Miguel González
Miguel González foi un frade da Orde dos Predicadores (O.P.), coñecido na comarca de Chantada como "O Corpo Santo".[1]
Biografía |
---|
A igrexa de Santa Cruz e a capela do Corpo Santo
editarA igrexa parroquial érguese nun terreo en costa que remata 300 m máis abaixo xunto ao río Asma e desde o adro hai unha vista completa da contorna. Edificouse no século XII e pertenceu un tempo á Orde dos Templarios. Tivo moitas reformas, da igrexa primitiva só queda un arco, a última de 1939. Pegada á parede sur da igrexa e comunicada con ela por un arco de medio punto está a Capela do Corpo Santo, duns 46 m cadrados. No medio ten un retablo barroco con forma de baldaquino e unha imaxe cunha placa que pon: "VENERABLE FRAY MIGUEL GONZALEZ/ DE LA ORDEN DE PREDICADORES/ COMPÑERO DE SAN TELMO. 1853".[2]
O altar que hai no medio sobre a sepultura pode ser de arredores do 1600. A capela foi reedificada en 1670 polo cóengo de Ourense D. Pedro de Sotomayor (nado en Viana). Cara 1712 o cura de Santa Uxía ampliou a capela. A capela, como é un anexo, non ten a orientación tradicional nas igrexas como a parroquial, está orientada á Fonte do Santo.
Santo popular
editarO Corpo Santo de Santa Cruz é un santo popular, un suposto santo non recoñecido oficialmente pola igrexa. Venérase na capela do Corpo Santo, situada á dereita da porta principal da igrexa parroquial de Santa Cruz de Viana, que ten a orixe no s. XII, reedificada no XVIII. Fáiselle celebración o luns da segunda semana de Pascua e son centos os milagres, curacións e prodixios que se lle apoñen.
Na Biblioteca Nacional de Madrid hai unha obra titulada Adiccións á vida de S. Pedro González Telmo[3] do dominico Frei Fernando de Pineda, publicada en 1776, na que se recolle a información practicada en 1720 con motivo do proceso de beatificación de San Pedro González Telmo, realizada polo tamén dominico Fr. Josef de Rivera, na que inclúe a morte e milagres do Venerable Padre Fr. Miguel González, dominico, da Orde dos Predicadores. Na obra dise que a Sacra Congregación tivo algunha dificultade á hora de aprobar as beatificacións ou canonizacións, xa que no ano da súa publicación (1776) estas aínda non se produciran.[4]
A tradición
editarO padre dominico nacera na comarca das Mariñas (Betanzos), foi compañeiro de San Pedro González Telmo (San Telmo) e acabou enterrado e venerado en Santa Cruz de Viana (Chantada), segundo o documento de don Miguel Sarmiento, cura de Santa Uxía de Asma, no que solicita a beatificación en 1720; a morte de frei Miguel debeu ser entre 1240 e 1270 e os milagres atribuídos a el son dos séculos XVII e XVIII.
Engade o crego que frei Miguel pasaba por terras de Camba e chegou á Lagoa do Zepo, a dúas leguas da parroquia de Santa Cruz de Viana, un día de moita calor na compaña de Pedro das Mariñas e de San Pedro Telmo. Miguel González non resistía a calor e para descansar chantou o seu báculo de madeira de pereira no chan e pousou a capa enriba. Axiña se encheu o báculo de flores e medrou unha pereira que se chamou “O Pao do Romeiro” e durou ata 1670. Os frades seguiron ata a Costa da Matanza (a media legua de Santa Cruz) lembrando as vitorias do rei Ramiro contra os mouros. Aquí frei Miguel caeu ao chan e pidiu aos compañeiros que o enterrasen na primeira igrexa na que as campás tocasen por si soas. Levaron o seu corpo ata unha fonte (a dous tiros de mosquete da igrexa de Santa Cruz) onde morreu, que despois foi chamada Fonte do Santo. San Pedro Telmo e frei Pedro das Mariñas escoitaron tocar as campás sen que ninguén as tanguese e viron como unha pomba se pousaba enriba delas.[5]
En 1580 o abade de Santa Uxía de Asma rexistrou o sartego do Corpo Santo, atopou o corpo e colocouno debaixo do altar. Un bispo de Lugo quixo remexer o corpo e morreu no intento, e outro bispo, tamén de Lugo (1646-1650), chamado Juan Pozo, quixo facer o mesmo mais ao ter coñecemento do que lle pasara ao seu predecesor, abandonou a idea.[5] Fíxose a capela sobre a sepultura pero as portas sempre aparecían nun campo próximo. Durante anos tivo unha Confraría chegando a seren máis de trescentos confrades mais cara a 1670 o Mordomo gastou todo e rematou a Confraría. Comezaron os milagres do santo, mesmo durante moitos anos na parroquia non había sarabias como nas veciñas. Remata o informe de don Miguel Sarmiento afirmando que de todo isto non hai probas, é o que se conta na contorna.[4]
No arquivo de Santa Uxía conservábase un libro non que se recollían unha morea de testemuñas de milagres. Milagres nos que curaba as febres" tercianas", milagres con coxos e tolleitos que volveron andar, e milagres varios (enfermos da próstata, cegos...).
