Presidente de Filipinas

xefe de Estado e de goberno de Filipinas
(Redirección desde «Presidente da República de Filipinas»)

O presidente de Filipinas (en filipino: 'Pangulo ng Pilipinas', informalmente chamado Presidente ng Pilipinas) é o xefe de Estado e xefe de goberno de Filipinas. O presidente dirixe a rama executiva do goberno de Filipinas e é o comandante en xefe das Forzas Armadas de Filipinas. É elixido directamente polo pobo, e é un dos dous cargos executivos elixidos nacionalmente, sendo o outro o vicepresidente. Con todo, catro vicepresidentes asumiron a presidencia sen ter sido elixidos para o cargo, debido á morte ou dimisión do presidente.

Presidente de Filipinas
Pangulo ng Pilipinas
Escudo presidencial

ResidenciaPalacio de Malacañang, Manila
SedeManila
Ámbito Filipinas
Designado porSufraxio universal e directo
Duración6 anos, non renovábeis
Creación23 de xaneiro de 1899
Primeiro titularEmilio Aguinaldo
Precedido porGobernador Xeral de Filipinas
Salario395 858 pesos flipinos anuais[1][2]
Sitio webop-proper.gov.ph

Os filipinos refírense ao seu presidente como Pangulo ou Presidente. O presidente cumpre un mandato único, fixo, de seis anos sen posibilidade de reelección. O 30 de xuño de 2016 Rodrigo Duterte tomou posesión como o 16º e actual presidente.

Nomenclatura local editar

En filipino, unha das dúas linguas oficiais de Filipinas, o presidente chámase Pangulo. Nas outras principais linguas de Filipinas, como as linguas visayas, o termo presidente é o máis común.

Historia editar

Primeiras repúblicas editar

República Tagala de Bonifacio editar

Dependendo da definición escollida para estes termos, varias persoas poderían considerarse como o primeiro en ostentar o cargo. Andrés Bonifacio podería ser considerado o primeiro presidente de Filipinas unidas xa que, aínda que foi o terceiro presidente supremo (en filipino: Kataas-taasang Pangulo) do Katipunan, unha sociedade revolucionaria secreta que iniciou unha revolta aberta contra o goberno colonial español en agosto de 1896, transformou a sociedade nun goberno revolucionario consigo mesmo como líder. Aínda que se mantivo o termo Katipunan, o goberno de Bonifacio tamén era coñecido como a República Tagala (en filipino: Republikang Tagalog). Aínda que a palabra tagalog refírese ao pobo tagalo, un grupo etnolingüístico específico, Bonifacio empregouno para denominar a todos os pobos non españois de Filipinas no lugar de filipinos, que tiña orixes coloniais.[3][4][5] O goberno revolucionario de Bonifacio nunca controlou moito territorio durante ningún período significativo e non foi recoñecido e incluso foi descoñecido para os grupos etnolingüísticos non tagalos. Algúns historiadores argumentan que incluír a Bonifacio como presidente implicaría que tamén debería incluírse a Macario Sakay e a Miguel Malvar.

Goberno de Aguinaldo e a Primeira República editar

 
Emilio Aguinaldo e dez dos delegados do Congreso Malolos que aprobaron a Constitución Política da República Filipina en 1899.

En marzo de 1897, durante a Revolución Filipina contra España, Emilio Aguinaldo foi elixido presidente do goberno revolucionario na Convención de Tejeros.[6] O novo goberno debía substituír o Katipunan, aínda que este non foi abolido formalmente ata 1899. Aguinaldo foi elixido de novo presidente en Biak-na-Bato en novembro, establecéndose a República de Biak-na-Bato. Con todo,a nova república durou só unhas poucas semanas, ata que Aguinaldo asinou o Pacto de Biak-na-Bato e se exiliou a Hong Kong a finais de 1897.

En abril de 1898, estalou a guerra hispano-estadounidense e o Escuadrón Asiático da armada dos Estados Unidos partiu cara ás Filipinas. Na batalla da baía de Manila, o 1 de maio de 1898, a armada estadounidense derrotou á Armada española acabando efectivamente co dominio español en Filipinas.[7] Aguinaldo regresou a Filipinas a bordo dun buque da Mariña dos Estados Unidos e renovou a revolución. Formou un goberno ditatorial o 24 de maio de 1898 e emitiu a Declaración de Independencia de Filipinas o 12 de xuño de 1898. O 23 de xuño de 1898, Aguinaldo transformou o seu goberno ditatorial nun goberno revolucionario. O 23 de xaneiro de 1899 foi elixido presidente da Primeira República Filipina, goberno constituído polo Congreso de Malolos baixo a Constitución de Malolos. En consecuencia, este goberno tamén se denomina República de Malolos.

A Primeira República Filipina tivo unha curta vida e nunca foi recoñecida internacionalmente. Filipinas foi transferida do control español ao americano polo Tratado de París de 1898, asinado en decembro dese mesmo ano.[8] A continuación estalou a guerra filipino-estadounidense entre os Estados Unidos e o goberno de Aguinaldo. Dito goberno deixou de existir efectivamente o 1 de abril de 1901, tras xurar fidelidade aos Estados Unidos despois da súa captura polas forzas estadounidenses en marzo.

O actual goberno da República de Filipinas considera a Emilio Aguinaldo como o primeiro presidente de Filipinas.[9]

Outros demandantes editar

Miguel Malvar continuou co liderado de Aguinaldo na República Filipina tras a captura deste último ata a súa propia captura en 1902, mentres que Macario Sakay fundou unha República Tagala en 1902 como estado continuador do Katipunan de Bonifacio. Ambos son considerados por algúns estudosos como "presidentes non oficiais", aínda que igual que Bonifacio, non son recoñecidos como presidentes polo goberno.[10][11]

Ocupación americana editar

Entre 1901 e 1935, o poder executivo en Filipinas foi exercido por unha sucesión de catro gobernadores xerais militares estadounidenses e once gobernadores xerais civís.

