Autoinmunidade

fallo dun organismo en recoñecer os seus constituíntes como partes propias
(Redirección desde «Autoinmune»)

A autoinmunidade é o fallo dun organismo en recoñecer os seus constituíntes como partes propias, o cal permite que se produzan respostas inmunitarias contra as propias células e tecidos. As enfermidades que se orixinan como resultado de respostas autoinmunes anormais denomínanse enfermidades autoinmunes. Exemplos importantes son: enfermidade celíaca, diabetes mellitus tipo 1 (insulina dependente), sarcoidose, lupus eritematoso sistémico, síndrome de Sjögren, síndrome de Churg-Strauss, tiroidite de Hashimoto, enfermidade de Graves, púrpura trombocitopénica idiopática, enfermidade de Addison, artrite reumatoide e alerxias.

A autoinmunidade non debe confundirse coa aloinmunidade.

Autoinmunidade de baixa intensidade

editar

Durante moito tempo pensouse que o sistema inmunitario era totalmente incapaz de recoñecer os antíxenos propios. Xa Paul Ehrlich, a principios do século XX, propuxo o concepto de horror autotóxico, no cal un corpo "normal" non produce unha resposta inmunitaria contra os seus propios tecidos. Así, calquera resposta autoinmune era percibida como anormal e conectábase con algunha enfermidade humana. Despois apareceu a idea de que as respostas autoinmunes eran parte integral do sistema inmunitario, pero que se impedían as enfermidades autoinmunitarias por medio da inmunotolerancia aos antíxenos propios.

A autoinmunidade de alta intensidade ou nivel non é un proceso san e causa enfermidades, pero a autoinmunidade de baixa intensidade pode ser, en realidade, beneficiosa.

A autoinmunidade de baixo nivel podería axudar a recoñecer as células neoplásticas polas célula T CD8+, e así reducir a incidencia dos cancros.

A autoinmunidade pode ter un papel en facilitar unha resposta inmune rápida nas fases iniciais dunha infección cando a dispoñibilidade dos antíxenos alleos limita a resposta (por exemplo, cando hai pouca cantidade de patóxenos). Nun estudo realizado por Stefanova et al. (2002) inxectáronse anticorpos anti-MHC de clase II en ratos que expresaban un só tipo de molécula MHC de clase II (H-2b) para impedir temporalmente a interacción entre as células T CD4+ e o MHC. As células T CD4+ virxes (que nunca antes se encontraron co seu antíxeno) recollidas destes ratos 36 horas despois da administración anti-MHC mostraron unha diminución da resposta ao antíxeno peptídico citocromo c de pomba, como se determinou por fosforilación por Zap-70, proliferación, e produción de interleucina-2. Así, Stefanova et al. demostraron que o recoñecemento de MHC propios (a cal se é moi intensa contribuiría a unha enfermidade autoinmune) mantén a capacidade de resposta das células T CD4+ cando están ausentes antíxenos alleos.[1] Esta autoinmunidade de baixa intensidade sería beneficiosa a longo prazo.

Tolerancia inmunolóxica

editar

Os traballos pioneiros de Noel Rose e Ernst Witebsky en Nova York, e de Roitt e Doniach en Londres proporcionaron claras evidencias de que, polo menos para os linfocitos B produtores de anticorpos, enfermidades como a artrite reumatoide e a tirotoxicose están asociadas coa perda da tolerancia inmunolóxica, que é a capacidade do sistema inmunitario dun individuo de ignorar o propio e reaccionar contra o non propio. Cando esta tolerancia non funciona o sistema inmunitario desencadea unha resposta efectiva e específica contra os determinantes propios. A xénese exacta da tolerancia inmunolóxica aínda non se coñece en detalle, pero propuxéronse varias teorías desde mediados do xéculo XX para explicar a súa orixe.

As tres hipóteses máis utilizadas polos inmunólogos son:

  • Teoría da deleción clonal, proposta por Burnet, que di que as células linfoides autorreactivas son destruídas durante o desenvolvemento do sistema inmunitario dun individuo. Frank M. Burnet e Peter B. Medawar foron galardoados co premio Nobel de Medicina de 1960 "polo descubrimento da tolerancia inmunolóxica adquirida".
  • Teoría da anerxia clonal, proposta por Nossal, na cal as células B e T autorreactivas son inactivadas nun individuo normal e non poden amplificar a resposta inmune.[2]
  • Teoría da rede de idiotipos (ou teoría da rede inmunitaria), proposta por Jerne, na que se supón que existe de forma natural unha rede de anticorpos que poden neutralizar anticorpos autorreactivos no corpo.[3]

Ademais están a investigarse intensamente outras dúas treorías:

  • Teoría da ignorancia clonal, de acordo coa cal as células T autorreactivas que non están representadas no timo non son destruídas, maduran e migran á periferia, onde non encontrarán un antíxeno apropiado, aínda que exista no corpo, porque é inaccesible nos tecidos nos que está. En consecuencia, as células B autorreactivas, que escapan á deleción, non poden encontrar o antíxeno ou as células T axudantes específicas e acaban morrendo.[4]
  • Teoría da poboación supresora ou das células T reguladoras, na cal os linfocitos T reguladores (comunmente células CD4+FoxP3+, entre outras) funcionan impedindo, regulando á baixa, ou limitando as respostas inmunes autoagresivas no sistema inmunitario.

A tolerancia pode dividirse tamén en tolerancia central e tolerancia periférica, dependendo de se os mecanismos mencionados anteriormente actúan nos tecidos linfoides centrais (timo, medula ósea) ou nos periféricos (ganglios linfáticos, bazo, placas de Peyer etc.). As teorías anteriores non son mutuamente excluíntes, e hai moitas evidencias de que estes mecanismos contribúen entre todos a xerar a tolerancia inmunolóxica nos vertebrados.

Unha característica sorprendente das perdas de tolerancia documentadas vistas na autoinmunidade humana espontánea é que está case enteiramente restrinxida ás respostas de anticorpos xeradas polos linfocitos B. A perda de tolerancia polas células T foi extremadamente difícil de demostrar, e onde hai probas dunha resposta anormal de células T non é xeralmente a antíxenos recoñecidos por autoanticorpos. Así, na artrite reumatoide hai autoanticorpos contra o Fc de IgG pero aparentemente non hai unha resposta de células T correspondente. No lupus sistémico hai autoanticorpos contra o ADN, que non poden causar unha resposta de células T, e a limitada evidencia das respostas de células T implican a antíxenos de nucleoproteínas. Na enfermidade celíaca hai autoanticorpos contra a transglutaminase dos tecidos pero a resposta de células T ten lugar contra a proteína allea gliadina. Esta disparidade fortaleceu a idea de que as enfermidades autoinmunes están na maioría dos casos (quizais coa probable excepción de diabetes tipo I) baseadas na perda de tolerancia das células B, a cal utiliza as respostas de células T normais contra antíxenos alleos en diferentes formas anormais.[5]

Inmunodeficiencia e autoinmunidade

editar

Hai un gran número de síndromes de inmunodeficiencia que presentan características clínicas e de laboratorio de autoinmunidade. A decrecente capacidade do sistema inmunitario destes pacientes de eliminar as infeccións pode ser responsable neles de causar autoinmunidade por medio dunha activación perpetua do sistema inmunitario.[6]

Un exemplo é a inmunodeficiencia variable común na que se producen múltiples enfermidades autoinmunes, por exemplo, enfermidade inflamatoria intestinal, trombocitopenia autoinmune e enfermidade tiroide autoinmune. A linfohistiocitose hematofagocítica familiar, unha inmunodeficiencia primaria autosómica recesiva, é outro exemplo; nestes pacientes son comúns a pancitopenia, erupcións, linfadenopatía e a hepatosplenomegalia. Pénsase que a causa é a presenza de múltiples infeccións virais non solucionadas debido á falta de perforina. Na agammaglobulinemia ligada ao X, ademais de infeccións crónicas ou recorrentes, tamén se producen moitas enfermidades autoinmunes incluíndo artrite, anemia hemolítica autoinmune, escleroderma e diabetes tipo 1. Na enfermidade granulomatosa crónica (CGD) obsérvanse infeccións fúnxicas e bacterianas rocorrentes e a inflamación crónica do intestino e pulmóns. Esta doenza está causada pola diminución da produción de nicotinamida adenina dinucleótido fosfato oxidase (NADPH oxidase) por parte dos neutrófilos. En pacientes con enfermidade granulomatosa de liña media, unha desorde autoinmune que se ve comunmente en pacientes de granulomatose de Wegener e linfomas de células NK/T, detéctanse mutacións nos xenes dos encimas RAG hipomórficas. Os pacientes de síndrome de Wiskott-Aldrich (WAS) tamén presentan eccema, manifestacións autoinmunes, infeccións bacterianas recorrentes e linfoma. Na distrofia ectodérmica-candidiase-poliendrocrinopatía autoinmune (APECED) tamén se observa autoinmunidade e infeccións: manifestacións autoinmunes específicas de órgano (por exemplo, hipoparatiroidismo e insuficiencia adrenocortical) e candidiase mucocutánea crónica. Finalmente, a deficiencia de IgA está tamén ás veces asociada co desenvolvemento de fenómenos autoinmunes e atópicos.

Factores xenéticos

editar

Certos individuos son susceptibles xeneticamente de desenvolver enfermidades autoinmunes. Esta susceptibilidade está asociada con múltiples xenes e outros factores de risco. Individuos xeneticamente predispostos non sempre desenvolven enfermidades autoinmunes.

Sospéitase de que hai tres conxuntos de xenes implicados en moitas enfermidades autoinmunes. Estes xenes están relacionados con:

Os dous primeiros, que están implicados no recoñecemento de antíxenos, son inherentemente variables e susceptibles de recombinación. Estas variacións permiten ao sistema inmunitario responder a unha ampla variedade de invasores, pero poden tamén dar lugar a linfocitos capaces de autorreactividade.

Científicos como H. McDevitt, G. Nepom, J. Bell e J. Todd presentaron importantes evidencias que suxiren que certos alotipos de MHC de clase II están moi correlacionadas con enfermidades autoinmunes.

Existen poucas correlacións coas moléculas do MHC de clase I. A máis notable e consistente é a asociación entre o HLA B27 e a espondilite anquilosante. Poden existir correlacións entre polimorfismos nos promotores do MHC de clase II e enfermidades autoinmunes.

Seguen investigándose as contribucións de xenes que están fóra do complexo MHC, en modelos animais da enfermidade (como os amplos estudos xenéticos de Linda Wicker sobre a diabetes nos ratos NOD[8]), e en pacientes (análises de ligamento de Brian Kotzin da susceptibilidade ao lupus eritematoso sistémico).

Recentemente, asociouse o PTPN22 con múltiples enfermidades autoinmunes incluíndo a diabetes tipo I, artrite reumatoide, lupus eritematoso sistémico, tiroidite de Hashimoto, enfermidade de Graves, enfermidade de Addison, miastenia gravis, vitilixe, esclerose sistemica, artrite idiopática xuvenil, e artrite psoriásica.

Proporción femia/macho da incidencia
de enfermidades autoinmunes
tiroidite de Hashimoto 10/1[9]
enfermidade de Graves 7/1[9]
esclerose múltiple (MS) 2/1[9]
miastenia gravis 2/1[9]
lupus eritematoso sistémico 9/1[9]
artrite reumatoide 5/2[9]
colanxite esclerosante primaria 1/2

O sexo das persoas parece que tamén xoga un papel no desenvolvemento da autoinmunidade, polo que se teñen clasificado a maioría das doenzas autoinmunes como enfermidades relacionadas co sexo da persoa. Por exemplo, en EEUU case o 75%[9] dos máis de 23,5 millóns de persoas que padecen alí enfermidades autoinmunes son mulleres, pero hai tamén millóns de homes que as padecen e neles poden ser máis severas. Hai unhas poucas enfermidades autoinmunes que é igual ou máis probable que as padezan homes que mulleres, como: espondilite anquilosante, diabetes mellitus tipo 1, granulomatose de Wegener, enfermidade de Crohn, colanxite esclerosante primaria e psoríase.

