Homage to Catalonia
Homage to Catalonia é o relato persoal de George Orwell sobre a súa experiencia durante a guerra civil española, escrito en primeira persoa. Editouse o 25 de abril de 1938.
Homage to Catalonia | |
---|---|
Título orixinal | Homage to Catalonia |
Autor/a | George Orwell |
Orixe | España |
Lingua | inglés |
Tema(s) | bélica, política, histórica |
Xénero(s) | Novela |
Data de pub. | 25 de abril de 1938 |
TramaEditar
Orwell chegou a Barcelona en decembro de 1936 como membro do Independent Labour Party, e alistouse como miliciano do POUM, de tendencia trotskista. Foi enviado como soldado raso á fronte de Aragón. Nun permiso volveu a Barcelona, onde tomou partido nos sucesos de maio. Regresou á fronte e foi ascendido a oficial, pero un balazo na gorxa en Huesca o 20 de maio fixo que regresase a Barcelona. En xuño de 1937 ilegalizouse o POUM e comezou unha purga por parte de axentes do PCE (pro-stalinista), e Orwell viuse obrigado a fuxir de España, ó ver que moitos compañeiros de partido, mesmo estranxeiros coma el, foran apresados e fusilados.
No libro describe a súa admiración pola ausencia de estruturas de clase nalgunhas áreas dominadas por revolucionarios de orientación anarquista, que socializaran a industria, o comercio e o transporte en Barcelona, e as terras de labranza en zonas de Cataluña, Aragón e Andalucía. Orwell narra a súa chegada á Barcelona que bole a finais de 1936 na revolución libertaria, expresando a súa admiración pola mesma, e como a situación se foi degradando progresivamente, ata regresar a unha Barcelona onde mandaba a burguesía e non o proletariado, e onde a censura na prensa e as persecucións policiais estaban á orde do día.
Así mesmo, critica o control soviético do Partido Comunista de España, e as mentiras que se usaban como propaganda para a manipulación informativa. Orwell era consciente de que, se ben se necesitaba unha mudanza radical nas sociedades occidentais, e por tanto nos países capitalistas, o socialismo soviético representaba unha amenaza ós principios que o sustentaban.
Di que España é pola súa particular idiosincracia, un bo lugar para que se dese a Revolución popular. Tamén fala moito do paisanaxe español: da nobreza da súa poboación, e da pouca seriedade á hora da puntualidade e a burocracia.
Tamén fala do movemento fascista. A intención de Franco non era instaurar un réxime dos estilos de Hitler ou Mussolini, senón máis ben volver ó feudalismo co apoio da Igrexa católica e a aristocracia.
Influencia posteriorEditar
O libro de Orwell influíu decididamente nalgúns intelectuais destacados como Noam Chomsky, que declarou que é un dos seus libros favoritos:[1]
NotasEditar
- ↑ "Noam Chomsky: A Life od dissent". Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2007. Consultado o 05 de maio de 2008.
Véxase taménEditar
BibliografíaEditar
- Orwell, George: Homenaje a Cataluña; Virus Editorial (Barcelona, 2000)
Ligazóns externasEditar
- www.orwell.ru texto en inglés e ruso