auténtica" se volva ao Ilmo. Sr. Bispo de Valladolid, e concedemos corenta días de indulxencia aos que en dito día orasen de calquera xeito diante do Sagrado Corpo de San Pexerto pedindo polas necesidades da Igrexa, e en calquera tempo en que igualmente rezasen, diante del, un Nosopai, Avemaría e Gloria Patri, outros corenta días. Fr.. Hipólito Bispo de Lugo. Por Orde de S. Excia. Ilma. José Mª Sevilla.

Santa Minia, San Campio, San Pexerto e Santa Plácida editar

Santa Minia, San Campio e San Pexerto son os tres santos populares paleocristiáns cuxas reliquias, procedentes das catacumbas romanas de San Calisto, se conservan en Galicia desde a última parte do século XVIII, polo que os santuarios e devoción por eles son relativamente modernos.

San Campio e san Pexerto eran moi indicados para a protección dos mozos que ían facer o servizo militar por suporse que foran soldados romanos. Nos tres casos coincide que coas reliquias veu de Roma a lápida encontrada na tumba e un vaso co suposto sangue do mártir, que pode ser o vaso de perfumes que se poñía nas tumbas romanas.

A eles únse Santa Plácida de Rubiáns, traída un pouco máis tarde do cemiterio romano de San Ciríaco tamén co suposto vaso de sangue.

Notas editar

  1. "Santuarios de la Diócesis de Lugo". Diócesis de Lugo (en castelán). 2012-12-07. Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2019. Consultado o 2019-02-13. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Ferro Ruibal, (dir.); Boullón Agrelo, Ferro Ruibal, Xosé M. García Álvarez, Lema Suárez, Tato Plaza (1992). Diccionario dos nomes galegos (en galego). Vigo: Ir Indo. p. 433. ISBN 84-7680-096-7. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2015. Consultado o 13 de febreiro de 2018. 
  3. "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2022-07-19. 
  4. "«O nome de Pegerto surxiu en Carballedo no século XIX»". La Voz de Galicia. 2016-04-08. Consultado o 2019-02-13. 
  5. "Seminarista en Lugo desde 1966: Pegerto". Seminarista en Lugo desde 1966. 2008-09-08. Consultado o 2019-02-13. 
  6. "José Antonio Rivadeneyra Villaguisada. Real Academia de la Historia". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 2019-02-17. 
  7. "Arquitectura Relixiosa". www.concellocarballedo.es. Consultado o 2019-02-13. 
  8. Guerra 2004, p. 24.
  9. Couselo, Jesús Ferro (1996). Obra selecta. Editorial Galaxia. ISBN 9788482880327. Consultado o 13/02/2019. Pegertus rupertus in supradicto cemeterio V kal. februarii anni 1823, quod more priscorum romanorum nobiliter indutus reverenter reposuimos in urna lignea deaurata in aurea parte duplici crystallo munita -Datum Romae, die 29 mensis novembris, anno 1830- Quod quidem sacrum Corpus a nobis donatum ipsemet coram nobis donavit pro memorata Ecclesia Sancti Michaelis de Buciños eiusque donationem ratam habemus 
  10. Couselo, Jesús Ferro (1996). Obra selecta. Editorial Galaxia. ISBN 9788482880327. Consultado o 13/02/2019. En esto (en haberse conservado libre de peligros de mar y tierra él y los suyos) vemos la eficacia de la protección de San Pegerto que, colocado en una hurna, decentemente dispuesta, indicas haber sido tu compañero de viaje 
  11. Lago, Encarna (2013-04-26). "A historia do pazo". Rede Museística. 
  12. Guerra, Jesús (2004). Vida y novena de San Pegerto de Buciños. Con licencia eclesiástica dada por el Obispado de Lugo en Diciembre de 2003. en una litera (forma de andas) en dos caballos, salio al camino a recibirlo una multitud de gente y al pasar Viana, en el camino frente a la iglesia de Santa Cruz, los caballos se arrodillaron, llamando la atención aquel hecho a toda la gente que venia acompañándole; y eso non es cuento, que el mismo lo vio con sus propios ojos 
  13. Guerra 2004, p. 8.
  14. Televinte Chantada (2012-09-07). "Mañá a cima do Faro está de Romaría e o 9 San Pegerto en Buciños 7 09 2012". Consultado o 2019-02-13. 
  15. "Devanceiros dos Parentes". osparentes.e.telefonica.net. Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2019. Consultado o 2019-02-14. 
  16. De Jesús Crucificado, Fray Pio (2016). "La Calumnia: La mala lengua y los Santos Defensores". Consultado o 13/02/2019. 
  17. "Antigua Hoja Con Musica Del Himno A San Pegerto Con Oracion". alaMaula (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2019. Consultado o 2019-02-13. 
  18. "Antigua Hoja Con Musica Del Himno A San Pegerto Con Oracion". articulo.mercadolibre.com.ar (en castelán). Consultado o 2019-02-13. 
  19. Guerra 2004, p. 19.
  20. Guerra 2004, p. 20.
  21. Guerra 2004, p. 22.
  22. Guerra 2004, p. 23.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Guerra Mosquera, Jesús (1997). Pequeña historia de cinco lucenses ilustres D. Avelino González López, D. Ramón María García Abad, Fr. Juan Alonso Varela y Losada, Fr. Miguel González, O.P., San Pegerto. Gráficas Bao. ISBN 84-605-6107-0. 
  • Guerra, Jesús (2004). Vida y novena de San Pegerto de Buciños.  (Sen máis datos de publicación)