A razón desta influencia do sexo na autoinmunidade non está clara. As mulleres parecen en xeral orixinar respostas inflamatorias máis grandes ca os homes cando se activa o sistema inmunitario, o que incrementa o risco de autoinmunidade.[9] Sinalouse a implicación dos esteroides sexuais para explicar que moitas enfermidades autoinmunes tenden a flutuar de acordo cos cambios hormonais, por exemplo, durante o embarazo, no ciclo menstrual, ou cando se usa contracepción oral.[9] Un historial de embarazos anteriores tamén parece aumentar o risco de enfermidades autoinmunitarias.[9] Suxeriuse que o lixeiro intercambio de células que se produce entre as nais e os fetos durante o embarazo pode inducir autoinmunidade.[10] Isto inclinaría o equilibrio entre os sexos na dirección feminina.

Outra teoría suxire que a gran tendencia da muller a adquirir autoinmunidade se debe a unha inactivación do cromosoma X desequilibrada.[11] A teoría da inactivación X nesgada, proposta por Jeff Stewart na Universidade de Princeton, foi confirmada experimentalmente recentemente no escleroderma e na tiroidite autoinmune.[12] Propuxéronse outros complexos mecanismos de susceptibilidade xenética ligada ao X, que están a investigarse.[9]

Factores ambientais

editar

Existe unha interesante relación inversa entre as enfermidades infecciosas e as enfermidades autoinmunes. En zonas do mundo onde son endémicas moitas enfermidades infecciosas, as enfermidades autoinmunes vense moi raramente. O inverso, ata certo punto, parece ser certo. A hipótese da hixiene atribúe estas correlacións ás estratexias de manipulación inmunitaria exercidas polos patóxenos. Aínda que esta observación foi considerada por algúns inoperante, de acordo con algúns estudos, a infección por parasitos está asociada cunha redución da actividade das enfermidades autoinmunes.[13][14][15]

O mecanismo que se supón actúa é que o parasito amortece as respostas inmunes do hóspede para autoprotexerse. Isto podería proporcionar un beneficio casual para aqueles hóspedes que tamén están a sufrir unha enfermidade autoinmune. Os detalle da modulación inmune do parasito non se coñecen, pero poden incluír a secreción de axentes antiinflamatorios ou a interferencia coa sinalización inmune do hóspede.

Unha observación paradoxal é a forte asociación de certos microorganismos coas enfermidades autoinmunes. Por exemplo, Klebsiella pneumoniae e virus Coxsackie B están fortemente correlacionados coa espondilite anquilosante e diabetes mellitus tipo 1, respectivamente. Isto foi explicado pola tendencia do organismo infeccioso a producir superantíxenos que son capaces de causar unha activación policlonal dos linfocitos B, e a produción de grandes cantidades de anticorpos de variadas especificidades, algúns dos cales poden ser autorreactivos (véxase máis abaixo).

Certos axentes químicos e drogas poden tamén asociarse coa xénese de condicións autoinmunes, ou condicións que estimulan as enfermidades autoinmunes. O caso máis evidente é o lupus eritematoso inducido por drogas. Xeralmente, a retirada da droga que o causa cura os síntomas no paciente.

Tamén está hoxe establecido que fumar é un factor de risco importante para a incidencia e a gravidade da artrite reumatoide. Isto pode estar relacionado cunha citrulinación anormal de proteínas, xa que os efectos de fumar correlaciónanse coa presenza de anticorpos contra péptidos citrulinados.

Patoxénese da autoinmunidade

editar

Crese que hai varios mecanismos que operan na patoxénese das enfermidades autoinmunes, nun contexto de predisposición xenética e modulación ambiental. Un resumo destes mecanismos é o que se describe a continuación:

  • Bypass de células T. Un sistema inmunitario normal require a activación das células B polas células T para que as primeiras poidan producir anticorpos en grandes cantidades. Este requirimento de células T pode ser evitado en casos raros, como infeccións por organismos que producen superantíxenos, que son capaces de iniciar unha activación policlonal de células B, ou mesmo de células T, ao unirse directamente á subunidade β do receptor de células T dun modo non específico.
  • Discordancia de células B-T - Unha resposta imune normal implica as respostas das células B e T ao mesmo antíxeno, mesmo se sabemos que as células B e T recoñecen cousas moi diferentes: conformacións na superficie dunha molécula por parte das células B e fragmentos de péptidos preprocesados por parte das células T. Porén, polo que sabemos isto non é imprescindible para a activación. Todo o que se requíre é que unha célula B que recoñece o antíxeno X, endocite e procese unha proteína Y (normalmente =X) e a presente ás células T. Roosnek e Lanzavecchia mostraron que as células B que recoñecían o fragmento Fc da Ig podían ser axudadas por calquera célula T que responda a un antíxeno coendocitado con IgG polas células B como parte dun inmunocomplexo. Na enfermidade celíaca parece probable que as células B que recoñecen a transglutamina tisular sexan axudadas polas células T que recoñecen a gliadina.
  • Retroalimentación mediada polo receptor de células B aberrantes. Unha característica das enfermidades autoinmunes humanas é que están en gran medida restrinxidas a un pequeno grupo de antíxenos, varios dos cales teñen papeis de sinalización na resposta inmune (o ADN, C1q, IgGFc, Ro, receptor Con. A, receptor de aglutinina de cacahuete (PNAR)). Este feito deu lugar á idea de que pode orixinarse unha autoinmunidade espontánea cando a unión de anticorpos a certos antíxenos dá lugar a sinais aberrantes que volven ás células B parentais a través de ligandos unidos a membranas. Estes ligandos inclúen o receptor de células B (para o antíxeno), os receptores Fc de IgG, CD21, que se une ao compoñente do complemento C3d, receptores de tipo Toll 9 e 7 (que poden unirse ao ADN e nucleoproteínas) e PNAR. Outras activacións indirectas aberrantes de células B poden producirse con autoanticorpos para o receptor da acetilcolina (en células mioides tímicas) e hormonas e proteínas ás que se unen hormonas. Xunto co concepto de discordancia de células B e T esta idea forma a base da hipótese de células B autorreactivas que se autoperpetúan.[16] As células B autorreactivas en autoinmunidades espontáneas sobreviven debido á subversión da vía de axuda das células T e do sinal de retroalimentación a través do receptor de células B, superando así os sinais negativos responsables da autotolerancia das células B sen requirir necesariamente a perda da autotolerancia das células T.
  • Mimetismo molecular. Un antíxeno exóxeno pode compartir semellanzas estruturais e de secuencia con certos antíxenos do hóspede; deste xeito, un anticorpo producido contra este antíxeno alleo (que mimetiza os antíxenos propios) pode tamén, en teoría, unirse aos antíxenos do hóspede, e amplificar a resposta inmune. A idea do mimetismo molecular naceu do estudo da febre reumática, que se orixina nas infeccións con estreptococos do grupo A beta-hemolíticos. Aínda que a causa da febre reumática se atribuíu ao mimetismo molecular desde hai medio século, non se identificara formalmente ningún antíxeno responsable (aínda que se propuxeran moitos). Ademais, a complexa distribución nos tecidos desta doenza (corazón, articulacións, pel, ganglios basais) era un argumento en contra dunha orixe a partir dun antíxeno cardíaco específico. Segue a ser perfectamente posible que a enfermidade se deba por exemplo a unha interacción pouco común entre inmunocomplexos, compoñentes do complemento e o endotelio.
  • Reacción cruzada de idiotipos. Os idiotipos son epitopos antixénicos que se encontran na porción para a unión do antíxeno (Fab) da molécula da inmunoglobulina. Plotz e Oldstone presentaron evidencias de que a autoinmunidade pode orixinarse como resultado dunha reacción cruzada entre o idiotipo dun anticorpo antiviral e un receptor da célula hóspede para o virus en cuestión. Nese caso, o receptor da célula hóspede é considerado polo sistema inmunitario como unha imaxe interna do virus, e os anticorpos antiidiotipo poden reaccionar contra as células hóspedes.
  • Disregulación de citocinas. As citocinas foron divididas recentemente en dous grupos segundo cal sexa a poboación de células nas que promoven o funcionamento, que poden ser: células T axudantes tipo 1 ou tipo 2. A segunda categoría de citocinas, que inclúe a IL-4, IL-10 e TGF-β (por só nomear unhas poucas), parece ter un papel na prevención da aparición de respostas inmunitarias proinflamatorias esaxeradas.
  • Apoptose de células dendríticas. As células dendríticas do sistema inmunitario presentan antíxenos a linfocitos activos. As células dendríticas que son defectivas na apoptose poden causar unha activación inapropiada de linfocitos sistémicos coa conseguinte diminución da autotolerancia.[17]
  • Extensión do epitopo ou deriva do epitopo. Prodúcese cando a reacción inmune cambia de atacar só aos epitopos primarios a tamén atacar a outros epitopos.[18] A diferenza do mimetismo molecular, os outros epitopos non necesitan ser estruturalmente similares ao primario.
  • Modificación de epitopos ou exposición de epitopos crípticos. Este mecanismo das enfermidades autoinmunes é peculiar en que non se orixina por un defecto no sistema hematopoético. Polo contrario, a enfermidade está causada pola exposición de enlaces de N-glicano (polisacáridos) crípticos (agochados) comúns a procariotas e eucariotas inferiores nas glicoproteínas de células non hematopoéticas e órganos de mamíferos.[19] Esta exposición de glicanos filoxeneticamente primitivos activa un ou máis dos receptores celulares das células inmunitarias innatas de mamíferos, inducindo un estado inflamatorio estéril crónico. En presenza de danos celulares inflamatorios e crónicos, recrútase o sistema inmunitario adaptativo e pérdese a autotolerancia cun incremento da produción de autoanticorpos. Nesta forma de enfermidade, a ausencia de linfocitos pode acelerar as lesións nos órganos, e a administración intravenosa de IgG pode ser útil terapeuticamente. Aínda que esta ruta da enfermidade autoinmune pode ser a verdadeira razón de certos estados de varias enfermidades dexenerativas, non existen hoxe métodos diagnósticos para este mecanismo da enfermidade, e así o seu papel na autoinmunidade humana non se coñece actualmente.

O papel dos tipos celulares inmunorreguladores especializados, como células T reguladoras, célula NKT, células T γδ na patóxénese das enfermidades autoinmunes están aínda investigándose.

Clasificación

editar

As enfermidades autoinmunes poden dividirse en sistémicas e específicas de órgano (ou trastornos autoinmunes localizados), segundo as características clínico-patolóxicas principais de cada doenza.

Utilizando o esquema de clasificación tradicional de enfermidades “específicas de órgano” e “non específicas de órgano”, foron agrupadas moitas enfermidades baixo o paraugas das enfermidades autoinmunes. Porén, moitos trastornos inflamatorios crónicos humanos carecen de asociacións indicadoras de que se trate de inmunopatoloxías dependentes de células B e T. Nos últimos anos quedou firmemente establecido que unha "inflamación contra os propios" tecidos non necesariamente depende de respostas anormais das células T e B.

Isto levou a unha proposta recente para que o espectro da autoinmunidade se deba ver como un “continuo de enfermidade inmunolóxica,” no que as enfermidades autoinmunes clásicas están a un extremo e as enfermidades orixinadas polo sistema inmunitario innato (non linfocíticas) están no outro extremo. Neste esquema, podería incluírse todo o espectro da autoinmunidade. Utilizando este esquema pode considerarse que moitas enfermidades autoinmunes comúns humanas teñen unha inmunopatoloxía mediada polo sistema inmune innato substancial. Este novo esquema de clasificación ten implicacións para entender os mecanismos da enfermidade e para o desenvolvemento da terapia (ver, por exemplo, o artigo de PLoS Medicine seguinte: http://www.plosmedicine.org/article/info:doi/10.1371/journal.pmed.0030297 Arquivado 27 de setembro de 2011 en Wayback Machine.).

Diagnose

editar

A diagnose de trastornos autoinmunes depende en gran medida do exame do historial do paciente e do recoñecemento físico, e das sospeitas sobre o trasfondo de certas anormalidades derivadas das probas de laboratorio (por exemplo, un valor de proteína C reactiva elevado). En varios trastornos sistémicos, poden empregarse ensaios serolóxicos para detectar anticorpos específicos. Os trastornos localizados diagnostícanse mellor por inmunofluorescencia de mostras de biopsias. Os autoanticorpos utilízanse para diagnosticar moitas enfermidades autoinmunes. Mídense os niveis de autoanticorpos para determinar o progreso da doenza.

Tratamentos

editar

Os tratamentos tradicionais das enfermidades autoinmunes son inmunosupresores, antiinflamatorios (esteroides), ou paliativos.[4] Úsanse terapias non inmunolóxicas como as hormonais na tiroidite de Hashimoto ou diabetes mellitus de tipo 1 para tratar episodios de respostas autoagresivas, polo que son tratamentos paliativos. A modificación da dieta limita a severidade da enfermidade celíaca. O tratamento con esteroides ou NSAID (antiinflamatorios non esteroideos) limita os síntomas inflamatorios de moitas enfermidades. As inmunoglobulinas intravenosas (IVIG) utilízanse para a, polirradiculoneuropatía desmielinizante inflamatoria crónica (CIDP) e a síndrome de Guillain–Barré (GBS). As terapias inmunomodulatorias, como as de antagonistas do factor de necrose tumoral alfa (TNFα) (por exemplo, o etanercept), o axente que reduce a poboación de células B rituximab, o anti-receptor de IL-6 tocilizumab e o bloqueante da coestimulación abatacept mostraron ser útiles para tratar artrite reumatoide (RA). Algunhas destas inmunoterapias poden asociarse cun incremento do risco de ter efectos adversos, como a susceptibilidade a infeccións.

Unha aproximación experimental é a terapia helmíntica (con vermes parasitos), na que se inoculan no paciente nematodos (helmintos) parasitos intestinais específicos. Actualmente hai dispoñibles dous tratamentos moi relacionados, a inoculación con ovos de Necator americanus, ou de Trichuris suis.[20][20][21][22][23][24]

A vacinación de células T tamén está sendo explorada como unha posible terapia futura para os trastornos autoinmunes.