A exhumación do Corpo Santo
editarA actual imaxe de Frei Miguel é de 1853 e foi doada polo bispo de Lugo Frei Santiago Rodríguez Gil, tamén da Orde dos Predicadores.
En 1879 procedeuse á exhumación dos restos do frade dominico. Revisouse toda a documentación existente na parroquia, entrevistáronse moitas testemuñas da zona. Empezouse a cavar xunto ao arco e o postulador mandou poñer unha lápida, a 1,60 m de fondo atoparon un cadáver ben conservado coa cabeza cara a Oriente e os pés cara a Poñente. Unha vez feita a certificación polas autoridades presentes os restos introducíronse nunha urna que se pechou con tres chaves: unha para o bispo de Lugo, unha para o alcalde de Chantada e unha para a Orde dos Predicadores.[2]
A celebración anual
editarA parroquia de Santa Cruz de Viana é "anexo" da de Santa Uxía de Asma, onde residía tradicionalmente o crego que levaba as dúas parroquias. Por iso o domingo de Pascua os devotos levan nos ombreiros a imaxe do Corpo Santo desde Santa Cruz de Viana ata a igrexa da veciña Santa Uxía de Asma, acompañada do toque das campás e os foguetes. Houbo tempos en que se poxaba o dereito a levar as andas do Corpo Santo botando os cartos nunha bandexa. Faise un arco floral (no Campo da Vila, con uz branca, mimosa, mirto, edras de carballos… e flores[6]) polo que pasa a imaxe da Santa Uxía traída por xente da súa parroquia, xúntanse as dúas imaxes, pasan polo arco, dan unha volta arredor da igrexa e entran, sempre diante a santa, quedando diante do altar mirando para a porta o Corpo Santa e a Santa Uxía. O arco queda os sete días protexido para que non o estraguen as vacas dos veciños. Na semana que a imaxe pasa en Santa Uxía os devotos poñen cirios acesos debaixo do Corpo Santo para espantar os males.[1]
O domingo seguinte (segundo de Pascua) saen as dúas imaxes da igrexa de Santa Uxía, despídense no arco floral e o Corpo Santo volve en procesión á súa capela de Santa Cruz, despois de pasar tres veces por debaixo do arco. Cada vez que os remudan os portadores das andas poñen cartos na bandexa e antes de entrar na igrexa de volta póxase a entrada.
O segundo luns de Pascua é a festa do Corpo Santo na Santa Cruz. A 200 metros da capela do Corpo Santo está a fonte á que acoden os devotos a recoller a auga para os remedios, unha fonte da que se conta que seca todos os anos. Os doentes tamén collen unha pouca terra do sepulcro do Corpo Santo cunha culler e póñena nunha fardica que se pendura no pescozo, para o que hai unha lousa aberta no chan, xusto debaixo do baldaquino barroco no que expón a imaxe.[1] Esa terra, tamén mesturada coa auga da fonte, é moi milagreira para combater as “tercianas” (cefalea ou febre intermitente). A auga da fonte tamén se cre que é boa para acabar coas verrugas.
No século XXI moitas familias celebran a festa o domingo para facilitar a asistencia dos convidados. No ano 2021 a procesión do Corpo Santo a Santa Uxía fíxose en coche.[7]
O Corpo Santo e o San Pexerto de Buciños
editarO crego Benigno González Taboada (1870-1976) contaba o que lle escoitou sobre a chegada do San Pexerto de Buciños ao seu avó: “nunha liteira (en forma de andas) en dous cabalos, saíu ao camiño a recibilo unha multitude de xente e ao pasar Viana, no camiño fronte á igrexa de Santa Cruz, os cabalos axeonlláronse, chamando a atención aquel feito a toda a xente que viña acompañándoo; e iso non é conto que el mesmo o viu cos seus propios ollos”[8] (sería a reverencia do San Pexerto ao Corpo Santo). Outras fontes populares contan algo semellante: en Viana saíron a recibir o santo coa imaxe de Frei Miguel González e as mulas axeonlláronse ao chegaren xunto ao Corpo Santo.
