Plácida
Plácida é unha santa venerada en Santa María de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), unha das santas catacumbais máis modernas de Galicia.
Biografía | |
---|---|
Morte | Roma, Italia |
Patrón de | Rubiáns |
Santuario
editarO corpo exhumouse a principios do século XIX no cemiterio de San Ciríaco de Roma de onde pasou a un veciño de Cádiz que nacera en Rubiáns, Bieito Quintana. Este mandoulle a seu pai o corpo santo para que o expuxese na igrexa da parroquia.[1] En 1825 o arcebispo compostelán Rafael de Vélez autorizou o culto das reliquias expostas nunha urna de cristal e madeira, na parede esquerda da igrexa parroquial.
A urna contén un esqueleto recuberto por unha figura de cera, con cara e pelo de muller, roupa de gala antiga e un corte no lado dereito da garganta. Na parte de abaixo da urna hai unha inscrición S. PLACIDA M. A carón da figura está un copón de madeira coa inscrición VAS SANG. S. PLACIDAE VIRG. ET M. (vaso do sangue de Santa Plácida, virxe e mártir).[2] Hai unha tradición oral de que Bieito Quintana se fixo co corpo santo nunha rifa celebrada nun porto de Italia ou en Cádiz.[1]
Festa
editarA festa celébrase xunto coa de San Ramón na primeira fin de semana de setembro.[3]
A lenda de Santa Plácida
editarDisque Plácida era unha nena da contorna que estaba fiando na roca na porta da casa cando pasou un descoñecido que se namorou no momento da rapaza e pediulle que marchase con ela. Como se negou o home raptouna, levouna ao monte e tentou vilolala. Ao resistirse, el matouna e escondeu o cadáver debaixo dunhas pólas. Despois dun ano pasou por alí un home cun carro, os bois pararon e negáronse a seguir por máis que os picaba coa aguillada. Asombrado empezou a buscar arredor e deu co corpo incorrupto da moza. A nova estendeuse pola zona ata que o bispo decidiu construír unha capela para acoller o corpo santo. Tamén se conta que a alma do criminal segue vagando polo mundo e cada ano pola festa de Santa Plácida volve á capela pedir perdón e a santa respóndelle: Fóra de aí, cabaleiro, que de min fixeches talleiro.[4]
Nesta lenda repítense feitos comúns a outros santos: os bois que se paran ante o corpo santo, partes do corpo que medran..
Santa Minia, San Campio e San Pexerto son os tres santos populares paleocristiáns cuxas reliquias, procedentes das catacumbas romanas de San Calisto, se conservan en Galicia desde a última parte do século XVIII, polo que os santuarios e devoción por eles son relativamente modernos. A eles únese Santa Plácida, restos procedentes de cemiterio de San Ciríaco un pouco máis tarde.
San Campio e san Pexerto eran moi indicados para a protección dos mozos que ían facer o servizo militar por suporse que foran soldados romanos. Nos tres casos coincide que coas reliquias veu de Roma a lápida encontrada na tumba e un vaso co suposto sangue do mártir, que pode ser o vaso de perfumes que se poñía nas tumbas romanas. Santa Plácida tamén conserva o suposto vaso de sangue.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Ferro Ruibal, (dir.); Boullón Agrelo, Ferro Ruibal, Xosé M. García Álvarez, Lema Suárez, Tato Plaza (1992). Diccionario dos nomes galegos (en galego). Vigo: Ir Indo. p. 435. ISBN 84-7680-096-7. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2015. Consultado o 26 de abril de 2022.
- ↑ "Santa Plácida en Rubianes Tus preguntas sobre los Santos". preguntasantoral (en castelán). Consultado o 2022-04-26.
- ↑ Vilagarcía, M. G. (2018-09-03). "Fervor en Rubiáns por Santa Plácida". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2022-04-26.
- ↑ "Leyenda de Santa Plácida - Mancomunidad de O Salnés - Rías Baixas - Galicia". www.osalnes.com. Consultado o 2022-04-26.