Consello Soberano de Asturias e León
O Consello Soberano de Asturias e León foi unha institución política soberana e independente proclamada en Xixón o 25 de agosto de 1937, co pano de fondo da guerra civil española. Os avances das tropas do xeneral Franco na fronte norte tomando Santander, levaron ás autoridades republicanas en Asturias a declarar soberano e independente da República española ao Consello Interprovincial de Asturias e León coa intención de volver integrarse nela "á vista dos acontecementos favorábeis que se produzan durante curso da guerra".
Historia e características
editarA situación de illamento da fronte do norte, a 200 quilómetros en liña recta das posicións republicanas máis próximas, coa subseguinte escaseza de abastecementos bélicos e alimentarios, propiciou que poderes locais asumiran funcións que eran competencia do goberno da República, coma o mando das milicias ou a cuñaxe de moedas. En Asturias, onde a UXT e a CNT tiñan unha grande implantación, vivírase unha especie de revolución de carácter socialista con tinguidura libertarias.
Declaración de soberanía
editarO 24 de agosto firmase o decreto que establece a soberanía dos territorios administrados polo Consello Interprovincial de Asturias e León pasando a ser entón o Consello Soberano de Asturias e León. O 26 de agosto sairía publicado na prensa dito decreto. Adoitase dar a data do 25 de agosto como a que entrou en vigor a declaración de soberanía do Consello.
Reaccións políticas
editarO Consello Soberano −que se atribuíra poderes que eran competencia única do Goberno da República− presidíao Belarmino Tomás e nel estaban representadas as diferentes organizacións políticas e sindicais do bando republicano en Asturias como a FSA-PSOE, a CNT, a FAI, a JJLL, a JSU, o PCE, a UXT e Izquierda Republicana. Unha parte destas organizacións da Fronte Popular criticará a actuación, cualificando a idea de prexudicial, antiunitaria e cantonalista.
A idea do Consello Soberano era apoiada por Belarmino Tomás e a maioría de dirixentes do PSOE, así como por Segundo Blanco e outros responsábeis da CNT. O PCE criticou a decisión. Rafael Fernández, secretario xeral das federacións asturianas do PSOE e a JSU, condenou o decreto e a soberanía. Os dous representantes da UXT tiveron unha opinión diferente cada un. Os conselleiros de Izquierda Republicana reprobaron a decisión.
As tensións creadas levaron a enfrontamentos entre algúns conselleiros que en ocasións chegaron aos insultos persoais. O Goberno da República censurou a actitude do Consello Soberano, sobre todo cando este se dirixiu á Sociedade de Nacións. O Ministro da Gobernación transmitiu a Belarmino Tomás "a súa sorpresa e o seu desgusto".
Organización
editarCargo | Nome | Organización |
---|---|---|
Presidencia e Guerra | Belarmino Tomás | PSOE |
Industria | Segundo Blanco | CNT |
Traballo | Onofre García | FAI |
Sanidade | Ramón G. Posada | JJ LL |
Facenda | Rafael Fernández | JSU |
Xustiza e Orde Pública | Luis Roca de Albornoz / Rafael Fernández |
JSU |
Agricultura | Gonzalo López | PCE |
Mariña Mercante | Valentín Calleja | UGT |
Pesca | Ramón Álvarez Palomo | FAI |
Instrución Pública | Juan Ambou | PCE |
Obras Públicas | José Maldonado | Izq. Rep. |
Asistencia Social | Maximiliano Llamedo | CNT |
Comercio | Amador Fernández | PSOE |
Comunicacións | Avelino Roces | UGT |
Propaganda | Antonio Ortega | Izq. Rep. |
O Consello Soberano, ao que se lle coñeceu popularmente coma o Gobernín, dividiuse en cinco comisións que agrupaban cada unha varias consellerías:
- Comisión militar: Delegado do Goberno e Presidente do Consello, Xefe do E. M. do C. de Exército, Industria, Instrución Pública e Traballo.
- Comisión de Abastecementos, Evacuación e Transportes: Comercio, Pesca, Mariña Mercante e Obras Públicas.
- Comisión de Xustiza, Orde Pública, Propaganda e Comunicacións: Facenda, Comunicacións e Propaganda.
- Comisión de Asistencia Social e Sanidade: Asistencia Social e Sanidade.
- Comisión de Economía: Agricultura e Xustiza.
Á dereita pódese ver unha táboa coas distintas consellerías, os seus titulares e a organización á que estes pertencían.
Así fóronse organizando os distintos servizos da administración ata que chegou o momento da evacuación na noite do 20 de outubro de 1937. A última reunión do Consello Soberano celebrouse o mesmo día 20 de outubro pola tarde. Ao día seguinte, as tropas do bando nacional entraban en Xixón.
O Consello Soberano emitiu billetes divisionarios ao non existir moeda suficiente debido ao illamento no que se encontraba Asturias. Estes billetes foron coñecidos popularmente como belarminos.
Tras a caída
editarA caída de Asturias propiciou ao bando nacional a posibilidade de enviar as tropas que tomaran parte nesta campaña a reforzar outras frontes e permitiulle contar coas industrias e recursos coas que contaban esta rexión. No bando republicano analizáronse as consecuencias que provocaron a perda do norte, como mostra o artigo titulado ¿Por qué se perdió el Norte? publicado en El Socialista o 30 de outubro de 1937, onde se fai fincapé na falta de unidade e de decisións políticas que prexudicaron plans militares.
Cronoloxía
editar- 24 de agosto: Fírmase o decreto mediante o cal o Consello Interprovincial de Asturias e León se transforma en Consello Soberano de Asturias e León.
- 25 de agosto: Entra en vigor o decreto anterior.
- 26 de agosto: O mencionado decreto sae publicado na prensa.
- 29 de agosto: O Consello Soberano cesa ao xeneral Gamir Ulibarri e nomea xefe militar da rexión ao coronel Prada.
- 4 de setembro: As tropas nacionais intérnanse en Asturias.
- 5 de setembro: As tropas nacionais ocupan Llanes.
- 20 de setembro: Aranda ocupa o porto de Payares.
- 1 de outubro: As tropas nacionais ocupan Covadonga.
- 17 de outubro: A 4ª Brigada navarra atravesa o río Sella. O Consejo Soberano decide a evacuación do territorio.
- 20 de outubro: Última reunión do Consello Soberano. Iníciase a evacuación marítima desde Xixón.
- 21 de outubro: As tropas nacionais entran en Xixón e Avilés, finalizando desta maneira a campaña do norte.
Véxase tamén
editarA Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Consello Soberano de Asturias e León |
Bibliografía
editar- La Guerra Civil Española - Tomo II. ISBN 84-409-0326-X
- La ofensiva nacionalista sobre Asturias Arquivado 30 de marzo de 2006 en Wayback Machine.
- Fernández, Alberto Asturias, 1936-1937. La frágil unidad del Frente Popular
Ligazóns externas
editar- publicada por Antonio Masip en El Basilisco, 2:70-74, 1978