Portal:Historia/Sobre Galicia/arquivo

Aquí están todas os artigos destacados sobre Galiza no portal historia:

1 editar

Manuel Murguía foi un historiador galego que impulsou o Rexurdimento e creou a Real Academia Galega. Naceu o 17 de maio de 1833 no lugar do Froxel, en San Tirso de Oseiro, fillo de dona Concepción Murguía e don Juan Martínez, que era farmacéutico na Coruña. Este estableceuse pouco despois en Santiago de Compostela e foi en Compostela onde o neno Manuel Murguía presenciou os sucesos do 23 de abril de 1846, que relatou máis tarde nun artigo titulado "La Voz de Galicia" cun enorme sentimento.


2 editar

A Fortaleza de Rocha Forte, tamén coñecida como Castelo dos Churruchaos, é un castelo situado na parroquia de Conxo, no concello de Santiago de Compostela, e está catalogado como Ben de Interese Cultural. Foi construído polo arcebispo Xoán Arias cara o ano 1240 e, dende entón, serviu como residencia arcebispal e do cabido, tendo sido testemuña de grande parte da historia medieval de Santiago. No ano 1467 foi destruído con ocasión da revolta irmandiña que estivera precedida no 1458 polo asalto ao castelo por parte da irmandade en Santiago axudada polo conde de Trastámara. Foi unha das primeiras fortalezas en seren derrubadas polas Irmandades durante a Segunda Guerra Irmandiña e, ao contrario doutras moitas, nunca foi reconstruída.


3 editar

Hidacio, Idácio de Chaves ou Idácio de Límica, foi un cronista, eclesiástico e dirixente da Gallaecia do turbulento século V.

Naceu na comarca da Alta Limia, no seo dunha familia acomodada da civitates (comunidade) dos Lemicos. É moi dificultoso establecer un lugar concreto do nacemento (o núcleo urbano, a Civitas Limicorum, que podería corresponder coa actual Xinzo de Limia, o Castro do Viso ou aínda o lugar de Parada de Ribeira-Ganade, ou ben unha das villae próximas). E máis dificultoso, se cabe, sería establecer a súa data de nacemento, podendo datarse entre os anos 388 e 400 e, tratando de concretar máis, entre o 390 e 392.

Pertencía a unha familia cristiá da baixa aristocracia de orixe galaico-romana vinculada á administración e que ostentaba un poder relacionado coa posesión das terras, unha nobreza pertencente a aquela que axudou a Teodosio I a erguerse no poder.


4 editar

A finais do difícil século XIV e durante o convulso século XV tivo lugar na illada Galicia a transformación da antiga nobreza e a incorporación dunha nova que conformaron o seu poder económico e social alicerzados na posesión da terra -unificada nun único patrimonio, baixo a man do cabeza de familia- e o poder das armas. Configurouse deste xeito unha sociedade baseada na institución do morgado e o ideal cabaleiresco e dando lugar ás liñaxes. Estas perduraron durante toda a Baixa Idade Media ata a chegada da Idade Moderna coa reforma política levada a cabo polos Reis Católicos, tendo moitas delas continuidade cando conseguiron adaptarse á nova situación achegándose ao novo centro real de poder, a Corte Real.


5 editar

A Gran Guerra Irmandiña foi unha revolta social que tivo lugar en Galicia entre 1467 e 1469, e foi posiblemente a maior revolta europea de todo o século XV. Comezou na primavera de 1467 na Galicia, nunha situación de conflito social (fame, epidemias e abusos por parte da nobreza galega) e político (guerra civil en Castela). A Santa Irmandade, xurdida e xustificada por tal situación, tornouse nunha revolta como reacción a un sentimento acumulado de agravio polos males e danos que o pobo recibía dos nobres das fortalezas.


6 editar

O Exilio galego de 1936 está formado polo conxunto de cidadáns galegos que tiveron que abandonar o país no período comprendido entre o inicio da Guerra civil española (1936-1939) e a inmediata posguerra, ante o perigo de represalias pola súa significación política na II República, especialmente en movementos de esquerdas ou galeguista. Ata o 2001 había censados 2.141 exiliados galegos. A maioría dos exiliados procedían do territorio republicano, xa que a situación xeográfica no momento de Galiza, limitando ao norte e oeste co Océano Atlántico, ao sur co Portugal Salazarista e ao leste temporalmente con territorio leal á II República, antes do avance das tropas nacionais en Asturias, dificultaba a fuxida.


7 editar

O Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou todo o noroeste da Península ibérica, converténdose nun dos territorios máis importantes da Europa occidental. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.

Consolidada Compostela como capital do reino desde o século XI, a separación de Portugal (1128) e a individualización dos reinos de Castela e León tras o ano 1065, delimitaron o seu territorio practicamente ó actual. Mantivo unha soberanía política plena —compartindo rei co reino de León— ata o ano 1230 cando o rei castelán Fernando III usurpou o trono poñendo temporalmente o reino baixo control da Coroa de Castela.

Os conflitos sucesorios e as tentativas de independencia mediante entronizacións de reis non casteláns como Xoán de Borgoña (1296), Fernando I de Portugal (1369) ou John de Gante (1386) permitíronlle gozar de soberanía fáctica ata que en 1486 os Reis Católicos someteron o reino polas armas. Desde entón o reino estivo subxugado á Coroa de Castela (1486-1715) e posteriormente á Coroa de España (1715-1833), adquirindo a súa Xunta Suprema (1808-1812) amplísima liberdade ó ser o único reino peninsular libre de ocupación napoleónica, pouco antes de ser disolto por María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias en 1833.


8 editar

O contorno do monte de Santa Trega conforma un sitio arqueolóxico, no que se atopa o castro galaico denominado Castro de Santa Trega, pertencente á cultura castrexa e o máis emblemático e visitado dos castros galegos. Foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931 e tamén ten a consideración de Ben de Interese Cultural.

No castro atópanse desde petróglifos, en varias das pedras do monte, elaborados 2.000 anos antes da ocupación do castro, que, seguindo a tese mantida por de la Peña Santos, director das últimas campañas de escavacións arqueolóxicas na década dos oitenta, tivo unha ocupación continuada entre o século I a.C., ao pouco de comezar o proceso de romanización de Galicia, e o século I d.C., e que a partir dese momento comezou un lento proceso de abandono, que ben puido ter sido interrompido por reocupacións esporádicas temporais en época tardorromana.


9 editar

Pedro Álvarez de Soutomaior, alcumado Pedro Madruga, talvez finado en Alba de Tormes en 1486, foi unha das figuras máis salientables do medievo galego, considerado hoxe o prototipo de cabaleiro feudal. De orixe bastarda, foi un home belicoso que chegou ao máis alto escalafón da liñaxe dos Soutomaior. Temido e admirado, os ecos dos seus feitos promoveron centos de estudos sobre a súa figura e mais o seu tempo. Foi un acérrimo inimigo de Alonso II de Fonseca e defensor dos dereitos sucesorios de Xoana a Beltranexa.


10 editar

O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 foi un estatuto de autonomía, apoiado maioritariamente en referendo o 28 de xuño, porén, non chegou a ser aprobado nas Cortes, e tan só foi admitido a trámite, debido ao comezo da Guerra Civil española e tamén a que Galiza estivo controlada polos sublevados dende o inicio da contenda.

O proceso autonómico galego protagonizárono nun primeiro momento os republicanos da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), entre eles os nacionalistas Villar Ponte e Lois Peña Novo. A ORGA foi sempre maioritaria nas comisións redactoras, nas Asembleas etc. ata 1932. Porén, a partir da aprobación do proxecto estatutario na Asemblea de municipios celebrada en Santiago de Compostela a finais de 1932, foi o Partido Galeguista o verdadeiro impulsor e dinamizador do proceso estatutario, especialmente na preparación e desenvolvemento do plebiscito de 1936 e en tódolos pasos seguintes.