Mancomunidade Filipina editar

 
Manuel Luis Quezon, o primeiro presidente da Mancomunidade Filipina, é oficialmente recoñecido como o segundo presidente de Filipinas

En outubro de 1935, Manuel Luis Quezon foi elixido primeiro presidente da Mancomunidade Filipina, que se establecera, aínda baixo a soberanía dos Estados Unidos, baixo unha constitución ratificada o 14 de maio dese mesmo ano. Durante os seus primeiros cinco anos, o presidente podería servir durante un mandato de seis anos irrenunciable. Máis tarde foi emendada en 1940 para limitar a presidencia a dous mandatos de catro anos. Cando o presidente Quezon se exiliou nos Estados Unidos despois de que Filipinas fose invadida polo Imperio do Xapón na segunda guerra mundial, nomeou o xuíz supremo José Abad Santos como presidente en funcións e comandante en xefe das forzas armadas. Abad Santos foi executado posteriormente polo exército imperial xaponés o 2 de maio de 1942.

A Segunda República baixo os xaponeses editar

O 14 de outubro de 1943, José Paciano Laurel converteuse en presidente baixo unha constitución imposta pola ocupación xaponesa. O presidente Quezon ordenou a Laurel, xuíz do Tribunal Supremo de Filipinas, que permanecese na cidade de Manila mentres el se retirou a Corregidor e logo aos Estados Unidos para establecer un goberno no exilio.

Despois de que as forzas combinadas americanas e filipinas liberaran as illas en 1945, Laurel disolveu oficialmente a república o 17 de agosto de 1945.

Despois da segunda guerra mundial editar

A Constitución de 1935 foi restablecida despois de que a rendición xaponesa puxese fin á segunda guerra mundial, e o vicepresidente Sergio Osmeña converteuse en presidente debido á morte de Quezon o 1 de agosto de 1944. Permaneceu en vigor despois de que os Estados Unidos recoñecese a soberanía da República de Filipinas como nación autogobernada independente o 4 de xullo de 1946.

Constitución de 1973 editar

O 17 de xaneiro de 1973 ratificouse unha nova Constitución durante o goberno de Ferdinand Marcos, que introduciu un goberno de estilo parlamentario. Marcos investiuse a si mesmo como primeiro ministro ao mesmo tempo que exercía como presidente en 1978. Máis tarde nomeou a César Virata como primeiro ministro en 1981.

Esta Constitución estivo vixente ata que a Revolución do Poder Popular de 1986 derrubou o réxime autoritario de Marcos, que durou 21 anos, e substituíuno por Corazón Aquino.

Quinta República editar

Gobernando por decreto durante a parte inicial do seu mandato e como presidenta instalada por medios revolucionarios, a presidenta Corazón Aquino emitiu a proclamación nº 3 o 25 de marzo de 1986, que abrogou moitas das disposicións da entón Constitución de 1973, incluíndo as disposicións asociadas ao réxime de Marcos que lle daban ao presidente poderes lexislativos, así como a lexislatura unicameral chamada Batasang Pambansa (literalmente Lexislatura nacional en filipino). A miúdo chamada a "Constitución da liberdade", a nova carta magna conservou só partes da Constitución de 1973 que eran esenciais para o regreso a un goberno democrático, como a lei de dereitos. Dita constitución foi substituída o 2 de febreiro de 1987 pola actual.

Outras cuestións editar

Tanto Bonifacio como Aguinaldo poderían considerarse como un primeiro presidente dun goberno insurxente. Quezon foi o primeiro presidente dun estado antecesor ao actual, mentres que Aquino, o mère, foi a primeira presidente do goberno actualmente constituído.

O goberno considera a Aguinaldo o primeiro presidente de Filipinas, seguido de Quezon e os seus sucesores.[9] A pesar das diferenzas de constitucións e goberno, a liña de presidentes considérase continua. Por exemplo, o actual presidente, Rodrigo Duterte, está considerado como o 16º presidente.

Aínda que o goberno filipino considera a Aguinaldo como o primeiro presidente, a Primeira República quedou baixo a xurisdición dos Estados Unidos debido ao Tratado de París de 1898, que puxo fin á guerra hispanoamericana; polo que os Estados Unidos non consideran a Aguinaldo un presidente lexítimo.[9][12] Manuel Luis Quezon é considerado o primeiro presidente polos Estados Unidos. Tamén foi o primeiro en gañar unhas eleccións populares e unhas eleccións a nivel nacional.

Posición de Laurel editar

 
José Paciano Laurel pronunciando un discurso despois da súa investidura como presidente da Segunda República Filipina

Do mesmo xeito que ocorre con moitos outros países ocupados polo eixe na segunda guerra mundial, Filipinas tivo nun momento dous presidentes encabezando dous gobernos. Un foi Quezon e o goberno da Mancomunidade exiliado en Washington, D.C., e o outro, Laurel, baseado en Manila, que encabezaba a Segunda República patrocinada polos xaponeses. Laurel non foi recoñecido formalmente como presidente ata o goberno de Diosdado Macapagal. A súa inclusión na lista oficial coincidiu coa transferencia da data oficial do Día da Independencia do 4 de xullo (o aniversario da independencia de Filipinas dos Estados Unidos) ao 12 de xuño (o aniversario da Declaración de Independencia de 1898).

A inclusión de Laurel provoca así algúns problemas para determinar a orde dos presidentes. Non é exacto denominar a Laurel como sucesor de Sergio Osmeña ou viceversa, xa que a Segunda República de Laurel foi formalmente repudiada despois da segunda guerra mundial e as súas accións non foron consideradas legais ou vinculantes. Quezon, Osmeña e Roxas estiveron nunha liña contigua segundo a Constitución de 1935, mentres que Laurel foi o único presidente da Segunda República, que tiña unha liña independente. Así, Laurel non tivo nin predecesor nin sucesor, mentres que Osmeña sucedeu a Quezon despois da morte deste e foi á súa vez sucedido por Roxas como presidente da Terceira República.

