Historia da homosexualidade

(Redirección desde «A homosexualidade na historia»)

Ao falarmos da homosexualidade ao longo da historia, cómpre ter presente que as relacións afectivas, sexuais e sexoafectivas entre persoas do mesmo sexo estiveron presentes en todas as épocas da historia. Con moita frecuencia os diferentes réximes políticos valéronse da reprobación de certas formas de sexualidade para exerceren sobre o individuo o seu control. Así, as relacións homosexuais tiveron diferente grao de aceptación segundo a época e a cultura.[1]

Parella de homes, século XIX.

Prehistoria

editar
 
Gravado en xisto que representa a dúas mulleres enfrontadas, sitio de Gonnersdorf.

As representacións artísticas da época paleolítica recollen tamén prácticas sexuais. Entre elas, ademais de tríos, masturbación ou sexo oral, vense escenas de sexo homosexual, tanto entre homes como entre mulleres. Varios gravados en pedra da cova francesa de La Marche mostran a unha muller facéndolle un cunnilingus a outra e un coito anal entre dous homes. No abrigo rupestre de Laussel, en Dordoña, outro gravado representa a dúas mulleres coas pernas entrelazadas, e no sitio arqueolóxico alemán de Gonnersdorf decenas de placas mostran parellas de mulleres.

Tamén se conservan pezas que poden ser interpretadas como bastóns de mando, pero cuxa forma suxire algún tipo de uso como xoguete sexual. É o caso do bastón tallado hai 13 000 anos nun corno de reno, atopado na cova francesa de Gorge d'Enfer, e que está coroado por dous penes. Mide 9,5 centímetros de ancho e 11,5 de alto. No Museo Nacional de Prehistoria de Francia, en Dordoña, hai unha colección de falos de entre 20 e 30 centímetros que foron empregados como decoración ou como consolador.[2]

Grecia antiga

editar
 
Interior dunha xerra ática de figuras vermellas, contra o 480 a.C.

Na Grecia antiga a pederastia (do grego παιδεραστία, derivado de παῖς (pais), rapaz, e ἐραστής (erastēs) amante) foi unha institución social aceptada e de prestixio. O termo pederastia non tiña o significado que lle damos hoxe, senón que se trataba dunha relación entre un home adulto (o erasta) e un mociño adolescente (o eromeno) na que aquel lle procuraba e lle proporcionaba a este formación e tutela. A sociedade grega consideraba a pederastia a forma máis elevada do amor, aínda que se podían apreciar diferenzas entre as diferentes polis. En Creta, segundo Estrabón, a introdución do mozo ás amizades masculinas facíase mediante un rapto ritual, seguido dunha viaxe de varios meses durante a cal a parella se dedicaba á caza e participaba en banquetes, e tras da cal celebraban o retorno con solemnidade e con regalos, consistentes nun equipo de guerra, co cal o eromeno pasaba a ser compañeiro de armas do erasta.[1]

O amor aos rapaces era unha práctica libre no sentido de que non só non estaba penada pola lei senón que estaba admitida pola opinión e tiña sólidos apoios en institucións militares e pedagóxicas. Certos ritos e festas relixiosas procuraban o favor da divindade, que debía protexela. Tamén era unha práctica culturalmente valorada por toda unha literatura que a enxalzaba e achegaba reflexións que fundamentaban a súa excelencia. Pero ao mesmo tempo existían actitudes de desprezo polos mozos demasiado fáciles ou demasiado interesados, de descualificación dos homes efeminados, de rexeitamento de condutas que se consideraban vergoñentas. A diversidade das apreciacións e a complexidade do xogo de valoracións e desvaloracións sobre as prácticas homosexuais facían dificilmente descifrable a moral que as gobernaban. Así se percibe no discurso de Pausanias de Atenas no que mostra o difícil que é saber se Atenas é favorable ou hostil ao amor entre un home e un mozo.[3]

Na súa orixe a pederastia foi o resultado de sociedades fortemente militarizadas, Como Tebas, Esparta ou Creta, nas cales os rapaces abandonaban as súas familias a unha idade moi temperá para viviren en comunidades militares de homes que se encargaban da súa formación. O adulto debía ser un home culto e maior de vinte anos, o rapaz non debía ter menos de doce nin máis de dezaoito. A aparición dos primeiros pelos da barba interrompía esta relación. O acto sexual aceptado era a cópula intercrural (entre as coxas) en posición ergueita fronte a fronte, na que o mozo adoptaba unha actitude pasiva. A penetración anal non se practicaba, pois rebaixaría ao futuro cidadán ao papel submiso dos escravos e das mulleres.[4]

Practicamente a única referencia que temos da homosexualidade feminina no eido cultural grego é a obra da poetisa Safo de Lesbos, da cal só se conserva unha reducida parte.

Co paso do tempo a moral estoica, co seu control das paixóns, foi gañando terreo e foise estendendo a idea de que a sexualidade e a procreación deben ir xuntas, como se ve en Os Amores, do século II, atribuída a Luciano. Máis adiante os pais da Igrexa, seguindo este discurso, concibirán o sexo como parte da función reprodutiva, e verán na homosexualidade unha ameaza para o futuro da especie. A eficacia deste argumento é tal que perdura ata os nosos días.

