Xogo de azar
Un xogo de azar é un xogo cuxo desenvolvemento está total ou parcialmente suxeito á incerteza. A palabra azar deriva do árabe az-zahr que inicialmente significaba flor pero, debido a que no xogo de dados se debuxaba unha flor na cara que daba a sorte, co paso do tempo pasou a designar ao dado co que se xogaba. Finalmente, o significado transformouse ata adoptar o mesmo significado que a palabra latina alea[1].
Débense diferenciar dous tipos de xogos de azar[2]:
- Os de puro lecer, pasatempo ou recreo que constitúen usos sociais e que non producen transferencias economicamente avaliábeis nin beneficio económico para o organizador.
- Aqueles nos que se apostan cantidades de diñeiro ou obxectos economicamente avaliábeis sobre resultados futuros e incertos dependentes dalgunha forma do azar. Están regulados por lei na maioría dos países, así en España réxense pola Lei 13/2011 de regulación do xogo.
Atendendo á maior ou menor influencia do azar no xogo, pode ser:
- Xogo de azar puro, no que o xogador non inflúe no desenvolvemento do xogo, condicionado só pola sorte ou azar.
- Xogo de azar con habilidade, no que amais do azar, a destreza dos xogadores xoga, en maior ou menor grao, un certo papel.
O estudo de problemas de estratexia nos xogos de azar con habilidade, deu lugar a un novo campo das matemáticas: o cálculo de probabilidades. Así mesmo, James Waldegrave en 1713 e Antoine Augustin Cournot en 1838 publicaron traballos matemáticos sobre estratexias nun xogo de cartas de dous xogadores; estes traballos considéranse precedentes doutra rama matemática, a teoría de xogos, estruturada como teoría matemática no século XX ao estudar o comportamento da economía, e posteriormente aplicada a outros campos do saber[3].
Historia
editarAntigüidade
editarOs primeiros xogos de azar son imposíbeis de datar, as súas orixes están estreitamente ligadas ás prácticas adiviñatorias e relixiosas. Para o desenvolvemento dos xogos facíanse necesarios obxectos que xerasen resultados aleatorios. Restos destes obxectos acháronse nas tumbas das civilizacións antigas (sumerios, asirios, exipcios etc.), sendo os dados os máis comúns.
Un dos xogos máis antigos que se coñecen, e que se segue xogando hoxe en día, é o oware, de orixe africana e do que non se coñece con certeza a súa antigüidade. Xógase con sementes ou chinas sobre un taboleiro con dúas ringleiras de seis foxos. O obxectivo do xogo é capturar pezas do rival ou inmobilizalo.
Os sumerios practicaban o xogo real de Ur, denominado así por acharse pezas do xogo pescudando túmulos reais na cidade sumeria de Ur. O achado fíxoo en 1920 Sir Leonard Wolley, consistindo este en dados con forma piramidal, fichas e dous taboleiros con incrustacións de marquetaría[4]. Os sumerios, e posteriormente os asirios, tamén usaban unha forma antiga de dado de seis caras feito dun óso chamado astrágalo, extraído do calcañar de animais, e que moldeaban para que puidese caer en catro posicións diferentes[5].
No antigo Exipto era moi popular o xogo do Senet. O obxectivo do xogo era colocar un dos peóns propios no derradeiro cadro que representaba o ceo; para iso cada xogador dispoñía de varios peóns, que avanzaban segundo o resultado que se obtiña ao lanzar unhas barras numeradas do 1 ao 4. Exemplares destas barras acháronse na tumba de Tutankamon[4]. A maior parte dos xogos inspirados no Senet comparten a súa simboloxía celeste, como ocorre no xogo da mariola.
Na India antiga o xogo era moi popular como testemuñan antigos poemas como o Lamento do xogador ou o Mahabharata; xa no século IV a. C., o texto Arthashastra recomendada a súa regulación e control[6].
Mundo clásico e a China
editarOs nenos da Grecia clásica, e despois os da antiga Roma, xogaban á Ostrakinda: os nenos repartíanse en dous equipos e lanzábase ao aire unha cuncha branca ennegrecida por un lado ao berro de "noite ou día". Segundo o resultado do lanzamento uns nenos perseguían aos outros[7]. Os pais da época consideraban este xogo moi instrutivo para a formación dos rapaces[8]. É o devanceiro do cara ou cruz.
Na Roma antiga foron moi populares os xogos de dados, e non só entre os propios romanos senón tamén noutros pobos coetáneos. Así falaba Publio Cornelio Tácito no ano 99 sobre o xogo entre os xermanos[9]:
eles practican o xogo de dados como se fose un negocio serio, con ousadía no gañar e no perder, de xeito que, cando non teñen nada máis apostan a súa liberdade e a súa persoa na última quenda do dado. O perdedor resígnase voluntariamente á servidume, e mesmo se é máis xove e forte que o seu adversario, permite ser amarrado e vendido. Así, grande é a súa firmeza nun caso tan ruín que eles mesmos cualifican de "Manter a súa palabra"
Os primeiros rexistros dunha lotaría son os cartóns Keno dos chineses da Dinastía Han entre 205 e 187 a. C. Estas lotarías axudaron a financiar proxectos gobernamentais importantes, como a Gran Muralla Chinesa. As primeiras lotarías europeas coñecidas foron realizadas durante o Imperio Romano[5]; Petronio no Satiricón preséntaas principalmente como unha diversión nos xantares. Cada convidado recibía un billete; os premios consistían moitas veces de lotes especiais como louza. Todo portador dun billete tiña a certeza de gañar algunha cousa. Este tipo de lotaría, por tanto, non era máis ca un repartimento de regalos entre nobres ricos durante as festas saturnais. Suetonio na súa obra A vida de 12 césares, narra os primeiros rexistros dunha oferta de billetes de lotaría para a venda organizada polo emperador romano César Augusto. Os recursos foran usados para amaños na cidade de Roma, e os vencedores recibiran premios en forma de artigos de valor desigual.
As barallas máis antigas coñecidas son de orixe chinesa e apareceron durante a dinastía Tang (618-907)[10]. Semella que foron desenvolvidas a partir dos antigos dados provenientes da India[11]. Joseph Needham estima á vista de diferentes fontes que as barallas (en papel) se remontan, cando menos, ata o século IX[12].
Nos comezos da dinastía Song (século XI), nace o dominó como unha evolución das barallas[11].
Idades Media e Moderna
editarEn Europa aparecen as primeiras barallas no século XIV[5], e a primeira lotaría en 1441 en Bruxas.
No século XVI, xorden os primeiros estudos matemáticos en Europa sobre xogos. Luca Pacioli ao redor de 1500 na súa notábel obra Summa estuda un problema do xogo da Balla. Girolamo Cardano en 1526 escribe o libro Liber de Ludo Aleae (Libro dos Xogos de Azar), resolvendo varios problemas de enumeración e retoma os problemas propostos por Pacioli[13]. Con todo, a obra de Cardano non foi publicada ata 1663[5]. Cardano relata na súa autobiografía, De Propria Vita, que era un vicioso dos xogos. Escribe que xogara ao xadrez durante 40 anos e aos dados por 25 anos[14]. Niccolo Tartaglia en 1556 dedica algunhas páxinas do seu libro General Trattato aos problemas de Pacioli e Galileo Galilei; en 1590 escribe outro manual sobre xogos, o Sopra le Scoperte dei Dadi (Consideracións sobre o Xogo de Dados)[13][15].
A consecuencia dunha carta enviada polo Cabaleiro de Meré a Blaise Pascal na que lle pedía a solución para un xogo, iniciouse unha frutífera correspondencia entre Pascal e Pierre de Fermat desde xullo a outubro de 1654. Esta correspondencia está considerada como a acta fundacional do cálculo de probabilidades[15]. Un dos conceptos establecidos por Pascal, o de esperanza matemática, aplicouse a un novo tipo de xogos: os xogos de contrapartida, nos que un banqueiro se enfronta ao resto dos xogadores cunha certa vantaxe para o primeiro. Este feito supuxo o nacemento do xogo profesional e a aparición dos primeiros casinos. En Venecia abríronse uns locais, os "ridotti", casas de xogos nas que se ofrecía a posibilidade de enfrontarse a un empregado que facía de banqueiro. Xunto cos primeiros casinos, aparecen tamén as primeiras rifas e lotarías administradas polos estados.
Do século XIX ata hoxe
editarNo século XIX aparecen novos xogos de azar como a ruleta, o póker e a máquina tragamoedas[5]. Se ben a ruleta fora ideada polo matemático francés Blaise Pascal no século XVII con 36 números; a finais do século XIX os irmáns Blanc engadiron o número 0, resultado que supuña a ganancia para a banca. Con esta modificación foi introducida no Casino de Montecarlo e na actualidade séguese a xogar deste xeito en tódolos casinos do mundo.
Ao longo do tempo, a situación dos xogos de azar nos distintos países pasou por fases de legalidade e prohibición. En España estiveron prohibidos durante a ditadura de Franco. Permitíanse só xogos administrados polo estado, como a Lotaría Nacional e as quinielas, e os dalgunhas organizacións benéficas como a ONCE. Ata 1977 non foi legalizado o xogo en España.
Na actualidade os xogadores poden apostar nunha variedade cada vez maior de xogos. A chegada de Internet deulle, se cabe, un maior pulo ao negocio do xogo coa aparición das apostas on-line e os casinos virtuais. Os xogos de azar son lucrativos negocios que moven unha inxente cantidade de diñeiro, estimada en 2009 en 335.000 millóns de dólares[16].
Tipos de xogos de azar
editarXogos de lecer
editarO abano de xogos de azar é inmenso. Amais dos relatados nas anteriores seccións hai unha infinidade de xogos de naipes, de dados e doutro tipo que gozan de gran popularidade. En Galiza, destacan:
- Xogos de naipes:
- Brisca: Poden xogar dúas persoas, catro (en dous equipos de dous xogadores), ou seis (en dous equipos de tres). Xógase coa baralla española de 40 cartas se son dous ou catro xogadores, e coa de 48 cartas se son seis. O obxectivo do xogo é obter máis puntos co rival.
- Escoba: O número de xogadores pode variar de 2 a 4, se son 4 os xogadores adoitase a xogar por parellas. Ao comezo da partida cada xogador dispòn de tres cartas e na mesa hai catro cartas descubertas, cada carta ten un valor numérico e o xogador ten que tentar que sumen 15 unha das súas cartas e algunha ou todas as da mesa. Se recolle todas dise que fai escoba e vale 1 punto. As outras formas de levar un punto ao final da man é polo maior número de cartas, polo maior número de ouros, por maior número de setes e polo sete velo (sete de ouros)[17].
- Tute: Xogo de naipes para dúas, tres ou catro persoas que se xoga cunha baralla de 40 cartas. Variedades deste xogo son o tute subastado e o tute cabrón, neste último pode haber un número elevado de xogadores. En xeral, pódese dicir que o obxectivo do xogo consiste en sumar tantos, mais no tute cabrón tamén gaña o que menos tantos ten.
- Mus: Moi popular en España e algúns países iberoamericanos. Xógan dúas parellas cunha baralla de 40 cartas. As regras poden variar dun lugar a outro. Gaña unha partida aquela parella que obteña máis vacas, cada vaca está composta de 3, 4 ou 5 xogos, que á súa vez están formados por un número determinado de tantos. En cada unda das xogadas pódese envidar (apostar) o número de tantos que se queira (o mínimo é dous) ou mesmo xogarse todo un xogo no que se coñece como un órdago.
- Chinchón: Permite de 2 a 8 xogadores sen formar equipos e úsase unha baralla de 40 cartas. O obxectivo é formar chinchón (escaleira de sete cartas do mesmo pau). O xogo termina cando un xogador acada unha cantidade de puntos superior a cien.
- Continental: Garda certa semellanza co chinchón, como nel poden xogar de 2 a 8 xogadores individuais. Xógase con dúas barallas e trátase de conseguir combinacións válidas (tríos e escaleiras). As cartas que non están combinadas ao final dunha man súmanse á puntuación do xogador correspondente, gañando que ten menos puntos ao remate da partida.
- Solitarios: Hai unha ampla variedade de solitarios con naipes, destinados exclusivamente para un só xogador.
- Xogos de dados:
- Póker: Existen distintas variedades. En xeral, as combinacións e a súa xerarquía son as mesmas ca no póker de naipes.
- Yahtzee: É un xogo de sumar puntos; en cada quenda hai que tratar de sacar o maior número posíbel dunha das figuras do dado, continuando con outra cara distinta na seguinte quenda. Unhas veces o xogador, en base á primeira tirada, elixe a figura á que vai; noutras está obrigado a ir a unha certa figura. Tamén hai que facer algunhas combinacións como no póker. Gaña o que ten o maior número de puntos ao remate.
- Outros:
- Parchís:É un xogo de mesa moi popular en España. Xógase cun dado e catro fichas para cada un dos xogadores (de dous a catro, aínda que tamén hai taboleiros para 6 ou 8 xogadores). O obxecto do xogo é que cada xogador leve as súas fichas desde a saída ata a meta tentando, no camiño, comerse as demais. O primeiro en conseguilo será o gañador.
- Cara ou cruz: Xogo de azar puro entre dous xogadores que elixen entre a cara e a cruz da moeda. Lánzase a moeda ao aire e o resultado do lanzamento dá o gañador.
- Pedra, papel, tesoira: Xogo infantil para dous. Simultaneamente os dous xogadores amosan as súas mans dispostas de xeito que representen unha pedra (puño), un papel (man estendida) ou unha tesoira (os dedos índice e medio estendidos e formando un certo ángulo). A pedra gaña á tesoira, esta gaña ao papel, e este á pedra.
- Xogo da oca: Xogo de taboleiro de 64 etapas. Segundo algunhas teorías ten orixe no Camiño de Santiago.
Xogos de aposta
editar- Artigo principal: Xogo de aposta#Tipos de xogos de apostas.
Hai unha ampla oferta de xogos de apostas. Algúns son xestionados pola Administración (Lotaría, Quinielas, Primitiva etc.) ou algunha organización benéfica (Cupón da ONCE, Gran premio de ouro da Cruz Vermella), mentres que outros son xestionados por empresas con ánimo de lucro como casinos, casas de apostas e bingos.
Notas
editar- ↑ Etimoloxía da palabra azar(en castelán)
- ↑ Lei 13/2011 do 27 de maio de Regulación do Xogo (BOE do 28 de maio) (en castelán)
- ↑ Crilly, Tony (2011). Ariel, ed. 50 cosas que hay que saber sobre matemáticas (en castelán). ISBN 978-987-1496-09-9.
- ↑ 4,0 4,1 Seabra, Mário (1978). "História dos Dados". En Editora Abril. Os Melhores Jogos do Mundo. São Paulo.(en portugués)
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Packel, Edward W. (1981). The Mathematical Association of America, ed. The Mathematics of Games and Gambling (en inglés) 28. Washington, D.C. pp. 1–11. ISBN 0-88385-628-X.
- ↑ Bose, M. L. (1998). Concept Publishing Company, ed. Social And Cultural History Of Ancient India (revised & Enlarged Edition). p. 179. ISBN 978-81-7022-598-0. Consultado o 9 de marzo de 2013.(en inglés)
- ↑ Becq de Fouquières, Louis (1873). Les Jeux des anciens.(en francés)
- ↑ Selecciones México (ed.). "Cómo jugaban los niños en la época clásica". Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2013. Consultado o 9 de marzo de 2013.(en castelán)
- ↑ Bell, R. C. (1979). Dover Publications, ed. Board and Table Games from Many Civilizations (en inglés) 1. Nova York. p. 125. ISBN 0-486-23855-5.
- ↑ Prion Books, ed. (1983). "The Genius of China". 3,000 years of science, discovery and invention. pp. 116–117.(en inglés)
- ↑ 11,0 11,1 Needham, Joseph (1986). The shorter Science and Civilisation in China, an abridgement by Colin A. Ronan 3. Consultado o 9 de marzo de 2013.(en inglés)
- ↑ Needham, Joseph; Tsuen-hsuin Tsien (2001). Cambridge University Press, ed. Science and civilisation in China. V: Chemistry and chemical technology - Part 1: Paper and Printing. pp. 131–132. Consultado o 9 de marzo de 2013.(en inglés)
- ↑ 13,0 13,1 "Início da matematização das probabilidades". Consultado o 9 de marzo de 2013.(en portugués)
- ↑ Hazzan, Samuel; Hygino H. Domingues, (autor da leitura). "Combinatória, probabilidade". En Atual Editora. Fundamentos de matemática Elementar (en portugués) 5. São Paulo. pp. 56–57. ISBN 85-7056-047-8.
- ↑ 15,0 15,1 "Games of Chance" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de marzo de 2014. Consultado o 9 de marzo de 2013.(en inglés)
- ↑ "You bet". The Economist. 8 de xullo de 2010. Consultado o 9 de marzo de 2013.(en inglés)
- ↑ Mundijuegos (ed.). "Reglas de la escoba". Consultado o 19 de marzo de 2013.(en castelán)
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xogo de azar |