Esta acción de axeonllarse os animais diante dun santo repítese en moitos lugares da cristiandade.[9]
Novena a Frei Miguel González (O Corpo Santo)
editar1. Oración para empezar todos os días.[2]
"Deus e Pai noso, que nos deches no Venerable Frei Miguel González un exemplo de fe e caridade apostólica; e confiácheslle a misión de levar aos fillos de Galicia a túa palabra, a túa misericordia e o teu perdón... Concédenos, pola súa valiosa intercesión, a graza de imitalo nas súas virtudes, de facer do Evanxeo a guía da nosa vida cristiá e de sentir no noso corazón unha arela ardente pola salvación de todos os homes. Pedímoscho polo noso Señor Xesús Cristo o teu Fillo e a intercesión de Frei Miguel González, cuxos restos veneramos neste templo de Santa Cruz de Viana. Amén".
2. Lectura de cada día.
3. Rogos.
"E agora, Señor, presentámosche as nosas súplicas cunha grande fe e confianza no teu amor de Pai, poñendo por intercesor a Frei Miguel González, o Corpo Santo".
a) Santifica, Señor, a túa Igrexa e todos os seus ministros.
-Pedímoscho por intercesión de Frei Miguel González.
b) Ilumina, Señor, os nosos gobernantes e superiores
-Pedímoscho por intercesión de Frei Miguel González.
c) Bendí, Señor, os nosos pais, irmáns e demais familia
-Pedímoscho por intercesión de Frei Miguel González.
d) Dálles, Señor, inocencia aos meniños, pureza aos mozos e fortaleza cristiá aos maiores
-Pedímoscho por intercesión de Frei Miguel González.
e) Concédelles, Señor, pan aos pobres, perdón aos pecadores e saúde aos enfermos
-Pedímoscho por intercesión de Frei Miguel González.
f) Outórgalles, Señor, a túa graza aos vivos e a felicidade eterna aos mortos.
-Pedímoscho por intercesión de Frei Miguel González.
g) E o favor especial que hoxe che pedimos (dígase o favor)
-Pedímoscho por intercesión de Frei Miguel González.
4. Récese un Noso Pai
5. Oración final
"Pai bo e misericordioso, escoita benignamente canto con humildade e confianza che pedimos, se é para a túa maior gloria e proveito noso, pois recoméndacho a nosa fe no poder intercesor da Nosa Nai a Santísima Virxe, do Venerable Frei Miguel González e do teu fillo Xesús Cristo. Amén".
(Como remate pode cantarse o himno)
Himno ao Corpo Santo
editarVenerable Corpo Santo
Dominico misioneiro,
escoita as oracións
do teu fervoroso pobo.
Percorriches as nosas terras
predicando o Evanxeo;
Deu avalou a túa palabra
con prodixios e portentos
A Santa Cruz ti chegaches,
aquí te chamou o Pai.
O teu corpo aquí nos deixaches
e a túa alma ao Ceo voou.
Desde entón ti non cesas
de escoitar os teus devotos;
concédeslles canto piden,
se o piden con fervor.
Das túas grazas e favores
testemuños son os exvotos,
que na túa capela deixaron
moitos fieles devotos.
os meus rogos e oracións,
que a El Señor eu darlle quero
grazas, si polos teus favores.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Viana, Xavier. "Plataforma temática sobre Galicia en Internet". www.galiciadigital.com. Consultado o 2024-04-06.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Guerra, Jesús (2010). Vida y novena a Fray Miguel González (O Corpo Santo) (2ª ed.). Gráficas BAO. p. 40.
- ↑ "Adicciones a la vida de San Pedro". bfh-rd.
- ↑ 4,0 4,1 "O Corpo Santo". Casa da Eirexe. 2016-07-11. Consultado o 2024-04-06.
- ↑ 5,0 5,1 "O Corpo Santo de Santa Cruz de Viana. Mitos, lendas e contos galegos". galiciaencantada.com. Consultado o 2024-04-06.
- ↑ Viana, Xavier (2020-04-19). "Sistemas de crenzas que dan seguridade ante as ameazas". Xornal de Lemos. Consultado o 2024-04-06.
- ↑ "El Corpo Santo viaja en coche desde Viana a Santa Uxía". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-04-04. Consultado o 2024-04-06.
- ↑ Guerra, Jesús (2004). Vida y novena de San Pegerto de Buciños. Con licencia eclesiástica dada por el Obispado de Lugo en Diciembre de 2003.
en una litera (forma de andas) en dos caballos, salio al camino a recibirlo una multitud de gente y al pasar Viana, en el camino frente a la iglesia de Santa Cruz, los caballos se arrodillaron, llamando la atención aquel hecho a toda la gente que venia acompañándole; y eso non es cuento, que el mismo lo vio con sus propios ojos
- ↑ "Roles, funciones y significado de..." (PDF). dialnet.unirioja.es.