Mitoloxía

editar

A mitoloxía grega reflicte a normalización das relacións homosexuais emparellando ás súas divindades con cadanseu amante: Zeus raptou a Ganimedes, do que se namorara; o amor de Heracles por Iolano era celebrado cunha festa anual (a Iolaleia) en Tebas; o amor de Apolo por Xacinto celebrábase en Esparta; Aquiles tamén é presentado co seu amante; Orfeo amaba a Calais, a quen as mulleres tracias mataron levadas polos celos; e tantos outros exemplos.

Pobo de Israel

editar
 
David á morte de Ionatán: Dóiome por ti, meu irmán, Ionatán
Canto te quería!
O teu amor era máis doce para min
que o amor das mulleres.
(2 Re, 17-27)

O xudaísmo amosouse tradicionalmente interesado polo derramamento impropio do esperma. Nesta cuestión inclúese a prohibición da masturbación e dos actos homosexuais e a obriga do levirato: procurarlle un fillo á viúva do consanguíneo para que non quede desamparada e se poida beneficiar da herdanza. Os motivos son principalmente dous: nunha cultura agraria e gandeira a procreación era unha necesidade, e por outro lado era preciso distanciarse das prácticas idólatras dos pobos veciños, que reproducían o nacemento do cosmos en ritos de hierogamia e prostitución sagrada.[1]

Moitos dos motivos de índole relixiosa que se esgrimen hoxe para rexeitar a homosexualidade proveñen dunha interpretación pouco acertada ou manipulada do Antigo Testamento. En particular o dogma católico está sustentado principalmente por Xénese 19, 1-11; Levítico 18-22, 20, 13 e polos textos de Paulo, Romanos 1, 26-28; pero tamén por I Corintios 6, 9-10; Xudas 6-7; II Pedro 2, 4; e I Timoteo 9-10.

A Xénese 19, 1-11 describe a chegada duns anxos do Señor a casa de Lot e a insistencia dos sodomitas que querían achegarse a eles (segundo a Biblia galega), deitarse con eles (segundo a española) ou coñecelos (segundo a tradución de Nácar Colunga). Hai que lembrar que o verbo coñecer só ten unha significación sexual en 10 das 943 ocasións nas que se emprega na Biblia (16 de 822 segundo Javier Gafo). A interpretación máis filolóxica desta pasaxe ve nela a infracción da obriga da hospitalidade, sagrada entre un pobo nómade como o xudeu. Ezequiel 16, 49 refrenda esta interpretación: "Este foi o crime da túa irmá Sodoma: orgullo, voracidade, indolencia da dolce vita tiveron el e as súas fillas; non socorreron ó pobre e ó indixente". A identificación do pecado de Sodoma coa homosexualidade é moi serodia, non aparece ata o século I da man de Filón de Alexandría, xudeu na diáspora.[1]

O Levítico 18-22 cualifica de abominación deitarse un home con outro como se fose muller. Nada fala da homosexualidade feminina. Esta prescrición insírese nun contexto no que a regulación dos matrimonios mixtos e entre parentes, a observancia dos códigos de pureza que derivaban do ciclo menstrual e da emisión de esperma, e a aversión á promiscuidade, á nudez pública e ao amor homosexual eran as notas distintivas do pobo xudeu como grupo diferenciado. O Levítico non leva conta de cuestións de orde moral, senón ritual, e considérase que as prácticas sexuais denotan o grao de pureza legal sen entrar en cualificacións de tipo ético.

Paulo de Tarso, en Corintios 6, 9-10, advirte que non herdarán o Reino nin os pornoi (homosexuais activos) nin os arsenokoitai (homosexuais pasivos), entre outras prácticas desagradables a Deus. Está implícita aquí a diferenza entre as prácticas sexuais, que son condenables, e a natureza sexual básica do individuo, que non o é. En Romanos 1, 26, a única referencia da Biblia ao lesbianismo, preséntase todo comercio carnal extramatrimonial como algo contranatural, entendido isto como aquilo que non se axusta ao que se presenta na Natureza. De novo estamos ante un texto máis descritivo que moral.

Roma antiga

editar
 
Sartego romano. Baco, bébedo, apóiase sobre un sátiro que o sostén e o agarima.

En Roma os pedagogos non gardan contacto emocional cos seus discípulos. A actividade desenvolvida no gymnasion polos rapaces gregos, que loitaban espidos, a xuízo de Escipión destrúe a tradición da modestia. A pesar desta prevención romana contra a pederastia, as prácticas homosexuais foron cousa frecuente, especialmente entre as clases máis elevadas. Non consta que se castigasen os actos homosexuais como delito, salvo cando houbese violación, polo menos ata o século III.[1]

Nos primeiros tempos do cristianismo reinaba no Imperio o pensamento platónico, que sostiña unha postura pesimista con respecto ao corpo, cárcere da alma. Asemade a filosofía estoica fíxose moi presente nestes tempos de nacemento do cristianismo, e con ela a busca do natural. A transgresión dos roles de xénero era considerada contranatural, por exemplo a pasividade sexual nun home, que só lles era admitida a rapaces, mulleres e escravos, persoas afastadas das estruturas de poder.

