Carlos Callón
Carlos Manuel Callón Torres, nado en Santa Uxía de Ribeira o 26 de agosto de 1978, é licenciado en filoloxías galega, portuguesa e románica pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutorouse na Universidade da Coruña. Exerceu como profesor de lingua e literatura galega e lingua portuguesa no CPI Alfonso VII de Caldas de Reis e no IES de Bertamiráns. Na actualidade exerce como profesor de Xeografía e Historia no Instituto Espanhol Giner de los Ríos de Lisboa.
Carlos Callón | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 26 de agosto de 1978 |
Ribeira | |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | Mestre, escritor |
[ editar datos en Wikidata ] | |

TraxectoriaEditar
A partir de 1995 ocupou diversas responsabilidades na Mesa pola Normalización Lingüística, organización de cuxa xunta directiva nacional é membro dende 1995 e que presidiu desde 2002 a 2014, desde entón é Presidente de Honra da entidade. É presidente tamén do padroado da Fundación Vía Galego, desde a súa constitución en 2006. Presidiu tamén a Fundación Via Galego[1] e a federación estatal Diverslinguae, desde a constitución de ambas, en 2006 e 2008, respectivamente.
Foi concelleiro por parte do BNG na súa vila natal entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002, e membro do Consello Asesor de RTVE en Galicia entre 1998[2] e 2002.
Foi membro do grupo Galabra da USC e do consello de redacción de Longalingua. Publicación galega de lingua e sociedade[3]. Colaborou nos primeiros pasos da Biblioteca Virtual Galega, da Universidade da Coruña. Na actualidade, é membro do Grupo GRAALL da USC.
O 20 de decembro do 2015 presentouse ao congreso pola provincia da Coruña representando a Nós - Candidatura Galega.
ObraEditar
É autor de diversos traballos centrados na sociolingüística e mais nos estudos literarios, dados a coñecer en diferentes congresos e revistas especializadas. Así mesmo, é autor de libros como Unha historia que nos pertence (A obra poética en galego de Lorenzo Varela) (2005) e En castellano no hay problema (2010), no cal aborda a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, facendo especial fincapé na política lingüística do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo[4].
En febreiro de 2011 gañou o XVI premio Vicente Risco de Ciencias Sociais coa obra Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media[5], na que analiza a aceptación da adelphopoiesis na Idade Media. Entre outra documentación, analiza un documento de 1061 recollido no Tombo de Celanova, polo cal Pedro Díaz e Muño Vandilaz subscribían unión en Rairiz de Veiga[6].
EnsaioEditar
- Unha historia que nos pertence (A obra poética en galego de Lorenzo Varela), 2005, A Nosa Terra.
- En castellano no hay problema, 2010, Xerais.
- Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, 2011, Sotelo Blanco.
- Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, 2011, Xerais.
- Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, 2012, Xerais.
- Galegocalantes e galegofalantes, 2017, Xerais.
PoesíaEditar
Obras colectivasEditar
- I Congreso Internacional Curros Enríquez e o seu tempo, 2004, Consello da Cultura Galega.
- Xosé Chao Rego: renacer galego. (Actas do Simposio-Homenaxe), 2010, Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas.
- Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética e o programa cultural de Valentín Paz-Andrade, 2015, Figurandorecuerdos Edicións. Con Paulo Filgueiras Fachal.
- No tempo de Follas novas. Unha viaxe pola literatura universal, 2015, Alvarellos.
PremiosEditar
- XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais en 2011, por Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media.
- Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de ensaio no 2011, por Amigos e sodomitas.
- Premio Redelibros de Ensaio no 2011, por Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.
- Premio Careón 2018, pola súa traxectoria literaria.
NotasEditar
- ↑ Páxina web Arquivado 22 de maio de 2017 en Wayback Machine. da Fundación Via Galego.
- ↑ DECRETO 68/1998, do 5 de marzo, polo que se nomean os membros do Consello Asesor de RTVE en Galicia.
- ↑ Páxina web Arquivado 24 de novembro de 2011 en Wayback Machine. de Longalingua.
- ↑ Sinopse do libro no web de Edicións Xerais
- ↑ "Carlos Callón gaña o Vicente Risco de ensaio cunha obra sobre a homosexualidade na Idade Media", artigo en www.culturagalega.org, 28 de febreiro de 2011.
- ↑ "Máis que amigos", artigo en Vieiros, 6 de decembro de 2008. Consultado o 15 de xuño de 2010
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carlos Callón |