Abrir o menú principal

Interleucina 4

(Redirixido desde "IL-4")

A interleucina 4 (IL-4 ou IL4) é unha citocina do grupo das interleucinas que induce a diferenciación das células T colaboradoras virxes (células Th0) a células Th2. Unha vez que as células Th2 foron activadas pola acción da IL-4, estas producen cantidades adicionais de IL-4 nun bucle de retroalimentación positiva. A célula que produce inicialmente a IL-4, e que causou así a diferenciación da Th0, non foi aínda identificada con certeza, pero estudos recentes indican que estas células efectoras poden ser os basófilos.[1] A IL-4 está estreitamente relacionada coa interleucina 13 e ambas as dúas teñen funcións similares.

Interleucina 4
PDB 1itm EBI.jpg
Análise da estrutura en solución da interleucina humana 4 determinada por técnicas de resonancia magnética nuclear tridimensionais.
Identificadores
Símbolo IL4
Pfam PF00727
Pfam clan CL0053
InterPro IPR002354
PROSITE PDOC00655
SCOP 2int
SUPERFAMILY 2int

FunciónEditar

Ten varias funcións biolóxicas entre as que están a estimulación da proliferación de células B e T activadas, e a diferenciación das células B en células plasmáticas. É un regulador clave nas inmunidades humoral e adaptativa. A IL-4 induce na célula B o cambio de clase ás IgE, e regula á alza a produción de MHC de clase II. A IL-4 fai diminuír a produción de células Th1, macrófagos, IFN-gamma, e IL-12 en células dendríticas.

A sobreprodución de IL-4 está asociada a alerxias.[2]

Inflamación e reparación de feridasEditar

Os macrófagos dos tecidos xogan un importante papel na inflamación crónica e na curación de feridas. A presenza de IL-4 nos tecidos extravasculares promove a activación alternativa dos macrófagos en células M2 e inhibe a activación clásica dos macrófagos en células M1. O incremento de macrófagos reparadores (M2) está acoplado coa secreción de IL-10 e TGF-β que teñen como resultado a diminución da inflamación patolóxica. A liberación de arxinase, prolina, poliaminases e TGF-β por parte da célula M2 activada está ligada coa reparación de feridas e a fibrose.[3]

ReceptorEditar

O receptor da interleucina 4 chámase IL-4Rα. Este receptor pode atoparse formando parte de tres complexos diferentes no corpo. Os receptores de tipo 1 están compostos da subunidade IL-4Rα cunha cadea γ común e únense especificamente á IL-4. Os receptores de tipo 2 constan dunha subunidade IL-4Rα unida a unha subunidade diferente chamada IL-13Rα1. Estes receptores de tipo 2 teñen a capacidade de unirse tanto a IL-4 coma a IL-13, dúas citocinas con funcións biolóxicas moi relacionadas.[4][5]

EstruturaEditar

A IL-4 presenta un pregamento globular compacto (similar ao doutras citocinas), estabilizado por 3 pontes disulfuro.[6] Unha metade da estrutura está dominada por un feixe de hélices alfa con xiro levoxiro.[7] As hélices son antiparalelas, con dúas conexións colgantes, que caen formando unha folla beta antiparalela de dúas febras.[7]

DescubrimentoEditar

Esta citocina foi codescuberta por Maureen Howard e William Paul[8] e a Dra. Ellen Vitetta e o seu grupo de investigación en 1982.

A secuencia de nucleótidos da IL-4 humana foi illada catro anos despois confirmando a súa semellanza cunha proteína de rato chamada factor-1 estimulador de célula B (BCSF-1).[9]

Importancia clínicaEditar

A IL-4 tamén favorece a mitoxénese, desdiferenciación, e metástases no rabdomiosarcoma.[10] A IL-4, xunto con outras citocinas de Th2, están implicadas na inflamación das vías aéreas observada nos pulmóns de pacientes con asma alérxica.

NotasEditar

  1. Sokol, C.L., Barton, G.M., Farr, A.G. & Medzhitov, R. (2008). "A mechanism for the initiation of allergen-induced T helper type 2 responses". Nat Immunol 9 (3): 310–318. PMID 18300366. doi:10.1038/ni1558. 
  2. Hershey GK, Friedrich MF, Esswein LA, Thomas ML, Chatila TA (December 1997). "The association of atopy with a gain-of-function mutation in the alpha subunit of the interleukin-4 receptor". N. Engl. J. Med. 337 (24): 1720–5. PMID 9392697. doi:10.1056/NEJM199712113372403. Resumo divulgativoeurekalert.org. 
  3. Jon Aster, Vinay Kumar, Abul K. Abbas; Nelson Fausto (2009). Robbins & Cotran Pathologic Basis of Disease (8th ed.). Philadelphia: Saunders. p. 54. ISBN 1-4160-3121-9. 
  4. Maes T, Joos GF, Brusselle GG (September 2012). "Targeting interleukin-4 in asthma: lost in translation?". Am. J. Respir. Cell Mol. Biol. 47 (3): 261–70. PMID 22538865. doi:10.1165/rcmb.2012-0080TR. 
  5. Chatila TA (October 2004). "Interleukin-4 receptor signaling pathways in asthma pathogenesis". Trends Mol Med 10 (10): 493–9. PMID 15464449. doi:10.1016/j.molmed.2004.08.004. 
  6. Carr C, Aykent S, Kimack NM, Levine AD (February 1991). "Disulfide assignments in recombinant mouse and human interleukin 4". Biochemistry 30 (6): 1515–23. PMID 1993171. doi:10.1021/bi00220a011. 
  7. 7,0 7,1 Walter MR, Cook WJ, Zhao BG, Cameron RP, Ealick SE, Walter RL, Reichert P, Nagabhushan TL, Trotta PP, Bugg CE (October 1992). "Crystal structure of recombinant human interleukin-4". J. Biol. Chem. 267 (28): 20371–6. PMID 1400355. 
  8. Howard M, Paul WE (1982). "Interleukins for B lymphocytes". Lymphokine Res. 1 (1): 1–4. PMID 6985399. 
  9. Yokota T; et al. (1986). "Isolation and characterization of a human interleukin cDNA clone, homologous to mouse B-cell stimulatory factor 1, that expresses B-cell- and T-cell-stimulating activities". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 83 (16): 5894–8. PMC 386403. PMID 3016727. doi:10.1073/pnas.83.16.5894. 
  10. Hosoyama T, Aslam MI, Abraham J, Prajapati SI, Nishijo K, Michalek JE, Zarzabal LA, Nelon LD, Guttridge DC, Rubin BP, Keller C (May 2011). "IL-4R Drives Dedifferentiation, Mitogenesis, and Metastasis in Rhabdomyosarcoma". Clin Cancer Res 17 (9): 2757–2766. PMC 3087179. PMID 21536546. doi:10.1158/1078-0432.CCR-10-3445. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar

Este artigo incorpora texto en dominio público de Pfam e InterPro - IPR002354.