  1. Stefanova I., Dorfman J. R. and Germain R. N. (2002). "Self-recognition promotes the foreign antigen sensitivity of naive T lymphocytes". Nature 420 (6914): 429–434. PMID 12459785. doi:10.1038/nature01146. 
  2. Pike B, Boyd A, Nossal G (1982). "Clonal anergy: the universally anergic B lymphocyte". Proc Natl Acad Sci USA 79 (6): 2013–7. PMC 346112. PMID 6804951. doi:10.1073/pnas.79.6.2013. 
  3. Jerne N (1974). "Towards a network theory of the immune system". Ann Immunol (Paris) 125C (1–2): 373–89. PMID 4142565. 
  4. 4,0 4,1 Tolerance and Autoimmunity
  5. Edwards JC, Cambridge G, Abrahams VM (1999). "Do self perpetuating B lymphocytes drive human autoimmune disease?". Immology 97: 1868–1876. 
  6. Grammatikos A, Tsokos G (2012). "Immunodeficiency and autoimmunity: lessons from systemic lupus erythematosus". Trends Mol Med 18 (2): 101–108. PMID 22177735. 
  7. Klein J, Sato A (2000). "The HLA system. Second of two parts". N. Engl. J. Med. 343 (11): 782–6. PMID 10984567. doi:10.1056/NEJM200009143431106. 
  8. Daniel B. Rainbow, Carolyn Moule, Heather I. Fraser, Jan Clark, Sarah K. Howlett, Oliver Burren, Mikkel Christensen, Val Moody, Charles A. Steward, Javid P. Mohammed, Michael E. Fusakio, Emma L. Masteller, Erik B. Finger, J. P. Houchins, Dieter Naf, Frank Koentgen, William M. Ridgway, John A. Todd, Jeffrey A. Bluestone, Laurence B. Peterson, Jochen Mattner, and Linda S. Wicker. Evidence that Cd101 is an autoimmune diabetes gene in NOD mice. J Immunol. 2011 July 1; 187(1): 325–336. Published online 2011 May 25. doi: 10.4049/jimmunol.1003523PMCID: PMC3128927 [1]
  9. 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 Everyday Health > Women and Autoimmune Disorders By Krisha McCoy. Medically reviewed by Lindsey Marcellin, MD, MPH. Last Updated: 12/02/2009
  10. Ainsworth, Claire (Nov. 15, 2003). The Stranger Within. New Scientist (subscription). (reprinted here [2])
  11. Theory: High autoimmunity in females due to imbalanced X chromosome inactivation: [3]
  12. Uz E, Loubiere LS, Gadi VK; et al. (2008). "Skewed X-chromosome Inactivation in Scleroderma". Clin Rev Allergy Immunol 34 (3): 352–5. PMC 2716291. PMID 18157513. doi:10.1007/s12016-007-8044-z. 
  13. Saunders K, Raine T, Cooke A, Lawrence C (2007). "Inhibition of Autoimmune Type 1 Diabetes by Gastrointestinal Helminth Infection". Infect Immun 75 (1): 397–407. PMC 1828378. PMID 17043101. doi:10.1128/IAI.00664-06. 
  14. Parasite Infection May Benefit Multiple Sclerosis Patients
  15. Wållberg M, Harris R (2005). "Co-infection with Trypanosoma brucei brucei prevents experimental autoimmune encephalomyelitis in DBA/1 mice through induction of suppressor APCs". Int Immunol 17 (6): 721–8. PMID 15899926. doi:10.1093/intimm/dxh253. 
  16. Edwards JC, Cambridge G (2006). "B-cell targeting in rheumatoid arthritis and other autoimmune diseases". Nature Reviews Immunology 6 (5): 394–403. PMID 16622478. doi:10.1038/nri1838. 
  17. Kubach J, Becker C, Schmitt E, Steinbrink K, Huter E, Tuettenberg A, Jonuleit H (2005). "Dendritic cells: sentinels of immunity and tolerance". Int J Hematol 81 (3): 197–203. PMID 15814330. doi:10.1532/IJH97.04165. 
  18. Induction of autoantibodies against tyrosinase-related proteins following DNA vaccination: Unexpected reactivity to a protein paralogue Roopa Srinivasan, Alan N. Houghton, and Jedd D. Wolchok
  19. Green, R.S., Stone, E.L., Tenno, M., Lehtonen, E., Farquhar, M.G., and Marth, J.D. (2007) "Mammalian N-glycan branching protects against innate immune self-recognition and inflammation in autoimmune disease pathogenesis" Immunity 27: 308-320.
  20. 20,0 20,1 Zaccone P, Fehervari Z, Phillips JM, Dunne DW, Cooke A (2006). "Parasitic worms and inflammatory diseases". Parasite Immunol. 28 (10): 515–23. PMC 1618732. PMID 16965287. doi:10.1111/j.1365-3024.2006.00879.x. 
  21. Dunne DW, Cooke A (2005). "A worm's eye view of the immune system: consequences for evolution of human autoimmune disease". Nat. Rev. Immunol. 5 (5): 420–6. PMID 15864275. doi:10.1038/nri1601. 
  22. Dittrich AM, Erbacher A, Specht S; et al. (2008). "Helminth Infection with Litomosoides sigmodontis Induces Regulatory T Cells and Inhibits Allergic Sensitization, Airway Inflammation, and Hyperreactivity in a Murine Asthma Model". J. Immunol. 180 (3): 1792–9. PMID 18209076. 
  23. Wohlleben G, Trujillo C, Müller J; et al. (2004). "Helminth infection modulates the development of allergen-induced airway inflammation". Int. Immunol. 16 (4): 585–96. PMID 15039389. doi:10.1093/intimm/dxh062. 
  24. Quinnell RJ, Bethony J, Pritchard DI (2004). "The immunoepidemiology of human hookworm infection". Parasite Immunol. 26 (11–12): 443–54. PMID 15771680. doi:10.1111/j.0141-9838.2004.00727.x. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar