Ricardo Courtier

músico e compositor galego

Ricardo Courtier Burguero, nado na Coruña o 10 de marzo de 1865 e finado en Ourense o 10 de decembro de 1922, foi un músico e compositor galego. Nado nunha familia de músicos, é considerado o membro máis salientable da terceira xeración de músicos da saga Courtier.[1]

Infotaula de personaRicardo Courtier

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinalRicardo Courtier Burguero
Biografía
Nacemento10 de marzo de 1865 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte10 de decembro de 1922 Editar o valor em Wikidata (57 anos)
Ourense, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmúsico , compositor Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá e lingua galega Editar o valor em Wikidata

A súa obra salienta pola influencia da música tradicional galega, con harmonías sinxelas e formas típicas da música popular. Ademais do seu labor como compositor, Ricardo Courtier realizou arranxos para as distintas agrupacións que liderou.

Traxectoria editar

Orixes e formación editar

Foi fillo de José Courtier, afamado violinista concertino da Catedral de Santiago de Compostela e profesor na Escola de Música da capital galega. Tivo por discípulo a Pablo Sarasate, cuxo pai era director da "Banda do Rexemento Aragón" de gornición en Galicia.[2][3][4] Foi continuador dunha longa saga familiar de músicos asentados en Galicia dende 1818, cando o seu bisavó, Juan Courtier, violinista do 5º rexemento de artillaría e mestre de capela das catedrais de Segovia e Sevilla, trasladouse a Santiago de Compostela para prestar servizo na catedral.[5] O seu avó, chamado igualmente Juan Courtier, músico da catedral de Santiago, creara a escola de música da Real Sociedade de Amigos do País en 1877.[1]

Inicialmente, a formación musical de Ricardo correu a cargo do seu pai.[6] A familia Courtier-Burguero trasladouse a Barcelona en 1879.[6] Nesta cidade, Ricardo Courtier entra en contacto con músicos como Isaac Albéniz, Enrique Granados ou Felip Pedrell. Destaca a súa relación coa Renaixença e o movemento coral catalán impulsado por Josep Anselm Clavé, no que entra en contacto como pianista. [7] Os seus coros son a base dunha considerable parte do seu repertorio en músicas identitarias catalás, populares e folclóricas, que culminará en 1891 coa creación do Orfeó Catalá. Na Cidade Condal tamén entrou en contacto coas novas músicas e modas que chegaban dende Europa e, en especial, dende América.[8] Dende a cidade condal marcharía despois a Cádiz, onde complementou a súa formación musical.[9]

Finalmente trasládase a Madrid, onde completou a súa formación musical estudando piano, harmonía e composición na Escola Nacional de Música e Declamación.[a] Paralelamente participou en xiras como director de compañías de zarzuela coas que percorre boa parte de España.[1][6]

Estadía na Pobra de Trives editar

En 1888, Ricardo Courtier regresou a Galicia. Instalouse na Pobra de Trives, onde se converteu no músico oficial da vila, e exerceu como organista de igrexa e pianista no casino.[11][6] Ao pouco de chegar á capital da Terra de Trives, en xuño de 1889, Courtier tivo unha filla extra-matrimonial, Ángeles Marina, con Filomena Santamaría Domínguez, viúva. Acabaron casando en 1889 e tiveron catro fillas máis: Rosario (1890), Matilde (1892), María de los Ángeles (1894) e Milagros (1896).[9]

 
O Teatro Eslava de Madrid acolleu a estrea da zarzuela de Ricardo Courtier Flor de cardo o 25 de maio de 1904.

Na época, Trives era punto de reunión da nobreza galega e un dos concellos máis importantes da provincia de Ourense.[12] Segundo os irmáns Beatriz e Alberto Cancela Montes, existe referencia expresa da creación da Banda de Música de Trives desde 1889, ano no que Ricardo Courtier lle solicita por carta ao empresario coruñés Canuto Berea un catálogo para a renovación de instrumentos. Esta información contradí o sinalado por Enrique Iglesias Alvarellos na súa obra Bandas de música de Galicia (1986), quen afirma que a banda trivesa estaba en activo entre 1890 e 1898, con 16 músicos e cos instrumentos da desaparecida Banda de Música de Manzaneda. Os irmáns Cancela Montes sosteñen que en 1890 a agrupación contaba xa con 26 músicos.

A agrupación continuou a súa actividade como mínimo ata 1905, ano no que Ricardo Courtier volveu escribir ao empresario coruñés para un novo pedido de instrumentos.[13] Ao tempo que se ocupaba da banda de música, creou o Orfeón Courtier en 1893, tamén en Trives. Estaba formado por 40 voces da localidade, algunhas delas de escolares,[9] e cos apoios do marqués Nicanor Alvarado Casanova e da marquesa Jacinta Alvarado Barroeta-Almadar.

O 25 de maio de 1904 estreouse no Teatro Eslava de Madrid a súa zarzuela Flor de cardo, con libreto de Antonio Suárez de Puga.[11] A zarzuela editouse na imprenta S. Velasco de Madrid ese mesmo ano.[14]

En Trives foi compositor e membro fundador do grupo Os Trintas de Trives, unha agrupación integrada por gaita, requinto, caixa e bombo. Amais de chegaren a percorrer boa parte do estado, actuaron na coroación do rei Afonso XIII en 1902. Porén, Courtier non actuaba en directo e dedicábase máis ben a harmonizar os sons da agrupación, á composición e aos arranxos.[15][16][17]

Estadía en Ourense editar

En 1907 trasladouse coa familia a Ourense, xa que obtivo por oposición a dirección da banda de música da cidade.[6] Polas noites, amais, tocaba o piano en diferentes locais, como o Club Ourensán, o Café Moderno e o Café A Unión. Foi nomeado xefe musical do Ateneo da cidade, no que asesoraba ao Orfeón Unión Ourensana,[6] que desenvolveu un intenso labor na cidade. Tamén  participa como xurado en certames musicais.

En setembro de 1910, Courtier presentouse ao posto de director da Banda Municipal de Ourense. Concursaban polo posto dez mestres consolidados, entre eles, Ramón Gutiérrez Parada (ex director do Orfeón Unión Ourensá), ou Joaquín Rubianes Otero (director da Banda de Vilagarcía). Courtier gañou o posto e debutou á fronte da banda ourensá, integrada daquela por 45 músicos, o 11 de novembro de 1910.[18]

Morte editar

Ricardo Courtier faleceu na Rúa Moratín de Ourense o 10 de decembro de 1922, aos 59 anos, debido a unha bronquite crónica. Xa viúvo, estaba ao cargo de catro das súas fillas: Matilde, Rosario, Marina e Milagros. Catro anos despois do seu pasamento recibiu unha homenaxe o día da conmemoración do seu aniversario. Nela reuníronse as tres bandas de música que daquela existían na cidade das Burgas, xunto co Orfeón Unión Orensana, para honrar o labor que realizara na cidade.[9]

Legado editar

Ricardo Courtier é especialmente recoñecido na cidade de Ourense, onde pasou os últimos anos da súa vida. Unha rúa da cidade leva o seu nome, no barrio da Cruz Alta.[19] Ademais, a asociación cultural que leva o seu nome xestionou a Banda de Música de Ourense dende principios do século XX ata 2015.[20]

O 23 de maio de 2013, a editorial ourensá Ouvirmos publicou na súa colección "A Tiracolo" un disco con gravacións da Banda Batallón Mérida de Ourense. Realizadas en 1929, foron as primeiras gravacións dunha banda de música en Galicia.[21] Estas gravacións incluían catro composicións de Ricardo Courtier: as muiñeiras Angelines, Ay Rosiña…! e Flor de Cardo e o pasodobre de concerto Os Noitébregos.[22]

Tamén en 2013 a editorial Alvarellos publicou o libro dos irmáns Beatriz e Alberto Cancela Montes La saga Courtier en Galicia, que repasa a historia da familia Courtier.[23]

Obra editar

A obra de Courtier amosa gran versatilidade, xa que creou composicións orixinais sobre o sustento da música popular. A harmonía da súa música é, en xeral, sinxela, moi próxima á música popular. Porén, en obras como Flor de cardo, Morriña e especialmente Hechizo amosa a súa creatividade e destreza. A súa obra manifesta os seus amplos coñecementos da música académica. Con todo, estes coexisten con elementos como as longas pedais, floreos, repeticións en eco ou melodías que tentan imitar instrumentos como a gaita ou o tamboril, máis característicos da música popular. Estes trazos confírenlle á súa música unha sonoridade propia característica.[7]

Escribiu obras de salón, música para piano, agrupacións reducidas e banda, mais tamén valses, pasodobres, muiñeiras ou pasarrúas. Tamén realizou arranxos de obras doutros compositores, transcricións de música popular e adaptacións de obras propias, especialmente no seu traballo coa agrupación Os Trintas de Trives.[7]

 
"Morriña, melodía gallega". Letra de Xan Pla Zubiri. Música de Ricardo Courtier.
  • Flor de cardo, zarzuela.[7]
  • Rosicler, valse.
  • Hechizo, valse.[7]
  • El club, pasodobre.
  • Os noitébregos, pasodobre.
  • De pándiga, pasodobre.
  • Evita, pasodobre.
  • El garrotín de Viluma, pasodobre.
  • Rosariño, muiñeira.
  • Villoria, muiñeira.[7]
  • Conchiña, muiñeira.
  • Angelines, muiñeira.[22]
  • Mimi Monchiña, muiñeira.[24]
  • Ay Rosiña…!, muiñeira.[22]
  • Saludo a Vigo, pasarrúa.[24]
  • Morriña.[7]
  • Os Trintas.[7]
  • Blanca o Negra.[7]
  • A Desperniquebradera.[7]

Notas editar

  1. En 1900 a Escola Nacional de Música e Declamación pasou a denominarse Conservatorio.[10]
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 Cancela Montes, Beatriz (2018). "Las bandas de música en el entorno rural gallego. El ejemplo de la Banda Municipal de Santiago de Compostela" (PDF). Cuadrivium (en castelán) (9): 4. ISSN 1989-8851. 
  2. Silvela, Zdenko. Historia del violín (en castelán). Entrelíneas Editores. p. 268. ISBN 84-96190-38-2. 
  3. Cascón Góñez, Sabela. "El violín y la música gallega durante los siglos XIX y XX" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de maio de 2020. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  4. Ransanz, Pablo (xullo de 2008). "PABLO SARASATE: UN VIOLINISTA INMORTAL (I)" (en castelán). sinfoniavirtual.com. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  5. "Dos hermanos indagan en la "saga" de los músicos Courtier en Galicia". Faro de Vigo (en castelán). 27 de outubro de 2013. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 "Courtier Burguero, Ricardo (A Coruña 1865, Ourense 1922)". Fundación Barrié. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2020. Consultado o 15 de maio de 2020. 
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 Cancela Montes, Alberto; Cancela Montes, Beatriz (marzo de 2013). "150 anos do nacemento dun gran compositor galego: Ricardo Courtier e a música galega (neproducido no blog Descubrindo as Nosas Músicas)". O Sil (en castelán) (201). p. 46. 
  8. "A saga de músicos Courtier". Descubrindo as nosas músicas. 22 de xaneiro de 2013. Consultado o 5 de xuño de 2020. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Cancela Montes, Alberto; Cancela Montes, Beatriz (15 de xaneiro de 2013). "Un músico, unha vila: Ricardo Courtier e Trives". O Sil. Consultado o 5 de xullo de 2020. 
  10. "Historia" (en castelán). Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Consultado o 22 de maio de 2020. 
  11. 11,0 11,1 "La saga Courtier". El Correo Gallego (en castelán). 19 de maio de 2014. Consultado o 15 de maio de 2020. 
  12. "Historia". Concello da Pobra de Trives. Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2020. Consultado o 5 de xuño de 2020. 
  13. Seoane Abelenda 2019, p. 212.
  14. "Flor de cardo : zarzuela en un acto, dividido en cuatro cuadros, en prosa y verso" (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  15. "LOS “TRINTAS” DE TRIVES" (en castelán). Miscelánea Mindoniense. Consultado o 5 de xuño de 2020. 
  16. Varela, Ángel (14 de xaneiro 2003). "Recordando a Os Trintas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 5 de xuño de 2020. 
  17. "O grupo de música tradicional do Igaem inclúe composicións propias no repertorio". ABC. 28 de agosto de 2006. Consultado o 5 de xuño de 2020. 
  18. Salgado, Rafael (2 de abril de 2016). "La Banda Municipal de Ourense". La Región (en castelán). Consultado o 22 de maio de 2020. 
  19. "Rúa Ricardo Courtier" (en castelán). ourense.callejero.net. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  20. Galán, Pablo (14 de agosto de 2017). "La Ricardo Courtier cederá el testigo de la Banda de Música de Ourense". La Región (en castelán). Consultado o 6 de xuño de 2020. 
  21. "Banda Batallón Mérida de Ourense". Ouvirmos. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2020. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  22. 22,0 22,1 22,2 "As composicións de Ricardo Courtier". Ouvirmos. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2020. Consultado o 21 de maio de 2020. 
  23. "La saga Courtier en Galicia". Consorcio De Santiago. Consultado o 6 de xuño de 2020. 
  24. 24,0 24,1 Noche García 2013, p. 375.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar