Revolución social española de 1936

proceso revolucionario
(Redirección desde «Revolución Española»)

A revolución social española de 1936, comunmente coñecida como revolución española,[1] foi un proceso revolucionario que se deu tralo intento de Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que desembocou na Guerra civil española. A súa principal base ideolóxica foi o anarcosindicalismo e o comunismo libertario da CNT-FAI, cun compoñente marxista revolucionario, caracterizado polo POUM e a á caballerista do PSOE e UXT. Caracterizouse, entre outras cousas, polo seu anticlericalismo no relixioso, o seu cantonalismo e horizontalismo no administrativo, o seu racionalismo na educación e o colectivismo autoxestionario no económico.

Fases da revolución editar

 
Milicianas anarco-feministas durante a Revolución social de 1936.

Entre o 16 e o 17 de xullo de 1936 iniciouse o golpe de Estado militar. O 18 de xullo, mentres os militares golpistas proseguen a súa sublevación, prodúcese a ausencia de poder por parte do colapsado Estado republicano (sucédense catro gobernos nun só día) que dá lugar a que as estruturas do Estado se disolvan ou paralicen alá onde os golpistas non se fan co poder. Para entón, a CNT conta con aproximadamente 1.577.000 militantes e a UXT con 1.447.000 militantes. O 19 de xullo a sublevación chega a Cataluña, onde os obreiros toman as armas e asaltan os cuarteis, erguendo barricada e freando os insurrectos.

Primeira fase da revolución (xullo-setembro 1936): O verán da anarquía editar

Os sindicatos CNT e UXT convocan unha folga xeral do 19 ó 23 de xullo como resposta tanto á sublevación militar como á aparente apatía do Estado fronte á mesma. Malia que xa existían antecedentes puntuais en días anteriores de distribución de armas entre sectores civís, é durante a folga xeral cando grupos de sindicalistas vinculados ós sindicatos convocantes e a grupos menores, asaltan moitos dos depósitos de armas das forzas da orde, independentemente de que estean sublevados contra o Goberno ou non. Xa nestas primeiras semanas se establecen dous matices entre os sectores revolucionarios anarcosindicalistas: o grupo radical, vinculado fundamentalmente á FAI e, a través dela, á CNT, aínda que tamén participen outras organizacións menores, que entende o fenómeno do que participa como unha revolución á usanza tradicional; e o grupo posibilista, formado tamén por membros doutro sector da CNT (e outros grupos revolucionarios máis moderados), que expresa a conveniencia de participar nunha fronte máis ampla, a posteriormente chamada Fronte Popular Antifascista (FPA), resultado de sumar os sindicatos á coalición electoral da Fronte Popular.

 
Emblema da CNT.

Paralelamente, xorde a formación de estruturas administrativas á marxe do Estado, a maioría delas de carácter local ou comarcal, superando en casos puntuais estes límites; algunhas das máis importantes serán:

En todas estas estruturas queda reflectida a distinción anteriormente citada entre as dúas sensibilidades revolucionarias. En mans dos radicais quedan os comités de guerra e de Defensa, de progresivamente menor importancia. En mans dos posibilistas, o resto.

En poucos días articúlanse as frontes da guerra civil, dos que un dos principais no contexto da revolución é a de Aragón. O 24 de xullo de 1936 parte a primeira milicia voluntaria de Barcelona en dirección a Aragón. É a Columna Durruti, que contaba cuns 3.000 milicianos, maioritariamente traballadores coordinados por Buenaventura Durruti, que van implantando o comunismo libertario polos concellos polos que van pasando. Ademais fórmanse outras destas estruturas militares como a Columna de Hierro ou a Columna Rojo y Negro que parten tamén cara Aragón. Todo este movemento deu lugar a unha extraordinaria concentración de anarquistas na parte non tomada polos militares alzados. A chegada, por unha parte, dos millares de milicianos anarquistas de Cataluña e Valencia, e a existencia, por outra, dunha gran base popular rural aragonesa de filiación anarcosindicalista, permitirán o desenvolvemento progresivo da maior experiencia colectivista da revolución.

Durante esta primeira fase a maior parte da economía española foi posta baixo o control dos traballadores organizados polos sindicatos; principalmente en áreas anarquistas como Cataluña este fenómeno chegou ó 75% do total da industria, pero nas áreas de influencia socialista a taxa foi bastante menor. As fábricas foron organizadas por comités de traballadores, as áreas agrícolas chegaron a colectivizarse e funcionar como comunas libertarias. Incluso lugares como hoteis, salóns de peiteado, ou restaurantes foron colectivizados e manexados polos seus propios traballadores.

...desenvolvéronse novas estruturas que configuran as bases económicas e sociais dese contrapoder que se viu xurdir nos debates municipais e que lle outorgan a esta fase da guerra civil o carácter de Revolución Social, cando menos até os feitos de maio de 1937 en Barcelona...[2]

George Orwell describe unha escena de Aragón durante este período, no que participou como parte da División Lenin do POUM, no seu libro Homage to Catalonia:

Eu estaba integrando, máis ou menos por azar, a única comunidade de Europa occidental onde a conciencia revolucionaria e o rexeitamento do capitalismo eran máis normais que o seu contrario. En Aragón estábase entre ducias de miles de persoas de orixe proletaria na súa maioría, todas elas vivían e se trataban en termos de igualdade. En teoría, era unha igualdade perfecta, e na práctica non estaba moi lonxe de selo. Nalgúns aspectos, experimentábase un pregusto de socialismo, polo que entendo que a actitude mental prevalecente fose de índole socialista. Moitas das motivacións correntes na vida civilizada —ostentación, afán de lucro, temor ós patróns etcétera— simplemente deixaran de existir. A división de clases desapareceu ata un punto que resulta case inconcibible na atmosfera mercantil de Inglaterra; alí só estábamos os campesiños e nós, e ninguén era amo de ninguén.
George Orwell

As comunas foron usadas de acordo ó principio básico de «De cada un de acordo á súa habilidade, a cada un de acordo á súa necesidade». Nalgúns lugares, os cartos foron totalmente eliminados, para ser substituído por vales. Baixo este sistema, o custo dos bens era con frecuencia un pouco máis dun cuarto do custo anterior. As áreas rurais incautadas e colectivizadas durante esta fase da revolución oscilan: máis do 70% en Cataluña, preto do 70% no Aragón reconquistado, o 91% de Estremadura que quedaba na República, o 58% en Castela-A Mancha, o 53% en Andalucía non sometida ós militares insurrectos, o 25% para Madrid, o 24% para Murcia[3] e o 13% na actual Comunidade Valenciana. No tocante á colectivización destas terras expropiadas, o total supón un 54% da superficie expropiada da España republicana, segundo datos do IRA.[4] Porén, dado que o Ministerio de Agricultura, e por extensión o IRA, estaban baixo control do Partido Comunista, hostil á colectivización, os datos poderían ser maiores. As provincias onde adquiriron maior importancia as colectividades rurais, foron as de Cidade Real, onde estaban colectivizadas en 1938, 1.002.615 has, o 98,9% da superficie cultivada en 1935- e Xaén -con 685.000 has e o 76,3%, quedando a moita distancia o resto das provincias republicanas.[5] Moitas colectividades aguantarían até o final da guerra.

No Aragón no que se proclama o comunismo libertario ó paso das columnas de milicias libertarias, fórmanse aproximadamente 450 colectividades rurais, a práctica totalidade delas en mans da CNT, cun número que roldará as 20 a cargo da UXT.

Na área valenciana constituíronse 353 colectividades, 264 dirixidas pola CNT, 69 pola UXT e 20 de xeito mixto CNT-UXT. Un dos seus principais logros foi o Consello Levantino Unificado de Exportación de Agres (coñecido polas súas iniciais, CLUEA) e a total socialización das industrias e servizos da cidade de Alcoi.[6]

Malia as críticas que clamaban pola máxima eficiencia, as comunas anarquistas producían máis que antes de ser colectivizadas.[7] As zonas liberadas recentemente traballaron sobre os principios libertarios: as decisións eran tomadas a través de concilios de cidadáns comúns sen ningún tipo de burocracia (cabe mencionar que o liderado da CNT-FAI neste período non foi tan radical como os membros responsables destes drásticos cambios).

Sumado á revolución económica, existiu un espírito de revolución cultural. Algunhas tradicións eran vistas como tipos de opresión. Por exemplo, ás mulleres permitíaselles abortar. A idea do amor libre fixouse e houbo un auxe do naturismo. Dalgún xeito, a liberación foi similar á dos movementos da «Nova Esquerda» da década de 1960.

Malia esta situación de descomposición de facto do poder estatal, para o 2 de agosto o goberno toma unha das primeiras medidas co obxecto de recuperar o control fronte á revolución: a creación dos Batallóns de Voluntarios, xermolo do Exército Popular da República. Tamén promulgará algúns decretos, máis simbólicos que reais, desbordado polo fenómeno revolucionario:

  • Decreto do Goberno da República do 18 de xullo declarando cesantes ós militares que participen no golpe.
  • Decreto do 25 de xullo declarando cesantes ós empregados do Goberno que simpaticen cos golpistas.
  • Decreto do 25 de xullo de intervención da industria.
  • Decreto do 3 de agosto de incautación dos ferrocarrís.
  • Decreto do 3 de agosto de intervención nos prezos de venda de alimentación e roupa.
  • Decreto do 8 de agosto de incautación de propiedades rústicas.
  • Decreto do 13 de agosto de clausura de institucións relixiosas.
  • Decreto da Generalitat Catalana do 19 de agosto de socialización e sindicalización da economía.
  • Decreto do Goberno da República do 23 de agosto de creación dos Tribunais Populares.

Xorden tamén xa as primeiras tensións entre a estratexia da CNT e a política do Partido Comunista e a súa extensión en Cataluña, o PSUC, e o 6 de agosto saen os membros do PSUC do goberno autonómico catalán polas presións anarcosindicalistas.

Segunda fase da Revolución (setembro-novembro 1936): Primeiro Goberno da Vitoria editar

 
Escudo do Consello Rexional de Defensa de Aragón

Tanto nesta etapa como na anterior as estruturas do Estado se limitan a lexislar sobre unha política de feitos consumados pola Revolución, aínda que debido ó crecemento da escalada bélica contra os militares sublevados, os sindicatos empezan a ceder circunstancialmente o control das columnas ó Estado para a Defensa de Madrid de outubro-novembro, que foi dirixida por un organismo semiindependente, no que estaban representados tódolos partidos da Fronte Popular ademais dos anarquistas, a Xunta de Defensa de Madrid, logo chamada Xunta Delegada de Defensa de Madrid. O inicio de todo este maior acordo e acercamento entre os partidos da Fronte Popular e os sindicatos plásmase na formación do primeiro Goberno da Vitoria (4 de setembro) de Largo Caballero.

Entre as medidas destinadas a absorber ou intentar lexislar a actividade dos revolucionarios destacan:

  • Decreto do Goberno da República de incautación de propiedades rústicas de condenados polos Tribunais Populares do 17 de setembro.
  • Decreto do 10 de outubro de creación dos Xurados de Urxencia do Goberno.
  • Decreto da Generalitat Catalana do 22 de outubro de colectivizacións e control obreiro.

Malia este aparente consentimento ós revolucionarios, non intervén activamente no desenvolvemento da revolución, e o seu principal obxectivo será potenciar e fortalecer o Exército como pedra base do Estado, a través de distintas medidas, entre as que salientan, alén dos intentos reiterados de disolución dos Comités de Defensa e Comités de Guerra, as máis radicais:

  • Constitución da Milicia de Vixilancia de Retagarda (16 de setembro) coas que o goberno controla ás milicias de retagarda, ata ese momento independentes.
  • Decreto de transvasamento voluntario de xefes e oficiais das milicias populares ó Exército (28 de setembro).
  • Decreto de aplicación do Código de Xustiza militar ás milicias populares (29 de setembro).

Cando a guerra se empeza a prolongar, o espírito dos primeiros días de revolución afrouxa e comeza a fricción entre os moi diversos integrantes da Fronte Popular Antifascista, en parte debida ás políticas do Partido Comunista, establecidas desde o ministerio de exterior da Unión Soviética estalinista,[8][9] a maior fonte de axuda estranxeira para unha República que neses momentos comezaba a relevantarse e que necesitaba imperiosamente da mesma.

A política comunista proclamaba que a guerra civil en proceso non era o momento adecuado para a revolución e que ata que non se gañase a guerra, a derrota das forzas de Franco debía ser o principal obxectivo, e non a abolición do capitalismo, o que se pospuña á fin da guerra. Os anarquistas e trotskistas estiveron fortemente en desacordo con isto, ó entender a maioría deles a guerra e a revolución como unha prolongación a unha da outra. Ás milicias dos partidos e grupos que se situaran en contra da posición soviética pronto se lles obstaculizou desde o Estado a axuda e recursos, vendo así estes reducida a súa capacidade de actuación, a causa do cal na maioría das áreas republicanas comezaron lentamente a reverterse os recentes cambios realizados.

Durante este período algunhas estruturas revolucionarias aproban novos programas de acción que subordinan ó Goberno, o que dá lugar á disolución ou inicio de absorción, apropiación e intervención das estruturas revolucionarias por parte do goberno estatal republicano.

Unha excepción constituíuna a consolidación do proceso colectivista en Aragón, onde chegaron miles de milicianos libertarios de Valencia e Cataluña, onde xa antes do inicio da guerra civil existía a máis importante base obreira anarcosindicalista afiliada á CNT de toda España. A asemblea convocada en Bujalaroz nas semanas finais de setembro de 1936 polo Comité Rexional da CNT de Aragón, con delegacións das vilas e as columnas confederais, seguindo as directivas propostas o 15 de setembro de 1936 en Madrid polo Pleno Nacional de Rexionais da CNT, de propor a tódolos sectores políticos e sindicais a formación de Consellos Rexionais de Defensa vinculados federativamente a un Consello Nacional de Defensa que faría as funcións do goberno central, acorda a creación do Consello Rexional de Defensa de Aragón, que celebra a súa primeira asemblea o 15 de outubro do mesmo ano.[10]

Malia todo, o 26 de setembro os sectores máis radicais e anarquistas (CNT-FAI) de Cataluña, finalmente dominados polos posibilistas, inician unha política de colaboración co Estado, integrándose no goberno autonómico da Generalitat de Cataluña, que renace fronte ó Comité Central de Milicias Antifascistas de Cataluña, autodisolto o 1 de outubro. Por outra parte o Consejo Regional de Defensa de Aragón é legalizado e regulado o 6 de outubro por decreto. Tamén se regulará o proposto Consello Nacional de Defensa, abortando o seu desenvolvemento. Fronte a esta aparente tolerancia, un decreto da Generalitat ilegaliza o 9 de outubro tódolos Comités locais en Cataluña, substituíndoos formalmente por Consellos Municipais da FPA.[11]

Terceira fase da Revolución (novembro 1936-xaneiro 1937): Segundo Goberno da Vitoria editar

O 2 de novembro o Comité Executivo Popular de Valencia aproba un novo programa de acción que o subordina á política do Goberno da República (segundo gabinete de Largo Caballero o 4 de novembro), no que se integran como ministros Joan García Oliver, Joan López, Federica Montseny e Joan Peiró, membros destacados da CNT. Durante este mes, a Columna de Hierro decide tomar brevemente Valencia, en protesta pola escaseza de aprovisionamentos que lle proporciona o Comité Executivo Popular, en mans dos posibilistas, producíndose posteriormente enfrontamentos polas rúas da cidade entre milicias libertarias e grupos comunistas, cun saldo de máis de 30 mortos.

O día 14 a Columna Durruti chega a Madrid, despois de ceder ante a presión dos posibilistas, que esixen a colaboración co Estado. O 20 morre Buenaventura Durruti en Madrid. Outra das estruturas radicais, o Comité de Guerra de Xixón, é transformado por decreto o 23 de decembro no Consello Interprovincial de Asturias e León, regulado e máis moderado, ó tempo que recoñece oficialmente a formación do Comité de Defensa Nacional.

O 17 de decembro o xornal soviético Pravda de Moscova publica un editorial onde se le: «Xa comezou en Cataluña a depuración de trotskistas e anarcosindicalistas; levouse a cabo coa mesma enerxía que na Unión Soviética».[12] A liquidación realizada polos comunistas leais a Stalin de numerosos antifascistas e de colectivizacións e outras estruturas xurdidas espontaneamente dende abaixo en consonancia coa Revolución que non se sometesen ás directrices de Moscova xa comezara.

Durante esta etapa o Goberno pasa a controlar definitivamente as milicias populares, disolvéndoas nun exército estruturado e xerarquizado baixo o seu mando. A revolución non sobrevivirá como poder independente tralo segundo goberno de Largo Caballero.

A fin da revolución (xaneiro 1937-maio 1937) editar

O 27 de febreiro de 1937 o goberno prohibe o periódico da FAI Nosotros, iniciando así o período durante o que a maior parte das publicacións críticas co goberno pasan a sufrir censura. Ó día seguinte prohibe ós policías pertencer a partidos políticos ou sindicatos, medida adoptada polo goberno autonómico catalán o 2 de marzo. O 12 do mesmo mes, a Generalitat aproba unha orde esixindo a entrega de tódalas armas longas e materias explosivas a quen non estean militarizados. Empezan máis enfrontamentos entre os sectores da FPA, e o día 27 prodúcese a dimisión dos conselleiros anarquistas do goberno autónomo catalán. Durante o mes de marzo complétase a militarización das milicias, transvasadas a un Exército regular, contra o que se alzaron moitas voces.

O 17 de abril, ó día seguinte de que os ministros da CNT volveran á Generalitat, unha forza de carabineiros en Puigcerdà pide ás patrullas obreiras da CNT que lles entreguen o control das aduanas, a Garda Civil e de Asalto enviada a Figueres e outras cidades por toda a provincia para arrancar o control policial das mans das organizacións obreiras, disolvendo o Consello da Cerdaña, un dos máis autónomos. Simultaneamente, en Barcelona, a Garda de Asalto procede a desarmar ós obreiros á vista, nas rúas.

Durante o mes de maio agudízanse os enfrontamentos entre os partidarios da revolución e os moderados. O día 13, tralos sucesos das xornadas de maio de Barcelona, os dous ministros comunistas, Jesús Hernández e Vicente Uribe, propoñen ó Goberno que se castigue á Confederación Nacional do Traballo (CNT) e ó Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM). O 16 dimite Largo Caballero, ó que segue a formación do goberno do socialista Juan Negrín, aparentemente un seguidor de Prieto, sen os anarquistas e os revolucionarios.

Sucesos posteriores relacionados editar

O día 25 queda excluída a FAI dos Tribunais Populares. O 8 de xuño de 1937 o goberno (trasladado a Valencia), lanza un decreto polo que legalizaba temporalmente as colectividades rurais que aínda non foran disoltas. O 14 de xuño fórmase un novo goberno da Generalitat, tamén sen os anarquistas e os revolucionarios. O 15 é ilegalizado o POUM e o seu comité executivo é detido. O 16 disólvese a 29ª División (Ex División Lenin, do POUM).

O 7 de agosto o goberno reautoriza o culto relixioso en privado, unha das súas moitas medidas intentando restablecer o poder do Goberno na zona republicana. Tres días despois tropas do Exército republicano ocupan militarmente o Consello Rexional de Defensa de Aragón, ó tempo que en Barcelona se producen manifestacións contra a suspensión da publicación anarcosindicalista Solidaridad Obrera, disoltas con gran violencia. O día 16 prohibense en Barcelona os mitins políticos. O 26 do mesmo mes o Consello asturiano proclámase Consello Soberano de Asturias e León, ente soberano e independente da República.

O 21 de outubro prodúcese unha manifestación da CNT e dos militantes socialistas ante a prisión do mosteiro de San Miguel dos Reis de Valencia, ameazando con botar as portas abaixo se non se liberaba ós presos. O 12 de novembro a CNT retírase dos comités da FPA.

O 6 de xaneiro de 1938 o Goberno publica un decreto polo que se prohibe toda nova emisión de billetes e moedas de comités, concellos, corporacións etc. e dase un prazo dun mes para que sexan retirados da circulación, intentando acabar cos últimos restos da Revolución.

A revolución e a guerra civil editar

Á coincidencia no tempo da revolución e a guerra civil fai que no campo militar se desenvolvan diversas iniciativas coordinadas polas novas administracións establecidas pola ondada revolucionaria, a maior parte das cales resultarán infrutuosas.

A toma de Aragón editar

 
Mapa da Toma de Aragón.

Esta probablemente foi a primeira iniciativa, desenvolvida a partir do 24 de xullo de 1936 cando parte a primeira milicia voluntaria (a columna Roja y Negra, tamén chamada Sur-Ebro e Ortiz) de Barcelona en dirección a Aragón, concretamente cara Caspe. Ó día seguinte sae a columna Durruti cara a Zaragoza.[13]

Unha das últimas columnas será a columna Los Aguiluchos, saída de Barcelona o 28 de agosto en dirección a Huesca.

As columnas de Barcelona e Lleida dirixíanse principalmente cara a Huesca e Zaragoza, e as valencianas cara a Teruel, asediando as tres capitais provinciais reiteradamente.

A primeiros de setembro chega unha pequena columna: a de Carod-Ferrer, que se instala en torno a Villanueva de Huerva.

Esta operación prolóngase ata finais de setembro, cando ante o imperativo da inminente Batalla de Madrid algunhas das columnas teñen que ceder a súa independencia subordinándose ós requirimentos do Goberno.

O desembarco de Mallorca editar

A idea dunha expedición a Mallorca estivera presente desde que o 19 de xullo fora tomada polos sublevados, xunto a Eivisa e Formentera. Menorca era a única illa do arquipélago balear que non caera en mans dos franquistas.

Conseguen tomar as illas de Eivisa, Formentera e Cabrera, desembarcando na illa de Mallorca pola zona de Punta Amer e Porto Cristo (logo rebautizado a Porto Rojo).

O 5 de setembro, ante a orde do goberno de Largo Caballero de abandonar Mallorca, a columna de Bayo comeza a retirada, que se prolongará ata o 12 de setembro, regresando a Barcelona.

O chamado Desembarco de Mallorca pódese dar por definitivamente concluído cando o 20 de setembro tropas franquistas procedentes de Mallorca ocupan Formentera.

A defensa de Madrid editar

Esta operación foi quizais a última, desenvolvéndose en novembro de 1936. Nela morre o 20 de novembro de 1936 Buenaventura Durruti, un dos principais protagonistas da Revolución. A resistencia das milicias populares, pronto militarizadas para formar o Exército Popular Republicano, unida aos reforzos das Brigadas Internacionais, permitiu que Madrid resistise o ataque dos sublevados.

Notas editar

  1. [1] SUDOC (Sistema Universitario de Documentación de Francia) Listado libros que empregan o termo
  2. Andreassi 1996, p. 86.
  3. González Martínez 1999, p. 93.
  4. Payne 1972, pp. 241-267.
  5. Garrido González, Luis (2010). "Colectivización económica en la Guerra Civil Española (1936-1939)". Revista de la Historia de la Economía y de la Empresa (en castelán) IV: 361. 
  6. Quilis Tauriz 1992, pp. 83-85.
  7. Sewell 2007, p. 141.
  8. Lluís Perarnau. España traicionada Stalin y la Guerra Civil. [2] Arquivado 10 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  9. Juan Manuel Vera. Estalinismo y antiestalinismo en España [3] Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  10. Peirats 1971, p. 211.
  11. Ferrán Gallego 2017, p. 367.
  12. Enzensberger 2006.
  13. Peirats 1971, p. 161.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Jérémie Berthuin: "La CGT-SR et la révolution espagnole - De l’espoir à la désillusion (Juillet 1936-décembre 1937)", Ed.CNT-RP
  • Ferran Aisa: "Una història de Barcelona (Ateneu Enciclopèdic Popular 1902-1999)". Editorial Virus, 2000.
  • Alejandro Andreassi: "Libertad también se escribe en minúscula",1996, ISBN 84-88711-23-9
  • Ignacio Iglesias: "Experiencias de la revolución española", 2003, Laertes.

Ligazóns externas editar