Poderes e roles editar

Xefe executivo editar

O presidente de Filipinas exerce como xefe de Estado e xefe de goberno de Filipinas. A constitución atribúe o poder executivo ao presidente que, en consecuencia, dirixe a rama executiva do goberno, incluído o gabinete e todos os departamentos executivos.[13]

O presidente ten o poder de conceder suspensións e conmutacións de penas, así como indultos, e cancelar multas e confiscacións despois dunha condena por sentenza firme, excepto nos casos de impeachment. O presidente pode conceder amnistías coa concorrencia da maioría de todos os membros do Congreso.[14] Tamén ten autoridade para contratar ou garantir préstamos estranxeiros en nome da República, pero só coa previa concorrencia do Consello Monetario e suxeito ás limitacións que poida establecer a lei.[15]

O presidente tamén exerce a supervisión xeral das unidades do goberno local.[16]

Comandante en xefe editar

O presidente tamén exerce como comandante en xefe das Forzas Armadas de Filipinas.[17] Isto inclúe o poder de suspender a orde de hábeas corpus e de declarar a lei marcial.

Poder de nomeamento editar

Co consentimento da Comisión de Nomeamentos, o presidente tamén nomea xefes dos departamentos executivos, consello de membros e os seus líderes de calquera institucións relacionadas co goberno nacional, embaixadores, outros cónsules e ministros públicos, altos cargos das forzas armadas, e outros cargos.[18] Os membros do tribunal supremo e dos tribunais inferiores tamén son nomeados polo presidente, pero só da lista de candidatos elaborada polo Consello Xudicial e de Avogados. Tales nomeamentos non precisan da aprobación da Comisión de Nomeamentos.[19]

Axencias gobernamentais editar

Algunhas axencias gobernamentais non pertencen a ningún departamento específico, senón que están subordinadas á oficina do presidente. Entre estas están axencias importantes como o Consello de Seguridade Nacional, a Oficina do Asesor Presidencial no Proceso de Paz, a Comisión de Dereitos Humanos, a Comisión de Educación Superior, a Comisión de Cambio Climático, a Comisión de Regulación de Poboación, Vivenda e Uso da Terra, ou a Metropolitan Manila Development Authority.[20] O Grupo de Seguridade Presidencial, que está composto maioritariamente por membros das Forzas Armadas de Filipinas e da Policía Nacional de Filipinas, está tamén directamente baixo a Oficina do Presidente.

Proceso electoral editar

Elexibilidade editar

O artigo 7, sección 2 da Constitución, reza: "Ninguén poderá ser elixido presidente a menos que sexa cidadán natural de Filipinas, elector rexistrado, capaz de ler e escribir, con, polo menos, corenta anos o día das eleccións e residente en Filipinas durante polo menos dez anos inmediatamente anteriores a ditas eleccións".[21] A Constitución tamén prevé límites de mandato, indicando que o presidente non é elixible para a reelección, e unha persoa que foi presidente e exerceu durante máis de catro anos non poderá ser elixida para un segundo mandato. Non obstante, co caso de Joseph Estrada que foi elixido presidente en 1998, deposto en 2001, e de novo foi candidato á presidencia en 2010, a redacción da Constitución onde "[o] presidente non será elixible para ningunha reelección"[22] segue sen estar claro, porque o seu caso nunca foi levado ao Tribunal Supremo. Non está claro se o límite de prazos de ningunha reelección se aplica só ao presidente titular ou a calquera persoa que fose elixida como presidenta en mandatos anteriores.

Elección editar

 
Provincias de procedencia (azul e púrpura) dos presidentes.

O presidente é elixido por votación directa cada seis anos, normalmente o segundo luns de maio.[22]

Os resultados de cada elección a presidente e vicepresidente, debidamente certificados polo consello de asesoramento de cada provincia ou cidade, transmitiranse ao Congreso, dirixidos ao presidente do Senado. Ao recibir os certificados dos comicios, o presidente do Senado debe abrir todos os certificados en presenza dunha sesión pública conxunta do Congreso non máis de 30 días despois do día das eleccións. O Congreso debe certifica os votos ao determinar que as votacións son auténticas e foron feitas da forma prevista pola lei.

A persoa con maior número de votos é declarada gañadora, pero no caso de que haxa empate e dous ou máis teñan o maior número de votos, o presidente é elixido por maioría de membros de ambas as cámaras, votando por separado.

Toma de posesión editar

 
Carlos Polistico García xurando como o oitavo presidente de Filipinas tras gañar as eleccións de 1957
 
Rodrigo Duterte durante a súa toma de posesión

O presidente de Filipinas adoita tomar o xuramento ao mediodía do 30 de xuño despois das eleccións presidenciais

Tradicionalmente o vicepresidente presta xuramento un pouco antes do mediodía. Isto débese a dúas razóns: primeiro, segundo o protocolo, ninguén debe ir despois do presidente (que é último pola súa supremacía) e, segundo, para establecer un sucesor válido constitucionalmente antes de que o presidente electo acceda ao cargo. Non obstante, durante a inauguración de Quezon, o vicepresidente e a lexislatura tomaron o xuramento despois do presidente, para simbolizar un novo comezo.

En canto o presidente faga o xuramento do cargo, realízanse 21 disparos de artillaría para saudar ao novo xefe de Estado e soa o himno presidencial Mabuhay. O presidente pronuncia o seu discurso inaugural e, despois, vai ao palacio de Malacañang para subir a grande escaleira, un ritual que simboliza a posesión formal do palacio. O presidente instala logo ao gabinete recentemente formado nunha das salas estatais.

A tradición estableceu tres lugares como sede tradicional da cerimonia de inauguración: a igrexa de Barasoain na cidade de Malolos, fronte ao antigo edificio lexislativo (que agora forma parte do Museo Nacional) en Manila ou na tribuna de Quirino, onde se celebraron a maioría. En 2004, Gloria Macapagal-Arroyo pronunciou o seu discurso pre-inaugural na tribuna de Quirino, tomou o xuramento do cargo en Cebú ante o xefe de Xustiza Hilario Davide Jr., e ao día seguinte mantivo a primeira reunión do gabinete na cidade de Butuan. Rompeu así cos precedentes, razoando que quería celebrar a súa inauguración en cada un dos tres principais grupos insulares de Filipinas: Luzón, Visayas e Mindanao. A súa primeira inauguración tamén rompeu cos precedentes cando xurou o cargo no santuario de María Raíña da Paz o 20 de xaneiro de 2001, durante a Segunda Revolución do Poder Popular que apartou a Joseph Estrada do cargo.

No pasado, téñense celebrado eleccións en novembro e a inauguración do presidente o 30 de decembro (Día de Rizal). Deste xeito cando a inauguración se celebraba na tribuna de Quirino, o novo presidente podía ver o Monumento a Rizal no aniversario da súa morte. Ferdinand Marcos trasladou as datas das eleccións e a inauguración a maio e xuño, respectivamente, e segue sendo así ata hoxe.

O código de vestiario na cerimonia inaugural moderna é tradicional, roupa formal filipina, chamada comunmente filipiniana. As mulleres deben levar terno e baro't saya (aínda que tamén se permiten vestimentas doutros grupos indíxenas), mentres que os homes visten o tagalo barong tagalog. Os non filipinos que asisten á cerimonia poden levar as súas respectivas versións de roupa formal, pero os diplomáticos estranxeiros a miúdo acostuman a usar a filipiniana como xesto de respecto cultural.

Xuramento editar

A Constitución estipula o seguinte xuramento para o presidente e vicepresidente electos, que debe ser pronunciado antes de acceder ao cargo:[23]

"Eu, (nome), xuro solemnemente [ou afirmo] que cumprirei con fidelidade e conciencia as miñas funcións como presidente [ou vicepresidente ou presidente en funcións] de Filipinas. Conservar e defender a súa Constitución, executar as súas leis, dar xustiza a todos os homes e consgararme ao servizo da Nación. Así que axúdame, Deus ". [En caso de afirmación, omitirase a última frase.]
Constitución de Filipinas, art. 7, seg. 5

Destitución editar

A Cámara de Representantes, unha das cámaras do Congreso bicameral, ten o poder exclusivo de iniciar todos os casos de destitución contra o presidente, o vicepresidente, os membros do Tribunal Supremo, os membros das comisións constitucionais e o defensor do pobo.[24] Cando un terzo dos seus membros aproban os artigos de destitución, transmíteselle ao Senado de Filipinas, que xulga e decide, como tribunal de destitución, o caso de destitución.[25] No Senado, membros seleccionados da Cámara de Representantes actúan como fiscais e os senadores actúan como xuíces, mentres que o presidente do Senado e o presidente do Tribunal Supremo, presiden conxuntamente as actuacións. Para que a destitución se faga efectiva requírese un mínimo de dous terzos (é dicir, 16 de 24 membros) de votos a favor do Senado. Se un intento de destitución non ten éxito ou o cargo é absolto, non se poderán presentar novos casos contra el durante polo menos un ano completo.

Motivos de destitución editar

A Constitución enumera como casos de violación da Constitución a traizón, o suborno, as trampas e a corrupción, outros delitos graves e a traizón da confianza pública como motivo de destitución do presidente.[26] O mesmo tamén se aplica ao vicepresidente, aos membros do Tribunal Supremo, aos membros das comisións constitucionais e ao defensor do pobo.

Intentos e procedementos da destitución editar

Joseph Ejército Estrada editar

Joseph Ejército Estrada foi o primeiro presidente en someterse a un impeachment cando a Cámara de Representantes votou para levar o proceso de destitución ao Senado no ano 2000. Non obstante, o xuízo rematou prematuramente cando os senadores anti-Estrada saíron da sesión de destitución despois de que os aliados de Estrada no Senado votasen estreitamente para bloquear a apertura dun sobre que en teoría contiña probas críticas sobre a riqueza de Estrada. Estrada foi máis tarde cesado do cargo durante a Segunda Revolución do Poder Popular, que o obrigou a abandonar o palacio presidencial e cando o Tribunal Supremo confirmou que a súa saída do palacio era a súa renuncia de facto.

Gloria Macapagal-Arroyo editar

Presentáronse varias propostas de destitución contra Gloria Macapagal-Arroyo pero ningunha chegou ao apoio requirido dun terzo da Cámara de Representantes.

Título editar

O título oficial do xefe de estado e goberno de Filipinas é "presidente de Filipinas".[25] O título en filipino é Pangulo (cognado do malaio pénsula ,"líder" ou "xefe"). O tratamento honorífico do presidente é "Súa Excelencia" ou, adoptado dende o tratamento do Gobernador Xeral de Filipinas durante a ocupación española e americana.  

"Ulo" en tagalo significa cabeza, "Pang" refírese a unha designación, pang + ulo = cabeza designada.

Títulos históricos editar

O termo "presidente da República de Filipinas" usado durante a ocupación xaponesa de Filipinas distinguiu ao goberno do entón presidente José Paciano Laurel do goberno exiliado da Mancomunidade presidido por Manuel Luis Quezón.[27] A restauración da Mancomunidade en 1945 e a posterior independencia de Filipinas restauraron o título de "presidente de Filipinas" promulgado na constitución de 1935.[28] A constitución de 1973, aínda que se refire xeralmente ao presidente como "presidente de Filipinas", no artigo XVII, sección 12, utiliza unha vez o termo "presidente da República".[29] No texto da Proclamación nº 1081 que colocou o país baixo a lei marcial en setembro de 1972, o presidente Ferdinand Marcos referíase constantemente a si mesmo como "presidente de Filipinas".

Discurso sobre o Estado da Nación editar

 
Gloria Macapagal Arroyo dando o seu sétimo Discurso sobre o Estado da Nación no Batasang Pambansa

O Discurso sobre o Estado da Nación (abreviado como SONA) é un evento anual en Filipinas, no que o presidente informa sobre o estado da nación, normalmente na continuación dunha sesión conxunta do Congreso (a Cámara de Representantes e o Senado). Este é un deber do presidente como se indica no artigo 23, sección 23 da Constitución de 1987).[25]

Mandato e límites de mandatos editar

 
O ditador Ferdinand Marcos foi o único presidente que cumpriu tres mandatos (1965–1969, 1969–1981, 1981–1986), tras cambiar a Constitución para prorrogar o seu tempo no cargo.[30]

A Constitución de 1935 orixinalmente fixaba o mandato do presidente en seis anos, sen posibilidade de reelección.[28] En 1940, con todo, modificouse a Constitución de 1935 e o mandato do presidente (e vicepresidente) acurtouse a catro anos, cun límite de dous mandatos. Segundo o disposto no documento modificado de 1935, só os presidentes Manuel Luis Quezón (1941) e Ferdinand Marcos (1969) foron reelixidos. Os presidentes Sergio Osmeña (1946), Elpidio Quirino (1953), Carlos Polístico García (1961) e Diosdado Macapagal (1965) fallaron todos na procura dun novo mandato.

Non obstante, en 1973, o entón presidente e ditador Ferdinand Marcos modificou a Constitución para ampliar aínda máis o seu mandato. En 1981 conseguiu un terceiro mandato, derrotando a Alejo Santos nunhas eleccións boicoteadas polos partidos da oposición que as consideraban fraudulentas.[29]

A Constitución de 1987 restableceu a prohibición orixinal da reelección presidencial da Constitución de 1935. En virtude do artigo 7, apartado 4 da actual constitución, o mandato do presidente comezará ao mediodía do trinta de xuño seguinte ao día seguinte das eleccións e rematará ao mediodía da mesma data, seis anos despois. O presidente que ocupa o cargo non pode ser elixido para a reelección, aínda que sexa de xeito non consecutivo. Por outra banda, ningún presidente que cumpra máis de catro anos dun mandato presidencial ten ten permitido volver a presentarse ou exercer o cargo de novo.[25]

Cargo vacante editar

Ao comezo do mandato editar

Segundo o artigo 7, sección 7 da Constitución de Filipinas, no caso de que o presidente electo non poida ser habilitado, o vicepresidente electo actuará como presidente ata que o presidente electo poida facelo.[25]

Se ao comezo do mandato do presidente, o presidente electo falecera ou quedara inhabilitado definitivamente, o vicepresidente converterase en presidente.[25]

En caso de que ningún presidente e vicepresidente fose elixido ou habilitado ou cando ambos falecesen ou quedasen inhabilitados definitivamente, o presidente do Senado ou, en caso de incapacidade, o presidente da Cámara de Representantes, actuará como presidente ata que un presidente ou un vicepresidente sexan elixidos e habilitados.[25]

Durante o mandato editar

 
Sergio Osmeña foi o primeiro vicepresidente en suceder ao presidente tras a morte deste, Manuel Luis Quezón, en 1944.

O artigo 7, seccións 8 e 11, da Constitución de Filipinas, establece as normas de sucesión á presidencia. En caso de morte, incapacidade permanente, destitución do cargo ou renuncia do presidente, o vicepresidente converterase no presidente para cumprir o tempo restante do mandato. En caso de falecemento, incapacidade permanente, destitución do cargo ou renuncia do presidente e do vicepresidente; o presidente do Senado ou, en caso de incapacidade, o presidente da Cámara de Representantes, actuará entón como presidente ata que fose elixido e habilitado o presidente ou o vicepresidente.

O Congreso debe dispor, por lei, quen exercerá como presidente en caso de morte, incapacidade permanente ou renuncia do presidente en funcións. Exercerá ata que o presidente ou o vicepresidente sexan elixidos e habilitados e estará suxeito ás mesmas restricións de poderes e descualificacións que o presidente en funcións.

A liña de sucesión presidencial segundo o artigo 7, sección 8 da Constitución de Filipinas, está formada polo vicepresidente, o presidente do Senado e o presidente da Cámara de Representantes, nesta orde.

A liña de sucesión presidencial actual (maio de 2020) é:

Nome Cargo
1 Leni Robredo Vicepresidente
2 Tito Sotto Presidente do Senado
3 Alan Peter Cayetano Presidente da Cámara de Representantes

Notas:

  • En contra da crenza popular, o presidente do Tribunal Supremo de Filipinas non está na liña de sucesión.
  • Se as funcións do presidente e do vicepresidente quedan vacantes ao mesmo tempo, o Congreso promulgará unha lei que pida unha elección especial. Non obstante, se as elección presidenciais se ían celebrar antes de 18 meses, non se convocarán novas eleccións.

Privilexios do cargo editar

Antes de que o palacio de Malacañang fose designado como residencia oficial do presidente, varios edificios funcionarion como residencia do xefe do executivo. O gobernador xeral español, o cargo de maior rango en Filipinas durante a época española, residía no Palacio do Gobernador dentro da cidade amurallada de Intramuros. Non obstante, tras un terremoto en 1863, o Palacio do Gobernador foi destruído e a residencia e oficina do gobernador xeral trasladouse ao palacio de Malacañang. Durante a Revolución Filipina, o presidente Aguinaldo residiu na súa propia casa en Kawit, Cavite. Despois da súa derrota na guerra filipino-estadounidense, Aguinaldo trasladou a capital de Filipinas a diferentes sitios mentres loitaba coas forzas americanas. Cando os americanos ocuparon Filipinas, tamén usaron o palacio como residencia oficial. Durante a ocupación xaponesa de Filipinas, as oficinas gobernamentais e a residencia presidencial trasladáronse a Baguio, e usouse como residencia oficial A Mansión. Pola súa banda, Quezón, presidente da Mancomunidade Filipina residía no Hotel Omni Shoreham, en Washington DC. Despois da restauración da independencia, fixéronse plans para a construción dunha nova residencia presidencial que substituiría a Malacañang nunha nova capital, Quezón. Con todo, os plans non prosperaron e a residencia oficial do presidente seguiu sendo o palacio de Malacañang, en Manila.[31][32]

O nome filipino Malacañang deriva da frase tagala "may lakán diyán" ("hai un nobre alí"), acurtada máis tarde a Malakanyáng .

O palacio de Malacañang funciona como residencia oficial do presidente de Filipinas, un privilexio ao que ten dereito conforme ao artigo VII, sección 6 da Constitución.[25] O Palacio está situado ao longo da marxe norte do río Pasig, ao longo da rúa JP Laurel no distrito de San Miguel, Manila.

O palacio de Malacañang está representado no reverso do billete de 20 pesos filipinos, nas series Pilipino, Ang Bagong Lipunan, New Design e a actual serie New Generation.

Bahay Pangarap editar

A residencia actual do presidente Rodrigo Duterte é Bahay Pangarap (Casa de Soños),[33] un edificio máis pequeno situado xunto ao río Pasig no parque Malacañang,[34] que é parte do Complexo do Grupo de Seguridade Presidencial, o grupo de escoltas do presidente.[33][34] O expresidente Aquino foi o primeiro presidente en facer de Bahay Pangarap a súa residencia oficial.[35]

O parque de Malacañang foi orixinalmente construído polo expresidente Manuel Luis Quezón como lugar de descanso e lugar para actividades informais e funcións sociais para a familia do presidente.[35][33] A casa foi construída e deseñada polo arquitecto Juan Arellano na década de 1930, e sufriu varias renovacións. En 2008, a casa foi demolida e reconstruída en estilo contemporáneo polo arquitecto Conrad Onglao, e construíuse unha nova piscina, en substitución da anterior, que databa da época da Mancomunidade.[35] A casa tiña orixinalmente só un dormitorio, porén foi renovada por Aquino para engadir outros tres dormitorios, unha habitación de hóspedes, unha habitación para o persoal do fogar e un cuarto para a súa escolta.[34] O parque de Malacañang foi renovado por iniciativa da primeira dama Eva Macapagal, a segunda esposa do presidente Diosdado Macapagal, a principios dos anos 60. Esta renomeou a casa de descanso como Bahay Pangarap.

Durante o gobrerno de Fidel Valdez Ramos, Bahay Pangarap foi transformado na casa club do Club de Golf Malacañang.[33] A casa foi posteriormente utilizada pola presidenta Gloria Macapagal-Arroyo para dar a benvida a hóspedes especiais. Benigno Aquino III deixou claro antes de tomar posesión que rexeitaba vivir no palacio principal, ou na achegada Mansión Arlegui (onde vivira durante o mandato de súa nai Corazón Aquino e onde se instalou máis tarde Ramos), expondo que ambos eran demasiado grandes. Viviu na residencia familiar en Times Street, en Quezón, durante os primeiros días do seu goberno, pero despois trasladouse a Bahay Pangarap polos problemas de seguridade para os seus veciños que ocasionaba vivir na súa pequena casa dos anos 70.

Outras residencias editar

O presidente dispón tamén doutros complexos a nivel nacional para uso oficial:

Transporte aéreo editar

 
Un Aérospatiale SA 330 Puma que transportaba á presidenta Corazón Aquino na Base Naval de Subic Bay.

A 250ª Ala Presidencial da Forza Aérea Filipina ten o mandato de proporcionar un transporte aéreo seguro e eficiente ao presidente de Filipinas e á súa familia. Nalgunha ocasión, á ala tamén se lle encargou proporcionar transporte a outros membros do goberno, aos xefes de estado visitantes e outros hóspedes do estado.

A frota inclúe: 1 Fokker F28, que se emprega principalmente para as viaxes domésticas do presidente e tamén se denomina "Kalayaan One" cando o presidente está a bordo, 4 helicópteros Bell 412, 3 helicópteros Sikorsky S-76, 1 Sikorsky S-70-5 Black Hawk, varios Bell UH-1N Twin Huey, así como Fokker F27 Friendships. Para viaxes fóra de Filipinas, a Forza Aérea emprega un Bombardier Global Express ou avións da compañía aérea nacional, Philippine Airlines (PAL). En 1962 usáronse voos chárter da Pan American World Airways, tras seren suspendidos os servizos internacionais de Philippine Airlines. Para voos de curta distancia, PAL usou o Boeing 737 ata que este modelo foi substituído polos avións Airbus A320 e Airbus A321. Para voos de medio e longo percorrido usáronse Boeing 747-400 ata a súa xubilación en setembro de 2014. Os Airbus A330-300, Airbus A350-900 e Boeing 777-300ER cumpriron desde entón estes papeis. Calquera avión PAL con número de voo PR/PAL 001 e sinal de identificación PHILIPPINE 001 é un avión especial operado por Philippine Airlines para transportar ao presidente de Filipinas. Ás veces, o presidente usa avións privados para viaxes dentro de Filipinas debido a que os aeroportos dalgunhas illas do país teñen pistas pequenas.

Un helicóptero presidencial Bell 412 estrelouse o 7 de abril de 2009 na montañosa provincia de Ifugao ao norte de Manila. A bordo viaxaban oito persoas, entre elas dous subsecretarios do goberno e varios militares. O voo ía en dirección a Ifugao dende Baguio como avanzada da presidenta Macapagal-Arroyo, cando a torre de control do agora desaparecido aeroporto Loakan perdeu a comunicación co barco varios minutos despois da engalaxe.

A administración de Arroyo prevía mercar outro avión por valor de aproximadamente 1 200 millóns de pesos antes de que rematase o seu mandato en xuño de 2010,[36] pero cancelou a compra por outras cuestións.[37]

Transporte acuático editar

O BRP Ang Pangulo (BRP de Barkó ng Repúblika ng Pilipinas, "Barco da República de Filipinas") foi encargado pola armada filipina o 7 de marzo de 1959. Foi construído no Xapón durante a administración do presidente García como parte das reparacións xaponesas a Filipinas pola segunda guerra mundial.[38] Úsase principalmente para entreter invitados do presidente.

Transporte terrestre editar

O presidente de Filipinas usa como escolta dous Mercedes-Benz W221 S600 Guard negros e fortemente blindados. En convois, o presidente é escoltado polo Grupo de Seguridade Presidencial, que usan principalmente SUVs Nissan Patrol combinados cos seguintes vehículos: Audi A6, BMW Serie 7, Chevrolet Suburban, Hyundai Equus, Hyundai Starex, Toyota Camry, Toyota Fortuner, Toyota Land Cruiser, motocicletas de 400cc da Policía Nacional de Filipinas, Toyota Corolla Altis (variante do coche da policía) e outros vehículos do goberno e ambulancias na cola do convoi. Os coches presidenciais están designados e rexistrados co número de matrícula 1 ou a palabra PANGULO (presidente). A limusina leva a bandeira de Filipinas e, en ocasións, o estandarte presidencial.[39]

Para viaxes rexionais, o presidente usa un Toyota Coaster, Mitsubishi Fuso Rosa ou outros vehículos pertencentes a corporacións ou axencias gobernamentais ou controladas polo goberno. Neste caso, o Grupo de Seguridade Presidencial escolta ao presidente usando coches da policía local cunha ambulancia á cola do convoi.

Seguridade editar

O Grupo de Seguridade Presidencial (abreviado PSG), é o principal organismo encargado de proporcionar seguridade ao presidente, ao vicepresidente e aos seus familiares próximos. Tamén ofrecen servizo de protección para xefes de estado e diplomáticos visitantes.

A diferenza de grupos similares doutros países que protexen a outras figuras políticas, o PSG non está obrigado a protexer candidatos á presidencia. Con todo, os expresidentes e as súas familias teñen dereito a un pequeno grupo de seguridade do PSG. O PSG usa SUVs Nissan Patrol como principais vehículos de seguridade.

Post-presidencias editar

 
Os presidentes Emilio Aguinaldo e Manuel Luis Quezón durante a campaña de 1935.

Despois de deixar o cargo, varios presidentes ocuparon cargos públicos. Entre outros honores, os expresidentes e as súas familias inmediatas teñen dereito a sete soldados para a súa seguridade.[43]

  • José Paciano Laurel, que foi o único presidente da Segunda República Filipina, foi elixido senador en 1951 e serviu na Cámara Alta ata 1957, converténdose no primeiro xefe de Estado do país en ocupar un cargo inferior á presidencia despois desta. Durante o seu mandato, o Partido Nacionalista instouno a presentar a súa candidatura en 1953. Decidiu, pola contra, traballar para a exitosa elección de Ramón Magsaysay, que posteriormente nomeou a Laurel para encabezar unha misión diplomática que tiña como encargo negociar o comercio e outros asuntos con funcionarios dos Estados Unidos, resultando no Acordo Laurel-Langley. Laurel foi tamén presidente da Misión Económica nos Estados Unidos (1954) e fundador do Liceo da Universidade de Filipinas.
  • Sergio Osmeña foi membro do Consello de Estado durante os gobernos de Roxas, Quirino, Magsaysay e García. Tamén foi membro do Consello de Seguridade Nacional no goberno de García.
  • Elpidio Quirino converteuse tamén en conselleiro de Estado durante a presidencia de Magsaysay.
  • Carlos Polístico García foi delegado e máis tarde presidente da Convención Constitucional o 11 de xullo de 1971.
  • Diosdado Macapagal tamén foi delegado e logo sucedeu a Carlos P. García como presidente da Convención Constitucional de 1971. Tamén deu conferencias en universidades e despois foi conselleiro de Estado cos presidentes Corazón Aquino e Ramos.
  • Corazón Aquino foi membro do Consello de Seguridade Nacional durante os gobernos de Ramos, Estrada e Arroyo. Tamén foi membro do Consello de Estado baixo durante a presidencia de Arroyo.
  • Fidel Ramos fundou a Fundación Ramos Peace and Development. Foi asesor maior e membro do Consello de seguridade nacional baixo o presidente Estrada. Ramos foi membro do Consello de Estado e un embaixador itinerante durante a presidencia de Arroyo. Máis tarde foi nomeado enviado especial á China durante o goberno de Duterte para abrir negociacións bilaterais coa China sobre as disputas no mar da China Meridional, pero dimitiu o 1 de novembro de 2016 despois da visita estatal do presidente Duterte a Pequín o 16 de outubro.
  • Joseph Estrada volveu ao cine en novembro de 2009, protagonizando o filme Ang Tanging Pamilya como parte dun intento promocional para un segundo mandato como presidente en 2010 no medio de moita polémica sobre a legalidade do seu propósito (a COMELEC permitiulle presentarse de todos os xeitos, xa que a Corte Suprema nunca se pronunciou ao respecto), aínda que moitos se preguntaron por que se permitiu tal violación constitucional. A súa liberación da prisión en 2007 grazas á súa sucesora, Gloria Macapagal-Arroyo, restableceu de xeito cuestionable os seus privilexios políticos e permitiulle presentarse de novo. Estrada pasou a ser membro do Consello de Seguridade Nacional durante a etapa de Arroyo.[44][45] Despois de perder ante Noynoy Aquino en 2010, presentouse á alcaldía de Manila en 2013, tendo como rival a Alfredo Lim, ao que venceu. Foi alcalde entre 2013 e 2019.
  • Gloria Macapagal-Arroyo gañou un escano na Cámara dos Representantes de Filipinas polo 2º Distrito de Pampanga nas eleccións de 2010. Ocupou despois postos importantes na Cámara dos Representantes como vicepresidenta de 2016 a 2017 e foi elixida presidenta da Cámara o 23 de xullo de 2018, converténdose na primeira muller en ocupar ese cargo.[46]

Expresidentes vivos editar

A data de maio de 2020 hai catro expresidentes vivos:

 
O presidente Rodrigo Roa Duterte (no centro) cos ex presidentes (de esquerda a dereita) Joseph Ejército Estrada, Gloria Macapagal-Arroyo, Fidel Valdez Ramos e Benigno Aquino III, antes do inicio dunha reunión do Consello de Seguridade Nacional no palacio de Malacañang o 27 de xullo de 2016.

Cronoloxía editar

Rodrigo DuterteBenigno Aquino IIIGloria Macapagal-ArroyoJoseph Ejército EstradaFidel Valdez RamosCorazón AquinoFerdinand MarcosDiosdado MacapagalCarlos Polístico GarciaRamón MagsaysayElpidio QuirinoManuel RoxasSergio OsmeñaJosé Paciano LaurelManuel Luis QuezónEmilio Aguinaldo

Notas editar

  1. "Salary Grades of Positions of Constitutional and Other Officials and Their Equivalents" (PDF) (en inglés). Consultado o 26 de maio de 2020. 
  2. "Executive Order No. 611, s. 2007" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2020. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  3. Borromeo & Borromeo-Buehler 1998, pp. 25, 26, 135.
  4. Halili et al. 2004, p. 138-139.
  5. Guerrero, Milagros C; Encarnación, Emmanuel N.; Villegas, Ramón N. (16 de xuño de 2003). "Andres Bonifacio and the 1896 Revolution" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  6. "Election fraud at the Tejeros Convention" (en inglés). 5 de novembro de 2007. Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2010. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  7. Regalado, Félix B.; Franco, Quintin B. (1973). History of Panay (en inglés). Central Philippine University. 
  8. "The U.S. Occupation (1898-1946)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2015. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Tucker et al. 2009, p. 8.
  10. "Lawmaker: History wrong on Gen. Malvar" (en inglés). 2 de xaneiro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  11. "Macario Sakay: Tulisán or Patriot?" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de xuño de 2007. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  12. "Emilio Aguinaldo y Famy". Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América (en inglés). Consultado o 25 de maio de 2020. 
  13. 1987 Constitución de Filipinas, art. 7, sec. 1
  14. 1987 Constitución de Filipinas, art. 7, sec. 19
  15. Constitución de Filipinas de 1987, art. 7, sec. 20.
  16. Constitución de Filipinas de 1987, art. 10, sec. 4.
  17. Constitución de Filipinas de 1987, art. 7, sec. 18.
  18. Constitución de Filipinas de 1987, art. 7, sec. 16.
  19. Constitución de Filipinas de 1987, art. 8, sec. 9.
  20. "Executive offices" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2016. Consultado o 25 de maio de 2020. 
  21. Constitución de Filipinas de 1987, art 7, sec. 2
  22. 22,0 22,1 Constitución de Filipinas de 1987, art. 7, sec. 4
  23. "Constitution of the Philippines, art. 7, sec. 5". Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2016. Consultado o 22 de maio de 2020. 
  24. Constitución de Filipinas, art. 11, sec. 2
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 25,4 25,5 25,6 25,7 "Constitución de Filipinas de 1987" (en inglés). Consultado o 25 de maio de 2020. 
  26. Constitución de Filipinas, art. 11, sec. 2.
  27. "Constitución de 1943" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2020. Consultado o 25 de maio de 2020. 
  28. 28,0 28,1 "Constitución de 1935" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2009. Consultado o 25 de maio de 2020. 
  29. 29,0 29,1 "Constitución de 1973" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2008. Consultado o 25 de maio de 2020. 
  30. "The Makings of a Constitutional Dictator" (en inglés). Consultado o 25 de maio de 2020. 
  31. "A century of alternative Malacañangs" (en inglés). 3 de xullo de 2010. Consultado o 25 de maio de 2020. 
  32. Alcazaren, Paulo. "Grandstands and grand public spaces" (en inglés). Consultado o 25 de maio de 2020. 
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 "Bahay Pangarap: Aquino's future home?" (en inglés). Consultado o 25 de maio de 2020. 
  34. 34,0 34,1 34,2 "How was PNoy’s first night at Bahay Pangarap?" (en inglés). Consultado o 25 de maio de 2020. 
  35. 35,0 35,1 35,2 "Briefer on Bahay Pangarap and Malacañang Park" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2021. Consultado o 25 de maio de 2020. 
  36. Palace shops for P1.2-B jet 10 months before Arroyo exit – Nation – GMANews.TV – Official Website of GMA News and Public Affairs – Latest Philippine News
  37. http://www.gmanetwork.com/news/story/169954/news/nation/malaca-ang-cancels-plan-to-purchase-p1-2-b-jet, GMA News.
  38. The Presidential Yachts, Official Gazette, Office of the President.
  39. President Aquino arrives at the Palace – YouTube
  40. "11 Historic Philippine Presidential Cars We Love" (en inglés). 12 de xuño de 2015. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  41. "A look at presidential cars in Philippine history" (en inglés). 12 de xullo de 2016. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  42. "A look at presidential cars in Philippine history" (en inglés). 13 de xullo de 2016. Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2021. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  43. Vargas, Anthony (26 de febreiro de 2007). "Pullout of Erap security a ‘mistake’" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2007. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  44. "9 years after ouster, Erap back in Malacañang" (en inglés). 12 de xaneiro de 2010. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  45. "Estrada to return to Malacañang Tuesday" (en inglés). 11 de xaneiro de 2010. Consultado o 26 de maio de 2020. 
  46. "Gloria takes seat at House rostrum, Alvarez welcomes Duterte" (en castelán). 23 de xullo de 2018. Consultado o 25 de maio de 2020. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar