Serra da Groba
A serra da Groba é un sistema montañoso que atravesa os concellos pontevedreses de Baiona, Oia e O Rosal, en dirección norte - sur. A altura máxima acádaa no Alto da Groba, de 662 metros de altitude[1], en Belesar. Outros picos importantes son Corroubelo, en Pedornes, de 599 m e Campo do Couto, no Rosal, que alcanza os 553 metros. Acolle a máis importante concentración de cabalos de raza galega en liberdade[2].
Tipo | serra | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
Continente | Europa | |||
División administrativa | Provincia de Pontevedra, España | |||
| ||||
Xeoloxía
editarTrátase dun macizo granítico duns 50 km², en contacto no leste coas rochas sedimentarias metamorfizadas que compoñen o Complexo Monteferro - O Rosal. O granito é alcalino, intruído na oroxenia herciniana, e presenta unha intensa foliación manifestada na disposición paralela das súas micas.
Flora e fauna
editarA masa arbórea autóctona da serra é a composta por carballos, castiñeiros, salgueiros, loureiros, acivros e sobreiras, maioritariamente. Porén, como noutras zonas de Galiza, predominan as especies de repoboación, basicamente piñeiro bravo e eucalipto azul. O mato componse de toxos e uces, aparecendo nas zonas húmidas a escasa e singular herba das malladas, Nardus stricta. Cómpre salientar a presenza do fento do cabeliño (fento arborescente de nome científico Culcita macrocarpa, con ata tres metros de longo nas follas), e de plantas carnívoras do xénero Drosera, estas últimas en zonas de brañas e lugares húmidos de augas acedas sobre musgos do xénero Sphagnum. En Prado (Viladesuso) medran as Sobreiras do Faro, un bosque de sobreiras único pola súa localización no extremo occidental de Europa e declaradas Espazo Privado de Interese Natural.
A fauna está dominada polo cabalo, o cal dá nome a ruta de sendeirismo sendeiro das Greas que, en parte, transcorre por esta serra. Tamén abundan os raposos, os xabaríns e os coellos. O 90 % das especies de anfibios existentes en Galiza, o 60 % dos réptiles e o 35 % das aves están presentes na serra da Groba. Seguindo o documento do Consello da Cultura Galega, as diferenzas de diversidade observables entre uns e outros grupos de fauna débese á articulación espacial complexa dun reducido número de sistemas simples[3].
Patrimonio
editarA contorna da serra é rica en petróglifos. Presentan formas reticuladas e zoomórficas, círculos concéntricos, espirais, liñas e labirintos. Salientan os petróglifos da Valga, en Loureza e os da Laxe Cruzada, en Torroña, parroquia de Burgueira, que contén un dos cinco labirintos gravados que existen en Galiza. Merecen particular atención os gravados de Auga dos Cebros na parroquia de Oia, na que figuran representadas tres embarcacións de orixe mediterránea, probablemente fenicias, unha das mellores probas arqueolóxicas dos contactos establecidos entre os pobos galaicos e os mediterráneos en tempos protohistóricos.[4] Tamén abundan os muíños naviculares, fochancas barquiformes practicadas nas rochas para moer o gran, así como as mámoas.
Nas parroquias oienses de Mougás e Burgueira hai restos de foxos de lobos, trampas para estes carnívoros deseñadas como unhas paredes converxentes rematadas a xeito de funil, coma o Foxo Pedriño, o maior dos coñecidos en Galiza.[5] Vellos camiños lousados, hórreos (chamados canizos na zona), pontes e muíños de auga completan o patrimonio arquitectónico tradicional da serra.
A cantidade de cabalos ceibes que corren polos montes que compoñen a serra da Groba fan que nos seus escasos cincuenta quilómetros cadrados teñan lugar ata tres curros: na Valga, e nas parroquias oienses de Burgueira (en Torroña) e de Mougás.
Lecer
editarO sendeirismo é a actividade de lecer máis destacable que se pode practicar na serra. O sendeiro de grande percorrido GR 58, máis coñecido como Sendeiro das Greas e que consta de 247 quilómetros, transcorre en parte pola Groba no tramo que vai dende a Fraga de Oliveira, en Belesar, ata a propia vila de Baiona. No seu traxecto crúzase o río da Groba e pódese gozar das vistas panorámicas das áreas recreativas do Cortelliño e da Chan da Lagoa, as dúas situadas no ascenso ao Alto da Groba. Por outra banda, a Asociación Cultural dos Amigos do Mosteiro de Oia (ACAMO) e a Asociación Naturalista do Baixo Miño (Anabam), en colaboración coa Universidade de Vigo, son os impulsores da coñecida como "Ruta Máxica de Oia", que permite contemplar nun treito de 20 quilómetros dez miradoiros naturais, nove conxuntos de petróglifos, dous castros e sete sitios de interese ambiental.[6]
A equitación e os baños nas pozas situadas nas parroquias de Loureza e Mougás son outros complementos turísticos da zona.
Notas
editar- ↑ Segundo o mapa do Instituto Geográfico Nacional (2000). Outras fontes dan unha altura de 652 m (mapa de Galiza de Edicións do Cumio, 2006) ou de 663 m (Turgalicia).
- ↑ Serra da Groba Turgalicia.
- ↑ Documento do Consello da Cultura Galega. Entre estes sistemas cita os matos, os prados, as brañas, as fragas, os regatos e as pozas.
- ↑ Rodríguez Corral, Javier (2009), A Galicia castrexa, Lóstrego Edicións
- ↑ Segundo o citado documento, consta duns 1.400 metros de paredes.
- ↑ Las maravillas de Oia, en 20 kilómetros, Faro de Vigo, 5/7/2013.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- As montañas de Galiza. A Nosa Terra, 2006. ISBN 84-8341-126-1
- VV. AA. Serra da Groba (Pontevedra) (2008). En Rutas para caminar por Galicia. Montaña y senderismo. Ediciones Nobel (en castelán).
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Ficha da serra da Groba na páxina web de Turgalicia.
- Documento sobre a serra na páxina web do Consello da Cultura Galega
- Tríptico da Ruta Máxica de Oia na páxina web de Anabam.