O grao de aceptación social era tal que o emperador Nerón casou dúas veces con homes, recibindo un deles honras de emperatriz. Tamén o emperador Hadriano mantivo con Antinoo unha relación tan estreita que á súa morte o deificou, cubriu o imperio de estatuas que representasen a súa fermosura e fundou en Mantinea un oráculo co seu nome que celebraba misterios anuais. Sendo novo, o mesmo Hadriano fora amante de Traxano. De César sábese que tivo amores con Nicomedes, rei de Bitinia, o cal lle valeu críticas, non por escoller un home, senón por adoptar o rol "pasivo" na relación. Tamén a literatura enxalza o amor entre homes, nos versos de Ovidio, Virxilio e Marcial.

Do amor lésbico sábese ben pouco, seguramente debido ao patriarcalismo reinante, e non chegou a ter un protagonismo destacado.

O emperador Constante, notorio homosexual, ditou un edito no ano 342 que deixaba fóra da lei os matrimonios do mesmo sexo e mandaba castigar a aqueles "que se entreguen a un esposo como unha muller", é dicir, os actos homosexuais de natureza "pasiva". Na mesma dirección foron as leis ditadas por Teodosio I no ano 390 e por Xustiniano no 599.

Europa medieval

editar
 
O beixo de Xudas, século XII.

A primeira Idade Media foi tolerante no referente á aceptación das prácticas homosexuais, pero cando cae a cultura romana a moral sexual comezou a derivar cara a posicións cada vez máis rigorosas. O sentido do natural presente no pensamento ascético mantense durante este período, coa súa concepción do sexo como medio para a procreación dentro do matrimonio. As prácticas homosexuais relacionábanse co paganismo. Nesta época Agostiño de Hipona inventou o concepto de pecado orixinal vencellado ao sexo, dentro da visión negativa do pracenteiro.[1]

Os libros penitenciais reflicten o grao de aceptación das prácticas sexuais non convencionais, menor para a homosexualidade masculina que para a feminina. Porén o condenado non era a homosexualidade da práctica, senón o seu carácter contranatural, pois nas parellas heterosexuais a sodomía penábase co mesmo castigo. Ata o século XIII as poucas leis contrarias ás relacións entre persoas do mesmo sexo foron executadas sen intervención da Igrexa. Así, na Hispania visigoda a lexislación ariana bate contra a tolerancia católica e no ano 650 aparece unha lei que condenaba as prácticas homosexuais coa pena de castración. No século X o galego San Paio foi martirizado por non aceptar as demandas amorosas do Califa de Córdoba.

Dentro do ámbito monástico florece unha literatura amorosa que canta o amor entre homes. O teólogo Alcuíno, intelectual da corte de Carlomagno, preséntase como un "padre amante, que lambe sempre o teu peito e con bágoas o lava, amado". Os autores que cultivan este xénero non se laian por seren homosexuais, senón por transgrediren o celibato, estado ideal e admirado. Igualmente no século XI Santo Anselmo de Canterbury e Santo Aelredo, abade do mosteiros de Rielvax, en Inglaterra. A literatura sobre o tema era sumamente popular, e deste xeito entre os séculos XI e XII florece unha produción poética que olla para atrás en busca da antigüidade greco-romana. A meirande parte dos homes que cultivaron este xénero eran eclesiásticos ben respectados. Así cregos, abades, bispos e mesmo algún papa gozaron da compaña dos seus amantes, do mesmo xeito que se sabe que Ricardo Corazón de León compartía leito con Filipe II de Francia.

 
Os mártires Serxio e Baco uníronse polo ritual de adelphopoiesis.

A adelphopoiesis

editar
Artigo principal: Adelphopoiesis.

A igrexa católica adoitaba celebrar unha cerimonia de unión entre homes chamada adelphopoiesis, a través da cal se instituía unha unidade análoga á familiar. A celebración da adelphopoiesis gozou de bastante popularidade ata o Concilio de Trento. Do mesmo xeito que o matrimonio heterosexual, a adelphopoiesis empregábase como medio para establecer relacións de alianza entre familias, polo que con frecuencia era alentada polos pais dos contraentes.[Cómpre referencia]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 CHAO REGO, X. (1999). A condición homosexual. Galaxia. Vigo. ISBN 84-8288-268-6. 
  2. ANSEDE, M. (04/08/2010). www.publico.es, ed. "Los gays paleolíticos salen de la caverna". Arquivado dende o orixinal o 15/08/2010. Consultado o 20/08/2010. (en castelán)
  3. FOUCAULT, M. (2002). Historia de la sexualidad, vol. 2, El uso de los placeres. Siglo XXI. ISBN 968-23-1326-0. (en castelán)
  4. MELO, A. (2005). El amor de los muchachos. Ediciones LEA. ISBN 987-21776-5-1. (en castelán)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar